Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 2003 Páx. 33

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xaneiro de 2003 pola que se clasifica como mixta a Fundación Arao.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Arao, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 30 de decembro de 2002, ante o notario José Antonio Cortizo Nieto, co número mil cento sesenta e seis do seu protocolo por Manuel Fraga Iribarne, Jaime Pita Varela, José Antonio Orza Fernández, José Cuíña Crespo, Jesús Pérez Varela, José Carlos del Álamo Jiménez, Corina Porro Martínez e Miguel Ángel López Sieiro; interveñen todos por razón do seu cargo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promover, incentivar e exe

cutar cantas accións se orienten á recuperación ambiental de Galicia así como a recuperación dos danos causados polo afundimento do Prestige canalizando as axudas públicas ou privadas que para este fin se destinen.

4. O padroado da fundación estará integrado polas persoas indicadas no artigo 9 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Arao, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulameto de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, a cal exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 30 de decembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Arao adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública a cal exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE