Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 09 de decembro de 2002 Páx. 16.956

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 373 que afecta o monte Tras das Penas, dos lugares de Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo, parroquia de Cambás, concello de Aranga.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 29 de maio de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez Castro-Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de Montes en Man Común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo:

Expediente: 373.

Monte: Tras das Penas.

Comunidade: Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo.

Parroquia: Cambás.

Concello: Aranga.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Os veciños dos lugares de Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo, na parroquia de Cambás, concello de Aranga, solicitaron deste xurado, con data 9-5-2001, a declaración como veciñal dos expresados lugares, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 9,11 h.

Lindeiros:

Norte: veciños de Cambás. Sur: veciños de Cambás. Leste: veciños de Cambás. Oeste: monte Raño, da parroquia de Veríns, concello de Irixoa.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 12-7-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Betanzos, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do concello de Aranga, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 232, do 30-11-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños de Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común en que desde sempre viñeron posuíndo e aproveitando en man común o monte Tras das Penas. Achegan copia da resolución do deslindamento do monte público Raño, da parroquia de Veríns, concello de Irixoa, onde se describe a lindancia co monte aberto de tales lugares.

Cuarto.-Publicados os edictos, e transcorrido o prazo para posibles reclamacións, non se presentou alegación ningunha contra o presente expediente.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños dos lugares de Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que

se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do expresado no punto anterior, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal dos lugares de Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda cualificar como veciñal en man común o monte Tras das Penas, de pertenza dos lugares de Cabo da Aldea, Espiñeira, Casacamiño e Foxo, parroquia de Cambás, concello de Aranga. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens do Concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xuño de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de

Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de

Montes Veciñais en Man Común da Coruña