Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 700

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de xaneiro de 2003 pola que se convocan axudas para discapacitados e maiores en estado de necesidade.

A orde da Consellería de Asuntos Sociais, do 9 de abril de 2002 (DOG nº 78, do 23 de abril) regula o procedemento para a concesión de axudas a discapacitados e maiores en estado de necesidade.

A citada orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras das axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, polo que previstas as bases reguladoras das axudas ós discapacitados e maiores en estado de necesidade, con vixencia indefinida na Orde do 9 de abril de 2002, cómpre establece-la convocatoria das citadas axudas para o ano 2003, mediante a presente orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de conformidade co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, e no Decreto 402/2001, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2003, das axudas ós discapacitados e maiores en estado de necesidade, de conformidade coas bases reguladoras previstas na Orde do 9 de abril de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 78, do 23 de abril.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para acceder ás axudas, os solicitantes deberán cumpri-los requisitos establecidos no artigo 2 da Orde do 9 de abril de 2002.

2. As ditas axudas teñen por finalidade mellora-la calidade de vida das persoas con discapacidade e maiores en estado de necesidade.

Artigo 3º.-Solicitudes de axuda.

As solicitudes de axuda presentaranse na forma e prazo establecidos nos artigos 4 e 5 da Orde do 9 de abril de 2002 e formularanse de conformidade co modelo de anexo da citada orde.

Artigo 4º.-Forma e prazo de xustificación das axudas.

Para o pagamento das axudas os beneficiarios deberán ter realizadas e xustificadas as actuacións

que fosen obxecto de axuda nos prazos e forma establecidos no artigo 11 da Orde do 9 de abril de 2002.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. A presente orde de convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.212D.480.0 polo importe de 459.041 euros e 16.02.212D.482.5 polo importe de 401.656 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condiciónanse á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2003, neste momento en trámite parlamentario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2003.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais