Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Martes, 11 de febreiro de 2003 Páx. 1.517

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 146/2003, do 6 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia.

A entrada en vigor do Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como do Decreto 14/2002, do 27 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, determinan a efectiva adscrición do organismo autónomo Augas de Galicia á cita

da Consellería de Medio Ambiente. Este cambio de adscrición operado respecto deste organismo autónomo esixe a modificación puntual de determinados puntos do seu regulamento co fin de adaptalo á nova situación producida.

Así mesmo, a experiencia acumulada por Augas de Galicia na xestión competencial que lle é propia desde a súa entrada en funcionamento, xunto á posibilidade real de facelo efectivo na actualidade, aconsellan acometer por fin o desenvolvemento da Subdirección Xeral de Programación e Proxectos, prevista, como departamento, no artigo 21 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, procedéndose, deste modo, a unha reasignación interdepartamental de funcións no organismo autónomo.

Igualmente, e con base en idénticos criterios ós recollidos no parágrafo anterior, procede nestes momentos, no marco da normativa básica en materia de augas, reforza-la presencia e actividade, así como o carácter co que actúa, da gardería fluvial do organismo autónomo, co fin de garantir coa máxima eficacia a protección e salvagarda do dominio público hidráulico nas concas de Galicia-Costa, atribuídas á competencia de Augas de Galicia.

Por último, aprovéitase a modificación regulamentaria presente para axeita-las denominacións das unidades administrativas do organismo autónomo ás xerais utilizadas na Xunta de Galicia para, con isto, evitar confusións e adoptar un tratamento terminolóxico homoxéneo na Administración autonómica.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza de seis de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único. O Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, queda modificado do seguinte xeito:

1. O punto 1 do artigo 5º queda redactado como segue:

«Artigo 5º

1. O titular da Consellería de Medio Ambiente exercerá as atribucións derivadas da relación orgánica e funcional de adscrición da entidade á devandita consellería».

2. O artigo 7º queda redactado como segue:

«Artigo 7º

Son órganos de goberno de Augas de Galicia:

a) O presidente do organismo.

b) O director xeral.

c) A xunta de goberno».

3. O artigo 9º queda redactado como segue:

«Artigo 9º

Son órganos de administración de Augas de Galicia os departamentos administrativos seguintes:

a) A Secretaría Xeral.

b) A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

c) A Subdirección Xeral de Programación e Proxectos.

d) A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro».

4. O punto 1 do artigo 12º queda como segue:

«Artigo 12º

1. Será presidente de Augas de Galicia quen así sexa nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, entre os titulares dos órganos superiores da estructura orgánica da dita consellería».

5. O artigo 13º queda redactado como segue:

«Artigo 13º

1. Son atribucións do presidente:

a) Outorga-las autorizacións e concesións relativas ó uso e aproveitamento do dominio público hidraulico e tamén as referentes ó réxime de policía de augas e dos seus leitos e dos aproveitamentos hidráulicos de competencia da Xunta de Galicia.

b) Aprobar definitivamente os proxectos de obras e instalacións e decidi-la prestación dos servicios polo organismo en forma directa ou mediante intervención da empresa pública de obras e servicios hidráulicos.

c) Exerce-la dirección superior e a coordinación dos servicios do organismo.

d) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos do organismo.

e) Autoriza-los gastos e ordena-los pagamentos dentro dos créditos aprobados.

f) Aplica-lo réxime económico financeiro de utilización do dominicio público hidraulico, así como o resto das exaccións atribuídas a Augas de Galicia.

g) Propoñer ó órgano competente o nomeamento dos titulares das unidades administrativas que se regulan nos artigos 39 a 42 deste regulamento.

h) Presidi-la xunta de goberno e os órganos colexiados de xestión que se constitúan, e velar por que os seus acordos se axusten á legalidade vixente.

i) Resolve-los recursos administrativos da súa competencia.

j) Ter coñecemento de calquera asunto que non estea atribuído á competencia doutro órgano de Augas de Galicia.

2. As funcións e atribucións citadas no parágrafo anterior, coa excepción da referida na letra h), podrán ser delegadas, parcialmente ou na sua totalidade, no director xeral ou nun ou en varios titulares das unidades administrativas ás que se refire o artigo 39 deste regulamento.

3. O órgano de goberno referido no artigo 7.b) deste regulamento, con rango de director xeral, configúrase como un órgano de apoio ó presidente, e

será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente.

O director xeral exercerá, ademais das funcións sinaladas anteriormente, tódas aquelas que lle sexan expresamente delegadas polo presidente do organismo».

6. As letras b) e c) do punto 1 do artigo 15º quedan como segue:

«Artigo 15º

1. Son funcións da xunta de goberno:

b) Elevarlle ó Consello da Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, o plan hidrolóxico das concas internas e as súas ulteriores revisións.

c) Eleva-lo anteproxecto dos orzamentos do organismo á Consellería de Medio Ambiente, para a súa integración no anteproxecto de orzamentos anuais».

7. O punto 1 do artigo 17º queda como segue:

«Artigo 17º

1. A representación da Administración da Xunta de Galicia na xunta de goberno integrarase polos seguintes membros:

a) O presidente de Augas de Galicia.

b) Tres vocais designados pola Consellería de Medio Ambiente.

c) Un vocal por cada unha das consellerías seguintes: Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública; Economía e Facenda; Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Innovación, de Industria e Comercio; Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; Sanidade; e Pesca e Asuntos Marítimos, designados polo conselleiro respectivo».

8. O punto 1 do artigo 25º queda como segue:

«Artigo 25º

1. A Sección Galicia-Costa actuará como Comisión de Planificación Hidrolóxica en relación co plan hidrolóxico das concas internas de Galicia e as súas ulteriores revisións. Co devandito carácter emitirá informe sobre os documentos de planificación hidrolóxica que se redacten e elevaraos ós órganos superiores ós que lles corresponda tramitalos e aprobalos. Para tal efecto, incorporaranse á devandita comisión, con voz e sen voto, o subdirector xeral de Programación e Proxectos e ata un máximo de tres técnicos do organismo designados polo seu presidente».

9. O punto 2 do artigo 29º queda como segue:

«Artigo 29º

2. Cada comisión responsabilizarase do réxime dun encoro ou sistema de encoros de explotación independente e sen conexión directa co resto. Corresponderalle ó conselleiro de Medio Ambiente, mediante orde, por proposta do presidente de Augas de Galicia, a fixación do número e ámbito territorial das comisións de desaugamento de encoros dentro da Administración hidráulica de Galicia».

10. Os puntos 1 e 2 do artigo 30º quedarán como segue:

«Artigo 30º

1. Formarán parte das comisións de desaugamento de encoros:

a) O subdirector xeral de Programación e Proxectos, que actuará como presidente das comisións, salvo que asista á xuntanza o presidente de Augas de Galicia, que, neste caso, asumirá a presidencia.

b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia, designados polo presidente do organismo, que asistirán con voz e sen voto.

c) Os representantes dos usuarios afectados, designados segundo prevé o artigo seguinte.

2. Poderán asistir ás xuntanzas das comisións de desaugamento de encoros, con voz e sen voto, un representante das consellerías seguintes: Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; de Innovación, de Industria e Comercio; Pesca e Asuntos Marítimos; e Medio Ambiente».

11. O punto 1 do artigo 37º queda como segue:

«Artigo 37º

1. A constitución de cada xunta de explotación será efectuada polo conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do presidente de Augas de Galicia, por iniciativa propia ou por petición da xunta de goberno ou dos usuarios afectados. Procederá, así mesmo, a devandita constitución nos supostos de declaración de sobreexplotación dun acuífero, coincidindo coa aprobación do Plan de ordenación de extraccións».

12. Os puntos 2 e 3 do artigo 38º quedan como segue:

«Artigo 38º

2. Poderán asistir ás xuntanzas das xuntas de explotación, como asesores sen voz nin voto:

a) O xefe do Servicio Territorial de Augas de Galicia do ámbito xeográfico afectado de que se trate.

b) Un (1) representante das seguintes consellerías: Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; de Innovación, de Industria e Comercio; e Medio Ambiente.

3. Actuarán como presidente e secretario, respectivamente, das xuntas de explotación que se constitúan, o subdirector xeral de Programación e Proxectos e o secretario xeral de Augas de Galicia».

13. Os puntos 1 e 3 do artigo 39º quedan como segue:

«Artigo 39º

1. Directamente dependentes do presidente de Augas de Galicia, existirán os departamentos administrativos seguintes:

a) A Secretaría Xeral.

b) A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

c) A Subdirección Xeral de Programación e Proxectos.

d) A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro.

3. Os titulares dos devanditos departamentos administrativos designaranse e cesarán libremente entre funcionarios dos corpos e escalas que procedan, de acordo coas relacións de postos de traballo».

14. O artigo 40º queda como segue:

«Artigo 40º

1. A Secretaría Xeral de Augas de Galicia, ten nivel de subdirección xeral, e correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A secretaría e asesoría xurídica dos órganos colexiados de Augas de Galicia.

b) A inspección xeral interna dos servicios do organismo, e a asesoría en dereito deste.

c) A xestión xeral do persoal e a tramitación e seguimento de tódolos expedientes e incidencias relativas a esta área funcional.

d) A xestión do Rexistro Xeral de Augas de Galicia e do Servicio de Atención e Información ó Cidadán, así como o control e supervisión dos extremos relacionados co réxime interior.

e) A coordinación, seguimento e xestión das necesidades informáticas do organismo.

f) A tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial, contratación administrativa e xestión patrimonial, así como a supervisión e seguimento das actuacións promovidas en materia de expropiación forzosa.

g) A elaboración e tramitación de proxectos normativos e instruccións internas, así como a emisión de informes xurídicos.

h) A asistencia técnico-xurídica dos servicios do organismo, a coordinación das actuacións desenvolvidas perante os órganos parlamentarios, xudiciais e comunitarios e, en xeral, a tramitación xurídico-administrativa de tódolos expedientes do organismo, con excepción dos concernentes ó dominio público hidráulico e a policía deste.

2. A atribución das funcións descritas á Secretaría Xeral de Augas de Galicia efectúase sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos da Administración da Xunta de Galicia en materia de representación e defensa en xuízo, contratación administrativa ou resolución de expedientes atribuídos ós órganos administrativos xerais da Administración hidráulica de Galicia.

3. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Augas de Galicia estructúrase nas seguintes unidades administrativas, dependentes directamente dela:

3.1. O Servicio de Persoal e Réxime Interior que, incluíndo a Sección de Persoal e Réxime Interior, desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras c) e d) do punto 1 deste artigo.

3.2. O Servicio Técnico-Xurídico, que, incluíndo a Sección Xurídica e a Sección de Contratación, desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras f), g) e h) do punto 1 deste artigo.

3.3. A Sección de Informática, que desenvolverá as funcións descritas na letra e) do punto 1 deste artigo».

15. O artigo 41º queda como segue:

«Artigo 41º

1. Correspóndenlle á Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico as seguintes funcións:

a) O establecemento dos criterios xerais de tramitación dos expedientes de autorizacións e concesións do dominio público hidráulico, de establecemento de servidumes de augas, de constitución de comunidades de usuarios e dos procedementos sancionadores incoados na materia, que teñan que realiza-las demarcacións territoriais de Galicia Costa, e a supervisión xeral das actuacións destas.

b) O establecemento dos criterios xerais de despregue e actuación da gardería fluvial do organismo, en coordinación coas demarcacións territoriais de Galicia Costa, ás que está adscrita organicamente.

c) A inspección e vixilancia de tódolos aproveitamentos de augas públicas e das obras derivadas das autorizacións e concesións de dominio público outorgadas, en coordinación coas demarcacións territoriais de Augas de Galicia.

d) As relacións de cooperación e colaboración que, se é o caso, se establezan en materia de dominio público hidráulico coas confederacións hidrográficas do Norte e do Douro.

e) A tutela dos dereitos nacidos ó abeiro da normativa xeral de augas e dos actos administrativos dictados na súa aplicación, así como a realización das actuacións necesarias para o cumprimento da dita normativa no ámbito das súas competencias.

f) A elaboración e mantemento do rexistro de augas públicas, do catálogo de augas privadas e do censo de autorizacións de verteduras.

g) A supervisión xeral e o control das propostas de resolucións de concesións e autorizacións de dominio público hidráulico, de establecemento de servidumes de augas, de constitución de comunidades de usuarios e de expedientes sancionadores incoados, elaboradas e elevadas ó presidente de Augas de Galicia polas demarcacións territoriais de Galicia-Costa.

h) O control da calidade das augas continentais, establecendo os obxectivos e parámetros axeitados dela e propoñendo actuacións que se vaian realizar a curto e medio prazo na materia.

i) A xestión técnica do canon de saneamento ata a determinación do tipo impositivo aplicable.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico estructúrase nas seguintes unidades, dependentes directamente dela:

2.1. O Servicio de Tramitación Técnico-Administrativa do Dominio Público Hidráulico que, incluíndo a Sección de Tramitación Técnico-Administrativa do Dominio Público Hidráulico, desenvolverá as seguintes funcións:

2.1.1. A asistencia técnico-administrativa na xestión dos expedientes de autorizacións e concesións de dominio público hidráulico, de establecemento de servidumes de augas, de constitución de comunidades de usuarios, e de procedementos sancionadores, así como na interpretación e aplicación da normativa xeral de augas referida ó eido do dominio público hidraúlico.

2.1.2. A elaboración dos informes-proposta e preparación dos expedientes administrativos obxecto de recurso de alzada, e a posterior notificación das resolucións recaídas, así como a tramitación dos requirimentos efectuados en relación coa presentación de reclamacións económico-administrativas e recursos contencioso-administrativos contra as resolucións de fixación de tipos, determinación e liquidación do canon de saneamento, baixo a supervisión xeral da Secretaría Xeral de Augas de Galicia.

2.1.3. A coordinación departamental das respostas requiridas polos órganos parlamentarios, xudiciais e comunitarios en materia de dominio público hidráulico, baixo a supervisión xeral da Secretaría Xeral de Augas de Galicia.

2.2. A Area de Autorizacións e Concesións, que desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras e) e g) do punto 1 deste artigo.

2.3. A Área de Verteduras que desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras e) e g), no relativo a autorizacións de verteduras, e i) do punto 1 deste artigo.

2.4. A Área de Calidade das Augas, que desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas na letra h) do punto 1 deste artigo».

16. Créase un novo artigo 41º bis co seguinte contido:

«Artigo 41º bis.

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Programación e Proxectos as funcións seguintes:

a) O informe e proposta, de se-lo caso, das medidas que vaian ser adoptadas por Augas de Galicia ou polos órganos administrativos xerais da Administración hidráulica de Galicia nos supostos previstos no artigo 31.1º da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

b) A elaboración e mantemento dos instrumentos de planificación hidrolóxica e a realización neste eido das actuacións necesarias para a implantación das directivas comunitarias relacionadas co ámbito competencial do organismo, así como a emisión de informes acerca da compatibilidade coa planificación aprobada de programas e proxectos doutros órganos da Administración estatal, autonómica e local e das concesións e autorizacións de dominio público hidráulico outorgadas polo organismo autónomo.

c) A definición e elaboración das estatísticas dos usos da auga, das masas de auga e das zonas sensibles, así como a definición e planificación das medidas necesarias para corrixi-las desviacións existentes respecto dos obxectivos de calidade previstos.

d) O seguimento do cumprimento dos obxectivos e criterios establecidos de saneamento e depuración de augas residuais e da súa reutilización, así como dos criterios de protección, conservación e recuperación do recurso acuático e do seu contorno.

e) A planificación das obras de infraestructura básica, no marco de coordinación establecido no Plan Hidrolóxico Nacional e nos plans hidrolóxicos das confederacións hidrográficas do Norte e do Douro, así como no marco relacional estabrecido cos entes locais.

f) A programación dos traballos e obras necesarias para a execución da planificación hidrolóxica, así como a definición dos criterios técnicos que haxa que cumprir e o control e seguimento da súa execución, en colaboración coas demarcacións territoriais de Augas de Galicia.

g) A definición, construcción, mantemento e explotación dos sistemas de control da calidade das augas e dos sistemas de aforamentos e a elaboración dunha base de datos proveniente destes sistemas para efectos estatísticos, así como a explotación e mantemento dos modelos asociados ó sistema de aforamentos, que permitan previr fenómenos de enchentes de cara á súa minimización.

h) A definición e programación das actuacións de conservación e limpeza das canles e ribeiras dos ríos na zona de afectación do dominio público hidráulico, e a realización dos traballos de deslinde deste.

i) A definición e control dos procedementos de auscultación e a elaboración de plans de emerxencia dos encoros de titularidade da Xunta de Galicia, e a xestión da súa explotación, así como o control dos procedementos de auscultación e plans de emerxencia dos encoros de titularidade privada.

j) A elaboración e mantemento dunha base de datos en soporte XIS das infraestructuras hidráulicas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

k) A tramitación dos expedientes de colaboración técnico-financeira cos concellos en materia de saneamento e abastecemento de augas e dos con

venios que regulan o financiamento das obras de interese xeral, así como o seu seguimento.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Programación e Proxectos estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. O Servicio de Planificación e Programación Hidrolóxica, que, incluíndo a Área de Instrumentos da Planificación, desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras b), c), d) e e) do punto 1 deste artigo.

2.2. O Servicio de Execución da Planificación e Explotación de Sistemas, que, incluíndo a Área de Programación e Seguimento de Obras e a Sección Técnica, desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras f), g), h), i), j) e k) do punto 1 deste artigo».

17. O artigo 42º queda como segue:

«Artigo 42º

1. Á Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro correspóndelle as seguintes funcións:

a) A preparación do anteproxecto do orzamento do organismo, en base ás previsións de ingresos e gastos, que anualmente terán que elaborar e remiti-los departamentos administrativos dos servicios centrais de Augas de Galicia, así como as demarcacións territoriais deste; e o seguimento da execución orzamentaria e a tramitación das modificacións do orzamento ás que houber lugar.

b) O estudio e preparación de operacións de crédito e tesourería, a tramitación e realización de pagamentos a terceiros acredores do organismo, así como o control e xestión das contas e depósitos bancarios dos que é titular Augas de Galicia.

c) A elaboración e tramitación da documentación contable relativa a tódolos expedientes de contido económico, e, en xeral, o mantemento da contabilidade e a rendición das contas e estados anuais do organismo, de acordo coa normativa aplicable.

d) A tramitación de expedientes de modificacións do FCI, e o control da execución dos fondos finalistas, en coordinación coa Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda.

e) O seguimento dos aspectos económicos e financeiros das relacións entre Augas de Galicia e a empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

f) A xestión contable mensual da nómina do persoal do organismo, e a tramitación da nómina da Seguridade Social, do ingreso a conta do IRPF e outros descontos, así como a realización das oportunas declaracións fiscais anuais.

g) A xestión, liquidación e recadación das taxas, prezos e demais ingresos do organismo, con especial relevancia respecto da exacción do canon de saneamento, sen prexuízo das competencias normativas e inspectoras que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro estructúrase nas seguintes unidades, dependentes directamente dela:

2.1. O Servicio de Xestión Orzamentaria, que, incluíndo a Sección de Habilitación, desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas nas letras a), b), c), d), e) e f) do punto 1 deste artigo.

2.2. A Sección de Outros Ingresos, que desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas na letra g) do punto 1 deste artigo, con excepción da liquidación do canon de saneamento.

2.3. A Sección de Ingresos do Canon de Saneamento, que desenvolverá fundamentalmente as funcións descritas na letra g) do punto 1 deste artigo, no relativo ó canon de saneamento».

18. O artigo 43º queda como segue:

«Artigo 43º

1. No marco dos principios de desconcentración e descentralización recollidos na Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, en cada unha das demarcacións hidrográficas referidas no artigo 6.2º deste Decreto 108/1996 existen, con dependencia orgánica do presidente de Augas de Galicia e funcional, por razón da materia, dos departamentos sinalados nos anteriores artigos 40, 41, 41 bis e 42, as seguintes demarcacións territoriais, á fronte das que atópase o xefe de Servicio Territorial correspondente, que dirixe o desenvolvemento das seguintes funcións:

1.1. Demarcacións territoriais das concas intracomunitarias de Galicia Costa, integradas pola Demarcación Territorial Galicia Norte, a Demarcación Territorial Galicia Centro e a Demarcación Territorial Galicia Sur:

a) A xestión do rexistro e do servicio de información ó cidadán, así como a organización e realización das tarefas ordinarias de réxime interior requiridas para o funcionamento das dependencias propias.

b) A tramitación ata proposta de resolución dos expedientes de autorizacións e concesións de dominio público hidráulico, agás os relativos ós aproveitamentos hidroeléctricos, de establecemento de servidumes de augas e de constitución de comunidades de usuarios, así como dos procedementos sancionadores na materia.

c) O seguimento da execución das obras programadas polos servicios centrais de Augas de Galicia.

d) A dirección dos efectivos da gardería fluvial adscritos ó seu ámbito territorial, e o control dos aproveitamentos de augas públicas e das obras derivadas das autorizacións e concesións de dominio público hidráulico, de conformidade coas instruccións emanadas dos servicios centrais de Augas de Galicia.

e) A emisión de informes sobre plans e demais documentos urbanísticos e técnicos.

f) En xeral, o desenvolvemento das funcións que lle sexan encomendadas polo presidente do organismo.

1.2. Demarcacións territoriais das concas intercomunitarias, integradas pola Demarcación Territorial das Concas Intercomunitarias de Ourense e a Demarcación Territorial das Concas Intercomunitarias de Lugo:

a) A xestión do rexistro e do servicio de atención ó cidadán, así como a organización e realización das tarefas ordinarias de réxime interior requiridas para o funcionamento das dependencias propias.

b) O seguimento da execución das obras programadas polos servicios centrais de Augas de Galicia.

c) A emisión de informes sobre plans e demais documentos urbanísticos e técnicos.

d) En xeral, o desenvolvemento das función que lle sexan encomendadas polo presidente do organismo.

2. Encadrados nestes servicios territoriais, os efectivos da gardería fluvial de Augas de Galicia desenvolven os cometidos que lles son propios de conformidade coa normativa de aplicación na materia, tendo para o efecto tódalas prerrogativas inherentes á súa condición de axentes da autoridade».

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da modificación da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, se autoriza ó conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do presidente de Augas de Galicia, a readscribir ó persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición un cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1982, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación

do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA