Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 30 de decembro de 2002 Páx. 17.975

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2003, as axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

A producción de sementes e plantas de viveiro constitúe unha actividade económica cunha importante e decisiva repercusión na productividade e renovación das plantacións, así como na súa sanidade.

A normativa comunitaria impónlles ós productores a responsabilidade en materia de controis, de medidas de control e de adaptación dos seus sistemas productivos, para garanti-la calidade do material vexetal obtido, e os investimentos e medidas que se efectúen teñen que promoverse co mellor nivel tecnóloxico e de organización posible.

Por outra banda, nesta comunidade autónoma existen algunhas produccións agrarias de grande importancia e tradición que están condicionadas polo mínimo desenvolvemento do sector productor de sementes e plantas de viveiro.

Polo tanto, é necesario continuar incentivando as empresas, dentro do marco das axudas ós investimentos previsto no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006.

A orde desta consellería, do 21 de xuño de 2002, estableceu as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos pro

ductivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

A devandita orde cumpre os requisitos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, pola que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade en Galicia con vixencia indefinida, cómpre establece-la súa convocatoria para o ano 2003, mediante a presente orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-la convocatoria para o ano 2003 das axudas para a mellora

estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 21 de xuño de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 125, do 1 de xullo.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás axudas previstas no artigo 5º da Orde do 21 de xuño de 2002, os beneficiarios sinalados no artigo 2 da dita orde deberán cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 da devandita orde.

2. As axudas teñen por finalidade, por unha parte, fomenta-la producción de sementes e plantas de viveiro de calidade como condicionante principal dunha producción agraria diferenciada e adaptada ás esixencias do mercado e, por outra, incentiva-lo desenvolvemento deste sector naquelas especies de especial transcendencia para Galicia que non teñen suficientemente establecido un control directo ou sistema de certificación que garanta un material vexetal de partida coa calidade contrastada e adaptado ás propias peculiaridades.

Artigo 3º.-Prazo e presentación de solicitudes de axuda.

1. As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes contado a partir do día da entrada en vigor desta orde, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, preferentemente, nas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ó modelo do anexo I da Orde do 21 de xuño de 2002, e achegarán, ademais, toda a documentación á que se refire o artigo 6.1º da devandita orde, conforme os modelos dos seu anexos II, III, IV e, de se-lo caso, V, conforme se indica na disposición adicional única da presente orde.

Artigo 4º.-Xustificación.

O cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade co previsto no artigo 9 da Orde do 21 de xuño de 2002. Así, os interesados deberán comunicar por escrito a finalización do programa dentro do prazo concedido para a súa execución, xuntando os xustificantes do investido e, ademais, unha memoria explicativa sobre a súa realización. Ademais, no momento da certificación das ditas actuacións, deberán xustificar que están ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas na presente orde para o exercicio 2003 existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orza

mentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, na aplicación 09.03.614-A.776.0., por un importe total de 444.365 euros, que poderá incrementarse con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia das modificacións orzamentarias.

2. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2003 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das ditas axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposición adicional

Única.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo V da Orde do 21 de xuño de 2002, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou os servicios provinciais de Explotacións Agrarias poidan solicitala por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural