Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 30 de decembro de 2002 Páx. 17.968

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2003.

O Regulamento (CE) 1221/1997, do Consello, do 25 de xuño de 1997, polo que se establecen as nor

mas xerais de aplicación das medidas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel e o Regulamento (CE)2300/1997, da Comisión, que establece disposicións de aplicación do anterior, modificado polo Regulamento (CE) nº 1216/2002 da Comisión, consideran o cofinanciamento comunitario das accións previstas nos programas anuais de medidas de axuda á apicultura presentados polos estados membros.

En España o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, modificado polo Real decreto 209/2000, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, establece un réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

O programa nacional español para o ano 2003, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e mailas comunidades autónomas en estreita colaboración coas organizacións representativas e as cooperativas do sector apícola, foi aprobado pola Comisión Europea na Decisión do 17 de xullo de 2002.

No marco do dito programa nacional anual establécese un réxime de axudas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel, no que a participación financeira corresponde nun 50% ó financiamento comunitario, o 25% corresponde ó financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o 25% restante á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Como no artigo 3 do Regulamento (CE) número 1221/1997, do Consello, establécese que os gastos dos estados membros deberán efectuarse ó máis tardar o 15 de outubro, data na que deben terse presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da U.E., cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen perante a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo fixado na resolución de concesión da axuda sen que en ningún caso poida exceder do 1 de setembro de 2003.

Finalmente, na Orde do 11 de febreiro de 1998, regula a tramitación anticipada de expedientes de pagamento, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer un réxime de axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel, conforme as normas contidas na presente orde garantindo os preceptos de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

Poderán ser obxecto das axudas, consonte co disposto no anexo I da Decisión da Comisión, do 17 de xullo de 2002, aquelas actividades ou investi

mentos que estean inescusablemente ligadas a un programa sanitario encamiñadas a:

a) Prestar información e asistencia técnica: formación de apicultores (cursos iniciación e especialización, detección de enfermidades, control e prevención, deseño de plans sanitarios e redes de alerta epizootiolóxica), formación de persoal de centros de envasado e laboratorios de organizacións apícolas, técnicas apícolas, asesoramento técnico veterinario, divulgación.

b) Loita contra a varroose: asociación de defensa sanitaria, custos de tratamentos químicos, métodos de loita biolóxica, mellora das condicións de tratamento das colmeas.

c) Racionaliza-la transhumancia: identificación das colmeas e dos marcos, investimentos en equipos (manipulación e transporte), divulgación de boas prácticas de transhumancia, implantación dunha rede de alerta sanitaria, cría de raíñas autóctonas para a renovación do censo, acondicionamento de espacios, seguro de danos e responsabilidade civil.

d) Establecer medidas de apoio para a análise do mel: creación de laboratorios de organizacións apícolas e apoio a estes, investimentos en equipos de laboratorio, funcionamento de laboratorios, contrato de servicios de análise por organizacións apícolas, bolsas de formación.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar ás medidas da axuda prevista no artigo 2º aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención das axudas, estar inscrito no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma, polo menos con anterioridade ó primeiro de xaneiro do ano anterior ó da aplicación do programa nacional anual. Será preciso presenta-la solicitude e documentación correspondente segundo a seguinte relación:

1) As personas físicas (apicultores) que realicen transhumancia integrados ou non nunha asociación ou organización de apicultores presentarán solicitudes individuais, achegando a solicitude coa seguinte documentación:

a) No caso de representación esixirase autorización para face-la solicitude nos termos esixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, en adiante LRX-PAC.

b) Xustificación da titularidade da explotación apícola (certificación do Rexistro da Explotación Apícola).

c) Código de identificación fiscal e certificado da conta bancaria.

d) Xustificación da identificación das colmeas (declaración xurada e modo de identificación).

e) Programa de actuación que pretende desenvolver (memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición das obras ou investimentos e finalidade delas para a mobilidade das colmeas, facturas proforma dos investimentos).

f) Dispoñibilidade dos terreos nos que pretenda face-los asentamentos das albarizas, así como per

misos ou licencias das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos.

g) Memoria explicativa da realización da transhumancia (bosquexo e situación dos lugares onde se pretende realiza-la transhumancia).

h) Usos alternativos do remolque e tempo de utilización para a actividade transhumante, se é o caso.

2) As personas xurídicas (cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica de seu, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos establecidos na alínea 1), achegarán a solicitude coa seguinte documentación:

a) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude. O solicitante se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, e xustificarase documentalmente. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da LRX-PAC.

b) Certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

c) Acta de constitución da asociación ou organización.

d) Relación nominal de socios en programa actualizado.

e) Código de identificación fiscal e certificado da conta bancaria.

f) Programa actualizado que se pretende desenvolver.

g) Compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa que abranga como mínimo o 70% do territorio da comunidade autónoma.

h) Copia do contrato dos veterinarios responsables da execución do programa sanitario, alomenos un por provincia.

i) Declaración xurada de exclusividade dos veterinarios.

j) Xustificación de que a maior parte dos veterinarios contratados posúen formación específica con diploma de validez oficial e/ou experiencia probada neste tipo de programas.

k) Xustificación do cumprimento da alínea 1) do artigo 3º.

l) Xustificación do recoñecemento do laboratorio de análise das características físico-químicas do mel, se é o caso.

3) Ademais, e para as medidas de axuda previstas na letra d) do artigo 2º, os beneficiarios poderán ser tamén os laboratorios debidamente recoñecidos polos servicios competentes da Comunidade Autónoma que efectúen ou poidan efectuar análises das características fisicoquímicas do mel.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Admi

nistración das comunidades autónomas, ou á algunha das entidades que integran a Administración local, se neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo farase de acordo co regulamentariamente previsto, no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servicios postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servicio postal universal e de liberalización dos servicios postais, presentándose en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar, se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

As solicitudes axustaranse ós modelos que figuran como anexos I (solicitudes individuais de personas físicas que realicen transhumancia) e II (xeral de personas xurídicas ou laboratorios debidamente recoñecidos).

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Resolución e recurso administrativo.

Recibidas as solicitudes de axudas e a súa documentación, serán examinadas polos servicios técnicos, os que, se observan algunha deficiencia concederán ó solicitante un prazo de 10 días para emendalas consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda ó expediente terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

Efectuadas as comprobacións e estudios pertinentes, formularase a correspondente proposta de resolución pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de subvencións e a contía, así como daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada.

A dita proposición elevarase ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a quen competerá a súa resolución de concesión ou denegación da axuda no prazo máximo de seis meses, contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dictara resolución expresa, as solicitudes quedarán desestimadas por silencio administrativo. Contra a dita resolución que esgota a vía administrativa poderán interpoñerse os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade axudada rematará o 1 de setembro do ano 2003.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria na que se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder dun mes a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 8º.-Pagamento das axudas.

1. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado, ou o que resultase como consecuencia da prórroga concedida, para tal efecto o beneficiario deberá presenta-la seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):

a) Memoria sinxela de realización da actividade indicando datas de realización, número de asistentes e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas por duplicado, orixinais ou fotocopias compulsadas, dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamento de salario, gratificacións, etc., deberá consta-la retención correspondente polo IRPF e xustificación do seu ingreso na Facenda.

c) Declaración responsable na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autonómico, local ou institucional.

d) Certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda acreditativa de que o beneficiario non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificación, expedida polo órgano competente, acreditativa de que o beneficiario se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

O solicitante poderá acudir directamente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á

Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó corrente das súas obrigas tributarias e de non ter pendentes de pagamento ninguna débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para presentalos xunto á solicitude de axuda ou, se é o caso, formalizar, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo III, para os efectos de que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os poida solicitar por vía informática.

f) Se a actividade axudada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración sempre que a súa finalidade sexa a distribución de balde entre o público, entregarase ademais do establecido no parágrafo anterior, un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado ou o 5% do número de exemplares editados no caso de que sexa impreso, cunha memoria que indique o seu destino e forma de distribución gratuíta, xustificando a dita distribución.

2. A contía das axudas poderá ser satisfeita mediante pagamentos parciais, unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, trala súa comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

Artigo 9º.-Outras condicións.

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase consta-la frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos FEOGA-GARANTÍA da Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais. Nos exemplares de distribución gratuíta farase constar impreso nel a frase «Exemplar gratuíto».

Artigo 10º.-Concorrencia con outras axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais e a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Inspección e control.

Os beneficiarios das axudas contempladas nesta orde están obrigados a facilitar tódolos labores de inspección ó persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando tódolos datos que sobre o particular lle sexan solicitados.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade

Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exerxicio das súas funcións de fiscalización e control.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito, se é o caso, as datas e as horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se consideren oportunas.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude, ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

Artigo 12º.-Financiamento.

As axudas establecidas nesta orde teñen o carácter de cofinanciadas polo FEOGA-GARANTÍA da UE nun 50%, o MAPA nun 25% e a Comunidade Autónoma nun 25%, en virtude do Regulamento (CE) 1221/1997, do Consello e o R.D. 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

A contía das axudas, por importe máximo de 480.810 euros, serán finaciadas con cargo ós créditos do Plan Apícola galego, na aplicación orzamentaria 09.03.613-A.772.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, quedando a adxudicación condicionada á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003, de acordo co artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

A concesión da axuda estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

O reparto por liñas de actuación será o seguinte:

Liña de información e asistencia técnica: 165.278 euros.

Liña de loita contra a varroose: 165.278 euros.

Liña de racionalización da trashumancia: 60.102 euros.

Liña de medidas de apoio para a análise do mel: 90.152 euros.

Artigo 13º.-Adxudicación das axudas.

A adxudicación da contía das axudas realizarase de acordo co programa de mellora da producción e comercialización do mel presentado por España de conformidade o Regulamento (CE) nº 1221/1997, do Consello, aprobado por Decisión da Comisión do 17 de xullo de 2002, onde se establecen as contías en función das medidas de actuación obxecto da

axuda estando contempladas no artigo 2º da presente orde (información e asitencia técnica, loita contra a varroose, racionalización da trashumancia e análise do mel).

Polo tanto, as axudas á apicultura deben contribuír á mellora das condicicóns de traballo e producción polo que dentro dos investimentos que poden obter estas considéranse os seguintes criterios de selección dos proxectos:

a) Programas de actuación xa iniciados, subceptibles de mellora e dirixidos á modernización das explotacións.

b) Execución de proxectos dirixidos ó fomento e conservación da natureza, así como de mellora do medio ambiente.

c) Proxectos baseados no aumento da capacidade e competencia profesional dos apicultores, así como a súa reconversión.

d) O emprego de métodos de producción compatibles coa conservación e mellora da natureza.

Quedarán excluídos todos aqueles proxectos de investimento que no programa de actuación non cumpran alomenos un dos criterios anteriormente indicados.

Artigo 14º.-Xestión orzamentaria.

Dentro da contía dispoñible para cada liña de actuación procederase ó reparto entre os proxectos seleccionados aplicando a mesma porcentaxe de subvención ó importe debidamente xustificado dos investimentos realizados e tendo en conta os seguintes aspectos que determinarán incremento da citada porcentaxe:

1. Nun 20% por cada programa oficialmente aprobado e desenvolvido en cada ano.

2. Nun 10% os proxectos realizados por apicultores cun número mínimo de 150 colmeas.

3. Nun 10% os proxectos que inclúan a renovación e/ou ampliación das colmeas da explotacións.

Indicar, así mesmo, que no caso da existencia de remanentes noutras liñas de actuación incrementarán o orzamento da liña de actuación información e asistencia técnica.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, agás no caso de expedientes xa iniciados como consecuencia de normas en vigor, nos que non se esixirá a antedita declaración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural