Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 2003 Páx. 273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal de Concellos Serra do Barbanza.

Visto o texto dos estatutos modificados, consistente na modificación dos artigos 1, 6, 9, 20 e disposición transitoria, pola incoporación do Concello de Noia e a separación dos concellos da Pobra do Caramiñal e Rianxo, observándose que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1885, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

1. Que a proposta de modificación dos estatutos foi aprobada pola xunta da mancomunidade en sesión celebrada o 17 de xullo de 2002.

2. O día 31 de xullo de 2002, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable respecto da modificación.

3. Segundo certificación do secretario da mancomunidade, o proxecto foi exposto a información pública durante o prazo de 1 mes, mediante edicto publicado no BOP da Coruña nº 209, do 11 de setembro de 2002, sen que se producisen reclamacións.

4. Así mesmo, con data 27 de setembro de 2002, a dita modificación recibiu informe favorable da Deputación Provincial da Coruña.

5. O presidente da mancomunidade, con data de entrada nesta consellería do 9 de decembro de 2002, remitiu certificacións dos acordos adoptados polos plenos dos concellos que conforman a mancomunidade de aprobación definitiva de incorporación do Concello de Noia e a separación dos concellos da Pobra de Caramiñal e Rianxo e consecuentemente a modificación dos artigos 1, 6, 9, 20 e a disposición transitoria que rexerán a mesma, así como unha copia certificada dos estatutos modificados para a súa publicación no DOG.

Polo tanto, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñer a publicación da modificación dos artigos 1, 6, 9, 20 e a disposición transitoria dos estatutos da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, de conformidade co establecido no art. 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recolle como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2002.

P.S.(Orde 27-9-2002, DOG nº 189, do 1 de outubro)

Juan José Martín Alvarez

Director xeral de Xustiza

ANEXO

Artigo 1.-Denominación e concellos que a integran.

1º A mancomunidade intégrase polos seguintes concellos: Brión, Lousame, Muros, Noia e Porto do Son.

Artigo 6.-Xunta da mancomunidade.

1º Estará composta por un número legal de vinte (20) vocais: o alcalde e tres concelleiros de cada un dos concellos. Os tres concelleiros deberán pertencer a partidos políticos diferentes para asegura-la representatividade na Xunta de tódalas tendencias políticas existentes en cada concello.

Artigo 9.-Funcionamento da xunta.

3º Para a válida celebración das sesións da xunta da mancomunidade será necesaria a asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, sendo, en todo caso, necesaria tamén a asistencia do presidente e do secretario ou de quen legalmente os substitúa.

Artigo 20.-Separación de concellos.

1º Calquera dos concellos membros poderá separarse voluntariamente da mancomunidade, logo de liquidación das débedas pendentes, sempre e cando teña transcorrido un período mínimo de dez anos de pertenza á mancomunidade e se tramite o correspondente expediente.

Disposición transitoria

Única.-Aplicación da modificación realizada no artigo 20 dos estatutos.

A modificación realizada no artigo 20. 1º dos estatutos da mancomunidade, relativo á separación de

concellos, non será aplicable a aqueles concellos que na data en que a asemblea da mancomunidade acordou aproba-la devandita modificación tiveran xa iniciados os trámites para a súa separación da mancomunidade.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE