Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 30 de decembro de 2002 Páx. 17.976

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se convocan para o ano 2003 as axudas para programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos productivos agrícolas.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de marzo, establece o marco das axudas comu

nitarias a favor dun desenvolvemento rural sustentable. Estas axudas, que se centrarán nas actividades agrarias e na súa reconversión, poden ter por obxecto, entre outros, a reconversión e reorientación da capacidade de producción agraria e introducción de novas tecnologías e a mellora da calidade dos productos; a diversificación das actividades coa creación doutras de carácter complementario e alternativo; o desenvolvemento de actividades económicas e o mantemento e creación de postos de traballo; o mantemento e fomento de sistemas agrícolas de baixos consumos; a conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura sustentable que respecte as esixencias ambientais.

Conforme o anterior, dentro do marco das medidas previstas no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, a orde desta consellería, do 2 de agosto de 2002, estableceu as bases reguladoras das axudas para programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos productivos agrícolas.

A devandita orde cumpre os requisitos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas para programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos productivos agrícolas, é necesario establece-la súa convocatoria para o ano 2003, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acuerdo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria para o ano 2003 das axudas para programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos productivos agrícolas en Galicia, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 2 de agosto de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 153, do 9 de agosto.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ós distintos programas de axudas previstos no artigo 2º da Orde do 2 de agosto de 2002 deberanse cumpri-los requisitos estable

cidos para cada programa agrario a desenvolver, conforme o previsto nos capítulos II y III da devandita orde, por parte dos beneficiarios establecidos no artigo 3º, en relación cos seguintes artigos da dita orde: artigo 16º, para programas agrarios de mellora dos procesos productivos agrícolas; artigo 21º, para programas agrarios de iniciativas de desenvolvmento coa creación de actividades alternativas e complementarias; artigo 26º, para a creación e mellora de empresas de servicios agrarios; artigo 31º, para programas de defensa sanitaria dos cultivos; artigo 36º, para programas de control integrado dos patóxenos dos cultivos; artigo 41º, para o fomento da producción integrada; e artigo 46º, para o fomento da agricultura ecolóxica.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentiva-la mellora dos procesos productivos agrícolas e as iniciativas de desenvolvemento coa creación de actividades alternativas ou complementarias das explotacións, así como promociona-las empresas de servicios agrarios e a introducción de técnicas de respecto ambiental.

Artigo 3º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día de entrada en vigor desta convocatoria, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda de acordo co disposto no artigo 5.1º da Orde do 2 de agosto de 2002, axustada ó modelo do anexo I da dita orde. A esa solicitude achegaranse debidamente cubertos os anexos II, III e IV e, cando se pretenda levar a cabo, ademais, algún dos programas agrarios especiais, os anexos VI a XI específicos para cada caso, acompañados da documentación especificada no artigo 5.2º e concordantes da antedita orde.

Artigo 4º.-Xustificación.

O cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade co previsto con carácter xeral no artigo 8º da Orde do 2 de agosto de 2002, sobre execución do programa agrario e certificación de actuacións.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde para o exercicio 2003 existe crédito adecuado e suficiente con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, nas aplicacions seguintes:

a) Nas aplicacións 09.03.614A.770.1 e 780.1, para fomento de sistemas e ciclos agrarios sustentables, por importe de 685.935 euros e 200.000 euros, respectivamente.

b) Nas aplicacións 09.03.614A.770.0 e 780.0, para o fomento de actividades agrícolas complemen

tarias e alternativas, por importe de 1.494.710,87 euros e 470.535 euros, respectivamente.

c) Nas aplicacións 09.03.614A.770.3 e 780.2, para producción integrada e outras técnicas de respecto ambiental, por importe de 890.000 euros e 257.697 euros, respectivamente.

2. Poderanse utilizar outros remanentes dispoñibles nas devanditas aplicacións orzamentarias e, no caso de remanentes nalgunha das liñas ou programas de actuación, poderase incrementa-lo orzamento dispoñible nas outras liñas que o precisen.

3. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos do exercicio do ano 2003, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das ditas axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposición adicional

Única.-Aplicarase á presente convocatoria o previsto na disposición adicional única da Orde do 2 de agosto de 2002, en canto á autorización e expedición dos certificados acreditativos de que o solicitante se atopa ó día das súas obrigas tributarias e de que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Juan Miguel Díz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural