Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polos representantes dos traballadores da empresa Severiano Gestión, S.L., adxudicataria do contrato de xestión da documentación clínica do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña, durante os días 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29, 30 de xaneiro de 2003 e 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de febreiro de 2003.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afectará o persoal da empresa Severiano Gestión, S.L., adxudicataria do contrato de xesión da documentación clínica do complexo hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña, os días 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29, 30 de xaneiro de 2003 e 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de febreiro de 2003, logo da audiencia ó comité de folga, a quen se lle deu traslado do informe e da motivación dos mínimos proposta que constan no expediente,

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta todo o persoal da empresa Severiano Gestión, S.L. adxudicataria do contrato de xestión dos arquivos das historias clínicas de tódolos centros do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña, durante os días sinalados, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen a Seguir.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios do complexo hospitalario que, baixo ningún concepto poden

quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial e para evitar que se produzan graves prexuízos na atención sanitaria ós usuarios.

A xestión do arquivo e das historias clínicas é de capital importancia para a prestación da asistencia sanitaria. Na área de urxencias a consulta da historia clínica dun paciente é imprescindible para planificar unha correcta asistencia e alcanzar un rápido diagnóstico en circunstancias nas que unha mínima demora pode provocar consecuencias moi graves para os pacientes.

O mesmo nas áreas de hospitalización e quirófanos ou en consultas externas, onde a ausencia das historias clínicas supoñen a repetición de probas diagnósticas innecesarias, alongamento da estadía dos pacientes no centro hospitalario, anulación de intervencións cirúrxicas, que os pacientes non poidan ser atendidos nas consultas externas e outra serie de graves prexuízos que os pacientes non deben soportar.

Os centros afectados pola folga son o Hospital Juan Canalejo, Hospital Teresa Herrera, Hospital de Oza, Hospital Abrente y Lago, e centros de especialidades Ventorrillo, Carballo e Betanzos.

O número mínimo de efectivos para garantiza-los servicios esenciais nas áreas de urxencias, de hospitalización e quirófanos e de consultas externas do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña é de 13 efectivos, un por cada centro e quenda de mañá, tarde e noite.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección da empresa concesionaria de acordo cos criterios anteriores, procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regu

lamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade