Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2002, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo da empresa Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L. (código de convenio núm. 3200772), con entrada nesta delegación provincial o día 22 de maio de 2002, subscrito con data do 11 de maio de 2002, en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social polos delegados de persoal.

Esta delegación provincial de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 27 de maio de 2002.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio de Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L.

(Do 1-9-2001 ó 31-8-2003)

Capítulo I

Ámbito e vixencia

Artigo 1º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

1. Afecta a todo o persoal, tanto fixo como eventual ou interino, de Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L., que preste os seus servicios nos centros de traballo de Val de Pereira-Ribadavia, e Leiro.

2. No sucesivo, ó menciona-la empresa estarémonos a referir, precisamente, a Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

1. Entrará en vigor o día da súa publicación no DOG, aínda que os seus efectos económicos se retrotraen ó 1 de setembro de 2001. A súa vixencia é bianual e, polo tanto, estenderase deica o 31 de agosto do ano 2003.

2. Entenderase prorrogado polo mesmo período de tempo, dous anos, mentres non sexa denunciado por calquera das partes cunha antelación mínima de tres meses no prazo de duración pactado, ou de calquera das súas prórrogas. A denuncia deberá facerse mediante comunicación escrita dunha parte á outra, na que se fará consta-la representación que se posúe e as materias obxecto de negociación.

3. No caso de non ser denunciado, tal e como se sinala no punto anterior, a revisión salarial anual farase co criterio que se establece no artigo 3º, punto 1.

Artigo 3º.-Revisión.

1. Para o segundo ano de vixencia, é dicir, para o período comprendido entre o 1-9-2002 e o 31-8-2003, e para as súas posibles prórrogas, a táboa de salarios serán revisada á alza en función da variación que experimentase o IPC oficial que publica o Instituto Nacional de Estatística, nos últimos doce meses inmediatamente anteriores á dita revisión. En todo caso, se do dito cálculo resultase negativo o IPC, a táboa de salarios non se vería afectada polo decremento correspondente.

2. Faise constar expresamente que para as categorías de peóns, oficiais e categorías asimiladas, o incremento para o segundo ano de vixencia será de dous puntos porcentuais máis.

Capítulo II

Contratos de traballo

Artigo 4º.-Contratos de obra ou servicio.

Serán tarefas ou traballos con substantividade propia dentro da actividade da empresa, e que se poderán cubrir con contratos de obra ou servicio determinado, os seguintes:

a) As contratacións efectuadas en período de vendima, e no inmediatamente posterior para a elaboración do viño.

b) As contratacións efectuadas para destilación de augardentes e embotellado de viño en períodos punta de producción.

2. A empresa poñerá á disposición dos traballadores contratados baixo esta modalidade a roupa de traballo axeitada para o desempeño do seu labor.

3. Ás contratacións baixo esta modalidade efectuadas en períodos de vendima, e cun máximo de duración de 1 mes, período que establecerá a empresa, seranlles satisfeitas as horas extraordinarias incluídas as correspondentes a sábados, domingos e festivos, polo mesmo importe que corresponde á hora normal, salvo as horas traballadas entre as 22 horas e as 6 horas da mañá, que se incrementarán nun 75% sobre o valor da hora normal.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 5º.-Clasificación profesional.

1. A clasificación do persoal afectado por este convenio é simplemente enunciativa, e non supón a obriga de ter cubertas tódalas prazas enumeradas, se as necesidades da empresa non o requiren.

Artigo 6º.-Clasificación por grupos e niveis.

Área; función.

* Grupo B .

Comercial: xefe de vendas.

Administración: xefe de administración.

Producción:

Enólogo: xefe de producción.

* Grupo C.

Comercial: inspector de vendas.

Administración: xefe de contabilidade.

Producción:

Encargado de adega.

Encargado de embotellado.

Encargado de almacén.

Encargado de mantemento.

Encargado de producción.

* Grupo D.

Comercial: comercial promotor.

Administración: administrativo de 1ª.

Producción: oficial de 1ª.

* Grupo E.

Comercial: autovenda.

Administración: administrativo de 2ª.

Producción: oficial de 2ª.

* Grupo F.

Comercial: axudante de repartición.

Administración: auxiliar administrativo.

Producción: oficial de 3ª.

* Grupo G.

Producción:

Peón.

Persoal de limpeza.

Auxiliar de vendima.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 7º.-Xornada laboral.

-Durante a vixencia deste convenio establécese unha xornada laboral de 40 horas semanais distribuídas equitativamente de luns a venres.

-Non obstante o anterior, a empresa poderá acorda-la distribución irregular da xornada, nos termos e co procedemento que a continuación se establece, distribución irregular que en ningún caso afectará o período de vendima.

-Neste suposto, a xornada poderá exceder de 9 horas, sempre respectando o descanso entre xornadas, e un máximo de dúas horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase con descanso en igual número de horas nos períodos de menor producción que determine a empresa, aínda que en ningún caso con vacacións.

-A distribución irregular será de obrigado cumprimento para tódolos traballadores.

-A empresa comunicará, mediante anuncio no taboleiro de edictos, e cunha antelación mínima de sete días, a xornada irregular, tendo en conta que o número máximo de horas que poderá afectar durante o ano será de 75 por cada traballador.

-Se unha vez transcorrido o exercicio económico, non se necesitaron 75 horas previstas, estas non se acumularán en ningún caso ás correspondentes ó exercicio seguinte.

-Só poderá ser de aplicación a xornada irregular de traballo aquí pactada, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 31 de maio. Sen prexuízo de que se durante o período de vendima se traballasen máis horas que as normais, estas pagaranse como horas extras, non sendo compensables con descansos ou vacacións.

-Trimestralmente, efectuarase a conseguinte regularización das horas que se efectuasen nos períodos de xornada irregular.

-Establécense dous días libres de convenio, que se desfrutarán os días 24 e 31 de decembro. Se estes días cadrasen en sábado ou domingo, o desfrute pasaría ó día laborable inmediatamente anterior.

-Establécese un novo horario de verán para os meses de xuño, xullo e agosto, que será desde as 6.30 horas ás 14.30 horas para todo o persoal da empresa, com compromiso de que a comisión paritaria fará un seguimento específico deste horario e da súa aplicación, por se se detectaran problemas deste.

Artigo 8º.-Vacacións.

1. As vacacións terán unha duración de vintedous días hábiles, excluídos os sábados, para tódolos grupos.

2. Os días anuais de vacacións, para efectos de desfrute, distribuiranse da maneira seguinte:

a) A metade, ininterrompidos para desfrutar preferentemente no verán (xuño, xullo e agosto).

b) O resto dos días, para desfrutar de acordo entre o traballador e maila empresa, atendendo preferentemente ás necesidades do traballo determinadas pola empresa.

3. A metade dos días serán a elección do traballador, e a outra metade fixaraa a empresa.

4. A empresa comunicará, no taboleiro de anuncios, polo menos con dous meses de antelación, o período de vacacións que corresponde a cada traballador.

Artigo 9º.-Permisos e licencias.

1. A empresa concederalles permiso retribuído ós traballadores que, tras xustificación previa, o soliciten nos casos seguintes:

-Por casamento: 15 días naturais.

-Por parto da esposa: 2 días naturais.

-Por doenza grave ou morte de parentes de segundo grao de consanguinidade ou afinidade, ou doenza grave de parentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais, salvo que o traballador teña que se desprazar fóra de Galicia, caso no que se incrementará o permiso 1 día máis.

-Por morte de parentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días naturais (5 días se houbese que facer un desprazamento superior a 100 km).

-No caso de asistencia ó médico: o tempo necesario con xustificante, limitándose a dúas horas como máximo no caso de médicos de cabeceira ou medicina xeral. (Desaparece o límite de especialistas).

Capítulo V

Retribucións

Artigo 10º.-Táboa salarial.

1. Establécese unha táboa de percepcións económicas que será, para cada traballador, a que lle corresponda ó seu grupo conforme a súa función, e que está relacionada no anexo I deste convenio.

Artigo 11º.-Antigüidade.

1. Os traballadores da empresa desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico, por cada 5 anos de servicios prestados ininterrompidamente do 8% do salario base do seu grupo, por cada un deses períodos.

2. O dito complemento de antigüidade será, así mesmo, de aplicación na percepción das pagas extraordinarias e nas vacacións.

3. A contía máxima polo complemento persoal de antigüidade será do 40% do salario base do grupo, conforme a súa función.

4. Para o cómputo dos quinquenios que neste convenio nos servirán de base para o cálculo de complemento persoal de antigüidade, considérase a data

de ingreso na empresa, incluíndo o período efectuado de proba e excluíndo os períodos de contratación temporal.

Artigo 12º.-Adaptación da antigüidade.

1. Afecta, este artigo, a todo o persoal fixo que no momento de entrada en vigor deste convenio, perciba complemento persoal por antigüidade, sen acada-lo 60% do seu salario base.

2. Quedan, pois, expresamente excluídos deste artigo aqueles traballadores que perciban na entrada en vigor deste convenio o complemento por antigüidade do 60%.

3. Os traballadores que reúnan os requisitos fixados no número 1 deste artigo, percibirán individualmente, e en compensación pola aplicación do novo sistema de antigüidade, que se recolle no artigo anterior deste convenio, as cantidades que resulten, de acordo co seguinte criterio:

a) Os traballadores, que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 5 anos, percibirán un 2% do salario base, que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores, que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 10 anos, percibirán un 2,5% do salario base, que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores, que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 15 anos, percibirán un 3% do salario base, que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores, que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 20 anos, percibirán un 3,5% do salario base, que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores, que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 25 anos, percibirán un 4% do salario base, que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

b) En todo caso, as porcentaxes descritas no punto a) non son acumulativas, senón que cada cinco anos se percibirá un 4% segundo as condicións antes explicadas, sendo así que a aplicación da percentaxe superior exclúe as anteriores.

4. Á súa vez, os traballadores que reúnan os requisitos recollidos no número 1 deste artigo terán consolidada a antigüidade que perciban á entrada en vigor deste convenio, e os anos transcorridos para alcanza-la seguinte porcentaxe, segundo o criterio anterior regulado na ordenanza laboral do 11 de xullo de 1971 computarán para alcanza-lo quinquenio do 8% seguinte ou o límite máximo do 40%, se é o caso.

5. Ós traballadores que perciban á entrada en vigor deste convenio, en concepto de antigüidade, máis do 40% e menos do 60% do seu salario base, quedaralles conxelada a dita antigüidade, sen prexuízo dos beneficios pactados no número 3 deste artigo.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

1. Independentemente do exposto no artigo 7º deste convenio sobre distribución irregular da xornada de traballo, poderanse realizar, aínda que de xeito voluntario, horas extraordinarias en períodos de vendima e aqueloutras motivadas por causas de forza maior e estructurais, entendéndose estas últimas como as necesarias en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de carácter estructural derivados da natureza do traballo de que se trate, ou para conservación e mantemento e limpeza das instalacións.

2. A realización das horas extraordinarias de vendima e as estructurais terá limitado o seu número ós límites máximos legais.

3. O valor da hora extraordinaria normal será o equivalente de aplicarlle á hora ordinaria diaria un incremento do 75%.

4. O valor da hora extraordinaria nocturna, que é aquela que se realiza entre as 22 horas e as 6 horas, será o equivalente de lle aplicar á hora ordinaria diaria un incremento do 150%.

5. As horas extraordinarias realizadas en sábados pagaranse como horas extras normais, agás as que se realicen entre as 22 horas e as 6 horas, que se pagarán como horas extras nocturnas.

6. As horas extraordinarias realizadas en domingos e festivos pagaranse como horas extras nocturnas, é dicir, cun incremento do 150% sobre o prezo da hora ordinaria.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Consistirán en tres pagas:

a) Unha en xullo, por un importe de 30 días de salario base máis antigüidade, que se deberá facer efectiva o 15 de xullo.

b) Unha en setembro, por un importe de 15 días de salario base máis antigüidade, que se deberá facer efectiva o 15 de setembro.

c) Unha en decembro, por un importe de 30 días de salario base máis antigüidade, que se deberá facer efectiva o 15 de decembro.

2. A empresa poderá ratea-lo importe das gratificacións extraordinarias ó longo dos meses do ano.

3. Os traballadores que ingresen ou cesen durante o ano, terán dereito a percibi-la parte proporcinal das gratificacións extraordinarias, considerándose que, para efectos da dita retribución, a paga de xullo corresponde ó período agosto-xullo, que a paga de setembro corresponde ó período outubro-setembro e a paga de decembro corresponde ó período xaneiro-decembro.

Artigo 15º.-Axuda de custos.

1. A empresa poderá despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presta os seus servicios durante calquera prazo de tempo e co límite establecido no Estatuto dos traballadores para ser considerado traslado, coa correspondente axuda de custos.

2. A contía das axudas de custos será pagada pola empresa, posteriormente á xustificación dos gastos ocasionados, e sempre que se realicen nos lugares sinalados así mesmo pola empresa.

3. Para o persoal que non sexa do departamento comercial, a empresa adiantará a estimación dos custos derivados do desprazamento, sempre que este fose superior a tres días.

Artigo 16º.-Indemnización no caso de accidente laboral.

1. O traballador que estea de baixa como consecuencia dun accidente de traballo, ocorrido na empresa durante as horas de traballo, percibirá un complemento equivalente á diferencia entre o aboado pola Seguridade Social e o seu salario base maila antigüidade correspondente, por un período máximo de dezaoito meses, e sempre que a antigüidade na empresa sexa superior a seis meses.

2. O traballador que estea de baixa como consecuencia dun accidente ocorrido por desprazamento, efectuado por necesidades da empresa, percibirá un complemento equivalente á diferencia entre o aboado pola Seguridade Social e o seu salario base maila antigüidade correspondente, por un período máximo de dezaoito meses, e sempre que a antigüidade na empresa sexa superior a seis meses.

3. O traballador que estea de baixa, e precise hospitalización por enfermidade común, percibirá un complemento equivalente á diferencia entre o aboado pola Seguridade Social e o seu salario base maila antigüidade correspondente, durante un período máximo de seis meses, computando os días de hospitalización e os de convalecencia no domicilio, motivada pola dita hospitalización, e sempre que a antigüidade na empresa sexa superior a seis meses.

4. Nos casos de accidente no laboral ocorrido fóra da empresa, esta non aboará complemento ningún nin no caso de baixa nin no de hospitalización.

No caso de enfermidade común, que non implique hospitalización, e durante os tres primeiros días da baixa correspondente ó exercicio económico, a empresa satisfará o 60% correspondente á súa base de cotización, non existindo o dito beneficio na segunda e posteriores baixas pola dita causa no mesmo exercicio económico.

Artigo 17º.-Pagamento de salarios.

1. A empresa queda obrigada a paga-los salarios dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ó mes vencido en que se produza o devengo.

2. O pagamento efectuarase por ingreso en conta bancaria que o traballador designa, admitíndose excepcionalmente e por causa xustificada outro modo de pagamento.

Capítulo VI

Compensación e absorción

Artigo 18º.-Compensación e absorción.

1. As melloras resultantes deste convenio serán compensadas e absorbidas, ata onde alcance o cómputo anual, con aqueloutras melloras que teña establecidas a empresa ou que sexan de aplicación por disposición legal.

Capítulo VII

Roupas de traballo

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

1. A empresa dotará o persoal feminino de dúas batas e o masculino de dúas fundas ou monos, anualmente, sen prexuízo de roupas especiais para traballos que así o requiran.

2. As roupas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador está obrigado á súa boa conservación e uso.

3. O uso das roupas de traballo entregadas será de obrigado cumprimento para o traballador.

4. A empresa poderá facer constar nas roupas de traballo o anagrama desta.

Artigo 20º.-Póliza de seguros.

1. A empresa concertará, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguros que cubra as seguintes continxencias.

a) Para o persoal de comercial, como consecuencia de accidente laboral ou común, con resultado de:

-Morte: 60.101,21 A.

-Invalidez permanente: 60.101,21 A.

b) Para o persoal de administración, como consecuencia de accidente laboral ou común, con resultado de:

-Morte: 48.080,97 A.

-Invalidez permanente: 48.080,97 A.

c) Para o persoal de producción, como consecuencia de accidente laboral ou común, con resultado de:

-Morte: 30.050,61 A.

-Invalidez permanente: 30.050,61 A.

2. Para o persoal de nova incorporación a póliza de seguros deberá concertarse no prazo de 1 mes a partir da data de contratación. Os traballadores con contrato temporal de obra terán dereito á cobertura da póliza descrita na letra c.

3. Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente e o grao de invalidez será o que no seu día determinen os organismos da Seguridade Social.

4. Estas compensacións son compatibles coas pensións ou indemnizacións que lle poidan corresponder ó traballador da Seguridade Social ou mutualidade correspondente.

5. As indemnizacións que, a teor das condicións particulares e xerais da póliza de seguro sexan percibidas polos traballadores, ou os seus herdeiros, con cargo ó contrato de seguro que voluntariamente ten este convenio, cosideraranse como entregadas á conta das indemnizacións que, se así é o caso, puidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza, e compensarse ata onde aquelas alcancen.

Artigo 21º.-Revisión médica.

1. Unha vez ó ano efectuarase unha revisión médica para tódolos traballadores.

2. Estas revisións serán por conta da Seguridade Social ou mutualidade correspondente.

Capítulo VIII

Faltas e sancións

Artigo 22º.-Faltas e sancións.

1. As faltas cometidas por un traballador da empresa atendendo á súa importancia, trascendencia, malicia ou reincidencia clasificaranse en:

a) Leve.

b) Grave.

c) Moi grave.

Artigo 23º.-Faltas leves.

Son faltas leves as seguintes:

1. A falta de puntualidade na asistencia o traballo, con atraso sobre o horario de entrada superior a 5 minutos e inferior a 30.

As tres primeiras faltas cometidas no período de 1 mes serán consideradas leves.

2. Non estar ó inicio ou ó remate da xornada no posto de traballo correspondente, e coa roupa de traballo, facilitada pola empresa, posta.

3. Abandonar sen causa xustificada o traballo que se lle encomendou, aínda que sexa por breve tempo.

Se como consecuencia do dito abandono, se lle causase algún prexuízo á empresa, ou ós compañeiros de traballo, poderá ser considerada grave ou moi grave.

4. Non atende-lo público ou os socios coa atención e corrección debidas.

5. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio.

Se tales discusións producisen escándalos notorios, poderán ser consideradas como faltas graves ou moi graves.

6. Faltar ó traballo, sen causa xustificada, un día ó mes.

Artigo 24º.-Faltas graves.

1. Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un período de trinta días.

Cando se tivese que relevar por un compañeiro, abondará cunha soa falta de puntualidade para ser considerada como grave.

2. Máis de tres faltas cometidas no punto 2 do artigo anterior.

3. Faltar dous días o traballo, sen causa xustificada, durante un período de trinta días.

4. Non comunicar de inmediato as variacións da situación familiar que poidan afectar a responsabilidades fiscais ou coa Seguridade Social.

5. A reincidencia no abandono do posto de traballo, ou servicio encomendado, por breve tempo.

6. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexan.

7. A simulación de doenza ou accidente.

8. A negativa a efectua-la xornada irregular establecida neste convenio.

9. A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo para a empresa, poderá considerarse como falta moi grave.

10. Simula-la presencia doutro productor, fichando por el.

11. A neglixencia ou desidia no traballo, que afecte á boa marcha do servicio.

12. A imprudencia en actos de servicio. Se implicase risco de accidente para si ou para os seus compañeiros, ou da dita imprudencia se derivase prexuízo para a empresa, considerarase falta moi grave.

13. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, ou empregar ferramentas ou instalacións da empresa para uso propio aínda fóra do horario de traballo.

14. A reincidencia en falta leve, salvo naquelas en que se precisen tres faltas leves nun período de trinta días, aínda que sexan de distinta natureza nun período de 90 días.

Artigo 25º.-Faltas moi graves.

1. Máis de 10 faltas nos puntos 1 e 2 do artigo 2º, nun período de 180 días.

2. A fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

3. Facer desaparecer, inutilizar, desfacer ou causar estragos en materiais, útiles, ferramentas, instalacións, edificios e demais trebellos e documentos da empresa ou do persoal desta.

4. Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos e informacións reservados á empresa.

5. Revelarlles a elementos estraños á empresa, ou da propia empresa, datos de reserva obrigada.

6. Dedicarse a actividades que sexan competitivas coas propias actividades da empresa.

7. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta de respecto e consideración ós xefes e encargados, membros da xunta rectora, os socios, así como ós compañeiros e subordinados.

8. Causar accidentes graves, para si, para os compañeiros ou para os bens da empresa, por neglixencia ou imprudencia inescusable.

9. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

10. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo.

11. Orixinar frecuentes rifas e discusións cos compañeiros de traballo.

12. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, nun período de 180 días.

Artigo 26º.-Clasificación das faltas.

1. A enumeración das faltas en leves, graves e moi graves feitas nos artigos anteriores é simplemente enunciativa e non implica que poidan existir outras, as cales serán clasificadas segundo a analoxía coas aquí definidas.

2. A clasificación das faltas en leves, graves e moi graves faraa sempre a empresa.

Artigo 27º.-Sancións.

1. As sancións máximas, que poderá pórlle-la empresa ós que incorran en faltas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación escrita.

-Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

-Traslado forzoso de servicio a distinta localidade, sen dereito a indemnización ningunha.

-Despedimento, con perda de tódolos seus dereitos na empresa.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a corenta e cinco días.

-Despedimento, con perda de tódolos seus dereitos na empresa.

Capítulo IX

Normas e procedemento

Artigo 28º.-Competencia.

1. Correspóndelle á dirección da empresa a facultade de impoñer sancións de acordo coas normas establecidas neste capítulo.

2. As sancións seranlle comunicadas por escrito ó interesado, expresando as causas que a motivaron, debendo este asina-lo duplicado e entregarllo á dirección ou xerencia.

3. En tódolos casos de sancións graves ou moi graves, o interesado, dentro dos vinte días hábiles seguintes a aquel en que se lle comunique a sanción, poderá recorrer perante os xulgados do Social.

Artigo 29º.-Caducidade.

1. As faltas leves prescribirán ós dez días naturais, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, os seis meses de se cometeren.

2. A empresa anotará nos expedientes persoais dos seus productores as sancións que lles sexan impostas, e serán anuladas destes, sempre que non haxa reincidencias.

a) As faltas leves: ó ano.

b) As faltas graves: ós tres anos.

c) As faltas moi graves: ós cinco anos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Comisión mixta paritaria.

1. Créase unha comisión mixta paritaria, composta polo representante da empresa, que esta designe, e polos representantes dos traballadores desta; as súas funcións serán as seguintes:

a) Interpretación das cláusulas do convenio.

b) Arbitraxe das cuestións que se deriven da aplicación do convenio.

c) Vixilancia e cumprimento do pactado.

2. Esta comisión poderá ser asistida dos asesores que estimen convenientes calquera das partes representadas nesta.

3. As funcións e actividades da comisión mixta non obstruirán en ningún caso as accións laborais correspondentes.

4. Control dos días que os traballadores estean de baixa durante un, dous ou tres días por enfermidade común, sen hospitalización, para os efectos de avalia-la incidencia das referidas baixas, eliminándose o complemento pactado no número 4 do artigo 16º, para o segundo ano de vixencia deste convenio, se o cómputo dos días de baixa sinalados, sumando os de tódolos traballadores, é superior ó 25% de días respecto á media dos últimos dous últimos exercicios.

Segunda.-No non previsto neste convenio, estarase conforme o disposto no Estatuto dos traballadores.

Disposición derradeira

Lingua galega e dereitos lingüísticos.

Seguindo as recomendacións formuladas polo Consello Galego de Relacións Laborais, este convenio redáctase en lingua galega.

Así mesmo, os traballadores desta empresa teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega e a recibir formación lingüística para mellora-lo servicio ó público no seu posto de traballo.

Dentro da empresa, a dirección e os representantes dos traballadores fomentarán o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións cos consumidores e administracións públicas en Galicia.

ANEXO I

Táboa salarial

Artigo 1º.-Salarios.

O incremento salarial para o primeiro ano de vixencia do convenio é o seguinte:

-Incremento do 7% para os peóns.

-Incremento do 6% para oficiais de 3ª e asimilados.

-Incremento do 5% para oficiais de 1ª, 2ª e asimilados, así como para os encargados.

-Incremento do 3,7% para o resto do persoal.

Os salarios para o período comprendido entre o 1-9-2001 e o 31-8-2002 serán os seguintes:

G

Área

Función

%

Salario

mensual

Salario

anual

BComercialXefe de vendas3,7%1.235,50 A17.914,75 A

BAdministraciónXefe de admón.3,7%1.235,50 A17.914,75 A

BAdministraciónAtención socio3,7%1.235,50 A17.914,75 A

BProducciónEnólogo3,7%1.235,50 A17.914,75 A

BProducciónXefe producción3,7%1.235,50 A17.914,75 A

CComercialInspector vendas5%857,18 A12.429,11 A

CAdministraciónXefe contabilidade5%973,03 A14.108,93 A

CTécnicaEncargado adega5%857,18 A12.429,11 A

CTécnicaEnc. embotellado5%857,18 A12.429,11 A

CTécnicaEnc. de almacén5%857,18 A12.429,11 A

CTécnicaEnc. mantemento5%857,18 A12.429,11 A

CTécnicaEnc. producción5%973,03 A14.108,93 A

DComercialPromotor comercial5%695,00 A10.077,50 A

DAdministraciónAdministrativo 1ª5%722,81 A10.480,74 A

DTécnicaOficial de 1ª5%686,74 A9.957,73 A

EComercialAutovenda5%656,48 A9.518,96 A

EAdministraciónAdministrativo 2ª5%693,38 A10.054,01 A

ETécnicaOficial de 2ª5%661,23 A9.587,83 A

FComercialAxudante reparto6%635,58 A9.215,91 A

FAdministraciónAux. administrativo6%638,93 A9.264,48 A

G

Área

Función

%

Salario

mensual

Salario

anual

FTécnicaOficial de 3ª6%647,85 A9.393,82 A

HTécnicaPeón7%602,45 A8.735,52 A

HTécnicaLimpeza7%602,45 A8.735,52 A

HTécnicaAxudante vendima7%602,45 A8.735,52 A

Artigo 2º.-Incremento compensatorio de peóns, oficiais e categorías asimiladas.

No segundo ano de convenio incrementarase co IPC interanual correspondente, para tódalas categorías comprendidas nesta táboa. Co fin de incluí-la iniciada con anterioridade progresiva equiparación dos grupos de salarios de inferiores categorías, páctase, sen prexuízo do incremento do IPC para os oficiais e para os peóns, así como para os administrativos de primeira, segunda e comerciais autovenda, un incremento especial do 2% por riba do dito IPC.

Este incremento xa está incluído na táboa antes indicada para o primeiro ano.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE