Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2003 Páx. 762

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2003 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas productoras de mexillón co fin de palia-las consecuencias económicas do naufraxio do buque Prestige.

Con data do 21 de xaneiro de 2003, o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras adheridas asinaron un convenio para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás Pemes galegas productoras de mexillón o financiamento axeitado para facer fronte ás consecuencias económicas máis inmediatas, derivadas do naufraxio do buque Prestige.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1 a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio como anexo I e a relación de entidades financeiras adheridas que o subscribiron, que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas productoras de mexillón do fin de palia-las consecuencias económicas do naufraxio do buque Prestige.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2003.

Considerando que

I. Unha das consecuencias económicas máis inmediatas derivadas do naufraxio do buque Prestige é o descenso das vendas do mexillón galego, o que está a provoca-la acumulación de stocks en vivo sen recoller das bateas. Mentres o perigo de perda destes stocks aconsella a inmediata recollida do producto, a súa venda a curto prazo obriga ós productores a outorgar aprazamentos nos pagamentos ás depuradoras e ás industrias transformadoras, e o financiamento destes aprazamentos ameaza con provocar dificultades financeiras extraordinarias ós productores.

II. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é un instrumento axeitado para facilita-lo financiamento de canles de distribución do mexillón cara ós mercados de producto fresco e ás industrias transformadoras, evitando ós productores soportar cargas financeiras que poderían deteriorar gravemente a súa economía.

III. O presente convenio é neutral respecto ós mercados e tenta restablece-lo equilibrio existente antes do naufraxio do buque Prestige, procurando compensar, durante o prazo temporal máis reducido posible, os maiores custos producidos por unha sobrecarga de producto no mercado.

IV. O convenio nace no ámbito dun Acordo Marco promovido polas consellerías de Economía e Facenda e Pesca e Asuntos Marítimos, así como as organizacións representativas dos intereses dos sectores implicados, isto é, productores, depuradoras, cocedoiros, conxeladoras e conserveiras. Ó convenio poderanse adherir aquelas entidades financieras establecidas en Galicia, que así o soliciten dentro dos dez días naturais seguintes á súa publicación no DOG.

Por todo o que antecede, as partes, previamente postas de acordo, conveñen en subscribir este convenio de colaboración con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Cláusula 1ª.-Obxecto.

Este convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás Pemes galegas pro

ductoras de mexillón, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda da súa producción ás depuradoras e á industria transformadora, mediante o desconto bancario de letras de cambio aceptadas e obrigas de pagamento á orde asinados polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas entre a data da entrada en vigor do convenio e o 28 de febreiro de 2003.

A liña de desconto terá un límite global máximo de 20 millóns de euros e o seu importe distribuirao proporcionalmente o Igape entre as entidades financeiras participantes.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios do financiamento.

Poderán acceder ó mecanismo de financiamento previsto neste convenio aquelas pequenas ou medianas empresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea, productoras de mexillón e con domicilio fiscal en Galicia, directamente ou a través das asociacións de productores.

Cláusula 3ª.-Destino das operacións financeiras.

3.1. As liñas de desconto bancario deberán dedicarse a adianta-lo 100% do importe das letras de cambio aceptadas e obrigas de pagamento á orde asinados por razón da venda de mexillón facturado entre a data de entrada en vigor deste convenio e o 28 de febreiro de 2003.

3.2. Os documentos de pagamento presentados a desconto bancario deberán ter un vencemento non superior a:

a) Catro meses desde a data da factura, para as vendas a depuradoras.

b) Seis meses desde a data da factura, para as vendas a cocedoiros, a industrias conxeladoras e conserveiras.

Cláusula 4ª.-Características das operacións de financiamento.

4.1. Unha vez aceptada a operación financeira, a entidade adiantará o 100% do importe da factura que conte cun documento de pagamento aprazado aceptado nas condicións establecidas neste convenio, sen repercutir ó beneficiario ningún custo ou deducción da operación, excluídos timbres, aranceis e impostos vinculados á operación de desconto, que serán por conta do suxeito pasivo.

4.2. O Igape compensaralles ás entidades financeiras os custos financeiros e de xestión que se deriven destas operacións cunha porcentaxe do 1'5% do importe descontado a seis meses, e do 1% para as operacións a catro meses, de acordo co previsto na cláusula 3ª anterior.

4.3. No caso de que o cliente do beneficiario adiantase o pagamento da venda, a entidade financeira deberalle notificarlle tal circunstancia ó Igape, procedendo ó reintegro da parte proporcional dos custos financeiros non soportados pola entidade colaboradora.

Cláusula 5ª.-Tramitación das solicitudes.

5.1. As empresas productoras de mexillón interesadas, que reúnan os requisitos establecidos neste convenio dirixirán a súa solicitude a calquera das entidades financeiras adheridas ó convenio.

5.2. As entidades financeiras analizarán as solicitudes e asumirán o risco das operacións aprobadas. No caso de denegación das solicitudes, notificaranlle ó Igape os seus motivos, co fin de que o instituto proceda a notificarllo ó solicitante para, de se-lo caso, que este poida designar unha nova entidade financeira.

5.3. Previamente á disposición dos fondos descontados, a entidade financeira colaboradora deberá requirir do beneficiario a seguinte documentación:

-A acreditación da condición de productor de mexillón domiciliado en Galicia, a que poderá xustificarse alternativamente, ben cunha certificación da asociación de productores de mexillón á que pertenza ou ben con copia da concesión administrativa en vigor do punto de fondeo da batea.

-A declaración da condición de PEME da solicitante, segundo modelo I deste convenio.

-Copia do CIF ou NIF do solicitante.

-A factura orixinal e o documento de pagamento aprazado aceptado polo cliente do beneficiario, que cumpran os requisitos establecidos no convenio.

-No caso de descontos efectuados pola asociación de productores: a relación de primeiros productores relacionada coas vendas.

5.4. A entidade financeira conservará e custodiará a disposición do Igape a documentación reseñada anteriormente, segundo o establecido na cláusula 6.3 deste convenio.

Cláusula 6ª.-Compromisos dos partícipes no convenio.

6.1. O Igape comprométese a:

a) Realizarlles ás entidades financeiras, en concepto de compensación de custos, as achegas establecidas neste convenio por cada operación financeira xustificada correctamente.

b) Desenvolve-los procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións e difundir este programa entre os posibles beneficiarios.

6.2. As organizacións representativas dos intereses dos productores poderán colaborar establecendo os procedementos internos que resulten necesarios para asegura-la maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

6.3. As entidades financeiras adheridas comprométense a:

a) Concede-las operacións financeiras nos termos e nas condicións establecidos neste convenio ou xus

tificar, diante do Igape, os motivos da súa denegación segundo modelo II deste convenio.

b) Manter á disposición do Igape a documentación relativa ós requisitos dos beneficiarios e ó destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, 5 anos desde a disposición dos fondos e remitirlle ó Igape as aclaracións que solicite respecto destes.

c) Desenvolve-los procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, pór tódolos medios dispoñibles para facilitárlle-lo acceso a esta liña de financiamento ós productores galegos de mexillón e colaborar na difusión deste programa.

d) Para efectos dun axeitado seguimento do convenio, informar por solicitude do Igape, das operacións concedidas e denegadas.

Cláusula 7ª.-Liquidación das achegas do Igape ó convenio.

7.1. Previamente á disposición dos fondos, a entidade financeira comprobará a documentación (acreditación da condición de productor galego de mexillón, declaración de condición de PEME, facturas e documentos de pagamento) que acredite a condición de beneficiario, a operación de venda e o instrumento para o seu pagamento aprazado.

7.2. Antes do 15 de febreiro de 2003, as entidades financeiras remitiranlle ó Igape unha certificación asinada por apoderado con poder suficiente comprensiva das operacións de desconto acollidas ó presente convenio formalizadas ata o 31 de xaneiro de 2003, e dentro dos importes máximos previamente autorizados polo Igape e que reflectirá alomenos: beneficiario, cliente, importe e data da factura e data do vencemento do documento de pagamento xirado para o seu aboamento, segundo modelo III deste convenio.

Igualmente, antes do 15 de marzo de 2003, as entidades financeiras remitiranlle ó Igape unha certificación coas características sinaladas anteriormente, comprensiva das operacións formalizadas entre o 1 e o 28 de febreiro de 2003.

No caso dos descontos a favor das asociacións de productores, xuntarase para cada operación, unha relación dos primeiros productores implicados nas vendas facturadas.

7.3. O Igape procederá ó pagamento das liquidacións correspondentes nos quince días seguintes a aquel no que recibise as correspondentes liquidacións.

Cláusula 8ª.-Control.

8.1. Tanto as entidades financeiras como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que

se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verifica-lo cumprimento dos requisitos e das finalidades das operacións financeiras acollidas a este convenio.

8.2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións deste convenio respecto das obrigas de depósito e custodia de documentación e comprobación do destino dos fondos, para algunha das operacións financeiras acollidas a el, procederá o reintegro das cantidades percibidas polas entidades financeiras, xunto cos xuros de mora producidos desde o seu pagamento.

8.3. As cantidades que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu recobro, se é o caso, a vía executiva.

Cláusula 9ª.-Denuncia do convenio.

9.1. Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por algunha das partes de calquera das súas cláusulas, trala denuncia cun mínimo de 30 días de aviso previo.

9.2. A resolución do convenio suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa contraídas por calquera das partes.

Cláusula 10ª.-Adhesión de entidades financeiras ó convenio.

10.1. As entidades financeiras establecidas en Galicia que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegura-la correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nos seus anexos e manifesten o seu interese en colaborar no ámbito deste convenio, poderán insta-la súa adhesión perante o Igape dentro dos 10 días seguintes á entrada en vigor do convenio.

10.2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como modelo IV a este convenio. O Igape daralles conta ó resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

Cláusula 11ª.-Seguimento do convenio.

O Igape habilitará os mecanismos necesarios que aseguren a axeitada coordinación entre os partícipes do convenio e resolverá tódalas incidencias que poidan xurdir da interpretación das súas cláusulas.

Cláusula 12ª.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ó longo do exercicio 2003, ata a liquidación das operacións formalizadas ó seu abeiro.

Cláusula 13ª.-Dotación orzamentaria.

A dotación orzamentaria do Igape para o financiamento deste convenio elévase a 300.000 A, que se imputarán á partida 02.01-16/05/01-656700 dos seus orzamentos para o ano 2003.

Cláusula 14ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa, correspondéndolle ó presidente do Igape a interpretación do seu contido.

Modelo I

Certificación da condición de PEME

Para os efectos do convenio, terá a consideración de pequena ou mediana empresa a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna cada un dos seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores. O número de empregados corresponderá ó número de unidades de traballo/ano (UTA), é dicir, o número de asalariados a xornada completa empregados durante un ano, constituíndo o traballo a tempo parcial ou o traballo estacional fraccións de UTA. Como ano de referencia tomarase o ano do último exercicio pechado.

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual que non exceda de 27 millóns de euros. Os ditos límites calcularanse segundo o último exercicio financeiro pechado. No caso de empresas de nova creación con contas que aínda non se pechasen, os límites aplicables deberán basearse en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

I. Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25%, ou máis, do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa.

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode, lexitimamente, presumir que o 25%, ou máis, do seu capital non pertence a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa.

II. Para o cálculo dos límites recollidos nas letras a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa, directa ou indirectamente, o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto.

ANEXO II

RELACIÓN DE ENTIDADES FINANCEIRAS ADHERIDAS

Banco de Galicia

Banco Pastor

Banesto

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria

Banco Santander Central Hispano

Banco Popular

Banco Etchevarría

Banco Simeón

Banco Gallego

Banco Zaragozano

Caixa Galicia

Caixanova

Caixa Rural Galega

Caja de Ahorros y Pensiones de Barcelona La Caixa

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA