Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 686

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de xaneiro de 2003 pola que se establecen subvencións para o desenvolvemento de programas de incorporación social e laboral destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, establece nos seus artigos 49, 53 e 57 b) que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servicios sociais para a promoción de actividades básicas ou innovadoras referentes a programas e servicios.

A Consellería de Asuntos Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

De acordo coas directrices comunitarias definidas na Axenda Social Europea aprobada polo Consello Europeo de Niza, a Consellería de Asuntos Sociais xestionará durante o presente período de programación de Fondos Estructurais o I Plan Galego de Inclusión Social, incluído no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006 no eixe 44: integración no mercado de traballo das persoas con especiais dificultades, que consta de dúas medidas a 44.10: apoia-la inserción das persoas discapacitadas no mercado laboral e a medida 44.11: propoñer oportunidades de integración ós colectivos en risco de exclusión do mercado de traballo. Esta orde está enmarcada nesta última medida polo que quedan excluídas do seu ámbito as entidades e asociacións de discapacitados que dispoñen de actuacións específicas na medida 44.10.

Este plan, partindo do carácter multidimensional do fenómeno da pobreza e a exclusión social, concibiuse como un conxunto integrado de medidas dirixidas á inserción sociolaboral entre as que se atopan as accións formativas, as de orientación sociolaboral e as de acompañamento social reguladas por esta orde.

Un dos principios orientadores na execución desas medidas é o enfoque integrado e a implicación do tecido social. Na súa virtude, preténdese dar cabida dentro do plan ás entidades de iniciativa social, especialmente axentes sociais e entidades de carácter non gobernamental, aumentando a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social, sendo esta orde un dos vehículos para a súa participación.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades de iniciativa social para a realización de programas de incorporación social e laboral de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos xerais para as subvencións que conceda a Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adapta esta orde, tendo en conta en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades de iniciativa social para a realización de programas de incorporación social e laboral que contribúan a fomenta-la integración no mercado de traballo de grupos e individuos en situación ou risco de exclusión social.

Artigo 2º.-Accións subvencionables.

De acordo cos obxectivos establecidos no I Plan Galego de Inclusión Social e tendo en conta as actividades que pode financia-lo Fondo Social Europeo no marco dos seus obxectivos de fomento de actuacións de desenvolvemento dos recursos humanos, que formen parte de itinerarios integrados de inserción sociolaboral, esta orde subvencionará as seguintes accións:

a) Accións formativas que estean orientadas a aprendizaxe, formación previa -incluídas a adquisición e a mellora das competencias básicas- a rehabilitación profesional, medidas de fomento da aptitude para o emprego, o asesoramento e o perfeccionamento profesional.

b) Accións de acompañamento social que consistirán na posta á disposición dos usuarios de servicios de apoio persoal e/ou familiar que faciliten o axeitado desenvolvemento dos seus itinerarios de inserción sociolaboral.

Artigo 3º.-Gastos subvencionables.

1. De acordo co Regulamento (CE) nº 1685/2000 da Comisión do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello no relativo ó financiamento de gastos de operacións cofinanciables polos fondos estructurais, e en relación co artigo anterior considéranse subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos do persoal necesarios para a execución das actividades.

-Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais no convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, salvo que, pola aplicación directa doutros convenios colectivos do sector, correspondan contías superiores.

-As retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servicios, modalidade que terá sempre carácter excepcional, nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte adecuado a realización polo persoal suxeito á normativa laboral vixente. Estas retribucións quedarán afectadas polas limitacións sinaladas no parágrafo anterior.

-As axudas de custo e gastos de viaxe tamén se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos, sempre que non superen no seu conxunto o 4 por 100 do importe total do programa subvencionado.

b) Gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade.

c) Os gastos xerais serán subvencionados a condición de que correspondan a custos reais de execución da actividade financiada pola orde e se asignen de forma rateada á operación, de acordo cun método xusto e equitativo debidamente xustificado.

d) A amortización dos instrumentos e equipos en proporción á súa utilización exclusiva para a actividade subvencionada.

e) O aluguer debidamente xustificado.

f) Os gastos dos usuarios participantes nas accións incluirán: axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes, seguros sociais dos alumnos en caso de actividades formativas. As bolsas terán unha contía máxima de 7 euros día/lectivo.

2. As dúbidas ou controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Asuntos Sociais, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

Artigo 4º.-Prazo de execución das actividades.

Ó abeiro desta orde poderán subvencionarse actividades desenvolvidas dentro deste exercicio desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro.

Artigo 5º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social referidas no artigo 32.1º c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais que teñan por obxecto das súas actividades as persoas en situación ou risco de exclusión social.

2. En particular poderán ser destinatarios desta orde:

a) As organizacións non gobernamentais que desenvolvan preferentemente as súas actividades no ámbito da loita contra a exclusión.

b) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial e as organizacións representativas da economía social.

3. As anteriores entidades deberán estar inscritas, con anterioridade á resolución da subvención, no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

Artigo 6º.-Selección de usuarios.

A selección dos usuarios das accións subvencionables con cargo a esta orde realizarase de acordo co seguinte:

a) Cando se trate de programas financiados na súa totalidade pola Consellería de Asuntos Sociais, as accións descritas no artigo 2º estarán destinadas a persoas en situación ou risco de exclusión social, acreditados e derivadas polas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais en colaboración cos servicios sociais de atención primaria, ou ben directamente polos servicios sociais de atención primaria dos concellos que dispoñan de dispositivos de integración global para persoas desfavorecidas financiados ou cofinanciados pola Consellería de Asuntos Sociais.

b) Cando a subvención concedida con cargo a esta orde cofinancie programas que dispoñen doutras achegas financeiras públicas ou privadas, os anteriores requisitos entenderanse referidos proporcionalmente ó número de usuarios que deba atende-la entidade con cargo á subvención concedida.

Artigo 7º.-Financiamento.

1. A concesión das subvenciones reguladas nesta orde terán como límite global o crédito asignado para estes fins no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2003, polo importe global de 601.460 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia das modificacións orzamentarias, na aplicación 16.03.212A.482.1.

2. De conformidade co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 24 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, no exercicio anterior ós dos orzamentos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano 2003 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo oficial publicado como anexo I desta orde. A devandita solicitude deberá ir acompañada ademais pola seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

d) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

h) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo IV). No programa deberanse concretar polo menos os seguintes puntos:

-Denominación de cada programa ou actividade.

-Resumo do contido de cada programa.

-Perfil dos destinatarios e número de usuarios previstos.

-Descrición e fins de cada programa.

-Período de execución. Localización territorial.

-Metodoloxía e instrumentos que se van utilizar.

i) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento (anexo V).

Artigo 9º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 10º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Asuntos Sociais, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve ó anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas e ás que teñen solicitada a inscrición, para os efectos de comproba-lo disposto no artigo 5º.3.

2. Os servicios centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirán ós interesados para que no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que se así non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que

deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión de Valoración de Subvencións, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das subvencións, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

4. A composición da Comisión de Valoración de Subvencións será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

b) Vocais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais, xefa de Servicio de Prestacións. Ademais actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do presidente. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Delegada.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da Comisión de Valoración de Subvencións e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servicio que o substituído.

Artigo 12º.-Criterios de valoración das subvencións.

1. Criterios relativos ás entidades solicitantes:

-Ámbito territorial da entidade e número de socios ou afiliados.

-Garantías de realización de programas de inserción sociolaboral.

-Estructura, capacidade e eficacia de xestión suficientes e acreditadas para levar a cabo os programas que presenten.

-Adecuación dos recursos humanos e incorporación de voluntariado na execución dos programas.

2. Criterios relativos ós programas presentados:

-A complementariedade coas actuación públicas ou a satisfacción de necesidades sociais non cubertas suficientemente.

-Adecuación do custo medio por usuario ó orzamento do programa.

-Valoración dos obxectivos que se pretenden alcanzar en función do contido técnico do programa e do número de usuarios que se vai atender.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola conselleira de Asuntos Sociais.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo ós criterios de valoración establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ós interesados no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase recorrer potestativamente en reposición ante a conselleira de Asuntos Sociais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida notificación.

De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

5. En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión da subvención a entidade beneficiaria deberá remitir no prazo dun mes certificación acreditativa de que foi aceptada a subvención.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos xerais para as subvencións que conceda a Administración autonómica.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

3. Serán de aplicación ós beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro polo que se establecen os requisitos xerais para as subvencións que conceda a Administración autonómica.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

1. As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Acredita-la realización da actividade ou servicio que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que concede. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos ós programas concedidos, a condición de subvencionada pola Consellería Asuntos Sociais e o Fondo Social Europeo.

c) Remitir no prazo de dez días hábiles os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería. En particular, o beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

d) Autoriza-la inspección dos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais.

Para verifica-lo cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social aplicará un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás actividades subvencionadas aprobadas, e emitirá un informe do progreso da acción e do seu grao de execución.

e) Comunicar á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos programas.

f) Adecua-la metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento de beneficiarios ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Asuntos Sociais.

g) Todas aquelas obrigas que se desprendan do articulado desta orde.

2. As entidades que realicen actividades formativas ademais deberán:

a) Remitir, no día de inicio de cada curso, unha certificación xustificativa do seu comezo.

b) Contratar un seguro de accidentes para os alumnos que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso como os do traxecto ó lugar onde se impartan as prácticas, se é o caso.

c) Remitir ó remate da actividade unha ficha rexistro de actividades formativas.

Artigo 16º.-Pagamento das subvencións.

1. Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.010,12 euros, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata o 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións

para as que foi concedida, mediante os documentos xustificativos que se relacionan no artigo seguinte.

2. Nos demais casos, sempre que se trate de entidades sen ánimo de lucro, e de conformidade co establecido no Decreto 287/2000 e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de decembro de 2002 o pagamento das axudas poderá facerse nos seguintes prazos:

a) Un primeiro, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación, que poderá acordarse no momento da súa concesión.

b) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique ter realizado o gasto equivalente.

c) O 20% restante farase efectivo, unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida.

Artigo 17º.-Documentación xustificativa dos gastos.

1. De conformidade co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedan exentas de acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Para facer efectivo o anticipo previsto no artigo 16º.2 a) deberá presentarse certificación ou declaración xurada, se é o caso, do director ou responsable da entidade, do inicio das actividades.

3. Para facer efectivos os pagamentos parciais previstos no artigo 16º.2 b) deberase presenta-la documentación referida nas letras a), b) dos puntos seguintes.

4. Para facer efectivos os pagamentos finais regulados no artigo 16º.2 c) deberase presentar:

a) Certificación asinada e selada polo representante da entidade na que se acredite a realización das actividades así como o seu importe.

b) Relación de facturas que soporten o gasto certificado ou documento contable de valor probatorio equivalente con expresión do seu número, data, concepto e importe. As facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, e nas súas modificacións posteriores.

c) Balance de ingresos e gastos, referido ó custo total do programa, segundo o modelo proporcionado no anexo VI, asinado polo presidente ou responsable da entidade no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da subvención.

d) Memoria breve da actividade na que se concreten os puntos sinalados no programa de actividades.

e) No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peti

cionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas por esta orde.

5. A remisión da documentación referida no punto anterior, letras d) e e) considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 18º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 ó 23 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime económico e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2003.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais