Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2002 Páx. 16.663

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia, zona da Lagoa de Antela, promovido pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Pola presente resolución e en cumprimento do disposto no artigo 5 punto 7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 12 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia, zona da Lagoa de Antela, promovido pola Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias, que se transcribe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2002.

Alejandro Martínez Geijo Nogueira Soares

Director xeral de Infraestructuras Agrarias

ANEXO

Resolución do 12 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia, zona da Lagoa de Antela, promovida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Antecedentes.

Dado que no grupo 1.d do anexo I do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, inclúense os proxectos de rega cando afecten a unha superficie de máis de 100 ha, formúlase a presente declaración de impacto ambiental (DIA).

O proxecto de transformación en regadío propón a construcción dunha rede de rega colectiva a presión e á demanda, cun hidrante por parcela. A captación realizarase mediante sondaxes. Para a regulación construiranse dúas balsas, desde as que se subministrará auga a todo o sector por gravidade mediante conduccións ata cada unha das parcelas.

A maior parte da superficie está dedicada ó cultivo da pataca maioritariamente. Así mesmo, existen zonas con matogueiras mixtas en contacto con piñei

rais. Nas inmediacións das regas e da canle principal existen algunhas zonas con vexetación de ribeira degradada. Nas ladeiras dos montes da Pena encóntranse as únicas manifestacións de vexetación climácica, con bosquetes de Quercus pirenaica e Quercus robur.

Examinado o proxecto, solicítaselle ó promotor documentación complementaria en data 10 de maio de 2002, presentándose axeitadamente nesta dirección xeral en data 26 de agosto de 2002.

O 6 de xuño de 2002 solicítase informe ás direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza, e á Confederación Hidrográfica do Norte. O 31 de xullo de 2002 recíbese o primeiro informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, recibíndose o definitivo o 15 de outubro de 2002. O informe da Confederación Hidrográfica do Norte recíbese o 18 de xullo de 2002, e o da Dirección Xeral de Conservación da Natureza o 5 de novembro de 2002.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, con data de publicación no Diario Oficial de Galicia do 6 de setembro de 2002 (DOG nº 172), someteuse a información pública polo procedemento de tramitación de urxencia o estudio de impacto ambiental do Proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia. Zona da Lagoa de Antela, tendo constancia da presentación de alegacións que se resumen no anexo II desta DIA.

Como resposta a estas alegacións, o promotor remite documentación adicional que se recibe o 15 de outubro de 2002.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do Proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia. Zona da Lagoa de Antela, promovido pola Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No anexo I resúmese o contido do proxecto e as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación presentada.

No anexo II resúmese o contido dos informes das direccións xerais consultadas e as alegacións recibidas, téndose en conta, no que procede, o resultado destes no condicionado da presente DIA.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada polo promotor:

-«Proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela (secaño). Setembro de 2001»,

-«Rede de rego para a transformación en regadío da zona de secaño da lagoa de Antela (Ourense). Setembro de 2001»,

-«Dotación de infraestructuras auxiliares para a transformación en regadío da zona de secaño da lagoa de Antela (Ourense). Setembro de 2001»

-«Estudio de impacto ambiental da transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela. Decembro de 2001».

-«Estudio de impacto ambiental da transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela. Documento anexo. Maio de 2002».

-«Documento adicional ó estudio de impacto ambiental da transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela. Outubro de 2002».

-«Estudio e zonificación da transformación en regadío na comarca da Limia (Ourense). Decembro de 2000».

-«Estudio hidroxeolóxico para a transformación en regadío da comarca da Limia, (Ourense). Maio de 2002».

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e na documentación complementaria presentada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: «Declaración de impacto ambiental», «Documento adicional ó estudio de impacto ambiental da transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela. Outubro de 2002», «Estudio de impacto ambiental da transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela. Documento anexo. Maio de 2002», «Estudio de impacto ambiental da transformación en regadío da comarca da Limia (Ourense). Zona: lagoa de Antela. Decembro de 2001», por esta orde.

A) Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ós labores de construcción e explotación do sistema de regadío da comarca da Limia, na zona da lagoa de Antela.

O proxecto está dividido en dúas fases, unha financiada pola Xunta de Galicia e outra polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Esta DIA refírese á totalidade do proxecto, tanto á rede de rega como ás instalacións auxiliares.

O ámbito do proxecto queda definido no plano nº 1, «Planta xeral de actuacións», abranguendo

unha superficie total de 2.087 ha. Inclúese neste ámbito tanto as unidades de explotación (sector 1 e sector 2) como as dúas balsas e as conduccións entre estas e cada un dos sectores.

B) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

1.1.1. Adoptaranse as medidas correctoras descritas no estudio, realizando un correcto mantemento de maquinaria e equipos, e realizando regas periódicas en época de seca. A este respecto, revexetaranse coa maior brevidade posible as zonas denudadas.

1.1.2. Será responsabilidade do promotor que os motores de combustión da maquinaria cumpran cos niveis de emisión establecidos legalmente, debendo dispor da documentación que así o acredite.

1.1.3. Así mesmo cumprirase, se é o caso, co establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

1.2. Sobre o ruído.

1.2.1. Adoptaranse as medidas descritas no estudio para que os niveis de ruído producido pola maquinaria, medidos nas vivendas máis próximas ás distintas zonas de obra, A Pena e Trandeiras principalmente e, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

2. Protección das augas.

2.1. Tanto en relación coa protección das augas como do solo e, en consecuencia, dos demais factores ambientais afectados pola explotación das terras de cultivo obxecto deste proxecto de transformación, deberase redactar un manual de boas prácticas no que se realicen recomendacións sobre a xestión da auga, dos fertilizantes, etcétera.

Estas recomendacións terán como obxectivos principais, por unha parte, a minimización da contaminación do solo e as augas e, como consecuencia, da cadea trófica da zona por unha fertilización excesiva; e por outra, a xestión eficiente da auga, promovendo sistemas de rega eficientes.

2.2. Seguiranse as indicacións realizadas no estudio sobre as obras en curso. A este respecto terase en conta as características específicas de cada treito á hora de propoñer alternativas de actuación e medidas correctoras. Deste xeito, preservaranse as zonas de vexetación de ribeira e non se poderá afectar a zonas de freza. A limpeza dos cursos limitarase á retirada de residuos e maleza.

2.3. Queda expresamente prohibida a vertedura de calquera material ou residuo nos cursos, prestando especial atención ó formigón e ós residuos procedentes do parque de maquinaria.

2.4. En relación ó punto anterior, delimitarase unha zona específica como parque de maquinaria lonxe de cursos de auga. Asemade, non se poderá realiza-la limpeza de maquinaria fóra deste parque.

O mantemento da maquinaria móbil realizarase en taller autorizado.

2.5. Tal e como se indica no estudio, realizaranse analíticas de augas procedentes dos puntos seleccionados. Ademais destes puntos tomaranse mostraxes no dren principal augas abaixo da zona obxecto do proxecto. No programa de vixilancia requirido no punto 10.7 concretaranse tanto a situación destes puntos como os parámetros que se van analizar. Realizaranse controis previos ó comezo da explotación en cada un dos puntos que sirvan como brancos.

2.6. No que respecta ós métodos de explotación das terras de cultivo, deberá haber un compromiso por parte dos agricultores do cumprimento do Código Galego de Boas Prácticas Agrarias. Incluiranse as indicacións deste código no citado manual de boas prácticas.

2.7. No programa de vixilancia ambiental incluiranse controis da variación do nivel freático. No caso de que se produzan variacións sensiblemente diferentes ás previstas no estudio hidroxeolóxico, analizaranse as causas e tomaranse as medidas axeitadas para recupera-lo réxime de explotación previsto.

3. Protección do solo.

3.1. Non se poderá ocupar maior superficie que a definida no punto A desta declaración, debendo atoparse dentro desta superficie a totalidade das instalacións e construccións previstas.

3.2. Retirarase e amorearase a capa de terra vexetal procedente de tódalas superficies a ocupar e modificar previamente ó inicio da actividade, tal e como se indica no estudio ambiental. Deberase defini-la situación e superficie ocupada por esta terra vexetal amoreada, tal e como se require no punto 10.1 da DIA.

3.3. As moreas de terra vexetal disporanse, como máximo, con alturas de ata 2 m. Asemade, estas moreas deberán facerse de forma que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) e de xeito que non se produza un movemento en masa ou escorregamento do material almacenado, para o que adoptarán as medidas técnicas adecuadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera). Conservaranse as propiedades da terra vexetal amoreada ata o momento da súa reposición.

3.4. Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la contaminación accidental do solo, facilitando a recollida e xestión de residuos e de posibles derrames, tal e como se recolle no estudio ambiental. A localización desta zona reflectirase no plano requirido no punto 10.1 da DIA.

3.5. Tendo en conta que non é probable que se produzan fenómenos de subsidencia a gran escala, tanto polas características do solo como pola entidade do descenso do freático debido ó bombeo, estu

diaranse os posibles efectos ambientais dun fenómeno a pequena escala, propoñendo dentro do programa de vixilancia controis periódicos que permitan detectar estes fenómenos.

4. Sobre os residuos.

4.1. Tódolos residuos xerados xestionaranse conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

4.2. O almacenamento provisional de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, efectuarase nunha zona acondicionada para o efecto, dotándoa dos medios necesarios para garanti-la non afección ó contorno e o cumprimento da lexislación de aplicación. Esta zona deberá vir reflectida no plano requirido no punto 10.1 desta DIA.

4.3. Os sobrantes de terra trasladaranse a localización debidamente autorizada.

5. Protección da fauna.

5.1. No caso de que sexa inprescindible a afección á vexetación de ribeira, xustificarase a necesidade desta afección e restaurarase posteriormente con especies propias da zona.

5.2. Respecto á avifauna, tendo en conta a presencia na zona de especies de gran valor ecolóxico que poden verse afectadas pola liña, e que a zona é considerada como Área Importante para as Aves, tomaranse as medidas protectoras necesarias para minimiza-lo risco de electrocución e colisión, debendo instalar salvapaxaros na totalidade da LAT. As medidas antielectrocución deberán axustarse ó estipulado no artigo 11 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución.

5.3. Deberá presentarse documentación escrita e gráfica na que se reflicta o deseño definitivo destas liñas, garantindo o cumprimento do indicado no punto anterior. Para isto extractarase do contido do proxecto de «Dotación de infraestructuras auxiliares para a transformación en regadío da zona de secaño da lagoa de Antela (Ourense). Setembro de 2001» os datos relevantes a este respecto, incluíndo as medidas de protección da avifauna non incluídas nel.

5.4. Realizarase unha definición detallada dun programa de vixilancia periódica das posibles colisións e electrocucións da avifauna co tendido, facendo especial fincapé nas especies singulares presentes na zona, no que se inclúa a descrición e xustificación da metodoloxía empregada no seguimento. Para a realización deste programa terase en conta o indicado no punto 11 da DIA.

6. Protección da vexetación.

6.1. Respectarase sistematicamente a vexetación existente, compatible cos labores de construcción

e explotación. Asemade, primarase o emprego de camiños existentes fronte á creación de novas vías.

6.2. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira rexerá o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002, da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

6.3. Previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

6.4. Desprazarase a balsa do sector 1 cara á zona de piñeiral de repoboación e matogueiras para evita-la afección ó bosque autóctono. A traza das conduccións das balsas discorrerá sempre que sexa posible, sobre todo nas zonas onde exista vexetación autóctona, por zonas xa alteradas, como camiños ou devasas.

6.5. Levaranse a cabo as medidas correctoras descritas no estudio no referente á restauración de áreas con cuberta vexetal natural. Nas plantacións con finalidade paisaxística procurarase que estas se integren no contorno. A este respecto, deberase presentar un plan de revexetación no que se inclúan tanto a revexetación das zonas a alterar (camiños, noiros, etcétera) como a restauración de zonas degradadas.

6.6. Plantarase unha cortina vexetal ó pé dos noiros das balsas con especies de suficiente porte coa finalidade de disimular estes noiros.

6.7. Dentro do programa de vixilancia ambiental, realizaranse os controis previstos sobre a evolución da vexetación fóra da zona de cultivo. Deberanse concretar tanto a metodoloxía como a situación das zonas de control, tal e como se require no punto 10.7.

6.8. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección paisaxística.

7.1. Tal e como se indica no proxecto, restauraranse tódalas zonas alteradas. Para iso, empregaranse especies autóctonas, de xeito que as plantacións se integren no contorno. Previamente ás plantacións estenderase a terra vexetal amoreada cun grosor mínimo de 30 cm nas zonas onde se realicen plantacións.

7.2. Construiranse as infraestructuras imprescindibles, ocupando a menor cantidade de superficie posible.

8. Protección do patrimonio.

8.1. Realizarase unha prospección arqueolóxica intensiva das zonas afectadas polo proxecto que non

foron xa prospectadas, en concreto as liñas eléctricas.

8.2. Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas na memoria da prospección arqueolóxica coas seguintes cautelas:

1. En relación co impacto severo relativo ós predios de cultivo na localidade de Trandeiras (Xinzo de Limia) onde se localizaron materiais arqueolóxicos de época romana, afectado pola construcción da gabia á beira do camiño que circula polos predios agrícolas de Trandeiras, no caso de que se manteñan as obras proxectadas na zona, é preciso levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas), nos puntos nº 1 e 2 (do estudio arqueolóxico), que permitan a axeitada caracterización arqueolóxica. A tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Non se poderán inicia-las obras da gabia nesa zona namentres non sexan informados os resultados dos estudios complementarios pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. En relación co impacto severo sobre o depósito arqueolóxico O Lombo. Vía XVIII (GA32036001), no lugar de Pozo Grande, deberanse realizar manualmente as remocións de terra necesarias para a construcción da canle, para constata-la presencia ou ausencia de restos arqueolóxicos vinculados ó depósito de referencia.

3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-O proxecto incorporará a sinalización e balizamento dos seguintes elementos do patrimonio cultural, recollidos na memoria arqueolóxica, de xeito que non poidan verse afectados polas obras de construcción: Pena dos Mouros nas Corgas, Miliario de Zadagós, Pedra de San Fiz, Menhir de Pedra Alta.

-Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do Patrimonio Cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

9. Restauración e revexetación.

9.1. Procederase a restaurar tódalas superficies modificadas ou creadas. Na restauración empregaranse os materiais e especies previstas no plan de revexetación que deberá ser informado favorablemente por esta dirección xeral.

9.2. Como cubrimiento de tódalas superficies para revexetar estenderase a terra vexetal amoreada. Para as achegas externas de terra vexetal deberase xustifica-la súa procedencia e aptitude.

9.3. No que respecta ás instalacións auxiliares, procederase ó seu desmantelamento, ó final da fase de explotación.

9.4. Debido a que a balsa do sector 2 provoca un impacto moi severo sobre o bosque autóctono, debería buscarse un lugar alternativo fóra da masa arbórea. No caso de non ser posible, estableceranse medidas compensatorias consensuadas coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

9.5. Asemade, e previamente ó inicio da explotación, realizarase a recuperación dunha superficie de terra húmida. As características concretas desta actuación serán determinadas por un comité de seguimento que estará integrado por:

-Un representante do promotor.

-Un representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-Un representante da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

-Un representante da Fundación para la Recuperación de Antela, ou, no seu defecto, do comité español do programa «Hombre-Biosfera» da Unesco.

A responsabilidade da convocatoria das reunións deste comité de seguimento será do promotor.

9.6. Estas medidas compensatorias deberán ser acordes coas liñas xerais de recuperación de terras húmidas da convención sobre as terras húmidas (Ramsar) e con calquera outra iniciativa que se estea levando a cabo ou se teña previsto levar a cabo sobre a restauración da zona.

10. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitirá ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, tres (3) copias da seguinte documentación:

10.1. Planos a escala 1:10.000 de localización dos amoreamentos de terra vexetal, do parque de maquinaria e das instalacións auxiliares.

10.2. Documentación escrita e gráfica que describa tanto o deseño das liñas eléctricas como as medidas de protección da avifauna no caso da aérea, segundo o indicado no punto 5.3. Incluirase a lista das coordenadas UTM dos apoios da liña aérea e daqueles puntos que se consideren representativos da traza da liña soterrada.

10.3. Prospección arqueolóxica intensiva da zona afectada polas obras das balsas e das liñas eléctricas, así como calquera outra zona afectada que non estivera xa prospectada, segundo o indicado no punto 8.1.

10.4. Proxecto de control e seguimento arqueolóxico, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo o indicado no punto 8.2.

10.5. Estudio dos efectos ambientais dos posibles fenómenos de subsidencia a pequena escala, segundo o indicado no punto 3.5.

10.6. Plan de revexetación tanto das zonas que se van alterar como das zonas degradadas, tal e como se indica no punto 6.5. Neste plan concretaranse as actuacións, reflectíndoas en planos e valorándoas economicamente.

10.7. Novo programa de vixilancia ambiental no que se teña en conta o indicado no punto 11 desta DIA, e completando os seguintes aspectos:

-No que respecta á afección sobre a avifauna da liña eléctrica, descrición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se vaian adoptar, na fase de funcionamento (criterios de selección dos dispositivos salvapaxaros e xustificación detallada dos lugares onde se pretenden instalar), así como da metodoloxía e frecuencia dos controis que se van efectuar. Describiranse ademais as medidas propostas para a detección de posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

-Metodoloxía e periodicidade dos controis que se van efectuar co fin de detectar posibles fenómenos de subsidencia.

-Descrición da metodoloxía que se vai empregar para o control da evolución da vexetación prevista no programa de vixilancia ambiental presentado. A este respecto, sinalaranse en planos as zonas de control.

-Concreción dos puntos de tomas de mostras e parámetros para ter en conta nas analíticas de augas.

-Presentación dos resultados, describindo a estructura e contido dos informes, que constarán, como mínimo, dun epígrafe introductorio, indicando datas e descrición das campañas efectuadas, outro cos datos e resultados obtidos e un de valoración, discusión e conclusións finais.

10.8. Resultados das analíticas de auga previas ó inicio da explotación, segundo o indicado no punto 2.5.

10.9. Proposta de medidas compensatorias ou de accións encamiñadas á definición destas, segundo o indicado no punto 9.

10.10. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.11. Indicación do responsable ambiental designado polo promotor, tal e como se require no punto 12.4 da presente DIA.

Previamente ó comezo da explotación, o promotor remitirá ó órgano ambiental tres (3) copias da seguinte documentación:

10.12. Acta da reunión do comité de seguimento sinalado no punto 9.5 no que se acordan as características técnicas das medidas compensatorias.

10.13. Definición das medidas compensatorias segundo o acordo citado no punto anterior.

10.14. Acta do comité de seguimento na que se informa favorablemente as medidas compensatorias realizadas.

10.15. Documentación na que se reflicta o estado final das zonas onde se levaron a cabo medidas compensatorias.

11. Plan de vixilancia ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio ambiental e do condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Este programa permitirá detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, permitindo determinar e cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Deberase presentar un plan de vixilancia ambiental, tal e como se require no punto 10.7. Neste plan incluiranse os controis que se vaian realizar, a periodicidade destes, así como os limiares e criterios par avalia-los resultados obtidos. Este plan orzarase e incluirase no orzamento do proxecto.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados e o informe deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Ademais, e tal e como se estipula no punto 12.4 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral, no mes de xaneiro de cada ano, tres (3) exemplares de:

11.1. Durante a execución das obras, presentarase:

11.1.1. Con carácter mensual:

Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, resaltando as críticas desde

o punto de vista ambiental, debéndose incluí-las medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental. Así mesmo, deberase indica-la porcentaxe de obra realizada de cada unidade respecto do seu total.

11.1.2. Con carácter trimestral:

a) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se reflicta o desenvolvemento dos traballos, recollendo así mesmo as incidencias, imprevistos e continxencias acontecidas en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA. Nas fotografías deberase indicar a data e hora de toma. Asemade, indicarase nun plano o lugar onde se realizaron as fotografías.

b) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflicta o avance dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referida ós distintos elementos que conforman o proxecto: conduccións, implantación de apoios de liña eléctrica, así como unha lista da localización dos apoios, en coordenadas UTM.

c) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de obras, tendo en conta as poboacións máis próximas á zona de obras. Estas medicións realizaranse no período de máxima actividade da obra. Ademais dos resultados indicarase o tipo e número de maquinaria en actividade no momento da realización das medicións.

11.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da liña e presentarase un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:

a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada.

b) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Reportaxe fotográfica, indicando nas fotografías a data e hora de toma, na que se recollan os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios da liña eléctrica, colocación dos dispositivos salvapaxaros, etcétera. Ademais indicarase nun plano o lugar onde se realizaron as fotografías.

11.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral a contar desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultado do seguimento das posibles afeccións á avifauna, conforme o indicado no punto 5.4 da DIA.

b) Resultado do seguimento da evolución da vexetación nas zonas de control.

c) Resultado das analíticas de auga nos diferentes puntos que se van definir no programa requirido no punto 10.7.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, indicando nas fotografías a data e hora de toma, no que se recollan os resultados da aplicación do plan de recuperación de solos e vexetación requirido no punto 10.6 da DIA, incluíndo os avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal en tódalas zonas afectadas polas obras. Asemade indicarase nun plano o lugar onde se realizaron as fotografías.

12. Condicións adicionais.

12.1. O promotor comunicará á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

12.2. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na explotación, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

12.3. Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente DIA, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionada, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos de explotación antes de contar coa resolución desta dirección xeral para o efecto.

12.4. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

12.5. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto

no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

12.7. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

12.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

12.9. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

12.10. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar ós organismos competentes tódolos permisos necesarios para levar a cabo a actividade, incluíndo, se é o caso, os da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Plan xeral de ordenación urbana ou normas subsidiarias.

12.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

12.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2002.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto ten como finalidade a transformación en regadío dos terreos ocupados antigamente pola lagoa de Antela, nunha superficie de 2.087 ha. As principais especificacións técnicas son:

-Recurso: acuífero superior.

-Captación de augas: sondaxes.

-Distribución: rede de rega colectiva a presión e á demanda, cunha toma por parcela.

-Regulación: balsas elevadas.

A zona regable da lagoa de Antela dividiuse en dous sectores, sendo as características principais de cada sector:

Sector 1:

-Superficie: 1,459 ha.

-Número de hidrantes: 172.

-Lonxitude de conduccións: 41.314 m.

-Consumo anual: 4.522 m/ha.

-Lonxitude media de conduccións por ha: 28,32 m.

-Capacidade da balsa: 40.000 m.

-Cota de superficie de fondo: 680 m.

-Altura de auga almacenada: 5 m.

-Superficie de ocupación: 2.2 ha.

-Nº de sondaxes: 8.

-Caudal por sondaxe: 110 l/s.

Sector 2:

-Superficie: 628,05 ha.

-Número de hidrantes: 83.

-Lonxitude de conduccións: 18.715 m.

-Consumo anual: 4.522 m/ha.

-Lonxitude media de conduccións por ha: 29,80 m.

-Capacidade da balsa: 20.000 m.

-Cota de superficie de fondo: 680 m.

-Altura de auga almacenada: 5 m.

-Superficie de ocupación: 1.19 ha.

-Nº de sondaxes: 4.

-Caudal por sondaxe: 110 l/s.

Medidas correctoras.

No proxecto presentado prevese a adopción das seguintes medidas correctoras:

* Construcción:

* Emisión de po: rega das explanacións de camiños e outras obras.

* Contaminación da auga por partículas en suspensión: limita-la evolución de maquinaria nos cursos.

* Ruídos: evita-los traballos nocturnos na proximidade de núcleos poboados. Mantemento da maquinaria dentro da regulamentación existente.

* Perturbacións á fauna: reduci-las actividades molestas naquelas áreas con especies máis sensibles, principalmente durante a época de reproducción.

* Parque de maquinaria:

-Evitaranse as seguintes zonas:

Cursos ou ribeiras.

Áreas con vexetación natural.

Áreas faunísticas relevantes.

Áreas de paisaxe relevantes.

Áreas de elevada fraxilidade paisaxística.

Núcleos poboados.

Zonas con solos moi productivos.

-Evitarase a vertedura incontrolada de aceites e outros productos non degradables.

-Tomaranse medidas para reduci-lo grao de compactación que produza a maquinaria.

-Realizaranse plantacións vexetais se a zona non é de interese agrícola.

-Eliminaranse tódalas infraestructuras empregadas durante a vida útil do parque de maquinaria.

* Actuacións sobre leitos:

-Evita-la intervención sobre cursos con vexetación ripícola.

-Evitar os traballos en épocas con maior risco de precipitacións.

-Non actuar simultaneamente sobre un número elevado de cursos.

* Movementos de terras:

-Retirada e conservación do solo vexetal.

-Execución de noiros con baixas pendentes.

-Vixilancia arqueolóxica de todas aquelas operacións que impliquen escavación ou movemento de terras nas zonas de maior risco.

-Creación de vertedoiros de terras e tratamento dos mesmos unha vez concluídas as obras, mediante reposición de terra vexetal e revexetación.

-Optimización das actividades da maquinaria, evitando o movemento por zonas no que non se vaian realizar movementos de terras.

* Canteras e extracción de áridos:

-Evitaranse as seguintes localizacións:

Áreas aluviais e cursos.

Contorno de núcleos poboados e vías moi transitadas.

Áreas fortemente erosionadas.

Enclaves de paisaxe relevante.

Áreas de elevada fraxilidade paisaxística.

Áreas de especiais valores faunísticos.

Espacios con vexetación natural.

-Será necesario a redacción dos correspondentes proxectos de restauración.

* Materais e deseños de construcción:

-Nas pequenas infraestructuras recoméndase o emprego de revestimentos de cachotería.

-Fomenta-los acabados con materiais tradicionais.

-Evita-la morfoloxía de deseños constructivos alleos ó contorno rural.

* Medidas especiais sobre tendidos eléctricos: protección da avifauna.

-Sería recomendable o uso de illadores de cadea.

-Deberanse empregar torretas en pórtico, bóveda ou disposición triangular.

-Debe observarse unha distancia mínima entre fases de 1,30 m e de 0,50 m entre fase e terra.

-Debe evitarse a instalación de apoios con fusibles, seccionadores ou interruptores que porten illadores ríxidos na parte superior do apoio.

* Conservación e xestión dos recursos hídricos:

-Como esquema xeral debe proporse, como mínimo, a adopción de tratamentos tipo fosas sépticas ou tanques In-Hoff. Como tratamento secundario recoméndanse os filtros verdes.

-Realizaranse análises periódicas da calidade das augas subterráneas.

-Realizaranse controis das verteduras a cursos e ribeiras e un estricto control das condicións de verteduras nas explotacións gandeiras.

* Asesoramento ambiental ós agricultores: ordenación, fertilización e tratamentos fitosanitarios.

* Conservación e restauración da cuberta vexetal.

-Restauración de noiros e terrapléns.

-Restauración de áreas con cuberta vexetal natural.

* Conservación do patrimonio.

-Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas na memoria da prospección arqueolóxica.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

* A Confederación Hidrográfica do Norte, no seu informe, conclúe o seguinte:

-Non queda claro se a transformación en regadío se circunscribirá unicamente á zona da lagoa de Antela en secaño ou se se ampliará a outras zonas da comarca.

-O estudio de alternativas é incompleto. Deben analizarse alternativas que prevexan a regulación conxunta das augas drenadas polas canles-dren e as bombeadas desde as sondaxes proxectadas, empregando a capacidade de encoro do dren principal, así como a regulación conxunta das augas remansadas nos azudes do río Limia e as que puideran engadirse desde captacións subterráneas.

-Debe contarse coa autorización da comunidade de regantes para a realización das sondaxes proxectadas.

-Previamente á execución das obras sería conveniente realizar probas de investigación subterránea das augas para comprobar se os caudais estimados se adaptan á realidade, así como a calidade das augas e o raio de afección sobre o nivel freático.

* A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda emitir informe favorable do proxecto de transformación en regadío da comarca da Limia, lagoa de Antela, e acepta-las medidas correctoras propostas coas seguintes cautelas:

1. En relación co impacto severo relativo ós predios de cultivo na localidade de Trandeiras (Xinzo de Limia) onde se localizaron materiais arqueolóxicos de época romana, afectado pola construcción da gabia á beira do camiño que circula polos predios agrícolas de Trandeiras, no caso de que se manteñan

as obras proxectadas na zona, é preciso levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas), nos puntos nº 1 e 2 (do estudio arqueolóxico), que permitan a axeitada caracterización arqueolóxica. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Non se poderán inicia-las obras da gabia nesa zona namentres non sexan informados os resultados dos estudios complementarios pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. En relación co impacto severo sobre o depósito arqueolóxico O Lombo. Vía XVIII (GA32036001), no lugar de Pozo Grande, deberanse realizar manualmente as remocións de terra necesarias para a construcción da canle, para constata-la presencia ou ausencia de restos arqueolóxicos vinculados ó depósito de referencia.

3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. A tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-O proxecto incorporará a sinalización e balizamento dos seguintes elementos do patrimonio cultural, recollidos na memoria arqueolóxica, de xeito que non poidan verse afectados polas obras de construcción: Pena dos Mouros en As Corgas, Miliario de Zadagós, Pedra de San Fiz, Menhir de Pedra Alta.

-Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

* A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que se conclúe:

-A afección ó freático superior parece compatible xa que as achegas anuais por choiva son maiores que as extraccións e que os raios de influencia de cada bombeo son inferiores a 1 km, polo que non

é de prever unha afección ós cursos naturais nin á canle de Antela.

-En calquera caso, debe limitarse a profundidade de extracción ó mínimo imprescindible, evitando a perforación do acuitardo e a mestura co freático inferior.

-As instalacións de pozos de bombeo, hidrantes e liñas de alimentación realizaranse nas zonas xa transformadas, polo que non é de prever unha afección ambiental. Nembargantes, tomaranse as medidas precisas encamiñadas a unha mellor integración paisaxística e á protección da avifauna.

-A maior afección ambiental está constituída pola construcción das balsas. A balsa do sector 1 afecta parcialmente a un bosque autóctono, sendo posible minimiza-lo seu impacto trasladándoa, mentres que a do sector 2 produce un impacto moi severo. Deberán buscarse alternativas de situación das balsas ou levar a cabo medidas compensatorias consensuadas coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-As trazas das canles de distribución e conduccións de abastecemento das balsas afectan parcialmente a masas de frondosas autóctonas, debendo minimizarse esta afección, buscando trazados alternativos.

-Dadas as características das balsas, é de prever un uso moi esporádico das aves acuáticas, polo que non suporá unha mellora ambiental.

-Os noiros de nova creación en parte do perímetro das balsas supoñen un forte impacto visual. Ademais da revexetación con herbáceas deberase plantar unha cortina vexetal arbórea ó pe do noiro con suficiente porte para disimula-los noiros.

-De xeito xeral considéranse suficientes as medidas correctoras propostas, se ben con algunhas correccións:

* Debe planificarse unha acción máis concreta e detallada en canto ó uso de fertilizantes e pesticidas.

* Deben planificarse actuacións máis concretas e efectivas para a restauración da cuberta vexetal afectada que as simples medidas previstas referentes a apeo de pés vellos ou enfermos e tratamentos contra a procesionaria. Deben implementarse medidas de mellora das área de matogueira e vexetación de ribeira.

* Non se considera como medida de restauración ambiental a instalación de mobiliario rústico e o fomento dos usos recreativos.

* Considéranse axeitadas as especies seleccionadas para as plantacións con finalidade paisaxística.

-Considérase compatible ambientalmente o proxecto de regadío sempre e cando se integren as medidas correctoras propostas.

Resumo de alegacións

A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/Birdlife) formula as seguintes alegacións:

1. Os plans de rega suporán a destrucción de, polo menos, un 16% da Área Importante para as Aves (IBA) 008 A Limia.

A transformación de 5.155 ha na IBA da Limia suporá a destrucción dun 16% da súa superficie, pero, se se levan a cabo as outras dúas propostas de transformación suporá a afección dun 36% da IBA.

2. A importancia ornitolóxica da Limia é única en todo o territorio autonómico galego.

Trátase da zona de reproducción máis importante en Galicia das seguintes especies de aves: mergullón común, garza pequena, ceguña branca, parrulo azulón, gatafornela, rapina cincenta, arcea común, avefría, codorniz, andoriña das barreiras e calandra. Ademais é a única localidade galega onde cría a garza real.

Constitúe unha das principais zonas de cría en Galicia de meixengra europea, miñato negro, avetarda menor, alcaraván, píllara areeira, patuda común, becacina cabra, mazarico real, pica papuda, peto formigueiro, cotoría, laverca común, picanzo vermello e picanzo real.

Ademais é a principal área de invernada en Galicia de mergullón común, cegoña branca, lavandeira grande e píllara dourada europea.

En total, téñense censado 226 especies diferentes de aves na Limia.

3. A Limia debería ter sido designada como ZEPA.

O inventario de IBA está recoñecido como instrumento de traballo da Comisión das Comunidades Europeas e avalada por varias sentencias do Tribunal de Luxemburgo.

En consecuencia, é lexítimo atribuír ás IBA o mesmo valor que ás ZEPA.

Entre as zonas que son reclamadas pola Comisión Europea para ser designadas como ZEPA encóntrase a IBA 008 A Limia.

4. A protección das IBA é aínda máis estricta que a das ZEPA.

Na recente sentencia do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas do 7 de decembro de 2000, o tribunal establece que nas zonas designadas como IBA pero que non foron aínda declaradas como ZEPA, é de aplicación o réxime do artigo 4.4º da Directiva Aves. Polo tanto non se poderán levar a cabo proxectos que teñan efectos negativos sobre estas zonas sen que se acrediten intereses superiores ó ecolóxico.

5. Non está xustificado o trámite de urxencia do estudio de impacto ambiental.

Non existen razóns obxectivas que xustifiquen a tramitación urxente do estudio de impacto ambiental e a reducción á metade no período de información pública e no prazo de presentación de alegacións.

Isto é tanto máis criticable por canto o proxecto afecta a unha IBA e un LIC (Veiga de Ponteliñares).

6. O estudio de impacto ambiental non ofreceu ningunha alternativa ó plan de rega nin considerou diferentes opcións de rega.

Segundo o Real decreto lexislativo 1302/1986 os estudios de impacto ambiental deberán incluír unha exposición das principais alternativas estudiadas e unha xustificación das principais razóns da solucións adoptadas, tendo en conta os efectos ambientais.

O EIA consultado só considera diferentes alternativas de sistemas de extracción de auga. Isto é absolutamente insuficiente.

Deben proporse alternativas baseadas na política de desenvolvemento rural impulsada pola Unión Europea. Non hai que esquece-la necesidade de restaura-la lagoa de Antela. A dinámica hidrolóxica natural na chaira da Limia é unha verdadeira alternativa ó regadío.

Por todo o anterior, SEO/Birlife considera que o regadío na Limia debe desestimarse, estudiándose novas alternativas baseadas no desenvolvemento rural compatible coa conservación da natureza e en consonancia coas políticas agrarias comunitaria e de desenvolvemento rural.

7. O proxecto de regadío da Limia non está axeitadamente xustificado.

O producto para cultivar na Limia é a pataca. Non é previsible un incremento da superficie por este cultivo, e incluso podería reducirse. Por iso, SEO/Birdlife considera que a posta en regadío de miles de hectáreas na Limia non mellorará a renda dos labregos a longo prazo.

O proxecto que se propón é incoherente coa política europea e coa información coa que conta o Ministerio de Medio Ambiente para a óptima xestión do recurso.

8. O EIA ten serias carencias e o inventario faunístico é moi incompleto, o que impide a axeitada valoración dos impactos sobre o medio.

Os documentos expostos a información pública obvian en todo momento a existencia da IBA 008 A Limia.

O inventario faunístico da área é manifestamente incompleto, non incluíndo varios taxons que contan con efectivos reproductores na área de estudio.

Non se valora de forma correcta o impacto do proxecto sobre as poboacións de aves esteparias. O estudio minimiza os impactos sobre estas especies ó afirmar que o proxecto implica («en certo modo») unha ordenación dos recursos hídricos da comarca, e incluso aventura un efecto positivo ó preve-la diversificación de cultivos e a diminución do cultivo de pataca e sus problemas de pragas y enfermidades; se ben o proxecto debería supor efectivamente unha ordenación da situación actual dos aproveitamentos hídricos tamén implica incremento notable destes e o fomento de cultivos intensivos de regadío.

Respecto á diversificación de cultivos, non se demostra que o proxecto implique necesariamente unha diminución do cultivo de pataca, ou que outros cultivos de regadío posibles repercutan positivamente nas poboacións de aves esteparias.

O EIA sinala que a fauna estla empobrecida. Isto foi debido á desecación da lagoa, concentración parcelaria, a destrucción de carballeiras e demais vexetación, e a extracción de area. Aínda así A Limia é un espacio natural único en España e en Galicia, onde a lagoa debe ser restaurada e retomadas as actividades económicas do pasado. Por outra banda, a antropización non é un argumento válido para permiti-la destrucción definitiva da Limia.

En definitiva, o EIA non valora axeitadamente o impacto do proxecto sobre os hábitats e as comunidades orníticas da Limia, que SEO/Birdlife cualifica como crítico e irreversible.

Estes hábitats e especies están amparados pola normativa aplicable de protección da natureza.

Por iso, solicita que sexa desestimado o proxecto polo seu crítico impacto ambiental.

Serafín González Prieto, en representación da Sociedade Galega de Historia Natural, expón:

1. Non está xustificado o trámite de urxencia do estudio de impacto ambiental.

Non existen razóns obxectivas que xustifiquen a tramitación urxente do estudio de impacto ambiental e a reducción á metade no período de información pública e no prazo de presentación de alegacións.

Isto é tanto máis criticable por canto:

-A comunidade de regantes aínda non ten aprobadas as súas solicitudes de concesión de aproveitamentos de augas subterráneas que se empregarían no proxecto de regadío.

-A reducción neste prazo non suporá unha reducción significativa no desenvolvemento do proxecto.

-O proxecto afecta a unha IBA e un LIC (Veiga de Ponteliñares).

2. É preciso un estudio de impacto ambiental integral para o proxecto global de regadío da Limia.

O proxecto sometido a información pública é unha das fases do plan de regadíos que se prevé. Desde un punto de vista técnico e ambiental, o lóxico e útil sería realizar un EIA integral do plan e non estudios parciais que ignoran os efectos acumulativos ou multiplicativos das diferentes fases.

3. O estudio de impacto ambiental non propuxo ningunha alternativa ó plan de rega nin considerou diferentes opcións de rega.

Non se cumpren os requisitos de análises de alternativas. Non se avaliou:

-A restauración da dinámica hidrolóxica natural na chaira da Limia que compatibilice a explotación agropecuaria coa restauración de ríos, ribeiras e algúns dos terreos húmidos desecados.

-O emprego de sistemas máis eficientes de regadío como a rega por goteo.

4. A modelización matemática dos efectos do plan de regadío sobre o acuífero e as correntes de auga superficiais realizada no estudio baséase en datos incompletos e non actualizados.

As prospeccións empregadas son anteriores á implantación e crecemento incontrolado da rega na Limia, polo que o nivel freático baixa máis do que indicaban esas prospeccións.

A modelización conclúe que os descensos do nivel piezométrico non afectará os caudais do dren principal. Esta afirmación é errónea, xa que durante o verán as regas actuais xa secan en varios quilómetros os principais cursos de auga superficiais da chaira.

O modelo foi alimentado con datos que infravaloran os descensos piezométricos.

Segundo os datos de caudais da Confederación Hidrográfica do Norte, as repercusións do plan de regadíos sobre os cursos de auga superficiais e sobre o ecosistema da IBA 008 A Limia serían dramáticos en máis da metade dos anos.

5. No EIA non se tiveron en conta os riscos xeotécnicos do plan de regadíos.

A zona da Limia ten un perigo apreciable de asentos. O EIA non prevé en absoluto as repercusións da extracción de auga sobre o perigo de subsidencia na chaira da Limia.

É imprescindible unha avaliación oficial do agravamento do perigo de asentos derivado do plan de regadío.

6. No EIA non se avaliaron os custos económicos e ambientais do bombeo de augas subterráneas.

Descoñécese cal é o consumo enerxético previsto, así como os correspondentes custos económicos e ambientais, nin a cargo de quén correría a factura eléctrica.

7. O inventario de especies de vertebrados é case cinco veces inferior ó real.

O EIA sinala que a fauna esta empobrecida, sinalando un total de 81 especies, cando unha revisión bibliográfica facilitaría 398 especies.

8. O proxecto afectaría globalmente a un 39% da IBA 008 A Limia e nun 6% na súa primeira fase. Ademais afectaría a un LIC (Veiga de Ponteliñares).

En relación ás especies incluídas na Directiva Aves:

-Constátase a presencia dun total de 46 especies, 9 ocasionais, 37 de xeito regular e 19 como reproductoras.

-É a principal zona de reproducción de 6 especies.

-Constitúe unha das 5 principais zonas de cría en Galicia doutras 5 especies.

-É a principal zona de invernada en Galicia de 2 especies.

A conservación a medio prazo da Ciconia ciconia precisa da existencia de núcleos silvestres como o da Limia e que teñan dispoñibilidade de substratos axeitados para a alimentación.

9. As Áreas Importantes para as Aves (IBA) reúnen os requisitos necesarios para ser declaradas ZEPA.

O inventario de IBA está recoñecido como instrumento de traballo da Comisión das Comunidades Europeas e avalada por varias sentencias do Tribunal de Luxemburgo.

En consecuencia, é lexítimo atribuír ás IBA o mesmo valor que ás ZEPA.

10. O Tribunal de Luxemburgo dictaminou que Directiva Aves protexe as IBA.

Na sentencia do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas do 7 de decembro de 2000, o tribunal establece que nas zonas designadas como IBA pero que non foron aínda declaradas como ZEPA, é de aplicación o réxime do artigo 4.4º da Directiva Aves. Polo tanto non se poderán levar a cabo proxectos que teñan efectos negativos sobre estas e sobre as especies de aves que xustificaron a súa designación como IBA.

11. A Directiva Hábitat establece a protección das ZEPA e os LIC.

Debido a que o proxecto afecta á IBA 008 A Limia e ó LIC Veiga de Ponteliñares, é preciso xustificar que non existen alternativas ó proxecto de regadío, así como a necesidade de levalo a cabo por imperiosas razóns de interese público de primeira orde.

12. O proxecto de regadío da Limia non está axeitadamente xustificado.

O producto para cultivar na Limia é a pataca, que non ten futuro no marco da política agraria comunitaria. O mesmo estudio recoñece que o cultivo da pataca ten pouco futuro.

O descenso da poboación nos últimos anos proba o fracaso das transformacións hidrolóxicas e agrarias da Limia. Non hai razóns para confiar nunha nova transformación baseada nos mesmos criterios.

13. Posto que o proxecto enmárcanse no Plan Hidrolóxico Nacional debe paralizarse ata que se teña realizada a avaliación estratéxica ambiental do PHN.

Por todo iso, A SGHN solicita que se desestime o estudio de impacto ambiental e que se realice un estudio integral para o proxecto global no que se analicen os aspectos arriba indicados.

A Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Biólogos indica o seguinte:

1. O estudio de impacto ambiental non considera a existencia de pequenos cursos, drens e encharcamentos dentro do espacio de afección do proxecto. Hipotécanse deste xeito futuros proxectos de restauración da lagoa. Cómpre recordar ó respecto que a súa cubeta principal inúndase en invernos e/ou primaveras moi chuviosas, dificultando o cultivo.

2. Entre os valores non suficientemente estudiados atópase a flora acuática, cualificada ó menos de interese nacional (Cirujano et al., 1992). Na área de estudio atópanse varios hábitats incluídos na Directiva Hábitat.

É de destaca-la presencia de especies como Eringyum viviparum. As condicións ás que están suxeitas algunhas especies determinan o seu elevado interese biolóxico. Catro taxons non mencionados no EIA e presentes na zona inclúense en listas de flora de interese comunitario e listas internacionais de flora ameazada.

No inventario do medio físico non se recoñece este valor.

3. O estudio non recoñece nin valora a comunidade de invertebrados acuáticos existentes na zona. Esta comunidade é unha das máis importantes de Galicia. Moitas destas especies consérvanse en hábitats fragmentados, sendo moi fráxiles en canto á súa conservación. Destacan a presencia de Hydrous pistaceus, Dytiscus marginalis e Dytiscus semisulcatus. Asemade, hai que destaca-la presencia no río Limia de seis endemismos ibéricos de coleópteros acuáticos. A Limia alberga ademais a única poboación coñecida en Galicia do notostráceo Lepidurus apus.

É preciso a previsión de medidas correctoras e compensatorias particulares que reduzan os impactos directos e indirectos sobre os invertebrados acuáticos.

4. Tampouco se fai mención da importancia deste tipo de medio para o sapo de esporóns (Pelobafes cultripes), especie non incluída no inventario faunístico, e que ven sufrindo unha forte regresión en Galicia debido, entre outras causas, á destrucción dos seus hábitats de cría. Considérase como unha especie de conservación prioritaria (Galan, 1999).

5. Ligado a este tipo de ambientes atópase boa parte da poboación de Espiñento da comarca, cualificada no EIA como «a maior poboación da especie en Galicia». O EIA non recolle que o Espiñento (Gasterosteus gymnurus) atópase cualificado como «en perigo de extinción» polo Libro Roxo dos peixes continentais de Espana (Doadrio, 2001). A área de distribución da mesma esta restrinxida case exclusivamente a Galicia, onde se encontran as mellores poboacións. O mencionado libro roxo cita ex profeso a extracción de auga para fins agrícolas como un dos principais factores de ameaza da especie e recomenda non outorgar concesións de rega cando os niveis de auga baixen por baixo dos niveis adecuados para a vida dos peixes.

6. Na área de estudio, co nivel actual de regadíos existente, prodúcense fortes descensos no nivel freático da área de afección do proxecto, que a duras penas permite o mantemento de auga en drens secundarios á canle de Antela, e polo tanto a conservación dos ecosistemas acuáticos sinalados. O proxecto analizado supón un fomento dos cultivos de regadío na zona, que van implicar a curto, medio ou longo prazo

un incremento en definitiva do actual consumo de auga para regadío, co conseguinte descenso do nivel freático en época estival, polo menos, nas áreas inmediatas ós pozos de extracción.

7. O inventario avifaunístico da área de estudio resulta manifestamente incompleto, non incluíndo, entre outros, as tartarañas cinsenta e gatafornela (Circus pygargus e C. cyaneus), pernileiro (Burhinus oedicnemus) ou a calandra pequena (Calandrella brachydactila). Estes taxons contan con efectivos reproductores na área de estudio e están ligados as paisaxes agrícolas e pseudoesteparias da Limia. Ademais, todas elas están incluídas no anexo I da Directiva 79/409/CEE (especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat) e no caso da tartaraña cinsenta e pernileiro as súas poboacións na Limia permiten recoñecer a esta comarca como Área Importante para as Aves (IBA).

8. Non se recoñece en ningún momento a catalogación da Limia como IBA segundo os inventarios de Birdlife International.

9. Non se valora o impacto sobre a poboación de garza pequena nidificante na canle de Antela, posto que non se recoñece a existencia da dita poboación.

10. Non se valoran de forma correcta o impacto do proxecto sobre as poboacións de aves esteparias. O incremento de cultivos de regadío supón unha grave ameaza para a práctica totalidade destas especies ó recoñecerse este factor como un dos máis importantes problemas de conservación para elas ou o máis grave no caso do sisón.

11. Os estudios hidroxeolóxicos mostran importantes carencias:

-Non existen estudios de campo recentes. Hai que ter en conta que se ten producido un notable incremento no consumo de auga na comarca.

-Considérase preciso a realización de bombeos experimentais en cada un dos sectores onde está prevista a instalación de pozos de extracción e a realización de ensaios graduais, que fixe con precisión a capacidade de explotación do acuífero, os conos de depresión, os descensos do freático e, en definitiva, o caudal crítico do acuífero.

Por todo o arriba exposto, considérase preciso a redacción dun novo estudio de impacto ambiental.

O Grupo Erva-Ecoloxistas en Acción, expón:

Aspectos xerais:

Un instrumento como o estudio de impacto ambiental, froito da adaptación da normativa europea ó noso ordenamento xurídico, oriéntase á protección dun ben xurídico de interese xeral cal e o ambiente, e a Administración incorrería en arbitrariedade e fraude de lei se se limitara a acepta-lo mero cumprimento das obrigas formais e procesuais sen garanti-lo cumprimento do obxectivo e finalidade deste instrumento de protección, autorizando un proxecto cun estudio de efectos deficitario e carente de con

tido que non garante unha axeitada protección do medio.

No presente caso realizouse efectivamente un estudio de impacto ambiental pero, tal e como se detallará máis adiante, este resulta incompleto e carente de contido polo que non se garante a protección dos recursos naturais nin do medio.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de transformación en regadío oriéntase única e exclusivamente a cubrir este necesario trámite do procedemento. A súa falla de rigor, o falseamento da realidade e a minimización intencionada dos impactos que se causan, convérteo en inservible e fai que a actuación administrativa derive nunha autentica desviación de poder.

Atopamos no estudio de impacto ambiental presentado as seguintes carencias:

1. O estudio de impacto ambiental non considera a existencia de pequenos cursos, drens e encharcamentos dentro do espacio de afección do proxecto.

2. Condiciónanse negativamente futuros proxectos de restauración da lagoa; hai que recordar ó respecto que a súa cubeta principal inúndase en invernos e/ou primaveras moi chuviosas, dificultando o cultivo.

Ó respecto da posible recuperación deste espacio natural existen varios proxectos, a propia Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional (BOE nº 161, do 6 de xullo) promove a conservación e recuperación dos terreos húmidos.

3. Entre os valores que hai que destacar atópase a flora acuática, tan só parcialmente estudiada, pero cualificada polo menos de interese nacional (Cirujano et al., 1992). É de destaca-la presencia de especies como Eringyum viviparum. No inventario do medio físico non se recoñece este valor.

4. As comunidades de invertebrados acuáticos da zona son moi ricas, e contan con especies únicas en todo o ámbito xeográfico galego. O EIA non recoñece a súa existencia, nin as valora, pese a existiren abundantes referencias bibliográficas que fan mención á localidade.

5. Tampouco se fai mención da importancia deste tipo de medio para o sapo de esporóns (Pelobafes cultripes), especie non incluída no inventario faunístico, e que ven sufrindo unha forte regresión en Galicia debido, entre outras causas, á destrucción dos seus hábitats de cría. Considérase como unha especie de conservación prioritaria (Galan, 1999).

6. Ligado a este tipo de ambientes atópase boa parte da poboación de Espiñento da comarca, cualificada no EIA como «a maior poboación da especie en Galicia». O EIA non recolle que o espiñento (Gasterosteus gymnurus) se atopa cualificado como «en perigo de extinción» polo Libro roxo dos peixes continentais de Espana (Doadrio, 2001). A área de distribución da mesma está restrinxida case exclusivamente a Galicia, onde se encontran as mellores

poboacións. O mencionado libro roxo cita ex profeso a extracción de auga para fins agrícolas como un dos principais factores de ameaza da especie e recomenda non outorgar concesións de rega cando os niveis de auga baixen por baixo dos niveis adecuados para a vida dos peixes.

7. Na área de estudio, co nivel actual de regadíos existente, prodúcense fortes descensos no nivel freático da área de afección do proxecto, que a duras penas permite o mantemento de auga en drens secundarios á canle de Antela, e polo tanto a conservación dos ecosistemas acuáticos sinalados.

8. O proxecto analizado supón un fomento dos cultivos de regadío na zona, que van implicar a curto, medio ou longo prazo un incremento en definitiva do actual consumo de auga para regadío, co conseguinte descenso do nivel freático en época estival polo menos, nas áreas inmediatas ós pozos de extracción.

9. O incremento do consumo de auga freática en absoluto «permitirá unha mellora do nivel freático», como afirma o EIA.

10. Descensos maiores ós actuais nos niveis freáticos van supoñe-la desaparición de auga nos actuais cursos, drens e encharcamentos, afectando de forma severa a fauna e flora asociada a estes. A poboación de espiñento probablemente desapareza na súa totalidade.

11. Considérase incompatible o actual proxecto na preservación dos ecosistemas acuáticos existentes.

12. Os estudios hidroxeolóxicos presentados mostran graves carencias, que invalidan as valoracións e conclusións extraídas acerca das afeccións ambientais do proxecto.

13. Os documentos sometidos a exposición pública obvian en todo momento o status da Limia como Área Importante para as Aves segundo os inventarios de Birdlife lnternational, que sinalan áreas prioritarias no contexto da Unión Europea en función dos artigos 4.1º e 4.2º da Directiva 79/409/CEE.

14. O inventario avifaunístico da área de estudio resulta manifestamente incompleto, non incluíndo, entre outros, as tartarañas cinsenta e gatafornela (Circus pygargus e C. cyaneus), pernileiro (Burhinus oedicnemus) ou a calandra pequena (Calandrella brachydactila). Estes taxons contan con efectivos reproductores na área de estudio e están ligados ás paisaxes agrícolas e pseudoesteparias da Limia. Ademais, todas elas están incluídas no anexo I da Directiva 79/409/CEE (especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat) e no caso da tartaraña cinsenta e pernileiro as súas poboacións na Limia permiten recoñecer esta comarca como Área Importante para as Aves (IBA).

15. Non se valora de forma correcta o impacto do proxecto sobre as poboacións de aves esteparias. O estudio minimiza os impactos sobre estas especies

ó afirmar que o proxecto implica («en certo modo») unha ordenación dos recursos hídricos da comarca, e incluso aventura un efecto positivo ó preve-la diversificación de cultivos e a diminución do cultivo de pataca e «os seus problemas de pragas e enfermidades»; se ben o proxecto debería supor efectivamente unha ordenación da situación actual dos aproveitamentos hídricos tamén implica incremento notable destes e o fomento de cultivos intensivos de regadío, o que constitúe o obxectivo principal do proxecto. Respecto á diversificación de cultivos, non se demostra que o proxecto implique necesariamente unha diminución do cultivo de pataca, ou que outros cultivos de regadío posibles repercutan positivamente nas poboacións de aves esteparias. Polo tanto, o impacto debe considerarse crítico.

Tendo en conta o anteriormente indicado o estudio de impacto carece totalmente de rigor, e incorre en graves defectos que o invalidan. Así, no referente ó inventario ambiental, establécese unha relación xenérica de especies e taxons que esquece especies catalogadas obxecto dunha especial protección, non contén datos cuantitativos, minimiza o valor dos elementos afectados falseando e ocultando.

Este feito invalida calquera valoración posterior baseada no epígrafe de fauna, así como as posteriores avaliacións dos distintos impactos sobre a fauna pois resulta evidente que as afeccións sobre especies catalogadas deben ser analizadas detalladamente para poder establece-las medidas de protección axeitadas a cada taxon. O estudio presentado non ten en conta a protección legal das distintas especies que malamente inventaría, non facendo en consecuencia unha valoración axeitada da fauna presente na área do estudio, da fauna directamente afectada polo proxecto e polo tanto non pode avaliar correctamente a afección do proxecto sobre a fauna, invalidando os posteriores puntos do estudio en todo o referido á afección e medidas correctoras referidas á fauna.

Á vista disto, solicita que sexa denegado o proxecto presentado dado o elevado impacto ambiental que produciría na zona.