Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Venres, 14 de febreiro de 2003 Páx. 1.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 156/2003, do 16 de xaneiro, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais da Pobra de Brollón e Pol.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que: «o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes».

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como os informes favorables da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 21 de xuño de 1996, 31 de xullo de 2002, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Edificio destinado a oficinas, que consta de baixo e unha planta, situado na avenida de José Antonio, s/n, na vila e municipio da Pobra do Brollón, que ten unha parte de almacén na zona posterior da edificación, coas seguintes superficies: o baixo mailo almacén 163 m, a planta primeira 135 m. O conxunto construíuse sobre un soar duns 192 m coñecido como «da Tapia». Estrema: pola súa fronte ou leste, estrada da Pobra de Brollón ó Incio; esquerda ou sur, Isaac Martínez Novo; e dereita ou norte

e costas ou oeste, resto do predio matriz propiedade de José Espinosa Feijoo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Quiroga no tomo 222, libro 86, folio 9, predio nº 6.968, inscrición 3ª.

2. Edificio de planta baixa e alta, que ocupa 104 m de superficie do seu soar de 240 m, situado preto do Campo da Feira de Mosteiro, na actualidade rúa Castelao nº 21, parroquia e termo municipal de Pol (Lugo). Linda: fronte ou oeste, rúa Castelao, antes estrada de Fonfría a Mosteiro; costas ou leste, predio matriz, hoxe Higinio Freire Otero; dereita entrando ou sur, Darío Pérez Valcarce, hoxe Higinio Freire Otero; e esquerda entrando ou norte, Jesús Saavedra Huerta.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 679, libro 41, folio 146, predio nº 4.153, inscrición 2ª.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, dezaseis de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda