Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 681

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de xaneiro de 2003 pola que se establecen axudas individuais para o tratamento de drogodependencias en comunidades terapéuticas.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, establece os servicios sociais de atención especializada na área de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, orientándoos especificamente ó desenvolvemento de programas de prevención e inserción social das persoas afectadas por calquera forma de toxicomanía; os seus artigos 50 e 51 recollen a posibilidade de lles conceder prestacións e axudas económicas periódicas ás persoas que se atopen en situacións de necesidade material e marxinación social.

A Consellería de Asuntos Sociais, creada polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, coa estructura orgánica fixada polo Decreto 402/2001, do 28 de decembro, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servicios sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Un dos obxectivos prioritarios da nova Consellería de Asuntos Sociais é precisamente consegui-la inserción social das persoas afectadas por unha problemática específica de integración, como é o caso das persoas toxicómanas ou alcohólicas, constituíndo o apoio do seu ingreso en comunidades terapéuticas a canle adecuada para facilita-la súa deshabituación no consumo de substancias psicotrópicas ou no abuso do alcohol.

O Plan de Galicia sobre Drogas establece, como directrices xerais, a descentralización das accións e a centralización da planificación operativa, así como a distribución equitativa de recursos en cinco áreas diferentes: prevención, asistencia, reinserción, formación e investigación.

Tendo en conta a demanda de axudas en materia de tratamento de drogodependencias, a conveniencia en determinados casos de levala a cabo en comunidades terapéuticas e o alto custo da estadía neste tipo de centros non dependentes do Plan de Galicia sobre Drogas, faise necesaria a existencia de axudas orientadas a sufraga-lo seu importe durante o período de vixencia da presente orde.

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto no

Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións que conceda a Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 402/2001, do 28 de decembro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de axudas individuais para o tratamento de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, en comunidades terapéuticas situadas tanto na Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do territorio nacional.

As ditas comunidades terapéuticas, en todo caso, deberán contar coa autorización de funcionamento outorgada pola Administración autonómica respectiva.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas afectadas por algún tipo de toxicomanía que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os seguintes requisitos:

1. Existencia dunha necesidade real e obxectiva do tratamento neste tipo de recurso.

2. Non percibir prestación económica de análoga natureza e finalidade a cargo de institucións ou organismos públicos e/ou privados.

Artigo 3º.-Contía.

A contía das axudas poderá chegar á totalidade dos gastos derivados da estadía e do tratamento na comunidade terapéutica.

Artigo 4º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas na presente orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003, por un importe inicial máximo de 86.071 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia

de modificacións orzamentarias, na aplicación 16.03.212A.482.3.

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de subvencións, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano 2003 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 5º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, debidamente cubertas polo beneficiario ou polo seu representante legal, se é o caso.

2. Documentación que se presentará coa solicitude:

2.1. Fotocopia do DNI do beneficiario ou do seu representante legal, dado o caso.

2.2. Informe da Unidade Asistencial de Drogodependencias da rede do Plan de Galicia sobre Drogas correspondente ó seu ámbito territorial, sobre a pertinencia do ingreso do solicitante da axuda na comunidade terapéutica.

2.3. Informe social relativo á situación persoal, familiar, económica e social do solicitante expedido pola referida Unidade Asistencial de Drogodependencias se aquel recibiu tratamento nela, ou polos servicios sociais de atención primaria do concello de residencia nos demais casos.

2.4. Xustificante dos ingresos económicos da unidade familiar, última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou certificación negativa da correspondente delegación de facenda en caso de non a presentar.

2.5. No caso de que estea ou estivese a tratamento por causa da mesma natureza, informes de que dispoña.

2.6. Certificación expedida polo representante da comunidade terapéutica na que se acredite que o solicitante está ingresado ou ten demandado o seu ingreso así como o custo real do tratamento.

2.7. Declaración de non percibir outras axudas públicas para igual concepto ou, en caso contrario, acreditación do importe total das subvencións percibidas.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

As solicitudes deberán ser presentadas nun prazo de dous meses, contados desde a entrada en vigor da presente orde.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. Presentación das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse perante as delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, centros de servicios sociais, servicios sociais municipais e de conformidade co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. Unha vez completados os expedientes, pasarán á comisión de valoración, a cal, unha vez estudiada cada solicitude, efectuará proposta de resolución que lle remitirá ó delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais.

2. Para tal efecto, en cada delegación provincial constituirase unha comisión de valoración composta polos seguintes membros:

-Presidente: delegado provincial.

-Vocais: 2 funcionarios designados polo delegado provincial, un dos cales deberá ser un xefe de servicio, actuando calquera deles como secretario.

3. Ás reunións da comisión poderán asistir un representante da oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, con voz e voto, así como un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

4. Se, por calquera causa, algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que sexa posible, noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Artigo 9º.-Orde de prelación na concesión de axudas.

Dado o carácter limitativo dos créditos destinados a estas axudas, a comisión de valoración establecerá

unha orde de prelación para as propostas de resolución, de acordo coas circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Delégase a competencia para resolve-la concesión das axudas solicitadas ó abeiro da presente orde nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais.

2. Finalizada a fase de instrucción coa formulación das propostas de resolución polas comisións de valoración e unha vez fiscalizadas polas respectivas intervencións territoriais, os delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais dictarán resolución motivada na que se especifique en cada caso a comunidade terapéutica na que o beneficiario recibirá o tratamento así como o importe da axuda que se lle concede.

3. O importe das axudas para outorgar determinarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo ás circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

4. O prazo máximo para a resolución do procedemento e a súa notificación será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. As resolucións notificaranse ó interesado, ou ó seu representante legal, e á comunidade terapéutica correspondente.

Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa poderase entender desestimada a concesión da subvención.

5. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando no fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes.

3. En materia de infraccións e sancións rexerá o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Seguimento.

Trimestralmente presentarase un informe, expedido pola comunidade terapéutica na que estea o beneficiario, no que se faga consta-la súa evolución.

Artigo 13º.-Pagamento.

O pagamento efectuarase, en prazos trimestrais, directamente á comunidade terapéutica á que acuda o beneficiario, segundo o acordo con aquela en cada caso, unha vez recibida a certificación do responsable do centro sobre a permanencia neste do beneficiario, de acordo co establecido no artigo anterior. En todo caso respectaranse os límites establecidos na lei orzamentaria en vigor en canto á realización de pagamentos parciais.

Así mesmo no momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás axudas reguladas pola presente orde.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da

contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

2. Igualmente procederá ó reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do tratamento que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase conforme co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ó 23 do texto refundido da Lei 11/1991, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais e as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para, no exercicio das súas competencias, dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2003.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais