Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Venres, 07 de febreiro de 2003 Páx. 1.395

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de xaneiro de 2003 pola que se clasifica como benéfico-docente a Fundación CIP.

Visto o expediente de clasificación da Fundación CIP, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 22 de agosto de 2002, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número mil novecentos cinco do seu protocolo por Pedro Pablo Rey Vera, Ana María Ortiz Álvarez, Ana María Jesús Álvarez Arias, José Manuel de Oliveira Marques e Emilio Rey Vera, que interveñen no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais Pedro Pablo Rey Vera en nome e representación da compañía mercantil Centro de Iniciativas Profesionales CIP, S.L.. Esta escritura foi corrixida por outra posterior do 14 de novembro de 2002, outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil setecentos nove.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a organización de actividades docentes de carácter universitario e profesional, social ou cultural, relacionada entre outros con aspectos estratéxicos do desenvolvemento de Galicia, levando á práctica todo tipo de actividades docentes, seminarios, cursos, xornadas, conferencias, mesas redondas, etcétera, elaborando estudios de carácter xurídico, socioeconómico e sociolóxico no ámbito local, autonómico, estatal e comunitario.

4. O padroado da fundación estará integrado por Pedro Pablo Rey Vera como presidente, Ana María Jesús Álvarez Arias como vicepresidenta, Ana María Ortiz Álvarez como secretaria e José Manuel Oliveira Marques e Emilio Rey Vera como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-docente da Fundación CIP, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto leais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de xaneiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-docente a Fundación CIP adscribíndoa á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública