Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Venres, 14 de febreiro de 2003 Páx. 1.665

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 157/2003, do 31 de xaneiro, polo que se acorda a cesión do dereito real de usufructo dun inmoble sito na rúa do Vilar número 7-9, de Santiago de Compostela, a favor da Fundación Torrente Ballester.

O artigo 30.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, sinala que os bens patrimoniais inmobles da Comunidade autónoma dos que non se xulgue previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia Administración, poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos para fins de utilidade pública ou de interese social.

Mediante escritura pública de cesión do 1 de febreiro de 2000 o Patrimonio do Estado cedeu en favor da Comunidade Autónoma de Galicia o inmoble sito na rúa do Vilar nº 7-9, de Santiago de Compostela

(A Coruña), coa condición resolutoria de instalación nel da sede da Fundación Torrente Ballester a través dunha concesión ou autorización administrativa de uso, ou mediante a constitución dun dereito real de usufructo.

Por Orde do 20 de xaneiro de 2003, da Consellería de Economía e Facenda, declarouse a alienabilidade do inmoble sito na rúa do Vilar nº 7-9, de Santiago de Compostela (A Coruña).

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión de uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión a título gratuíto a favor da Fundación Torrente Ballester do dereito real de usufructo do inmoble sito na rúa do Vilar nº 7-9, de Santiago de Compostela (A Coruña), composto dun edificio con xardín na súa parte posterior, planta baixa, piso alto e faiado. Estrema: fronte, rúa do Vilar; fondo, parcelas de Esperanza e Teresa García Buado e Consuelo Barreiro Iglesias; dereita, parcela de Eugenio Girón Rodríguez; esquerda, parcela de Alfonso Ponte Varela.

Está construído sobre un terreo de 330 metros cadrados de superficie. Figura inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela no tomo 1.143, libro 185, folio 219, predio nº 17840, inscrición 3ª.

Artigo 2º

A cesión do dereito real de usufructo mencionada no artigo anterior quedará sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a sede da Fundación Torrente Ballester.

b) A cesión do usufructo outórgase por un período de trinta anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública.

c) Se o dereito cedido non se aplicase co fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento ou se incumprinsen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión

e o dereito reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o usufructo.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario suscribirá unha póliza de aseguramento a todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros con tres céntimos. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

A devandita cesión de dereito real de usufructo formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda