Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2002 Páx. 16.634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 323/2002, do 14 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha superficie de 3.519 m, propiedade do Concello de Rianxo, feita a favor do Servicio Galego de Saúde con destino á construcción dun novo centro de saúde.

O Pleno do Concello de Rianxo, en sesión do 14 de maio de 2002, acordou cederlle ó Servicio Galego de Saúde, unha parcela de 3.519 m, sita na Urbanización Martelo, denominada Z-8 do Plan Parcial de Ordenación Urbana do SAU-2, con destino á construcción dun centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non poderán adquirirse bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afectacións impostas sobre eles exceda o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e presidente do Servicio Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de novembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto feita polo Concello de Rianxo en favor do Servicio Galego de Saúde, con destino á construcción dun novo centro de saúde.

2. O predio cedido, parcela Z-8 do Plan Parcial de Ordenación Urbana do SAU-2, que está sito na Urbanización Martelo, no concello de Rianxo, ten unha superficie de 3.519 m sendo as súas estremas as seguintes:

-Norte: Z-2 e Z-6 (parcelas 35, 36, 37, 38, 39, 40 e 41).

-Sur: Z-2 (parcelas 48, 49, 50, 51, 52, 53 e 54).

-Leste: vía do plan parcial.

-Oeste: Z-5 (parque público do plan parcial).

Artigo 2º

O inmoble acéptase segundo o establecido nos artigos 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e 38 do seu regulamento e destinarase á construcción dun novo centro de saúde na vila de Rianxo.

Artigo 3º

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, catorce de novembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade