Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Venres, 07 de febreiro de 2003 Páx. 1.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 23 de xaneiro de 2003 pola que se convocan subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega, así como a producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción nos diversos ámbitos da cultura en Galicia, é consciente da importancia que está adquirindo o sector audiovisual na sociedade actual, contribuindo ó enriquecemento cultural e ó desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma de Galicia.

A través das axudas ó desenvolvemento dos proxectos audiovisuais en lingua galega preténdese fomentar unha das fases máis esenciais da producción audiovisual, como é a da posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións que preceden á fase de producción propiamente dita, a rodaxe dunha obra audiovisual. O devandito concepto inclúe, en particular, a redacción do guión, a procura de socios, a preparación do plan financeiro da producción, e elaboración do plan de márketing e de distribución.

Para certos tipos de producción, considéranse como parte integrante do desenvolvemento da obra a investigación gráfica e a realización dun filme piloto (para as películas de animación), a busca de arquivos (para as produccións que valoren o patrimonio audiovisual europeo) e o desenvolvemento de software específico (para produccións multimedia).

Este procedemento de desenvolvemento culmina propiamente coa fase da producción polo que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece axudas para a producción audiovisual en lingua galega, co fin de fomenta-lo crecemento do sector audiovisual en lingua galega na nosa comunidade autónoma.

Por todo isto,

DISPOÑO:

I. Bases xenéricas para a concesión das subvencións.

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-lo desenvolvemen

to de proxectos de producción audiovisual en lingua galega e a realización de produccións audiovisuais en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo adicará un importe de 3.180.710 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353B.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo a cantidade de 2.400.409 euros para a anualidade 2003 e a de 780.304 euros para a de 2004, ó abeiro do disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

No caso de que se solicite axuda plurianual para as anualidades referidas, farase constar expresamente na solicitude.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales no territorio da Unión Europea e que conten, polo menos, cunha axencia de representación en Galicia.

Os proxectos presentados ó abeiro desta convocatoria deberán realizarse nun mínimo do 25 % na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, nas bases específicas determinaranse os requisitos concretos que deben cumpri-los solicitantes para accederen a ámbalas modalidades.

Artigo 3º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que foran beneficiarios dalgunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e incumpriran as bases e a finalidade establecida na súa convocatoria, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Ademais, quedan excluídos aqueles solicitantes que, para o mesmo proxecto, xa foran beneficiarios dunha axuda para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores, convocadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º.-Obtención dos formularios de solicitude.

Os formularios para as solicitudes de axuda reguladas nesta orde serán cubertos e obteranse necesariamente polo solicitante a través da aplicación informática establecida no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/cultura/index.htm. Estes formularios así obtidos presentaranse asinados, sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal.

Poderánse cubrir e obte-los formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, a través do teléfono 981 54 45 23 ou no enderezo de correo electrónico cultura*xunta.es que adoptará as medidas necesarias para facilita-la presentación por escrito das solicitudes.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes, cubertas e obtidas conforme o artigo anterior, dirixiranse por duplicado exemplar ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e presentaranse, asinadas, no rexistro xeral dos servicios centrais, no das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou a través dalguna das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo para a súa presentación será de corenta días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Estas solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) Copia compulsada do DNI do representante ou solicitante.

b) Copia compulsada do documento público do poder notarial, co que actúa o representante, debidamente inscrito.

c) Copia compulsada do documento público da constitución legal da empresa e da axencia constituída en Galicia.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Copia compulsada de certificado de inscrición no Rexistro de Empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais (ICAA).

f) Copia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

g) Documentación compulsada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

h) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a documentación técnica sinalada nas correspondentes bases específicas de cada unha das modalidades de subvención.

Artigo 6º.-Tramitación.

Os servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión das subvencións, así como a determinación da viabilidade técnica e económica dos proxectos presentados.

Así mesmo, correspóndelle á Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual eleva-la proposta de resolución, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º.-Comisión asesora.

Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora, de carácter consultivo, nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

-Un vocal do Consorcio Audiovisual de Galicia.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e informará única e exclusivamente sobre os criterios que figuran respectivamente nos artigos 17º e 23º desta orde, segundo a modalidade de subvención.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis, segundo puntuación que se sinala no seguinte cadro e elaborarán un informe conxunto sobre os proxectos presentados.

NivelTramos puntuación

Moi favorable6 - 10

Favorable5 - 6

Aceptable3 - 4

Desfavorable0 - 2

Artigo 8º.-Resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes previo ó recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa acep

tación comprometéndose a executa-lo proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Garantías que hai que presentar.

De conformidade co establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais nos seguintes supostos:

a) Anticipos que superen os 30.050,61 euros.

b) Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros.

A garantía deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses do remate do prazo de xustificación. A presentación da garantía realizarase ante a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo de quince días a partir da notificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade para desenvolver polo beneficiario ou, se for o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza legalmente.

Artigo 12º.-Pagamento.

O pagamento das subvencións quedará condicionado ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Comisión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto

no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa, e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

II. Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións para o desenvolmento de proxectos de producción audiovisual:

Artigo 14º.-Tipos de proxectos.

Será obxecto de subvención o desenvolvemento dos seguintes proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Telefilmes.

c) Series de televisión.

d) Produccións multimedia.

e) Documentais.

Os devanditos proxectos terán a consideración que se sinala no artigo 21º.

Artigo 15º.-Beneficiarios de subvención ó desenvolvemento.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas e que teñan acordo ou contrato, como mínimo, cun guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

Artigo 16º.-Documentación técnica relativa ó proxecto.

Ademais da documentación sinalada no artigo 5º da presente orde, xuntaranse sete exemplares encadernados da seguinte documentación técnica:

-Memoria explicativa do proxecto (2 páxinas máximo).

-Sipnose argumental (2 páxinas máximo).

-Tratamento e/ou borrador de guión (extensión mínima de 10 páxinas), con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

-Orzamento das actividades de desenvolvemento do proxecto, desenvolvendo o punto 2.2 do anexo II, incluíndo a incidencia no emprego existente e por crear, directo e indirecto.

-Acordo ou contrato co guionista.

-Calquera outra documentación que o solicitante estime conveniente para a mellor defensa do proxecto.

Esta documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual polas productoras no prazo de seis meses desde a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos.

Artigo 17º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Interese do proxecto e calidade artística (orixinalidade e creatividade del).

b) A contribución ó fomento do emprego no sector e a implicación no proxecto de recursos de Galicia (a participación de profesionais, equipos técnicos ou artísticos galegos na producción) unha vez entrado en fase de producción.

c) Orzamento do proxecto de desenvolvemento achegado.

d) Redacción en lingua galega da versión orixinal do guión.

e) Contribución ós valores culturais de Galicia.

Artigo 18º.-Contía das axudas.

As axudas poderán alcanzar, con carácter xeral, o 50% do importe subvencionable. Considerarase importe subvencionable o gasto asociado imputable e axustado ós proxectos os que refire o artigo 14º da orde, excluídos impostos, que estará integrado pola suma dos gastos necesarios para a súa realización.

Artigo 19º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da axuda, o beneficiario deberá solicita-lo pagamento e presentar ante a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual a documentación xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto e a dos gastos subvencionables, tendo de prazo ata o 31 de outubro, inclusive, de 2003.

Documentación que xustifica a realización do desenvolvemento do proxecto:

a) Un exemplar do guión definitivo en galego.

b) Un exemplar do plan de producción definitivo.

Documentación para xustifica-los gastos subvencionables, que se presentarán por exemplar duplicado (orixinal ou copia compulsada e unha copia):

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gasto, que inclúan o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas relativas ós gastos subvencionables correspondentes ó desenvolvemento do proxecto e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE. Presentaranse coa mesma orde de capítulos e co mesmo número ordinal có asignado na relación numerada do punto a).

Outros documentos esixidos polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentarán por exemplar duplicado (un orixinal e unha copia):

a) Declaración asinada do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda concedida.

b) Certificados orixinais e actuais que acrediten estar ó día nas súas obrigas coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e de estar ó día nas súas obrigas tributarias estatais. As ditas certificacións expediranse para os efectos de subvención.

c) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

Artigo 20º.-Publicidade da subvención recibida.

Na futura documentación do proxecto e nos títulos de crédito da producción resultante farase constar que recibiu unha subvención ó seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual da Xunta de Galicia, coa súa imaxe corporativa.

B) Subvencións á producción audiovisual en lingua galega:

Artigo 21º.-Tipos de proxectos.

Para efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de:

a) Curtametraxes, as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos.

b) Longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos.

c) Vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal.

d) Telefilmes, películas dirixidas á emisión en televisión.

e) Programas pilotos de series de televisión, os que mostren mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva.

f) Documentais, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción.

g) Produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais interactivos tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Artigo 22º.-Documentación técnica que hai que presentar.

Ademais da documentación sinalada no artigo 5º da presente orde, xuntaranse sete exemplares encadernados da seguinte documentación técnica:

a) Memoria explicativa (2 páxinas máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páxinas máximo).

c) Guión definitivo da producción.

d) Historial da empresa e relación de membros do equipo.

e) Plan de producción co seu orzamento total, desenvolvendo o punto 2.2 do anexo IV, incluíndo a incidencia no emprego existente e por crear, directo e indirecto.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario desagregado do gasto para a execución do traballo (gastos xerais, gasto de persoal, servicios contratados para as produccións, material, consumibles, outros), indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de solicitude de axuda plurianual.

h) Calquera outra documentación que o solicitante estime pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Esta documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual polas productoras no prazo de seis meses desde a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos.

Artigo 23º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axuda).

b) A contribución ó fomento do emprego no sector e a aplicación no proxecto de recursos de Galicia (a participación de profesionais, equipos técnicos ou artísticos galegos na producción). Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na comunidade autónoma).

c) Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto así como a súa contribución ós valores culturais de Galicia).

d) Rodaxe en lingua galega da versión orixinal da producción audiovisual.

Artigo 24º.-Contía da axuda.

Considérase importe subvencionable o gasto asociado imputable e axustado ó proxecto, que estará integrado pola suma dos gastos necesarios para a súa realización ata a obtención da primeira copia estándar, excluídos impostos, podendo alcanza-las axudas, con carácter xeral, as porcentaxes do importe subvencionado que se relacionan a continuación.

1. Proxectos de curtametraxe: ata o 50%, cun máximo de 30.000 euros.

2. Proxectos de longametraxe: ata o 40%.

3. Proxectos de documentais: ata o 50%.

4. Proxectos de vídeo-creación: ata o 50%, cun máximo de 15.000 euros.

5. Proxectos de telefilmes: ata o 40%.

6. Proxectos de programas pilotos de series de televisión: ata o 50%.

7. Proxectos de producción multimedia: ata o 50%, cun máximo de 15.000 euros.

Artigo 25º.-Obrigacións do beneficiario.

1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera

modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

3. Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 26º.-Xustificación de gastos.

Para o libramento da axuda, o beneficiario deberá solicita-lo seu pagamento e presentar ante a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual a documentación xustificativa da realización da producción audiovisual subvencionada e a dos gastos subvencionables, tendo de prazo ata o 31 de outubro, inclusive, de 2003.

Documentación que xustifica a realización da producción do proxecto:

a) Un exemplar en formato DVD da producción audiovisual resultante final.

Documentación para xustifica-los gastos subvencionables, que se presentará por exemplar duplicado (orixinal ou copia compulsada e unha copia):

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas relativas ós gastos subvencionables realizados na anualidade que corresponda xustificar, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE. Presentaranse coa mesma orde de capítulos e co mesmo número ordinal que o asignado na relación numerada no punto a).

Outros documentos esixidos polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro (un orixinal e unha copia):

a) Declaración complementaria do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda concedida.

b) Certificados orixinais e actuais que acrediten estar ó día nas súas obrigas coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda,

por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e de estar ó día nas súas obrigas tributarias estatais. As ditas certificacións expediranse para os efectos de subvención.

c) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

Artigo 27º.-Obriga de entrega definitiva da producción audiovisual.

En calquera caso, o beneficiario non poderá percibir máis do 80% da subvención total concedida ata a entrega definitiva da producción audiovisual, que se realizará antes do 31 de decembro da anualidade que corresponda, en lingua galega, e que constará de dúas copias no formato subvencionado de acordo coas seguintes modalidades:

-Curtametraxes: 35 mm ou Betacam dixital ou SP, segundo proxecto.

-Longametraxes: 35 mm.

-Documentais: 35 mm. ou Betacam dixital ou SP, segundo proxecto.

-Vídeo-creación: Betacam dixital ou SP.

-Telefilmes: Betacam dixital ou SP.

-Programas pilotos de serie de televisión: Betacam dixital ou SP.

-Multimedia: CD Rom ou DVD Rom.

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe dependente da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. En todo caso, e para estes fins, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde será de aplicación o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo