Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 695

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de xaneiro de 2003 pola que se establecen axudas económicas de carácter social para os traballadores do mar.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, nos artigos 50 e 52, recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Asuntos Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Un dos obxectivos da Consellería de Asuntos Sociais céntrase en mellora-la calidade de vida dos traballadores do mar e as súas familias mediante actuacións que permitan acada-las máis altas cotas de autonomía e independencia, así como a súa aspiración de participación na vida económica e social da comunidade.

O obxectivo desta orde céntrase pois en atender aquelas situacións xerais e de grave necesidade dos traballadores do mar e as súas familias, derivadas de carencias económicas graves, falta de familiares, enfermidades, deficiencias ou calquera outra causa e que precisan, por iso, atención económica para a súa integración social e normalidade socioeconómica.

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axústase ó establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que establecen os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración, normativa á que, en consecuencia, se adapta a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiere a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regulamentaria da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 402/2002, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de subvencións a fondo perdido para os traballadores do mar, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para atender situacións xerais e de grave necesidade.

2. Estas prestacións serán incompatibles coas que se recoñezan polo mesmo concepto e situación por calquera outro organismo, público ou privado.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas recollidas na presente orde:

1. Os traballadores afiliados e beneficiarios do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

Para os efectos desta orde, non será relevante que o traballador non estea en situación de alta ou asimilada no devandito réxime.

2. O cónxuxe e os parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción, ata o segundo grao inclusive, que convivan cos incluídos no parágrafo anterior e ó seu cargo, agás que a non convivencia se derive de sentencia xudicial de separación matrimonial ou divorcio.

3. O que, sen se-lo seu cónxuxe, conviva maritalmente cos incluídos no parágrafo anterior e ó seu cargo. Para seren beneficiarios destas prestacións deberán acreditar un ano, como mínimo, de convivencia ininterrompida.

4. Os incluídos nos parágrafos 2 e 3, logo do falecemento do titular do dereito, sempre que se acreditase que convivían co falecido e ás súas expensas, agás que a non convivencia se derivase de sentencia xudicial de separación matrimonial ou divorcio.

Artigo 3º.-Modalidades e contías.

1. Axudas económicas a persoas en estado de necesidade:

As axudas económicas a persoas en estado de necesidade teñen por obxecto palia-la insuficiencia de recursos para atende-las necesidades elementais de subsistencia e aquelas que se derivan de situacións excepcionais imposibles de afrontar cos ingresos correntes, tales como:

-Paro involuntario ou situación de non apto para traballar dos mariños que se atopen en situación de necesidade e que, tendo traballado en barcos estranxeiros, non causaren prestacións na Seguridade Social española, nin na de ningún dos países nos que traballaron, nin estean en condicións de obtelas.

-Paro forzoso non debido a paro estacional por falta de costeira ou anormal estado do mar.

-Necesidade de próteses indispensables para o desenvolvemento da vida normal, non facilitadas pola Seguridade Social ou outras institucións públicas.

-Estado de viuvez sen dereito a prestación da Seguridade Social, nin de ningún outro organismo ou entidade, sen fillos ou familiares que lle presten axuda, nin posibilidade racional de atopar traballo.

-Gastos extraordinarios de asistencia sanitaria non cubertos pola Seguridade Social.

-Sucesos extraordinarios, tales como enfermidade, incendio, roubo ou accidente ou outros similares.

-Atoparse incapacitado para o traballo, sen ter dereito a outras prestacións económicas despois de esgota-los prazos de duración das prestacións regulamentarias.

-Calquera outra similar ás anteriores que supoña grave necesidade para a familia do traballador.

Para seren beneficiarios destas prestacións ademais dos requisitos indicados no artigo 4º, será requisito indispensable que a subsistencia do solicitante non dependa fundamentalmente doutro tipo de ingresos que os que se derivan do traballo, pensión ou subsidio.

A contía máxima das axudas por estado de necesidade establécese en 1.202,02 euros por situación protexible e ano. As delegacións provinciais poderán establecer -sen supera-lo tope máximo- a contía que corresponda en cada caso concreto, segundo a gravidade das circunstancias que concorran nel.

2. Axudas para internamento psiquiátrico:

As axudas para internamento psiquiátrico teñen por obxecto contribuír á economía familiar, para facer fronte ós gastos que se orixinan pola asistencia psiquiátrica, en réxime de internamento, de calquera dos seus membros.

Para ser beneficiario da axuda por internamento psiquiátrico teranse que reunir os seguintes requisitos:

-Estar afectado por enfermidade mental, que precise de atención en réxime de internado nun centro hospitalario.

-Que non sexa posible o internamento gratuíto en centros oficiais.

A contía máxima da axuda por internamento psiquiátrico establécese en 2.103,54 euros ó ano, sen que, en ningún caso, poida exceder do importe das facturas ou do orzamento presentado.

As solicitudes deberán ir acompañadas de informe médico emitido por un médico da Seguridade Social ou dos servicios médicos da Consellería de Asuntos Sociais no que conste a enfermidade e o grao que padece o afectado, así como a necesidade de tratamento en réxime de internado.

3. Axudas para tratamento de deshabituación de toxicómanos e drogadictos:

Estas axudas teñen por obxecto contribuír ó pagamento dos gastos orixinados polo tratamento curativo rehabilitador en réxime de internado das persoas afectadas por calquera tipo de drogadicción ou alcoholismo, así como o tratamento anterior e posterior ó internamento, en centros de día.

Para acceder a este tipo de axudas cómpre reuni-los requisitos seguintes:

-Estar afectado por drogadicción cando a súa curación unicamente poida garantirse en réxime de internado nun centro especializado. Por centro especializado entenderase o que se dedique de xeito fundamental a realizar tratamentos de desintoxicación de drogadictos, sexa cal sexa a súa natureza (hospital sanitario, centros especiais, comunidades, etc...).

-Que non sexa posible o internamento en centros públicos.

As axudas para tratamentos de desintoxicación de drogadictos establécense nas mesmas contías sinaladas para internamentos psiquiátricos.

As solicitudes deberán ir acompañadas de informe médico emitido por un médico da Seguridade Social ou dos servicios médicos da Consellería de Asuntos Sociais no que conste a enfermidade e o grao que padece o afectado, así como a necesidade de tratamento en réxime de internado.

4. Axudas para educación especial:

Estas axudas teñen por obxecto contribuír ó pagamento dos gastos orixinados polo tratamento necesario de atención ou educación especial, que complete a integración social do diminuído, derivada dunha situación clínica e non de atrasos escolares.

Para acceder a este tipo de axudas deben concorre-las seguintes circunstancias:

-Que se trate dunha discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ó 33%.

-Que, aínda non reunindo os requisitos legais para obter tal grao, exista necesidade de tratamento especial.

-Que os equipos de Valoración e Orientación da Consellería de Asuntos Sociais determinen que o tratamento para o que se solicita a axuda sexa indispensable para o desenvolvemento ou a integración social do discapacitado.

-Que a entidade que imparta o tratamento non subscribise convenio de colaboración para mantemento de centros de discapacitados dependentes de institucións de iniciativa social.

Para tratamentos de atención temperá, rehabilitación e psicoterapéuticos establécese a contía mensual máxima de 90,15 euros.

As solicitudes deberán ir acompañadas de informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez na que se declare que é indispensable o tratamento.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.

Os requisitos que deberán cumpri-los beneficiarios para acceder ás prestacións económicas de carácter social son os seguintes:

1. Carece-los beneficiarios dos recursos suficientes para facer fronte por si mesmos ou polos que conviven con el unidos por matrimonio, convivencia marital, ou por lazos de parentesco por consanguinidade ou adopción, ata o segundo grao inclusive, os gastos derivados da situación da que se trate. Tal circunstancia acreditarase co respectivo informe social.

2. Os solicitantes deberán estar ó día das súas obrigas fronte á Seguridade Social. A súa acreditación levarase a cabo de oficio polas direccións provinciais do Instituto Social da Mariña.

3. Que a prestación que terá que protexer non xere dereito a prestación regulamentaria da Seguridade Social nin de ningunha outra institución, pública ou privada.

4. Reuni-los requisitos específicos que se sinalan en cada caso para acceder á prestación de que se trate.

5. Para que a axuda sexa consolidada polo solicitante, ademais de cumpri-los requisitos sinalados nos parágrafos anteriores, cómpre que obteña unha valoración social favorable, que o sitúe dentro dos créditos asignados para esta finalidade.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes debidamente asinadas polo beneficiario ou o seu representante legal formalizaranse co modelo que se achega como anexo e presentaranse nas delegacións provinciais ou por calquera das canles

previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O modelo oficial de solicitude estará á disposición dos interesados, na Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais.

3. O prazo para a súa presentación será ata o 31 de outubro.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI do solicitante ou cartilla de inscrición marítima, se é o caso.

b) Documentación da situación familiar do traballador ou outro documento que acredite os beneficiarios ó seu cargo.

c) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

d) Documentos e xustificantes (orzamentos, facturas, recibos, etc...) que en cada caso procedan, de todo o ano.

e) Para as axudas de internamento, tratamento e educación especial, especificar tempo de duración destes durante o ano.

f) Os informes esixidos no artigo 3 para cada caso en concreto.

2. As solicitudes serán informadas polos traballadores sociais das delegacións da Consellería de Asuntos Sociais, ou polos traballadores sociais de atención primaria.

Artigo 7º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude non reunise os requisitos establecidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que se non o fixese, considerarase desistido da súa petición e procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propo-la aprobación ou denegación, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde e nas demais normas de desenvolvemento.

2. A Comisión Provincial de Valoración estará constituída por:

a) Presidente: o secretario da Delegación Provincial de Asuntos Sociais.

b) Vocais: dous funcionarios da Delegación Provincial de Asuntos Sociais, sendo un deles se é posible o xefe do servicio correspondente, e un traballador social. Actuará como secretario un dos vocais da Delegación Provincial de Asuntos Sociais.

Ás reunións da comisión poderá asistir un representante designado pola Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

3. As delegacións provinciais realizarán mensualmente a valoración e selección das solicitudes presentadas.

4. Nos expedientes deixarase constancia dos informes das diferentes seccións provinciais, que se especifiquen en cada prestación e o informe do traballador social, que valorarán as condicións económicas, sociais e familiares do solicitante, ademais das circunstancias concorrentes no caso.

Os informes das distintas seccións provinciais poderán ser substituídos por documentos mecanizados, sempre que acheguen a información que se necesite.

Nesta valoración deberase ter en conta de modo especial o historial profesional do traballador ou causante e a súa dedicación ó sector marítimo.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe da comisión, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, e Orde do 19 de decembro de 2001, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, dictará a resolución que proceda.

2. O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable e o importe da axuda concedida.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

5. As solicitudes de internamento psiquiátrico, tratamento de deshabituación de toxicómanos e drogadictos e educación especial poderanse conceder polo número de meses que precise o tratamento durante o ano.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000.

3. Será de aplicación ós beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Artigo 11º.-Xustificación das axudas.

1. Sen prexuízo do referido no artigo 15 do referido Decreto 287/2000, o beneficiario deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto de axuda antes do 30 de novembro de 2003. No caso das axudas correspondentes ó mes de decembro, que pola peculiar natureza do pagamento (mensual, diario, etc...) non poidan ser xustificadas naquela data, disporán de prazo ata o día 30 do devandito mes.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais aboaranlles ós beneficiarios a contía das axudas concedidas, logo da presentación das facturas correspondentes e os xustificantes que, se é o caso, sexan requiridos na resolución da concesión.

3. No momento da xustificación da execución total da actuación, e en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para unha mesma actuación, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. A falta de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia ó interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas previstas nesta orde, existe crédito axustado e suficiente con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003, na aplicación orzamentaria 16.02.212D.485.0 por un importe total de 204.344,12 euros.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación de expedientes de gasto, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente

no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime económico e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 14º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2003.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais