Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 19 de decembro de 2002 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias e se convocan para o ano 2003.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, establece as axudas ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA), e as súas disposicións de aplicación veñen previstas no Regulamento (CE) 445/2002, da Comisión, do 26 de febreiro.

As medidas de desenvolvemento da dita normativa comunitaria en canto á mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias están recollidas no programa operativo plurirrexional de mellora de estructuras e dos sistemas de producción agrarios nas rexións de obxectivo 1 de España, así como no programa operativo integrado de Galicia, regulándose as axudas a nivel estatal mediante o Real decreto 613/2001, do 8 de xuño e a nivel autonómico, pola Orde do 7 de xuño de 2002, desta consellería, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias.

A experiencia adquirida coa aplicación destas axudas durante a convocatoria do 2002 fai conveniente efectuar puntuais modificacións nos artigo 14º.2 e 18º.3 da Orde do 7 de xuño de 2002, precisándose, por unha banda, os requisitos que teñen que cumpri-los posibles beneficiarios dos plans de mellora recollidos na sección terceira e, por outra, diferindo o prazo de presentación das solicitudes de axuda ás respectivas convocatorias, polo que neses puntos se modifican as bases reguladoras das axudas

Por outra banda, tendo en conta que a dita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas na Orde do 7 de xuño de 2002 as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias en Galicia, con vixencia indefinida, cómpre establece-la súa convocatoria para o ano 2003, mediante a presente orde que, á súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu

presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Sección primeira

Modificación da Orde do 7 de xuño de 2002

Artigo 1º.-Modificación do artigo 14º.2 da Orde do 7 de xuño de 2002.

O artigo 14, punto 2. quedará redactado como segue:

«2. Poderán ser beneficiarios das axudas ós plans de mellora previstos nesta sección terceira:

2.1 As persoas físicas, persoas xurídicas e comunidades de bens que cumpran os requisitos establecidos, para cada caso, no artigo 2º desta orde que sexan titulares de explotacións nas que máis do 50% da marxe bruta prevista proceda das actividades productivas de horticultura, floricultura ou gandería non ligada á terra.

2.2 As persoas físicas, persoas xurídicas e comunidades de bens que non cumprindo con tódolos requisitos recollidos no artigo 2º, reúnan e acrediten os seguintes requisitos:

a) Ser titular dunha explotación agraria.

b) Presentar un plan de mellora da súa explotación conforme o especificado no artigo 4º .

c) Comprometerse a exerce-la actividade agraria na explotación obxecto da axuda, alomenos durante cinco anos contados a partir da data da súa concesión. No caso de comunidade de bens, acreditarase a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de 6 anos desde a presentación da solicitude.

d) Acredita-la viabilidade económica da súa explotación de acordo co artigo 2º.4.A).

e) Cumpri-las normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais de acordo co artigo 2º.4.B).

f) Xustificar estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social. Asi mesmo, deberán xustificar non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

g) No caso de persoas físicas ou comunidade de bens (respecto dun dos comuneiros), acredita-la capacitación profesional suficiente de acordo co previsto no artigo 2º.1 B e, no caso de persoas xurídicas, a competencia e capacidade profesionais adecuadas».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 18.3º da Orde do 7 de xuño de 2002.

O artigo 18, punto 3 quedará redactado como segue:

«O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na respectiva convocatoria».

Sección segunda

Convocatoria das axudas para o 2003

Artigo 3º.-Obxecto.

A presente sección ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2003, das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias en Galicia, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 7 de xuño de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 113, do 13 de xuño de 2002, coas modificacións introducidas na sección primeira da presente orde.

Artigo 4º.- Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás distintas liñas de axuda (B, A, P e R) previstas no artigo 1º da Orde do 7 de xuño de 2002, os beneficiarios deberán cumpri-los requisitos establecidos respectivamente na dita orde no artigo 2º, para plans de mellora previsto no real decreto 613/2001; no artigo 9º, para as axudas á primeira instalación de agricultores mozos previstas no dito Real decreto; e no artigo 14º para outros plans de mellora.

2. As ditas axudas teñen por finalidade a mellora e modernización das explotacións agrarias galegas, no marco do obxectivo establecido nos capítulos I e II do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio.

Artigo 5º.- Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1.-As solicitudes de axuda presentaranse entre o 2 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2003, ámbolos dous inclusive, en calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Non obstante o anterior, para os casos de primeiras instalacións de mozos motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollidos ás axudas do Real decreto 5/2001, ou de falecemento, xubilación ou invalidez do actual titular da explotación, o prazo permanecerá aberto ata o 30 de novembro.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ós modelos e con toda a documentación establecida en cada caso, conforme se establece na Orde do 7 de xuño de 2002.

Artigo 6º.-Pagamentos anticipados.

No caso de solicita-lo pagamento anticipado das axudas, estarase ó disposto no artigo 23 da Orde de 7 de xuño de 2002.

Artigo 7º.-Xustificación.

A certificación dos investimemtos e gastos farase de conformidade co previsto no artigo 22º da Orde do 7 de xuño de 2002.

Artigo 8º.-Financiamento.

1. A participación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural nas axudas recollidas no artigo 1º.1 da Orde do 7 de xuño de 2002 axustarase ó disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, no relativo ó financiamento de actuacións.

2. O financiamento das axudas recollidas na Orde do 7 de xuño de 2002 efectuarase, para o ano 2003, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003:

a) 09.03.614-A 774.0, para as axudas previstas no artigo 1º.1 da devandita orde, dotada para esta finalidade con 29.044.674 euros, dos que 4 millóns de euros se destinarán a novas aprobacións con pagamento no exercicio 2003. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

b) 09.03.614-A 777.3, para as axudas previstas no artigo 1º.2, dotada para esta finalidade con 3.005.060 euros dos que 800.000 euros destinaranse a novas aprobacións de solicitudes con pagamento no mesmo exercicio. A dita aplicación poderá incrementarse con fondos adicionais comunitarios e da Comunidade Autónoma.

3. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes de 27 de novembro de 2000 e de 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos do exercicio do ano 2003 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-Aplicarase á presente convocatoria o previsto na disposición adicional quinta da Orde do 7 de xuño de 2002 en canto á autorización e expedición dos certificados acreditativos de que o solicitante se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Os expedientes de axuda presentados ó abeiro da convocatoria do 2002 respecto dos que non recaeu resolución expresa de concesión da axuda, poderanse ter en conta na convocatoria de 2003, sempre que o interesado así o solicite expresamente e cumpra o disposto nesta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Falcúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO