Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.787

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2002 pola que se delega nos delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo o exercicio de determinadas competencias.

Tendo en conta o gran volume da actividade administrativa que a normativa lle atribúe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co fin de evitar unha concentración excesiva e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto ós principios informadores da actuación administrativa, e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen nos delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo determinadas competencias.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispoño delegar nos delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo o exercicio das seguintes competencias:

1. Autoriza-los proxectos de obras e intervencións que afecten o patrimonio cultural ós que se refire o parágrafo b) do artigo 3 do Decreto 63/1992, do 19 de febreiro, polo que se reestructura a composición e funcionamento das comisións do Patrimonio Histórico Galego e os controis arqueolóxicos derivados destes proxectos ou do planeamento urbanístico en vigor, logo de informe-proposta da correspondente Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego.

2. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagarda-los bens do patrimonio cultural de Galicia que visen o seu interese ameazado.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá, non obstante, avocar para si en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada lei.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2002.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural