Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 2003 Páx. 33

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de decembro de 2002 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Marco.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Marco, con domicilio en Vigo; rúa do Príncipe nº 54, (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Lois Pérez Castrillo na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 29 de novembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no rexistro de fundacións de interese galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 22 de outubro de 2002, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número 2100 do seu protocolo, por Jesús Pérez Varela en representación da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Lois Pérez Castrillo en representación do Concello de Vigo, Manuel Abeledo López en representación da Deputación Provincial de Pontevedra, e Julio Fernández Gayoso en nome e representación da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra, -Caixanova-.

3. Segundo consta no artigo 4 dos estatutos, o obxecto da fundación é a realización de actividades culturais de investigación, educación, formación, conservación, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporáneas con particular, con particular atención á producción artística da Comunidade galega, así como á estatal e internacional mediante a adquisición, a conservación, o estudio, a exposición e a interpretación educativa de obras de arte contemporánea, ó tempo que deberá impulsa-la estimulación da sensibilidade da sociedade cara á cultura actual.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 12 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Marco, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas no caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 10 de decembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Marco e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública