Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2003 Páx. 922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de xaneiro de 2003 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polas organizacións sindicais Comisións Obreiras e Confederación Intersindical Galega nas empresas Ambulancias María Pita, S.A., Gallega de Transporte Sanitario, S.A. e Ambulancias González Cundíns, S.A., que se iniciarán ás 0 horas do día 25 de xaneiro de 2003, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal das empresas Ambulancias María Pita, S.A., que ten contratadas coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 tres ambulancias asistenciais e unha medicalizada para a cobertura da rede de transporte sanitario urxente no concello da Coruña; Gallega de Transporte Sanitario, S.A., que ten contratadas coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 tres ambulancias asistenciais para a cobertura da rede de transporte sanitario urxente nas bases de Betanzos, Oleiros e Bergondo, e na empresa Ambulancias González Cundíns, S.A., que ten contratadas coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 a rede de transporte sanitario urxente, unha ambulancia asistencial en cada unha das bases de Arteixo e Vimianzo; folga que se iniciará ás 0 horas do día 25 de xaneiro de 2003 con carácter indefinido, logo da audiencia ós comités de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga, que afecta o persoal dependente das empresas Ambulancias María Pita, S.A., Gallega de Transporte Sanitario, S.A. e Ambulancias González Cundíns, S.A., que se iniciará ás 0 horas do día 25 de xaneiro de 2003, con carácter indefinido, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen a seguir.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial da atención urxente nos ámbitos afectados no servicio de ambulancias, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia ó longo de toda a xornada laboral e ten carácter indefinido. Cabe sinalar que a folga afectará a uns 400.000 habitantes que residen nesa área, que quedan privados do recurso de transporte sanitario se o precisan; que nesas áreas están situados polígonos industriais a onde se desprazan persoas que residen noutras áreas que tamén se verán afectadas; que pola actividade destes polígonos poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia difícil de resolver se non están dispoñibles os recursos; ademais hai numerosas vías de comunicación nas que os accidentes de tráfico quedarían sen atención. Por outra parte o persoal da rede de transporte sanitario urxente (RTSU) é persoal formado

na asistencia urxente, coñece técnicas de soporte vital básico, de inmobilización do politraumatizado, de desfibrilación e asistencia na parada cardíaca, polo que a atención non pode ser substituída.

Por estes motivos e porque o deseño e o número de ambulancias contratadas está axustado á demanda e estas empresas son as únicas concesionarias do servicio de transporte sanitario urxente na súa zona, os servicios mínimos deberán cubri-lo 100% dos servicios solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do derei-

to á folga coa adecuada atención ós usuarios do servicio de ambulancias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios serán feitos pola dirección da empresa concesionaria procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposicion derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade