Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.796

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se desenvolve a Orde do 15 de novembro de 2002, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 2003.

A orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 15 de novembro de 2002, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 2003, fai no seu articulado remisións a normas de desenvolvemento en materias tales como a determinación das contías das axudas ós alumnos, procedemento de remisión de documentación e de selección dos alumnos.

Por isto, cómpre regular máis detalladamente aquelas cuestións que, aínda estando previstas na Orde do 15 de novembro, requiren un maior profundamento, co fin de unifica-los criterios interpretativos e, en definitiva, facilitar e axiliza-la tramitación administrativa das accións formativas de formación profesional ocupacional por parte das diferentes instancias que interveñen no procedemento.

Á vista da disposición derradeira primeira da Orde do 15 de novembro de 2002 que autoriza o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desa disposición, e de conformidade co Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, segundo o que lle corresponde á Dirección Xeral de Formación e Colocación o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de formación ocupacional,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Selección de alumnos.

Os alumnos que asistan ós cursos de formación ocupacional, seleccionados a través de calquera dos sistemas descritos neste artigo, deberán ser desempregados inscritos como tales en calquera das oficinas do Servicio Público de Emprego en data anterior á súa incorporación ó curso. A súa selección farase do seguinte xeito:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, os centros colaboradores beneficiarios solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado para o efecto, unha listaxe de desempregados que se adecuen ó perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do alumno ó curso especificados no certificado de profesionalidade ou ben no programa de curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional ou, no seu defecto, no programa aprobado pola Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre os demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, ós demandantes preseleccionados para que asistan á proba de selección que deberá realiza-lo centro colaborador. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. O centro colaborador non debe predetermina-lo colectivo ó que vai dirixido o curso: limitarase a identifica-los requisitos de acceso do alumnado.

c) Remitida a listaxe á entidade solicitante, esta procederá á selección dos alumnos preseleccionados, mediante a realización das probas que estime pertinentes de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto. Na realización desta proba poderá estar presente un representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A acta de selección, cuberta en tódolos epígrafes do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego, e non poderá iniciarse o curso ata que esta dea o visto e prace á selección realizada.

d) Os demandantes propostos pola oficina de emprego só poderán ser rexeitados para a realización do curso cando concorran causas que así o determinen e sexan fidedignamente xustificadas pola entidade colaboradora e neste sentido aprecie a oficina de emprego propoñente. Se se detecta o inicio dun curso sen que a selección dos alumnos fose autorizada pola oficina de emprego, este poderá ser cancelado.

e) No caso de que transcorran 15 días desde a petición de candidatos por parte do centro colaborador e a oficina de emprego non remitise demandantes, ou os enviados fosen insuficientes, deberase realiza-la correspondente convocatoria pública mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe da provincia. Desta selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos.

O custo dos anuncios que non se adapten ós requisitos establecidos nesta resolución, ou a calquera outros que puidese establecer-la Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será aboado con cargo ás axudas previstas.

f) Cada nova alta ou baixa de alumnos que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días hábiles desde que se produza.

g) Aqueles alumnos que realizasen un curso e teñan dereito a diploma non poderán volver realizar outro curso da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, deberán ser dados de baixa.

Artigo 2º.-Proxectos formativos con compromiso de contratación.

1. De conformidade co disposto no artigo 8 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento de homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e na Orde do 15 de novembro de 2002 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP correspondente ó ano 2003, poderán concedérselles cursos a aquelas empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas con compromiso de contratación, coas condicións e requisitos recollidos na citada orde e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Tendo en conta o recollido na Orde do 15 de novembro de 2002, sintetízase a documentación que deberán presenta-la entidades solicitantes de proxectos formativos, que é a seguinte:

a) Anexos I, II e III que figuran na Orde do 15 de novembro debidamente cubertos.

b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

c) Código de identificación fiscal (CIF) ou número de identificación fiscal (NIF).

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a utilización de inmobles e instalacións correspondentes, equipo didáctico, talleres ou campos de práctica.

f) Licencia municipal de apertura da actividade que se trate dos locais onde se vai desenvolver tanto a parte teórica como a práctica.

g) Compromiso de contratación asinado polo representante da empresa, segundo o establecido no artigo 21.1º da orde de convocatoria dos cursos do Plan FIP.

h) Cando as especialidades formativas solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades formativas, as entidades deberán achega-lo programa completo do curso temporizado por módulos e unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

i) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa das distintas administracións públicas competentes.

3. A xustificación de cumprimento do compromiso de contratación realizarase no momento no que se proceda a xustificación final dos custos do curso mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais visados polo Servicio Público de Emprego.

4. O cumprimento do requisito de non reducción do número total de traballadores da empresa, nin o número total de traballadores con contrato indefinido, acreditarase do seguinte xeito:

a) No momento da solicitude da acción formativa presentarase o anexo III debidamente cuberto, no que figurará o número de traballadores da empresa, tanto con contrato indefinido como totais, dos 13 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude do curso.

b) Cando se presente a solicitude de liquidación final do curso, achegaranse os documentos TC2 dos trece meses anteriores ó inicio do curso e o do mes no que consten os alumnos da acción formativa contratados en virtude do compromiso adquirido.

c) No caso de empresas que non tivesen traballadores nos trece meses anteriores, por ser de nova creación ou por crearse durante ese período, presentarán os TC-2 dos meses dos que teñan eses documentos, ou, no seu defecto, xustificante da data de creación da empresa.

5. No caso de que haxa máis de 15 alumnos, terase en conta que na aplicación das contías do módulo A a subvención máxima será a considerada para 15 alumnos, de acordo co establecido no anexo IV da Orde do 15 de novembro de 2002.

Artigo 3º.-Obrigas dos centros colaboradores.

1. Nos 10 días lectivos seguintes ó inicio do curso, deberán remitirlle á delegación provincial ou á Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, a seguinte documentación:

a) Informaticamente:

-As fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO).

b) Documentalmente:

-Fotocopia compulsada do DNI dos alumnos.

-Certificación municipal de residir polo menos a 3 km do lugar de impartición do curso no caso de axudas de transporte. Se a parte teórica e a práctica do curso se desenvolven en sitios diferentes, haberá que presentar un xustificante municipal de distancia por cada lugar de impartición.

-Certificación municipal de residir, como mínimo, a 75 quilómetros do lugar de impartición do curso, se teñen dereito a axuda de aloxamento e manutención. Esta distancia poderá ser inferior cando por problemas das comunicacións se faga difícil o desprazamento, circunstancia que deberá ser valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso.

-Certificación de minusvalidez, no caso de bolsas de minusválidos.

-Certificación asinada polo responsable do centro, na que se relacionen os alumnos, especificando os que teñen dereito a bolsa, axuda de transporte ou axuda de aloxamento e manutención.

-O modelo da ficha do alumno, que deberá ser arquivado pola entidade colaboradora totalmente cuberto e asinado polo alumno.

-A solicitude de anticipo, se é o caso.

2. Mensualmente e por vía informática deberán remitir, arquivando, nos dous últimos casos, separadamente por curso os orixinais asinados:

-As fichas SIFO de incidencias.

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores axudas de transporte, de aloxamento e manutención e de bolsas asinadas por eles. Poderá optarse por enviar documentalmente a orde de transferencia de fondos ás súas contas bancarias.

Artigo 4º.-Seguro de accidentes.

1. O seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e, se é o caso, das prácticas, deberá te-la seguinte cobertura mínima:

-En caso de morte: 30.000 euros.

-En caso de invalidez permanente: 42.000 euros.

-Asistencia médico-farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

Artigo 5º.-Subvención ós cursos con alumnos minusválidos.

No caso de cursos que teñan un mínimo de tres alumnos con certificación de minusvalidez e a entidade impartidora o solicite expresamente, de acordo co establecido no artigo 3.5º da Orde do 15 de novembro de 2002, o importe máximo que se pode imputar en concepto de persoal de apoio é de 6 A por hora lectiva, mentres que o importe dos gastos relativos á adaptación curricular ou do material didáctico necesario será o gasto realmente efectuado. Para o aboamento deste importe, que deberá xustificarse de acordo coa normativa FIP, dictarase unha resolución complementaria co importe total dos gastos por estes conceptos.

Artigo 6º.-Gastos de amortización:

Poderase amortizar todo aquel material didáctico non funxible de acordo cos seguintes criterios:

1. Amortización do mobiliario e material inventariable: poderá amortizarse durante os 5 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe a amortizar dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción formativa.

2. Amortización de material informático e instrumentos de precisión e laboratorio: poderá realizarse durante os 3 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se vai amortizar dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción.

3. Para que se poidan aboa-los gastos previstos neste artigo, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

4. Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se imparte o curso máis a porcentaxe dos elementos comúns.

Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construcción ou adquisición do elemento que se vai amortizar:

Deberán acompaña-la amortización:

-Copia do título de propiedade ou escritura de compra ou certificación da obra.

-Certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Neste caso, só se poderá solicita-la amortización da parte non subvencionada.

-Só serán amortizables:

* Os metros cadrados onde se imparta o curso.

* A porcentaxe de elementos comúns.

-Contía que se vai amortizar: a porcentaxe correspondente do importe da factura de construcción do edificio ou instalación.

-Fórmula:

Porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra: 240 meses = custo mensual.

(custo mensual) x (número de meses de acción) = importe amortización.

Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión do curso de que se trate.

5. Os materiais didácticos de traballo susceptibles de usos continuados por diferentes grupos de alumnos poderán ser amortizados (a tres anos) sempre que non sexan entregados ós alumnos primeiros usuarios.

6. A Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a respectiva delegación provincial poderán esixi-la xustificación das avaliacións sinaladas nos parágrafos 1 e 2 deste artigo.

7. As empresas ou grupos de empresas que impartan proxectos formativos con compromiso de contratación non poderán imputar, en eningún caso, gastos por este concepto.

Artigo 7º.-Gastos imputables ó módulo A.

A xustificación do pagamento ós docentes dos cursos das súas retribucións pola impartición dun curso completo, ou de calquera dos seus módulos, deberá facerse, en todo caso, mediante apuntamento bancario.

Os gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente non poderán supera-lo 25% do módulo A.

Artigo 8º.-Gastos de reparación e mantemento.

Non se admitirán gastos de reparación e mantemento de instalacións, maquinaria ou equipamentos que non sexan propios da entidade que imparta o curso, e deberán referirse ó curso de que se trate.

Artigo 9º.-Gastos de alugueres de instalacións e maquinaria.

1. O importe dos gastos de alugueres de instalacións non poderá supera-lo 25% do módulo B. Para a xustificación deste concepto as entidades impartidoras deberán achegar fotocopias compulsadas das facturas ou dos recibos correspondentes. O cálculo do importe do aluguer dos locais realizarase segundo o número de meses de duración do curso e proporcionalmente á aula ou aulas utilizadas.

2. Cando os gastos de alugueres se refiran á maquinaria necesaria para a impartición dos cursos, o seu importe non poderán supera-lo 25% do módulo B. Non obstante, o órgano encargado da resolución dos cursos poderá autorizar excepcionalmente que se poida superar esa porcentaxe, previa petición da

entidade impartidora. Na solicitude, deberá figurar unha memoria explicativa facendo consta-los motivos alegados para solicitar esta excepcionalidade, acompañada de tres orzamentos de tres empresas diferentes.

3. Terase en conta que a imputación de alugueres entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá supera-lo 35% do módulo B.

Artigo 10º.-Gastos xerais.

Os gastos que as entidades impartidoras imputen por este concepto non poderán supera-lo 25 por cento do módulo B.

Artigo 11º.-Axudas e bolsas.

1. Para ter dereito a calquera das axudas e bolsas reguladas neste artigo será requisito imprescindible que o curso teña unha duración superior ás catro horas diarias e vinte semanais.

2. A percepción de calquera destas axudas será incompatible entre si.

3. Terán dereito a percibi-la axuda de transporte os alumnos de formación profesional ocupacional cando teñan que desprazarse polo menos tres quilómetros para asistir a eles. Os que teñan dereito a esta axuda durante o desenvolvemento da parte teórica e non da práctica, ou viceversa, soamente se lles aboará axuda cando cumpran o requisito de distancia, debidamente acreditado mediante a certificación municipal correspondente. A acreditación de ter dereito a esta axuda farase mediante certificación municipal de residencia. O seu importe será de 5,23 euros alumno/día lectivo, tendo en conta que os alumnos non percibirán esta axuda os días de ausencia, sexan ou non xustificadas as faltas.

Neste caso, se existe contradicción entre o domicilio que figura na tarxeta de demanda de emprego e o que figura na certificación municipal, haberá que aterse ó reflectido na tarxeta de demanda.

4. Os alumnos minusválidos terán dereito a unha bolsa, co único requisito de acreditar documentalmente a súa minusvalía. O dereito á percepción desta bolsa acreditarase mediante a presentación do informe de cualificación de minusvalía ou de certificación oficial do órgano competente. O seu importe será de 5,23 euros alumno/día lectivo, e os alumnos beneficiarios non percibirán a bolsa correspondente ós días lectivos que, sen causa xustificada, deixasen de asistir ó curso.

5. Os alumnos poderán percibi-la axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 75 quilómetros. En casos excepcionais, debido a problemas das comunicacións, circunstancia que deberá ser previamente valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso, poderá concederse esta axuda aínda que a distancia sexa inferior. A acreditación de atoparse nos supostos de concesión realizarase a través de certificación municipal.

Ademais da duración do curso e da distancia, para percibi-la axuda de aloxamento e manutención deberán cumprirse os seguintes requisitos:

-Que a asistencia ó curso implique que o alumno deba aloxarse no lugar de impartición.

-Que a especialidade que se vai impartir sexa algunha das seguintes:

-AUCV10. Chapista pintor de vehículos.

-AURS30. Mecánico de motores e equipos de inxección.

-EOAC60. Colocador de lousa.

-EOAL50. Escaiolista.

-EOAL60. Colocador de prefabricados lixeiros.

-EOCP10. Canteiro.

-EOCP40. Pavimentador con lastros.

-EOIA60. Instalador mantedor reparación calefacción e auga quente

-EOMQ10. Operador de maquinaria de escavación.

-EOTA20. Auxiliar técnico de obra.

-FEMI30. Matriceiro moldista.

-FEMI60. Preparador-programador de máquinas ferramentas con CNC.

-IAIC20. Carniceiro.

-IAIL40. Elaborador de productos lácteos e ovoproductos.

-IMIS30. Editor-montador de imaxe.

-IPCM30. Carpinteiro metálico e de PVC.

-IPCM70. Soldador tubos e recipientes de alta presión.

-MDFC10. Proxectista de carpintería e moble.

-MDFC30. Mecanizado de madeira e taboleiros.

-MDFC40. Operador de armado e montaxe carpintería e moble.

-MDPT20. Operador secado e tratamentos protectores da madeira.

-MRMI20. Electromecánico de mantemento.

-PTER10. Instalador de sistemas fotovoltaicos e eólicos.

Esta axuda aboarase por mes natural, e a súa contía será o importe do salario mínimo interprofesional fixado para o ano 2003, rateándose a parte correspondente ós meses de inicio e finalización cando non sexan completos.

O gasto real de aloxamento xustificarase por medio do contrato de arrendamento, factura de hospedaxe ou calquera outro medio documental acreditativo.

Artigo 12º.-Publicación de anuncios.

1. Tódalas convocatorias públicas para a selección de alumnos que se fagan mediante anuncio en prensa deberán publicarse en domingo.

2. Os anuncios cubriranse en modelo normalizado no que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do Fondo Social Europeo, figurnado neles os logotipos de ámbolos organismos. Neles especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, perfil requirido dos alumnos, enderezo e teléfono do lugar de realización das probas de selección así como a data e deberán publicarse, polo menos, a través dun dos xornais de maior tiraxe da provincia.

O custo dos anuncios que se publiquen en día distinto a domingo por causas atribuíbles ás entidades impartidoras, non poderá imputarse ó módulo B do curso da subvención concedida.

3. Tódolos anuncios deberán ser visados e autorizados pola oficina de emprego que corresponda.

4. Calquera excepción a esta norma deberá ser autorizada polo director xeral, de Formacióne Colocación ou polo respectivo delegado/a provincial segundo proceda.

Artigo 13º.-Módulos de orientación profesional.

1. Os módulos de información e orientación profesional e sobre técnicas de busca de emprego que se inclúan nos plans docentes dos cursos de formación ocupacional terán unha duración máxima de 20 horas.

2. Para a elaboración do contido dos citados módulos poderá tomarse como referencia a Guía de técnicas para a busca de emprego, editada por esta dirección xeral.

Artigo 14º.-Seguimento e control dos cursos.

1. As entidades impartidoras deberán remitirlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial correspondente, segundo proceda, xunto co resto da documentación esixida na respectiva orde de convocatoria ou na presente resolución, a folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos da delegación provincial que visiten o curso.

2. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Artigo 15º.-Diplomas.

1. Terán dereito a recibir un diploma oficial aqueles alumnos que rematen o curso con aproveitamento a xuízo do docente, e asistan como mínimo ó 75% das súas horas lectivas. Tamén terán dereito a diploma, aínda que non rematan o curso, aqueles que

causen baixa por colocación, sempre que obteñan avaliación positiva e asistan, como mínimo, ó 75% das horas lectivas totais.

2. Terase en conta que máis de dúas faltas sen xustificar dentro do mesmo mes suporán a baixa automática no curso e a perda do dereito a diploma. A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. Os alumnos disporán dun prazo de 5 días hábiles para presentar no centro colaborador os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada sen xustificar.

3. Para ter dereito a recibi-lo diploma será requisito imprescindible en todo caso, á parte de acada-lo nivel formativo que corresponda, ter asistido como mínimo ó 75% das horas lectivas do curso.

4. Dentro do programa do curso que debe figurar na parte posterior do diploma, figurará separadamente do resto do programa a realización do módulo Sensibilización ambiental.

Artigo 16º.-Prácticas en empresas.

1. As prácticas en empresas poderán realizarse, segundo establece o artigo 4.2º do Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, con base nos convenios asinados entre a Xunta de Galicia (Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude), como Administración laboral competente para xestiona-las accións do Plan FIP na Comunidade Autónoma de Galicia, e a empresa ou a organización empresarial correspondente, nos termos pactados neles.

2. As entidades que teñan previsto realiza-las prácticas en empresas previstas no artigo 15 da Orde do 15 de novembro de 2002, deberán presentar, cunha antelación mínima de quince días hábiles á súa realización, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou na correspondente delegación provincial, segundo corresponda, solicitude de autorización para a súa realización, facendo consta-los seguintes aspectos:

a) Contido das prácticas que realizarán os alumnos.

b) Datas previstas e lugar de realización.

c) Compromiso entre o centro formativo e a empresa na que se realizarán as prácticas para sinatura dun convenio específico para súa realización.

d) Número de alumnos que as realizarán e número de horas por alumno.

e) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

f) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos que cubra os riscos do

curso, que deberá incluí-los do traxecto ó lugar de realización das prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período da súa realización.

g) Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas en empresas.

h) As empresas nas que se realicen as prácticas deberán cumpri-la normativa de prevención de riscos laborais, o que se xustificará presentando un plan de prevención.

3. Antes do comezo das prácticas porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que as realizarán. A notificación ós representantes dos traballadores corresponderalle facela á empresa, mentres que á Inspección de Traballo a comunicación corresponderalle á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial, segundo proceda.

4. A compensación económica ás empresas por prácticas en empresas será de 6,01 A por alumno e día de práctica.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2002.

J. Jaime López Cossío

Director xeral de Formación e Colocación

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA