Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 07 de xaneiro de 2003 Páx. 96

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 355/2002, do 5 de decembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia.

Polo Real decreto 1503/1997, do 26 de setembro, acordouse a segregación das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Oviedo, constituíndose o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia polo Decreto 332/1997, do 13 de novembro.

O devandito colexio, reunido en xunta xeral extraordinaria, que tivo lugar o día 15 de xuño de 2002, procedeu á aprobación dos seus estatutos, comunicándoos á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para os efectos da súa aprobación definitiva, inscrición no rexistro de colexios e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-los estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia (no sucesivo o colexio) é unha corporación de dereito público e de carácter profesional, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia, que se rexerá polas leis e disposicións vixentes na materia e polas prescricións dos presentes estatutos.

2. O colexio ten plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, e de acordo coa legalidade vixente, pode adquirir, vender, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar toda clase de bens e dereitos, realizar contratos, obrigarse e exercitar accións e interpor recursos en tódalas vías e xurisdiccións para o cumprimento dos seus fins.

3. O colexio funcionará baixo o principio de estructura interna democrática, independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que con elas lle corresponda.

Artigo 2º.-Relacións coa Administración.

O colexio, nas cuestións relativas ós aspectos institucionais e corporativos, relaciónase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou a competente en materias de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ó contido da profesión ou actividade profesional, coa Consellería de Industria e Comercio ou coa Administración competente por razón da materia. A relación coa Administración do Estado será a través do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos de Minas ó que pertence.

Artigo 3º.-Ámbito territorial e domicilio.

O ámbito territorial do colexio é o correspondente ás provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que constitúen a Comunidade Autónoma de Galicia. O seu domicilio e sede radicará en Santiago de Compostela, capital de Galicia, sen prexuízo de levar a cabo reunións en calquera lugar do seu ámbito territorial, para o cal poderán establecerse oficinas administrativas territoriais.

Artigo 4º.-Membros do colexio.

1. O colexio agrupará obrigatoriamente a tódolos españois e estranxeiros que, por estaren en posesión

de calquera dos títulos oficiais de enxeñeiro técnico de minas, facultativo de minas e perito de minas, expedidos polo Estado, ou dos comunitarios ou estranxeiros que se homologuen a estes, desenvolvan actividades propias da profesión ou exerzan función ou cargo en razón dos devanditos títulos. Estes serán os chamados membros ou colexiados de número.

2. O colexio contempla tamén os membros ou colexiados de honra, que serán aquelas persoas, pertencentes ou non á profesión que rendan ou renderan servicios destacados a este ou á profesión. O título de membro ou colexiado de honra será outorgado, mediante acordo da Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

3. De conformidade co disposto no artigo 2.3º da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobada pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, abondará coa colexiación a un só colexio territorial, que será o do domicilio profesional único ou principal. O exercicio no ámbito territorial doutro colexio diferente ó de adscrición deberá comunicarse mediante o procedemento que se regula no artigo 11 destes estatutos.

Artigo 5º.-Fins.

1. Son fins esenciais do colexio os que a título enunciativo e non limitativo se relacionan de seguido:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia, e de acordo co establecido polas leis, do exercicio da profesión de enxeñeiro técnico de minas en tódalas súas formas e especialidades, a representación exclusiva desta profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados.

b) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enxeñeiro técnico de minas, mediante a promoción, salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e éticos da profesión e da súa dignidade e prestixio.

c) Logra-la constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, mediante a promoción e fomento do progreso das actividades propias da profesión, do desenvolvemento científico e técnico, así como da solidariedade profesional e do servicio da profesión á sociedade.

d) Cooperar na mellora dos estudios conducentes á obtención do título de enxeñeiro técnico de minas, favorecendo as ensinanzas técnicas profesionais de investigación relacionadas coa carreira, facilitando a formación de técnicos aptos para as súas diversas funcións, promovendo para este efecto a intelixencia entre os centros de ensino e as empresas para obte-lo máximo nivel intelectual, cultural e de aplicación dos enxeñeiros técnicos de minas.

e) Colaborar coas administracións públicas na consecución dos dereitos individuais e colectivos da profesión recoñecidos pola Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia ós colexios profesionais.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo das competencias das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

3. O cumprimento dos ditos fins desenvolverase no ámbito estrictamente profesional; quedan excluídas aquelas actividades que a Constitución atribúe especificamente ós partidos políticos, ós sindicatos e a outras asociacións.

Artigo 6º.-Funcións.

Para o cumprimento dos devanditos fins, o colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación estatal e autonómica e, como propias, as seguintes:

a) Facilitarlles ós colexiados o exercicio da profesión, procurando a irmandade entre todos eles.

b) Asesora-las administracións públicas, corporacións oficiais e persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que directa ou indirectamente afecten a profesión ou os seus colexiados, realizando estudios, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e demais actividades relacionadas cos seus fins que puidesen solicitarlles ou por iniciativa propia.

c) Emitir informe sobre os proxectos de lei e as disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñería técnica mineira, ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional dos enxeñeiros técnicos de minas e á súa interrelación con outras profesións conexas, co ensino, ás súas atribucións, ós seus honorarios orientativos ou ó réxime de incompatibilidades.

d) Exerce-la representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, institucións, tribunais ou entidades e particulares con lexitimación para ser parte en todos aqueles litixios que afecten os intereses profesionais, en defensa dos seus dereitos e honorarios producidos polos seus traballos, así como exercita-lo dereito de petición conforme a lei.

e) Participar nos consellos ou organismos consultivos das distintas administracións públicas en materia da súa competencia profesional, cando as súas normas reguladoras o permitan, así como estar representado nos órganos de participación social existentes.

f) Participar na elaboración dos plans de estudio das ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coas actividades propias da profesión e emitir informe sobre a posible creación de escolas universitarias de enxeñería técnica mineira, mantendo contacto con estas, e prepara-la información necesaria para facilita-lo acceso á vida profesional dos novos titulados. Esta participación non terá en ningún caso carácter vinculante.

g) Estar representados, se é o caso, nos consellos sociais das universidades onde se impartan os estudios de enxeñería técnica mineira, de conformidade co que estableza a lexislación aplicable.

h) Cooperar coa Administración de xustiza e demais organismos oficiais na designación de colexiados que puidesen ser requiridos para realizar informes, dictames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais, para o que se facilitará

periodicamente, e sempre que o soliciten, a relación de colexiados dispoñibles para estes efectos.

i) Colaborar coa Administración xeral do Estado e administracións autonómicas na realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle sexan solicitadas ou decida formular por iniciativa propia.

j) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, que deberá realizarse en réxime de libre competencia, e suxeitarse, en canto á oferta de servicios e á fixación da súa remuneración á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal. Así mesmo velar pola ética, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo debido respecto ós dereitos dos particulares, exercendo, se cabe, a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

k) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo. Os acordos, decisións e recomendacións con transcendencia económica observarán inescusablemente os límites da Lei sobre defensa da competencia e a Lei sobre a competencia desleal.

l) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais de traballos previamente visados, só por petición libre e expresa dos colexiados, nas condicións que se determinen nestes estatutos ou na correspondente normativa do colexio, así como comparecer ante os tribunais de xustiza, por substitución dos colexiados, exercitando as accións procedentes en reclamación dos honorarios reportados polos mesmos no exercicio da profesión.

m) Impedir e, se é o caso, denunciar ante a Administración, e incluso perseguir ante os tribunais de xustiza, tódolos casos de intrusismo profesional que afecten os enxeñeiros técnicos de minas e o exercicio da profesión.

n) Intervir, pola vía da conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

o) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión.

p) Realiza-los recoñecementos de sinatura ou o visado de proxectos, informes, dictames, valoracións, peritaxes e demais traballos realizados polos colexios no exercicio da súa profesión, de conformidade co establecido no artigo 16º, así como editar e distribuír impresos dos certificados oficiais que para esta función aproben os órganos de goberno.

q) Manter un activo e eficaz servicio de información sobre os postos de traballo que poden desenvolve-los enxeñeiros técnicos de minas, co fin de conseguir unha maior eficacia no seu exercicio profesional.

r) Emitir informes nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios.

s) Organizar actividades e servicios comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión.

t) Cumprir e facerlles cumprir ós colexiados os estatutos, así como as normas e acordos adoptados polos órganos de goberno en materias da súa competencia.

u) Tódalas outras funcións que lle sexan atribuídas polas disposicións vixentes e que beneficien os intereses profesionais dos colexiados ou da profesión.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Adquisición, denegación e perda da condición

de colexiado

Artigo 7º.-Colexiación.

1. Para ser colexiado é necesario estar en posesión do título universitario oficial de enxeñeiro técnico de minas, facultativo de minas e perito de minas, ou ben título estranxeiro equivalente, sempre que en virtude de convenio de reciprocidade entre ámbolos países, o Goberno español lles outorgue ós devanditos titulados a autorización expresa para poderen exerce-la profesión de enxeñeiro técnico de minas.

2. Os titulados aceptan, polo mero feito de solicita-la súa colexiación, o contido dos presentes estatutos.

3. As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

a) Toda petición de incorporación ó colexio deberá formalizarse, mediante instancia dirixida ó decano-presidente, acompañada do título profesional e aqueles documentos que determine a Xunta de Goberno. Esta petición será resolta pola Xunta de Goberno no prazo máximo de tres meses desde a súa formulación ou, se é o caso, desde que o interesado achegue os documentos necesarios ou se corrixan os defectos reparables da petición, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Rematado este prazo mailo que se dea de acordo coa Lei 30/1992, sen que se resolva a solicitude de incorporación ó colexio, poderase entender aceptada esta, nos termos establecidos no artigo 43 da citada Lei 30/1992.

c) O colexio está na obriga de emitir certificación acreditativa da aceptación da solicitude de colexiación, por silencio administrativo, cando sexa requirido para iso.

Artigo 8º.-Denegacións.

1. A colexiación poderá ser denegada:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas respecto á súa autenticidade.

b) Cando o peticionario estea baixo condena imposta polos tribunais de xustiza que leve anexa unha pena accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Cando estea suspendido no exercicio da profesión por outro colexio e non obteña a correspondente rehabilitación.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación, que deberán comunicarse ó solicitante de forma debidamente razoada, cabe recurso de alzada ante o Consello Xeral, que deberá interporse no prazo dun mes desde a data de notificación da denegación de incorporación ó colexio.

3. Contra a resolución do recurso de alzada, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo na forma e prazos establecidos na Lei de xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Baixas.

1. Pérdese a condición de colexiado en calquera das seguintes circunstancias:

a) Por petición propia, mediante instancia dirixida ó decano-presidente do colexio. Esta petición non eximirá do cumprimento das obrigas que o interesado contraese anteriormente co colexio.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentencia xudicial firme ou pola resolución firme dun expediente disciplinario pola que se impoña a expulsión do colexio.

c) Por falta de pagamento da cota colexial durante un ano ou doutras achegas establecidas polos órganos de goberno do colexio, tralo requirimento de pagamento co prazo de dous meses para o seu aboamento.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas expresadas nos números 1 b) e 1 c) deste artigo deberá ser comunicada por calquera medio do que quede constancia ó interesado, momento no que producirá efecto.

Artigo 10º.-Reincorporación.

1. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9.1º c) destes estatutos, o solicitante deberá satisface-la débeda pendente mailos intereses legais, se procede, desde a data da orde de pagamento daquela.

2. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9.1º b) destes estatutos, o solicitante deberá acredita-lo cumprimento da pena ou sanción que motivou a súa baixa colexial.

Artigo 11º.-Colexiación única e exercicio en territorio diferente ó da colexiación.

1. O colexiado que desexe actuar no ámbito territorial doutro colexio deberá comunicalo previamente a este colexio, detallando o lugar e servicio profesional concreto que constitúa a actuación.

2. O colexio comunicará a devandita intervención, con anterioridade a esta, ó colexio do ámbito territorial no que se desenvolva, detallando o nome e

apelidos do colexiado, o seu domicilio profesional, así como o servicio profesional concreto que constitúa a actuación.

3. O colexio unicamente poderá negarse á devandita comunicación se o colexiado non se atopa ó día das súas obrigas e cargas colexiais, ou se existe algunha causa que o inhabilite para o exercicio da profesión.

4. Unha vez cumprido o trámite anterior, o colexiado estará facultado para a realización do acto profesional. A citada comunicación esgotará os seus efectos co concreto servicio ou acto profesional que constituía o seu obxecto.

5. Os profesionais doutros colexios que actúen na Comunidade Autónoma de Galicia aboarán, nas mesmas condicións que os colexiados deste colexio, os dereitos económicos correspondentes ó visado dos seus traballos e quedan suxeitos, durante a súa actuación profesional, ó réxime disciplinario vixente neste colexio.

Capítulo II

Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 12º.-Dereitos.

Son dereitos dos colexiados:

a) Actuar profesionalmente en todo o territorio nacional, de acordo co previsto no artigo anterior.

b) Ser asistido, asesorado e defendido polo colexio, de acordo cos medios dos que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, cando se lesionen ou menoscaben os seus dereitos ou intereses profesionais.

c) Ser representado pola Xunta de Goberno do colexio, cando así o solicite, nas reclamacións de calquera tipo dimanantes do exercicio profesional, nos termos que regulamentariamente se fixen.

d) Emprega-los servicios e medios do colexio nas condicións que regulamentariamente se fixen.

e) Participar, como electores e como elixibles, en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial; intervir de forma activa na vida do colexio; ser informado, informar e participar con voz e voto nas xuntas xerais do colexio.

f) Formar parte das comisións ou seccións que se establezan.

g) Presentar á Xunta de Goberno escritos con peticións, queixas ou suxestións relativas ó exercicio profesional ou á marcha do colexio.

h) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos e á información coñecidos con ocasión do exercicio profesional.

i) Someter a conciliación ou arbitraxe do colexio as cuestións de carácter profesional que se produzan entre os colexiados.

Artigo 13º.-Deberes.

Son deberes dos colexiados:

a) Exerce-la profesión eticamente e cumprindo os preceptos e normas das disposicións vixentes, actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto cara ós compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

b) Acatar e cumprir estes estatutos e, en xeral, as normas que rexen a vida colexial, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio, sen prexuízo dos recursos oportunos.

c) Poñer en coñecemento do colexio tódolos feitos que poden afecta-la profesión tanto particular como colectivamente considerada; a importancia destes feitos pode determina-la intervención corporativa con carácter oficial.

d) Someter ó visado do colexio toda a documentación técnica ou facultativa que subscriba no exercicio da súa profesión, segundo o disposto no artigo 16º, aboando ó colexio os dereitos económicos que se establezan pola práctica do visado.

e) Comunicar ó colexio, no prazo de trinta días, os cambios de residencia ou domicilio.

f) Asistir ós actos corporativos.

g) Aboar, cando sexan emitidas, as cotas e contribucións establecidas polos órganos de goberno do colexio.

h) Desenvolver con dilixencia e eficacia os cargos para os que fose elixido, e cumpri-los encargos que os órganos de goberno poidan encomendarlle.

i) Cooperar coa Xunta Xeral e coa Xunta de Goberno, prestando declaración e facilitando información nos asuntos de interese colexial nos que poida ser requirido, sen prexuízo do segredo profesional.

j) Garda-lo segredo profesional.

k) Dar conta ante o colexio de quen exerza actos propios da profesión sen posuír título que o autorice ou de quen non estea colexiado a pesar de posuílo.

Capítulo III

Os principios básicos reguladores

do exercicio profesional

Artigo 14º.-Funcións da profesión.

1. Conforme o previsto no artigo 36 da Constitución, a lei regulará o exercicio da profesión titulada de enxeñeiro técnico de minas e as actividades para o exercicio das cales é obrigatoria a incorporación ó colexio.

2. Sen prexuízo do anterior, así como das atribucións profesionais e normas de colexiación que se contemplan nas leis reguladoras doutras profesións, o colexio considera funcións que pode desempeña-lo enxeñeiro técnico de minas na súa actividade profesional, as que están indicadas nas leis e normativas vixentes.

Artigo 15º.-Modos do exercicio da profesión.

1. A profesión de enxeñeiro técnico de minas pode exercerse de forma libre, xa sexa individual ou asociativamente, en relación laboral con calquera empresa pública ou privada ou mediante relación de funcionario.

2. En calquera caso, o exercicio da profesión baséase no respecto á independencia do criterio profesional, sen límites ilexítimos ou arbitrarios no desenvolvemento do traballo, no servicio á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

3. O exercicio da profesión de enxeñeiro técnico de minas realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servicios e fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal, todo isto sen prexuízo da lexislación xeral e específica aplicable na ordenación substantiva propia destes titulados.

Artigo 16º.-Visado de traballos profesionais.

1. Os colexiados atópanse na obriga de someter a visado do colexio tódolos traballos que realicen no exercicio libre da profesión, aboando ó colexio os dereitos de canon de visado. Unha normativa regulará o procedemento de visado.

2. Será aconsellable, para o colexio proceder ó visado do proxecto, plans de labores, permisos de investigación ou calquera outro traballo profesional que o colexio autor do proxecto ou director facultativo do plan de labores teña subscrito co interesado, empresa ou sociedade, unha folla de encargo ou contrato de dirección facultativa, respectivamente. Isto será indispensable para a defensa dos dereitos do colexiado.

3. En ningún caso o visado comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se deixan ó libre acordo das partes, todo isto de conformidade coa lexislación sobre defensa da competencia e competencia desleal.

4. O colexio esixirá o visado nos traballos profesionais dos colexiados, tanto se actúan de maneira individual como asociada, por conta propia ou contratados ó servicio das empresas, sociedades etc., que legalmente constituídas, proxecten, dirixan ou realicen traballos que puidesen ser atribuíbles ós enxeñeiros técnicos de minas.

5. Esta obrigatoriedade de visado faise extensible ós traballos profesionais realizados polos colexiados para as administracións públicas correspondentes, cando estas, total ou parcialmente, remuneren os ditos servicios en concepto de honorarios profesionais.

6. As administracións públicas correspondentes que deban autorizar ou tramitar un traballo profesional só o admitirán se este foi previamente visado polo colexio.

7. O visado é un acto colexial de control profesional que comprende o acreditación da identidade do colexiado, as súas atribucións para levar a cabo o traballo, a non incompatibilidade e o non estar suxeito a sanción disciplinaria que impida a súa realización. Así mesmo, supón a comprobación da suficiencia e corrección externa da documentación integrante do traballo.

8. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o colexiado asinante é responsable da calidade técnica do traballo que realiza e do seu axuste á normativa sectorial correspondente. O colexio unicamente responde da corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non das previsións, cálculos e conclusións que o integran.

Artigo 17º.-Publicidade.

O enxeñeiro técnico de minas evitará toda forma de competencia desleal e aterase na súa publicidade ás normas que establezan os órganos de goberno do colexio.

TÍTULO III

Organización básica do colexio

Capítulo I

Dos órganos de goberno, as súas normas

de constitución e funcionamento

e as súas competencias

Artigo 18º.-Órganos de representación.

Os órganos de representación, desenvolvemento normativo, control, goberno e administración do colexio son:

-A Xunta Xeral.

-A Xunta de Goberno.

-O decano-presidente.

Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, que estarán recollidos na acta da reunión, serán efectivos de inmediato, salvo que conteñan pronunciamento en contra da súa entrada en vigor.

Artigo 19º.-A Xunta Xeral.

1. A Xunta Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade do colexio, está formada por tódolos colexiados con igualdade de voto, e adoptará os seus acordos polo principio maioritario e en concordancia cos presentes estatutos.

2. Os acordos adoptados obrigan a tódolos colexiados, mesmo ós ausentes, disidentes ou os que se absteñan e incluso os que recorran contra aqueles, sen prexuízo do que resolva o Consello Xeral, ou os tribunais competentes.

3. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ó ano; unha, no último trimestre para exame e aprobación do orzamento, e outra, no primeiro semestre para a aprobación das contas de información xeral sobre a marcha do colexio en tódolos seus aspectos.

4. Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cando o considere necesario o decano-presidente ou a Xunta de Goberno, ou cando o pida coa súa sinatura a terceira parte dos colexiados especificando o punto ou os puntos da orde do día que desexan que sexan tratados.

5. As sesións da Xunta Xeral ordinaria serán convocadas pola Xunta de Goberno sempre cunha antelación mínima de quince días respecto á data da súa realización, mediante comunicación escrita a tódolos colexiados; a convocatoria incluirá a data, hora e lugar da reunión, así como a orde do día e información complementaria que se crea oportuna.

6. Tódolos colexiados teñen o dereito e o deber de asistir á Xunta Xeral con voz e voto.

7. De acordo co disposto no artigo 6.3º c) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, queda expresamente prohibido adoptar acordos respecto a asuntos que non figuren na orde do día da xunta ordinaria ou extraordinaria de que se trate.

8. A Xunta Xeral estará constituída por tódolos colexiados que asistan ou se fagan representar por escrito por outro colexiado. É necesaria para a validez dos seus acordos, en primeira convocatoria, a concorrencia de maioría absoluta entre presentes e representados. En segunda convocatoria, que poderá ter lugar media hora despois da anunciada para a primeira, serán válidos os acordos, calquera que sexa o número de asistentes e representados, salvo os que requiran maiorías especiais.

Artigo 20º.-Competencia da Xunta Xeral.

1. A aprobación das actas das súas sesións.

2. A aprobación da memoria anual das actividades presentadas pola Xunta de Goberno do colexio.

3. A aprobación das contas do colexio, do ano anterior e orzamentos do seguinte.

4. A elección dos membros da Xunta do Goberno, así como a súa remoción por medio da moción de censura de acordo co especificado no artigo 22º destes estatutos.

5. A elección, por proposta da Xunta de Goberno, do membro desta e suplente que, xunto co decano, representará ó colexio ante o Consello Xeral. Estes cargos son elixidos para o prazo de dous anos e a Xunta Xeral poderá revogar esta elección antes da expiración do prazo normal, a condición de que se faga novamente outra designación.

6. A fixación da contía da cota de colexiación, así como as cotas ordinarias ou as que con carácter extraordinario, e por razóns que o xustifiquen, propoña a Xunta de Goberno.

7. A aprobación ou modificación dos estatutos do colexio e calquera outra normativa que afecte o funcionamento do colexio, que en ningún caso poderán vulnera-lo establecido nas normas básicas establecidas nos presentes estatutos.

8. Tomar acordos sobre a xestión da Xunta de Goberno.

9. Acorda-la modificación do ámbito territorial do colexio por segregación.

10. Promove-la disolución do colexio, de acordo co que se estableza nos presentes estatutos.

11. Coñecer, discutir e, se é o caso, aprobar tódalas propostas que lle sexan sometidas e correspondan á esfera de acción dos intereses do colexio, pola iniciativa da Xunta de Goberno ou de calquera colexiado se a súa proposición está avalada alomenos polo 10% dos colexiados e é presentada con 45 días de antelación á realización da Xunta Xeral Ordinaria.

12. Tódalas demais atribucións que non fosen conferidas expresamente á Xunta de Goberno ou a algún dos cargos colexiais.

Artigo 21º.-Funcionamento da Xunta Xeral.

1. As sesións da Xunta Xeral estarán presididas polo decano-presidente, acompañado dos demais membros da Xunta de Goberno. En ausencia do decano-presidente a xunta estará presidida polo vicepresidente e en ausencia de ambos polo vocal de máis idade.

2. O decano-presidente será o moderador e coordinador da xunta, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

3. Actuará como secretario da Xunta Xeral o secretario do colexio, ou, na súa ausencia, o vocal de menor idade, que redactará acta da reunión.

4. Tódolos colexiados teñen o dereito e a obriga da asistir á Xunta Xeral con voz e voto.

5. A representación dada a outro colexiado será de forma expresa para unha sesión determinada e realizarase por medio de escrito dirixido ó decano-presidente, no que se exprese claramente o nome de quen exercerá a súa representación. Só serán válidas as representacións recibidas pola secretaría antes do día fixado para a xunta, ou na mesa presidencial antes de iniciarse a sesión da Xunta Xeral.

6. En ningún caso un só colexiado poderá exerce-la representación simultánea de máis de tres colexiados.

7. É potestade do decano-presidente e da Xunta de Goberno invitar ás sesións da Xunta Xeral, en calidade de asesor ou colaborador, sen voto, á persoa ou persoas que se considere conveniente.

Artigo 22º.-Moción de censura.

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en Xunta Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar e propor moción de censura respecto a un ou varios membros.

3. Os colexiados poderán propor moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros, solicitando a realización da Xunta Xeral extraordinaria correspondente, de acordo co especificado no artigo 19º.4 destes estatutos. Neste caso a Xunta de Goberno está na obriga de convocar inmediatamente e para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, a Xunta Xeral solicitada.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato do ou dos afectados e posterior convocatoria de eleccións para cubri-las vacantes.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade ou máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, implicará o cesamento inmediato de toda ela. Neste caso, e para evita-lo baleiro de poder, a mesma Xunta Xeral adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha Xunta Xestora que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A Xunta Xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

Artigo 23º.-A Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno, que é o órgano executivo e representativo do colexio, será elixida por votación entre os seus propios colexiados e constará dun decano-presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e catro vocais, un por cada unha das provincias do ámbito territorial do colexio.

2. Quen desempeñe o cargo de decano-presidente deberá encontrarse no exercicio da profesión.

3. A duración dos cargos será de catro anos e renovaranse por metades cada dous. Na primeira renovación entrarán o vicepresidente, o secretario e os vocais da Coruña e Lugo; e na segunda, o decano-presidente, o tesoureiro e os vocais de Ourense e Pontevedra. O cargo de secretario poderá ser retribuído, sempre e cando desempeñe xornada laboral en domicilio ou sede do colexio. Tódolos demais cargos son de carácter honorífico, sen prexuízo de que se lles poidan aboa-los gastos que lles ocasione o seu exercicio.

4. Cando a elección de calquera cargo da Xunta de Goberno se faga por vacante e non por finalización de mandato, a duración no cargo elixido será só ata a fin do mandato do cargo que produciu a vacante.

5. O desempeño do cargo de decano-presidente estará limitado a oito anos de duración consecutivos.

6. Dentro da Xunta de Goberno, poderá constituírse unha comisión permanente para atende-los asuntos urxentes e aqueles que nesta comisión delegue a Xunta de Goberno. A comisión permanente estará formada polo decano-presidente, o secretario, o vicepresidente e o tesoureiro, e estará validamente constituída cando estean presentes alomenos os dous primeiros e un dos dous últimos.

Artigo 24º.-Competencias da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno ocuparase da dirección e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins, para o que exerce as seguintes competencias:

1. Executa-los acordos da Xunta Xeral.

2. Cumprir e facer cumpri-los estatutos e a normativa do colexio, así como os seus propios acordos.

3. Elabora-lo orzamento do exercicio seguinte e aproba-lo balance do orzamento do exercicio anterior e a memoria de xestión anual, previamente á súa presentación ante a Xunta Xeral para a súa aprobación se procede.

4. Dirixi-la xestión e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins.

5. Manifestar, en forma oficial e pública, a opinión do colexio nos asuntos de interese profesional.

6. Representa-los intereses profesionais ante os poderes públicos, así como velar polo prestixio da profesión e a defensa dos seus dereitos.

7. Presentar estudios, informes e dictames cando lle sexan requiridos, asesorando desta forma os órganos do Estado e calquera entidade pública ou privada. Para estes efectos, a Xunta de Goberno poderá designar comisións de traballo ou designa-los colexiados que considere oportunos para prepara-los devanditos estudios ou informes.

8. Elixir, por proposta do decano-presidente, o membro da Xunta de Goberno e suplente que proporán á Xunta Xeral como representantes do colexio ante o Consello Xeral.

9. Designar, cando proceda legal ou regulamentariamente, os representantes do colexio nos órganos consultivos das distintas administracións públicas.

10. Acorda-lo exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdiccionais.

11. Someter calquera asunto de interese xeral para o colexio á deliberación e acordo da Xunta Xeral.

12. Regula-los procedementos de colexiación, baixa, pagamento de cotas e outras contribucións, cobramento de honorarios, sempre de acordo co establecido nestes estatutos.

13. Regular e exerce-las facultades disciplinarias que lle corresponden, aténdose ó establecido nestes estatutos.

14. Organizar actividades e servicios de carácter cultural, profesional, asistencial e de previsión en beneficio dos colexiados.

15. Crear comisións abertas, por iniciativa propia ou dos colexiados, de acordo co establecido nestes estatutos.

16. Recada-las cotas e contribucións establecidas, executa-lo orzamento e organizar e dirixi-lo funcionamento dos servicios xerais do colexio.

17. Informa-los colexiados das actividades e acordos do colexio.

18. Decidi-lo nomeamento e cesamento do persoal administrativo e de servicios do colexio.

19. Acorda-la convocatoria de sesións ordinarias e extraordinarias da Xunta Xeral.

20. Acorda-la convocatoria para a elección de cargos para a Xunta de Goberno cando así proceda, segundo o que se establece nestes estatutos.

21. Aproba-las actas das súas sesións.

22. Adquirir ou allear calquera clase de bens do colexio, segundo o orzamento vixente e aprobado pola Xunta Xeral.

23. Establecer oficinas administrativas territoriais.

Artigo 25º.-Funcionamento da Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno reunirase como mínimo cada dous meses, salvo os meses de xullo e agosto, e sempre que o ordene o decano-presidente ou o soliciten un mínimo de tres dos seus membros.

2. As convocatorias comunicaranse cunha antelación non inferior a catro días.

3. As sesións da Xunta de Goberno estarán presididas polo decano-presidente. Na súa ausencia polo vicepresidente e en ausencia de ambos polo vocal de máis idade.

4. O decano-presidente será o moderador e coordinador da xunta, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

5. O secretario do colexio ou na súa ausencia o vocal de menos idade, redactará acta da sesión.

6. Tódolos compoñentes da Xunta de Goberno teñen o dereito e o deber de asistir ás súas sesións con voz e voto.

7. Unha vez que a Xunta de Goberno quede validamente constituída, será cando se encontren presentes a totalidade dos seus membros en primeira convocatoria e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes, os seus acordos serán vinculantes para tódolos seus compoñentes e colexiados, en materia das súas competencias. Entre ámbalas convocatorias deberán transcorrer polo menos trinta minutos.

8. Os membros da Xunta de Goberno serán responsables dos acordos adoptados, aínda que non estivesen presentes na reunión na que se adopten, excepto cando na acta quede constancia expresa do seu voto en contra.

9. Cáusase baixa na Xunta de Goberno por:

a) Falecemento.

b) Expiración do mandato ou praza para a que fose elixido.

c) Enfermidade que incapacita para o exercicio do cargo.

d) Renuncia.

e) Aprobación pola Xunta Xeral dunha moción de censura.

f) Baixa como colexiado.

g) Resolución firme en expediente disciplinario.

h) Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas ou seis descontinuas, igualmente sen xustificar, ás sesións da Xunta de Goberno durante o mandato.

10. É potestade do decano-presidente invitar ás sesións da Xunta de Goberno, en calidade de asesor ou colaborador, sen voto, a persoa ou persoas que se considere oportuno.

Artigo 26º.-Vacantes na Xunta de Goberno.

1. Vacante o posto de decano-presidente, exercerá as súas funcións o vicepresidente e convocará inmediatamente eleccións para o cargo de decano-presidente.

2. Vacantes os postos de vicepresidente, secretario ou tesoureiro, exercerá as funcións daquel o membro da Xunta de Goberno que sexa elixido polos demais compoñentes desta e convocaranse inmediatamente eleccións para cubri-los postos vacantes.

3. Vacante o posto de vocal, cubrirase nas seguintes eleccións ordinarias que se efectúan cada dous anos, salvo que durante ese tempo teñan lugar eleccións a outro cargo.

4. En caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, e sempre que quede no cargo algún compoñente desta, convocará inmediatamente Xunta Xeral extraordinaria que adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha Xunta Xestora que deberá convocar inmediatamente eleccións a tódolos cargos. A Xunta Xestora que actuará como Xunta de Goberno provisional non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

5. En caso de estaren vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, a convocatoria da Xunta Xeral extraordinaria á que se refire o artigo anterior será efectuada por un grupo de colexiados designados polo Consello Xeral.

Artigo 27º.-Atribucións do decano-presidente.

Son atribucións do decano-presidente as seguintes:

1. Convocar, abrir e remata-las sesións ordinarias e extraordinarias da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, así como presidilas e dirixi-las deliberacións que nelas teñan lugar.

2. Convoca-las eleccións de membros da Xunta de Goberno.

3. Decidir, co seu voto de calidade, os empates nas votacións.

4. Executa-los acordos que os órganos colexiais adopten nas súas respectivas esferas de atribucións.

5. Adoptar en caso de extrema urxencia, as resolucións necesarias, e informar inmediatamente ó órgano correspondente para a súa ratificación na primeira sesión que teña lugar.

6. Exerce-la representación do colexio e dos seus órganos deliberantes e xestiona-los asuntos deste ante autoridades e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo de que en casos concretos poida tamén a Xunta de Goberno, no nome do colexio, encomenda-las ditas funcións a determinados colexiados ou comisións constituídas.

7. Coordina-las actuacións dos membros da Xunta de Goberno, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.

8. Visar tódalas certificacións que expida o secretario.

9. Autoriza-los libramentos ou ordes de pagamento.

10. Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

11. Visa-los informes e comunicacións que oficialmente dirixa o colexio ás autoridades e entidades públicas ou privadas.

12. Autoriza-lo movemento de fondos das contas correntes ou de aforro do colexio, unindo a súa sinatura á do tesoureiro.

13. Por acordo expreso da Xunta de Goberno, poderá outorgar poder a favor de procuradores dos tribunais e de letrados no nome do colexio para a representación preceptiva ou potestativa deste ante calquera órgano administrativo ou xurisdiccional, no que se refire a accións, excepcións, recursos incluíndo o de casación, e demais actuacións que se teñan que levar a cabo ante estes, en defensa, tanto do colexio como da profesión.

Artigo 28.- Atribucións do vicepresidente.

O vicepresidente substituirá o decano-presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou delegue nel o decano-presidente, tralo coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación.

Artigo 29º.-Atribucións do secretario.

Corresponden ó secretario as atribucións seguintes:

1. Redactar e dar fe das actas das sesións ordinarias e extraordinarias da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno.

2. Custodia-la documentación do colexio e os expedientes dos colexiados.

3. Expedi-las certificacións de oficio ou a instancia de parte interesada co visto e prace do decano-presidente.

4. Expedir e tramitar comunicacións e documentos e informar destes á Xunta de Goberno e ó órgano competente que corresponda.

5. Exerce-la xefatura do persoal administrativo e de servicios necesario para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servicios administrativos.

6. Leva-lo rexistro dos visados de traballos profesionais.

7. Redacta-la memoria de xestión anual para a súa aprobación pola Xunta de Goberno e pola Xunta Xeral.

Artigo 30º.-Atribucións do tesoureiro.

Ó tesoureiro sonlle asignadas as atribucións seguintes:

1. Recadar e custodia-los fondos pertencentes ó colexio, dos cales será responsable.

2. Asinar recibos, recibir cobramentos e realizar pagamentos ordenados polo decano-presidente.

3. Dar conta á Xunta de Goberno dos colexiados que non estean ó día dos pagamentos, para que se lles reclamen as cantidades debidas ou se aprobe a tramitación da súa baixa, de acordo co que establece o artigo 9º destes estatutos.

4. Redacta-lo anteproxecto de orzamento do colexio para a súa elaboración pola Xunta de Goberno.

5. Face-lo balance do orzamento do exercicio anterior para a súa aprobación pola Xunta de Goberno.

6. Propor á Xunta de Goberno os proxectos de habilitación de créditos, suplementos e variacións de ingresos cando sexa necesario.

7. Leva-los libros de contabilidade correspondentes.

8. Verifica-los arqueos que a Xunta de Goberno considere necesarios.

9. Levar inventario minucioso dos bens do colexio, dos que será o seu administrador.

Artigo 31º.-Atribucións dos vocais.

Serán atribucións dos vocais as seguintes:

1. Desempeñar tódolos cometidos que lle sexan conferidos pola Xunta Xeral, a Xunta de Goberno ou polo decano-presidente, así como desenvolver e presidi-las comisións creadas coa autorización da Xunta de Goberno do colexio.

2. Colaborar cos titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias, vacantes ou enfermidades, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

Capítulo II

Da modificación do ámbito territorial

Artigo 32º.-Modificación do ámbito territorial.

1. Poderán crearse, por segregación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, outros colexios oficiais de ámbito territorial igual a unha ou a varias provincias.

2. A modificación do ámbito territorial do colexio requirirá o correspondente acordo da Xunta Xeral.

Artigo 33º.-Acordo de segregación.

1. A creación dun novo colexio por segregación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia esixirá os seguintes requisitos:

a) Que o ámbito territorial do novo colexio corresponda con unha ou varias provincias da Comunidade autónoma.

b) Que a segregación sexa proposta mediante escrito ó decano-presidente e asinado por alomenos cincuenta colexiados residentes no ámbito territorial no que se pretende a creación do novo colexio.

c) Que os colexiados asinantes constitúan, cando menos, dous tercios dos colexiados residentes no ámbito territorial obxecto de segregación.

2. Cumpridos estes requisitos, a adopción, se procede, do acordo de segregación e modificación do ámbito territorial do colexio, será punto expreso da orde do día dunha Xunta Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

3. Adoptado o antedito acordo pola Xunta Xeral, a Xunta de Goberno realizará todos aqueles actos que sexan necesarios e se encontren no ámbito da súa competencia que promovan e sexan tendentes á completa constitución do novo colexio. Para isto someterá o devandito acordo á aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Do réxime económico e administrativo

Artigo 34º.-Capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O colexio deberá contar cos recursos necesarios para atende-los fins e funcións encomendados e as solicitudes de servicios dos membros, polo cal quedan estes obrigados a contribuír ó sustento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

O patrimonio do colexio é único.

Artigo 35º.-Recursos económicos do colexio.

Os recursos económicos dos colexios poderán ser ordinarios ou extraordinarios.

1. Recursos ordinarios.

Constitúen os recursos ordinarios do colexio:

a) As cotas de incorporación e reincorporación.

b) A cota anual ordinaria, igual para tódolos colexiados, sen prexuízo do establecido nos estatutos ou noutra normativa.

c) As cotas extraordinarias aprobadas pola Xunta Xeral.

d) Os dereitos de canon de visado.

e) As recargas por demora no pagamento de calquera concepto de acordo co que se estableza regulamentariamente.

f) Os procedentes das rendas ou intereses de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio do colexio.

g) Os ingresos que se obteñan polas publicacións que se realicen, así como os provenientes de matrículas de cursos e seminarios realizados e demais conceptos análogos.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados que lle concedan ó colexio, as administracións públicas, entidades públicas ou privadas, colexiados e outras persoas xurídicas ou físicas.

b) Os bens mobles ou inmobles que, por herdanza ou doazón ou calquera outro título, entren a formar parte do capital do colexio e as rendas e froitos dos bens e dereitos de tódalas clases que posúa este.

c) A obtención de créditos públicos ou privados, hipotecas dos seus bens ou calquera outro recurso conseguido por necesidade ou utilidade, tralo acordo expreso da Xunta de Goberno, nos límites establecidos na normativa do colexio.

d) Os dereitos por estudios, informes e dictames que emita a Xunta de Goberno ou as comisións nas que aquela delegue a súa realización.

e) Os dereitos por utilización dos servicios que a Xunta de Goberno estableza.

f) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado poidan percibi-los colexios.

3. As recadacións dos recursos económicos son competencia da Xunta de Goberno sen prexuízo das facultades que por expreso acordo poida delegar.

Artigo 36º.-Orzamento anual.

O orzamento anual do colexio, que terá un carácter simplemente estimativo, será elaborado pola Xunta de Goberno, de conformidade cos principios de eficacia, equidade e economía, e incluirá a totalidade dos ingresos e dos gastos, coincidindo co ano natural. Tralo informe anticipado ós colexiados, será sometido á aprobación pola Xunta Xeral, de acordo co disposto nos presentes estatutos. Mentres non se aprobe o orzamento, quedará prorrogado o aprobado para o ano anterior, a razón de 1/12 por mes.

Artigo 37º.-Gastos.

Os gastos do colexio serán os orzados, sen que poida ser efectuado ningún pagamento non previsto no orzamento aprobado para o ano anterior, salvo en casos debidamente xustificados, que deberán ser aprobados pola Xunta de Goberno e, posteriormente, pola Xunta Xeral.

Artigo 38º.-Censores de contas.

1. Anualmente, na Xunta Xeral anterior e como punto expreso na orde do día, serán elixidos por insaculación, de entre tódolos colexiados, tres censores de contas. Tamén serán elixidos tres suplentes, e serán incompatibles coa antedita elección os membros da Xunta de Goberno.

2. A Xunta de Goberno, unha vez aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior, convocará os censores de contas para unha data determinada e porá á súa disposición o balance orzamentario, os libros de contas, os xustificantes de ingresos e gastos e cantos documentos se consideren necesarios, coa finalidade de informar sobre os extremos da súa actuación.

3. A convocatoria para o día da censura de contas será cursada nun prazo non inferior a quince días, a censura de contas realizarase no día e o informe da devandita censura será único e por escrito, sen prexuízo de que cada censor poida redactar un voto particular sobre un ou varios dos asuntos recollidos no informe.

4. A Xunta de Goberno prestará todo o apoio material e humano necesario para que a Xunta de Censores poida exercer adecuadamente as súas funcións. Así mesmo, o tesoureiro estará ó seu dispor para tódalas aclaracións, explicacións ou comentarios que aqueles poidan requirir.

5. O informe redactado pola Xunta de Censores entregarase á Xunta de Goberno, que o remitirá a tódolos colexiados xunto coa convocatoria da Xunta Xeral onde vaia ser aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior.

Artigo 39º.-Liquidación de bens.

1. A disolución do colexio non poderá efectuarse non sendo por cesamento dos seus fins, tralo acordo das tres cuartas partes da Xunta Xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto.

2. En caso de disolución do colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á Xunta Xeral propostas de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes.

TÍTULO IV

Do réxime electoral

Artigo 40º.-Disposición xeral.

A elección dos membros da Xunta de Goberno do colexio farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto é indelegable e poderá exercerse persoalmente ou por correo.

Artigo 41º.-Electores e elixibles.

1. Para os cargos de decano-presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro serán electores tódolos colexiados de número que figuren como tales no censo electoral do colexio.

2. Para os cargos de vocais representativos das provincias, serán electores tódolos colexiados de número que figuren como tales no censo electoral do colexio e residan no ámbito da provincia respectiva ou estean adscritos a ela.

Tódolos colexiados residentes fóra do ámbito territorial do colexio estarán adscritos a unha das provincias do territorio colexial.

3. Non poderán ser electores e excluiranse do censo:

a) Os que, en virtude de expediente sancionador, estivesen suspendidos no exercicio profesional, ou fosen privados ou inhabilitados para o desempeño de cargos directivos, mentres dure a suspensión, privación ou inhabilitación.

b) Os que, ó ser aprobado o censo electoral definitivo, non se encontren ó día das cotas e/ou doutras obrigas económicas que o colexio ten dereito a percibir.

4. Serán elixibles os colexiados que teñan a condición de electores e presenten a súa candidatura coas excepcións seguintes:

a) Os que leven menos de cinco anos de colexiación no colexio, para o cargo de decano-presidente,

b) Os que leven menos dun ano de colexiación no colexio, para os demais cargos.

Artigo 42º.-Convocatoria.

1. A convocatoria a eleccións deberá acordala expresamente a Xunta de Goberno e anunciala no taboleiro de anuncios das oficinas do colexio e mediante carta dirixida ós electores. A convocatoria conterá necesariamente:

a) Os cargos ós que a elección se refira.

b) A súa convocatoria, na que se determinará lugar, día e hora para as eleccións.

c) O calendario electoral.

Na carta dirixida a cada elector farase constar, se é o caso, a cantidade exacta que o colexiado puidese adebedarlle ó colexio.

2. A convocatoria deberá ser remitida con cinco días de antelación como mínimo ó día sinalado no calendario para a publicación do censo electoral.

Artigo 43º.-Xunta Electoral.

1. A Xunta Electoral será elixida por insaculación, de entre tódolos colexiados, pola Xunta Xeral cada dous anos. Esta elección será punto expreso da orde do día e consideraranse incompatibles para a devandita elección os membros da Xunta de Goberno. Estará composta de tres membros titulares e seis suplentes.

2. Os membros da Xunta Electoral serán convocados polo decano-presidente por carta certificada, fax ou telegrama, para a realización do acto de constitución. Reunida a Xunta Electoral no lugar, día e hora fixados, redactarase acta de constitución, así como da aceptación e toma de posesión dos cargos, que será inmediata. Os tres colexiados que formen a Xunta Electoral elixirán de entre eles e por eles mesmos os cargos de presidente, secretario e vocal da xunta.

3. Coa acta de constitución e o censo abrirase o expediente electoral, ó que se irán agregando as actas de cada reunión da Xunta Electoral. O expediente electoral estará baixo a custodia do secretario

da Xunta Electoral, quen o conservará ata tres meses despois de realizadas as eleccións de non se producir ningún recurso e, se é o caso, ata a resolución firme dos recursos que se producisen.

4. Non poderán formar parte da Xunta Electoral os que presenten a súa candidatura a calquera dos cargos sometidos a elección. Procederase, nese caso, á súa substitución polo primeiro suplente, no momento no que fose presentada a candidatura.

5. A Xunta Electoral reunirase tódalas veces que se considere conveniente a xuízo do seu presidente ou de dous dos seus membros. En todo caso, as sesións serán convocadas polo seu presidente por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Substituirá o secretario ó presidente, no exercicio desta e doutras competencias, cando este non poida actuar por causa xustificada. A asistencia ás reunións é obrigatoria para os membros da xunta debidamente convocados; incorrerán estes en responsabilidade se deixan de asistir sen escusarse e xustificarse oportunamente con anterioridade. O lugar de reunión será a sede do colexio.

6. A Xunta Electoral quedará validamente constituída coa asistencia de polo menos dous dos seus compoñentes. A asistencia non poderá delegarse. Os acordos tomaranse por maioría dos presentes, sen voto de calidade do presidente. De toda reunión, o secretario da Xunta Electoral redactará a correspondente acta, que se aprobará ó final da reunión e asinarán tódolos asistentes.

7. A Xunta de Goberno asesorará a Xunta Electoral en todo o que por esta sexa requirido e facilitaralle tódolos medios materiais, de oficina, secretaría, etc. que precisen.

8. Os membros da Xunta Electoral desenvolverán o seu labor gratuitamente, pero serán resarcidos polo colexio de tódolos gastos que o seu nomeamento e exercicio do cargo lles cause.

Artigo 44º.-Fins e funcións da Xunta Electoral.

Ademais das competencias mencionadas, corresponde á Xunta Electoral:

a) Garanti-la transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade, observando e facendo observa-la presente normativa.

b) Resolve-las queixas, reclamacións e recursos que se presenten de acordo coa presente norma.

c) Denunciar ante a Xunta de Goberno as actuacións que ó seu xuízo merezan corrección disciplinaria.

d) Constituírse en Mesa Electoral e velar pola pureza das eleccións.

Artigo 45º.-Censo electoral.

1. As listas electorais ou censo deberán ser supervisadas pola Xunta de Goberno e serán expostas no taboleiro de anuncios das oficinas do colexio desde o mesmo día da súa publicación.

2. A Xunta Electoral recibirá o censo electoral o mesmo día da súa constitución e estará ó seu cargo a partir de entón.

3. Contra a inclusión ou exclusión no censo electoral, os colexiados, sexan ou non electores, poderán presenta-las reclamacións que consideren oportunas nos prazos que se fixen no calendario electoral. Estas reclamacións serán resoltas pola Xunta Electoral dentro do terceiro día hábil seguinte á súa presentación.

4. A Xunta de Goberno deberá facilitar inmediata e constantemente todos aqueles datos que precise a Xunta Electoral.

5. Resoltas as reclamacións ó censo, a Xunta Electoral confeccionará o censo electoral definitivo sobre a base do entregado pola Xunta de Goberno. Un exemplar deste será enviado a todos e cada un dos candidatos.

Artigo 46º.-Candidaturas.

1. Os que, tras reuniren a calidade de elixibles, aspiren a ser proclamados candidatos presentarán a súa candidatura no rexistro do colexio ou por carta certificada, dirixida á Xunta Electoral, dentro do prazo sinalado no calendario electoral.

2. As candidaturas presentaranse de forma individual e levarán polo menos o nome do candidato e o cargo ó que se presenta. Cada aspirante só poderá ser candidato a un único cargo.

3. Serán nulas as candidaturas que non reúnan os requisitos desta normativa.

4. A Xunta Electoral solicitará ós candidatos as aclaracións que considere precisas e proclamará as candidaturas aceptadas no prazo fixado no calendario electoral.

5. Contra a aceptación ou rexeitamento de candidaturas poderase interpor recurso ante a Xunta Electoral no prazo sinalado no calendario, que deberá ser resolto dentro do terceiro día hábil seguinte á presentación do recurso.

Artigo 47º.-Mesa electoral.

1. A mesa electoral constituirase cos mesmos compoñentes e cargos da Xunta Electoral o día da realización de eleccións e antes de comeza-la votación, de todo o cal se redactará a acta correspondente. Disporá das urnas suficientes para a elección e de tantas listas electorais como membros e interventores haxa na mesa.

2. Os candidatos poderán nomear un interventor, que sexa pola súa vez elector non candidato, para os únicos efectos de asistir á votación e reconto de votos. O nomeamento deberá facerse por escrito, asinado polo candidato e coa aceptación do interventor antes do comezo das votacións e entregado á Mesa Electoral.

3. De non se presentaren máis candidatos que os postos convocados, non se realizará a votación e será innecesaria a constitución da Mesa Electoral.

Daquela a Xunta Electoral procederá a proclamar como elixidos os candidatos, respectando os prazos establecidos para efectos de posibles impugnacións.

Artigo 48º.-Votación.

1. O dereito a votar acreditarase pola constancia do votante no censo electoral e a demostración da súa identidade.

2. Nas dependencias do lugar onde teña lugar a votación estarán expostas as candidaturas proclamadas, así como papeletas e sobres en cantidade suficiente.

3. As papeletas e sobres que teñen que contelas deberán ser iguais. Haberá tantas clases de papeletas como cargos saian a elección, salvo os cargos comúns a tódalas provincias que se agruparán nunha soa papeleta.

4. Nas papeletas farase consta-lo/os cargo/s que se votan e debaixo o nome e apelidos de tódolos candidatos que opten ó devandito cargo, precedido cada un dun cadrado baleiro, onde se poida marca-lo candidato electo.

5. As papeletas introduciranse en sobres onde figure/n impreso o/os cargo/s que se van elixir, para o seu depósito na urna correspondente no momento da votación.

6. O voto poderá emitirse por correo certificado e de forma individual. Para a súa validez, deberá ser recibido no sitio determinado no calendario electoral ata o día anterior ó sinalado para a votación.

7. A Xunta Electoral enviará con tempo suficiente a cada un dos electores, as normas para o voto por correo, as candidaturas proclamadas e as papeletas e sobres suficientes para que o que non poida votar presencialmente, poida facelo por correo.

8. O voto por correo deberá cumpri-lo seguinte:

a) Os sobres que conteñan as candidaturas correspondentes introduciranse no sobre que se envíe por correo, que poderá ser de calquera formato.

b) O sobre de correos conterá, ademais dos sobres das candidaturas, a fotocopia do DNI do elector asinada en orixinal polo titular.

9. Nin no lugar en que se celebren eleccións, nin nas súas dependencias, escaleiras de acceso ou portal do edificio, se é o caso, poderá realizarse ningunha propaganda electoral.

Artigo 49º.-Escrutinio.

1. Á hora sinalada para a finalización das eleccións, o presidente da mesa anunciará que vai concluí-la votación e non se permitirá a entrada ó local a ningunha persoa máis, procedendo a vota-los presentes que non o fixesen aínda. Posteriormente desaloxarase a toda persoa allea á Xunta Electoral e interventores. De seguido procederase a introducir nas urnas os sobres que conteñan as papeletas de voto emitidas por correo, cada un na súa urna correspondente, tras comproba-los datos do DNI no censo. Por último votarán os membros da mesa e os interventores.

2. Procederá o presidente á lectura dos votos extraendo un a un os sobres das urnas, abríndoos e lendo en voz alta o nome dos candidatos votados, póndoo de manifesto ó resto da mesa e ós interventores.

3. Serán nulas as papeletas:

a) Que conteñan emendas, riscaduras, notas ou comentarios.

b) Toda papeleta que non se corresponda coa facilitada polo colexio.

c) Que apareza nunha urna diferente ó correspondente cargo.

d) As papeletas que conteñan voto a máis dunha persoa.

e) Se nun mesmo sobre houbese máis dunha papeleta todas elas serán nulas, salvo que sexan iguais, que se contabilizarán como unha soa.

f) O voto por correo que non reúna os requisitos establecidos ou que, ó comproba-lo censo, resulte que o remitente xa votase persoalmente.

g) O voto por correo recibido por conducto diferente ó establecido.

4. Feito o reconto de votos, preguntará o presidente se hai algunha reclamación que facer sobre o escrutinio, e resolverá a Mesa Electoral por maioría.

5. Por último, o presidente anunciará publicamente o resultado especificando o número de votantes, o de papeletas lidas, o de papeletas válidas e o de papeletas en branco, o de papeletas nulas e o número de votos obtido por cada candidato. Será proclamado o candidato que máis votos obteña; en caso de empate terá lugar unha segunda volta electoral entre os candidatos empatados. Dos resultados estenderase certificación ós interventores e candidatos que o soliciten.

6. As papeletas, en presencia dos asistentes, serán destruídas, con excepción das declaradas nulas ou as que fosen obxecto dalgunha reclamación, que se unirán á acta correspondente asinada por tódolos compoñentes da mesa e interventores e engadiranse de seguido ó expediente electoral. Tamén se unirán á acta as fotocopias do DNI asinadas que acompañaban o voto por correo.

Artigo 50º.-Recursos.

Contra a denegación dos recursos escritos ou reclamacións presentadas á Mesa Electoral poderá interporse recurso de alzada ante o Consello Xeral e, unha vez esgotada a vía colexial, quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

TÍTULO V

Do réxime disciplinario

Artigo 51º.-Réxime disciplinario.

1. O colexio sancionará todos aqueles actos dos colexiados que constitúan infracción culpable dos presentes estatutos, normativa ou dos acordos tomados polas xuntas xerais e de goberno.

2. Cando se trate de membros da Xunta de Goberno a competencia corresponderá ó Consello Xeral.

Artigo 52º.-Faltas.

1. As faltas polas que disciplinariamente poderá sancionarse os colexiados clasifícanse en leves e graves.

2. Considerarase como falta leve toda infracción dos preceptos contidos nestes estatutos e noutras normativas e acordos, salvo as dispostas nas alíneas seguintes que se considerarán faltas graves.

a) As ofensas graves á dignidade da profesión ou ás regras que a gobernan.

b) O incumprimento reiterado no pagamento de calquera tipo de cotas.

c) A reincidencia en incorreccións que reiteradamente fagan desmerece-lo concepto público do colexiado para o exercicio da profesión.

d) Ser condenado por delicto doloso a penas de inhabilitación.

e) Encargarse de traballos profesionais que coñeza que fosen encomendados con anterioridade a outro compañeiro sen obter previamente o permiso deste ou do colexio.

f) A comisión reiterada de infraccións leves.

g) As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou a honra dos compañeiros con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que desempeñan cargos no colexio cando actúen no exercicio das súas funcións.

Artigo 53º.-Sancións.

As sancións que poidan imporse serán:

a) Apercibimento verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Reprensión privada.

d) Reprensión pública.

e) Inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos.

f) Suspensión temporal de exercicio profesional por un período non superior a dous anos.

g) Expulsión do colexio.

As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves e as restantes polas faltas graves.

Artigo 54º.-Prescricións.

1. As infraccións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As que constitúan faltas leves prescribirán ós seis meses.

b) As que estean tipificadas como faltas graves ós dous anos.

2. Os prazos de prescrición contaranse desde o momento da comisión da infracción ou desde a imposición da sanción correspondente, e interromperase

o devandito prazo por calquera acto colexial documentado dirixido a investiga-la presunta infracción ou a executa-la sanción.

Artigo 55º.-Procedemento sancionador.

1. As faltas leves sancionaraas a Xunta de Goberno e, no seu nome, o decano do colexio, sen necesidade de expediente previo e trala audiencia ou descargo do inculpado.

2. Para a imposición de sancións por falta grave deberá incoarse previamente o oportuno expediente. Este acordo compete á Xunta de Goberno, que o adoptará por propia iniciativa, a petición razoada do decano ou por denuncia. Para tal fin designará unha comisión de disciplina, constituída por tres colexiados, un deles elixido pola Xunta de Goberno de entre os seus membros, outro elixido polo colexiado obxecto de procedemento e outro elixido por insaculación entre tódolos colexiados, agás os que pertenzan á Xunta de Goberno.

3. No suposto de que sexa un dos membros da Xunta de Goberno quen vaia ser expedientado, a competencia corresponderá ó Consello Xeral.

4. No expediente que se instrúa oirase o afectado, quen poderá facer alegacións e achegar, ó mesmo tempo, todas aquelas probas que considere convenientes na súa defensa. Ultimado o devandito expediente, a comisión, xunto coa proposta de sanción, dirixirao á Xunta de Goberno ou ó Consello Xeral, se é o caso, para a súa resolución e acordo.

Artigo 56º.-Recursos contra sancións.

Contra sancións disciplinarias de calquera tipo impostas pola Xunta de Goberno poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o Consello Xeral; contra a resolución expresa ou por silencio administrativo deste, caberá o correspondente recurso contencioso-administrativo segundo a vixente lei xurisdiccional.

TÍTULO VI

Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 57º.-Réxime xurídico dos actos colexiais.

1. Os acordos e normas colexiais serán publicados, mediante a súa inserción no boletín do colexio, mediante envío de escrito de notificación ou da acta correspondente, de forma que poidan ser coñecidos por tódolos colexiados, e sempre nos taboleiros de anuncios do colexio durante o prazo dun mes.

2. Así mesmo, a Xunta de Goberno deberá notificar aqueles actos que afecten dereitos e intereses dos destinatarios dos anteditos acordos.

3. Os actos emanados dos órganos do colexio, en canto estean suxeitos ó dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán inmediatamente impugnables ante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co que dispoña a lexislación estatal que regule as bases do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse, en

todo caso, como funcións públicas do colexio o control das condicións de ingreso na profesión, a evacuación de informes perceptivos, o visado de proxectos e a potestade disciplinaria.

4. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aplicarase, así mesmo, de forma supletoria, en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e polos presentes estatutos.

Artigo 58º.-Tipos de recursos.

1. Contra os acordos emanados dos órganos do colexio poderase interpor recurso de alzada ante o Consello Xeral, no prazo dun mes a partir da súa comunicación.

2. O recurso deberá ser resolto no prazo de tres meses. Transcorrido o devandito prazo, os actos suxeitos ó dereito administrativo serán impugnables ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Contra os actos da Xunta Xeral e do Consello Xeral, que poñen fin á vía administrativa, o colexiado poderá interpor recurso de reposición no prazo dun mes. O recurso deberá ser resolto no prazo dun mes, transcorrido o cal se entenderá desestimado e quedará aberta a vía procedente.

4. Se se trata de actos suxeitos ó dereito administrativo, o colexiado poderá elixir entre interpo-lo recurso de reposición ó que se refire o número anterior, no prazo dun mes, ou ben recorrer directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa no prazo de dous meses.

5. Os recursos de alzada e reposición ós que se refiren os números anteriores, así como o extraordinario de revisión, suxeitaranse ó establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 59º.-Nulidade dos actos dos órganos colexiais.

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais en que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os dictados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se dicten como consecuencia desta.

e) Os dictados prescindindo total ou absolutamente do procedemento legal establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ó ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

2. Tamén serán nulas de pleno dereito as disposicións colexiais que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de carácter xeral, as que regulen materias reservadas á lei e as que establezan a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restrictivas de dereitos individuais.

3. Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 60º.-Suspensión dos actos dos órganos colexiais.

1. Sen prexuízo das atribucións que a lexislación outorga ós órganos xudiciais en materia de suspensión de actos das corporacións profesionais, sexa ou non por petición de calquera colexiado, están obrigados a suspende-los actos propios ou de órgano inferior que consideren nulos de pleno dereito:

a) A Xunta Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O decano-presidente.

2. Os acordos de suspensión deberá adoptalos a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano-presidente no prazo de cinco días que se contarán desde a data en que tivese coñecemento dos actos considerados nulos, sempre que previamente se iniciase un procedemento de revisión de oficio ou se interpuxese recurso e concorran as circunstancias previstas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a nulidade destes actos.

Disposición transitoria

Trala entrada en vigor destes estatutos, tódolos membros da Xunta de Goberno cesarán nos seus cargos e permanecerán en funcións ata o resultado das eleccións, que se convocarán o antes posible.