Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Martes, 11 de febreiro de 2003 Páx. 1.523

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Eínsa.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Eínsa, con domicilio en Alcobendas (Madrid).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid, o día 18 de decembro de 2002, ante o notario Roberto Parejo Gámir, co número catro mil corenta e tres do seu protocolo, por José Carlos Martínez Pérez, María Luisa Fontana Ruiz, Carolina Martínez Fontana, María Martínez Fontana e Nicolás Martínez Pérez Mendaña; intervén o primeiro en nome e representación, como conselleiro-delegado da compañía mercantil Ediciones Informatizadas, S.A. (Eínsa), e os catro últimos no seu propio nome e dereito.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, a atención a persoas maiores no seu domicilio, así como outras accións encamiñadas a cubri-las necesidades urxentes da poboación en xeral, e calquera outras actividades que teñan finalidade social. O padroado terá plena liberdade para determina-la actividade da fundación, dentro dos seus fins, cara a aqueles obxectivos concretos que ó xuízo del sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.

4. O padroado da fundación estará integrado por María Luisa Fontana Ruiz como presidenta; María Martínez Fontana como vicepresidenta; Nicolás Martínez Pérez Mendaña como secretario e Carolina Martínez Fontana como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Eínsa; dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e á súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Eínsa e adscribila á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública