Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 07 de xaneiro de 2003 Páx. 111

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 356/2002, do 5 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Lalín (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a adquisición dos terreos necesarios para a construcción do futuro Colexio Manuel Rivero.

O Concello de Lalín, en sesión celebrada o día vinteseis de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto de adquisición dos terreos necesarios para construcción do futuro Colexio Manuel Rivero e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catorce de novembro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteseis de novembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, o actual Colexio Manuel Rivero foi construído a principios dos anos 60, non cumprindo hoxe en día tanto o edificio en si como o resto das instalacións complementarias, as mínimas condicións que tanto na lexislación educativa como a que se refire ás condicións da edificación esixen para garantir tanto a correcta formación dos alumnos como a súa seguridade e accesibilidade, sen que a actual localización do colexio, en pleno núcleo urbano, permita a súa adaptación ás actuais necesidades, evitando con isto posibles riscos ós alumnos. Por outra banda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven reparando ou substituíndo os centros que non reúnen os requisitos mínimos para a escolarización de acordo cos requisitos da normativa educativa e dos propios da construcción. Dentro destes centros atópase o

Colexio Manuel Rivero, polo que a consellería vén requirindo con urxencia ó concello a achega dos terreos para a construcción do mencionado centro educativo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación polo Concello de Lalín, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a adquisición dos terreos necesarios para a construcción do futuro Colexio Manuel Rivero.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais