Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 09 de decembro de 2002 Páx. 16.957

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 374 que afecta o monte Neme e Longo, da parroquia de Cances, nas parroquias de Cances e Oza, concello de Carballo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2002, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 26 de xuño de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man

Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez Castro-Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de Montes en Man Común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 374.

Monte: Neme e Longo.

Comunidade: parroquia de Cances.

Parroquia: Cances e Oza.

Concello: Carballo.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Isabel Lista Castro, no seu nome e en representación dos veciños da parroquia de San Martiño de Cances, no concello de Carballo, solicitou deste xurado con data do 29-6-2001, a declaración como veciñal da expresada parroquia, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 37,59 ha.

Lindeiros:

a) Monte Neme. Situado na parroquia de Oza. É parte do monte Neme, nº 47 do C.U.P.

Norte: monte Carballeiras, na parroquia de Razo. Leste: pista que o separa de máis monte Neme, da parroquia de Oza. Sur: muro que o separa de predios particulares de veciños de Oza. Oeste: pista e rego que o separa de predios particulares de veciños de Cances.

b) Monte Longo. Situado na parroquia de Cances. É parte do monte Longo, nº 46 do C.U.P.

Norte: termo do concello de Malpica, e monte Carballeiras, na parroquia de Razo. Leste: muro de pedra que o separa de predios particulares de veciños de Cances. Sur: muro de pedra que o separa de predios particulares de veciños de Cances. Oeste: muro de pedra que o separa de predios particulares de veciños de Cances.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 12-7-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructora del a Ana María Díaz López, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Carballo, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Carballo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 232, do 30-11-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños da parroquia de Cances fundamentan a súa petición ante o xurado na pertenza dos ditos montes desde tempo inmemorial, en réxime de man común, utilizándose sen asignación de cotas

para pasto de animais, apaña de toxo e leña, etc. Achegan copia de acta de manifestacións de veciños de avanzada idade na que afirman tal condición, copia de escrituras con referencias á existencia de monte aberto ou veciñal, así como documentos relativos ó aproveitamento de tales montes polos veciños de Cances.

Non se verifican os antecedentes no Catastro do Marqués da Ensenada, posto que a certificación que consta no expediente corresponde ós montes da parroquia de Cambre, no veciño concello de Malpica. Tampouco consta que o monte Dos Regueiros ou dos Muíños, obxecto de expediente de cualificación por instancia do Concello de Carballo, coincida con algún dos montes do presente expediente.

Cuarto.-Ante este expediente formulou alegación o Concello de Carballo, que en sesión do 26-12-2001 do Pleno da Corporación, acordou opoñerse á cualificación de tales montes, baseándose na condición de comunais destes, e na posesión e dominio que ten sobre eles desde tempo inmemorial. Achega copia de diversa documentación: expedientes de 1861 e 1867 de averiguación dos montes de aproveitamento veciñal para solicitude de exclusión da venda polas leis desamortizadoras, relación dos bens comunais do concello do ano 1923, acordo do pleno de 1943 para adhesión ó consorcio para repoboación, acordo do pleno do 31-12-1963 para a inclusión no Inventario de Bens coa clasificación de comunais, certificación da inscrición co mesmo carácter de comunais no Rexistro da Propiedade de Carballo, desde o 27-6-1964. Finalmente, alegan diversos actos de disposición realizados sobre tales montes.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Cances son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características:

1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

2. Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos mem

bros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Unha vez examinada a documentación e informes achegados ó expediente, o instructor propón á consideración do xurado as seguintes conclusións:

a) Os montes Neme e Longo figuran xa desde 1861 no inventario dos montes de aproveitamento veciñal do concello de Carballo e no expediente de información de perpetua memoria de 1867, elaborados ámbolos dous coa finalidade de defende-lo seu carácter comunal fronte ás leis desamortizadoras. Neste expediente o concello recoñece o dominio útil dos veciños sobre tales montes, é dicir, o aproveitamento por parte dos veciños desde tempo inmemorial, ó mesmo tempo que se presenta como titular do dominio directo, acreditando tal condición co testemuño de veciños das respectivas parroquias.

En 1901 ámbolos dous montes se incorporaron ó catálogo de utilidade pública da provincia, coa atribución da pertenza do monte Neme á parroquia de Oza, e a do monte Longo á parroquia de Cances. Sen embargo, o concello mantivo a súa condición de titular coa mesma consideración de comunais, e como tales aparecen na relación dos bens comunais de 1923.

A partir do acordo do pleno do concello do 8-11-1943, os montes Neme e Longo quedaron incluídos no consorcio para repoboación entre a Deputación e o patrimonio forestal. Este feito orixinou a participación nos aproveitamentos forestais e a conseguinte percepción de beneficios por parte do concello, nunha época en que diminuiron notablemente os aproveitamentos por parte dos veciños.

Esta situación foi determinante para que a partir do acordo do 31-12-1963 para a actualización do Inventario de Bens, tales montes se inscribiran como comunais de pertenza do Concello de Carballo, accedendo ó Rexistro da Propiedade co mesmo carácter, sen que houbese reclamación ningunha durante o correspondente período de información pública. Desde entón non houbo variacións significativas na situación xurídica de tales montes.

b) Os aproveitamentos alegados polos veciños da parroquia de Cances non tiveron un carácter exclusivo, debido ó uso que ten feito do monte Neme os veciños da parroquia de Oza, conforme o recoñecemento da pertenza á citada parroquia no expediente de deslindamento. Tales aproveitamentos viñeron diminuíndo progresivamente no tempo ata case desaparecer a partir dos anos sesenta, sendo marxinais fronte ós aproveitamentos forestais realizados en virtude do consorcio co patrimonio forestal, e o posterior coa Xunta de Galicia, aínda vixente no monte Neme. Por outra banda, o concello vén realizando diversos actos de disposición sobre tales montes, autorizacións para dereitos de caza e repoboación, vertedoiros, etc.

c) Á vista dos escritos motivados dos dereitos de ámbalas dúas partes, o xurado estima que os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puideran ter sobre o monte os veciños de Cances, así como os do concello de Carballo mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade solicitante, implica que, o neste presentado, é cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, que serán sustanciados polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor, acorda non cualificar como veciñal en man común o monte Neme e Longo afectado por este expediente».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña