Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 26 de novembro de 2002 Páx. 16.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 28 de outubro de 2002 pola que se establece o programa aplicable para a realización das operacións de mantemento e se establecen os prazos de emenda dos defectos tipo que se detecten nas operacións de inspección e mantemento das instalacións eléctricas de distribución.

O Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución, establece as prescricións técnicas específicas para garanti-la efectividade das instalacións eléctricas de distribución, e fomenta-lo mantemento das ditas instalacións, aumentando con iso o nivel de calidade, en canto a subministración eléctrica se refire.

O citado decreto a través da disposición adicional segunda e os artigos 7 e 8, recolle os mecanismos necesarios para dictar unha serie de normas de execución do citado decreto, entre as que se conta esta orde.

Por iso se elabora a presente orde, para desenvolve-lo marco normativo no que se engloban as actividades relacionadas co sector eléctrico, no Decreto 275/2001, do 4 de outubro, co obxecto de establecer de maneira transparente os pasos a seguir á hora de programa-las actividades propias de mantemento das instalacións eléctricas de distribución, así como facilita-lo seu seguimento por parte da Administración e velar polo adecuado cumprimento das oportunas operacións que deben realizarse en materia de mantemento.

Nun primeiro bloque hai que indica-la definición que se lle dá a unha serie de termos, co obxecto de clarificar e unificar conceptos que se tratan máis adiante.

A continuación propóñense os criterios e metodoloxía a seguir para a recollida e tratamento de datos, e poder elaborar así os correspondentes programas de mantemento das instalacións, de acordo ós artigos 7 e 8 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro.

Por último defínese o modelo de informe que as empresas distribuidoras teñen que presentar na consellería competente en materia de enerxía, para poder realizar así un seguimento do estado das instalacións eléctricas de distribución, por parte dela.

Así mesmo, establécense prazos de emenda de defectos tipo, de acordo ó seu grao de criticidade, asegurando así a súa corrección dentro dunhas marxes adecuadas de tempo.

Por todo o exposto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolve-las esixencias relativas ó mantemento recollidas no Decreto 275/2001, de 4 de outubro, para establecer un programa aplicable para a regulación dos plans de mantemento das instalacións eléctricas que teñen que efectua-los seus titulares de acordo co establecido no citado decreto.

Artigo 2º.-Ámbito.

A presente orde será de aplicación para as instalacións de distribución de corrente alterna, con tensión nominal igual ou superior a 1 kV e inferior a 220 kV para instalacións de alta tensión, e igual ou superior a 380 V e inferior a 1.000 V para instalacións de baixa tensión, calquera que sexa a súa titularidade.

Artigo 3º.-Definicións.

Para efectos de interpretación desta orde adoptaranse as definicións que se inclúen na familia de normas UNE-EN 21.302, relativa ó vocabulario electrotécnico internacional.

Así mesmo, adoptaranse as seguintes definicións:

Instalacións de distribución: instalacións eléctricas definidas segundo o Real decreto 1955/2000, ademais de liñas directas, liñas de evacuación, acometidas de tensión superior a 1 kV, e centros de transformación de uso exclusivo.

Mantemento predictivo: o seguimento regular dunha máquina ou instalación, para identificar e analiza-lo estado de degradación e predici-lo momento en que cómpre realizar unha intervención.

Mantemento preventivo: as intervencións sistemáticas que se realizan para evitar que se produzan fallos, realizando a dita intervención antes de que se produza.

Mantemento correctivo: a corrección dun mal funcionamento, ou reparación dunha deficiencia existente nunha instalación.

En función do grao de contaminación ambiental e das características climáticas defínense as seguintes zonas:

Zona extraforte: aquela zona influenciada pola existencia no ambiente de pos de carbón, petróleo, productos químicos, cementos, grandes cantidades de cinzas en suspensión e salinidade.

Zona forte: aquela zona influenciada pola existencia no ambiente de choiva mariña, pós de carbón, petróleo, cemento e combinacións entre estas con brétema e choiva lixeira.

Zona media: aquela zona influenciada pola existencia no ambiente de choiva mariña lixeira, e o uso de irrigación con praguicidas, fertilizantes e combinacións destas con brétema e choiva lixeira.

Zona lixeira: aquela zona influenciada pola existencia no ambiente de brétema, choiva intensa, uso de fertilizantes ou praguicidas.

A influencia nestas zonas dos elementos citados dá lugar a características ambientais que producen unha intensificación da deterioración das instalacións eléctricas, polo que cómpre facer nelas un seguimento con máis asiduidade para poder garanti-lo correcto funcionamento e que non supoñan un perigo para a seguridade das persoas ou das instalacións.

A determinación xeográfica das zonas e o seu grao de contaminación ambiental farase nun posterior desenvolvemento desta orde tras un estudio elaborado pola consellería competente en materia de enerxía.

Defecto moi grave: é todo defecto que a razón ou a experiencia determina que constitúe un perigo inmediato para a seguridade das persoas ou dos bens.

Defecto grave: é todo defecto que non supón un perigo inmediato para a seguridade das persoas ou dos bens, pero si pode selo ó orixinarse un fallo na instalación. Esta clasificación inclúe tamén, aquel defecto que poida reduci-la capacidade de utilización das instalacións eléctricas.

Defecto leve: é todo defecto que non supón un perigo inmediato para a seguridade das persoas ou dos bens, non perturba o funcionamento da instalación e a desviación observada respecto do regulamentado, non ten valor significativo para o uso efectivo e o funcionamento da instalación eléctrica.

Artigo 4º.-Contrato de mantemento.

Acompañarase xunto co informe de cumprimento do programa que se detalla no artigo 8º da presente orde, copia dos contratos subscritos con persoa física ou xurídica competente, que figuran no dito informe como realizadores dos traballos de mantemento. O dito contrato será presentado na delegación competente en materia de enerxía.

Será responsabilidade do propietario da instalación a realización dos ditos contratos, de forma que a calidade dos traballos efectuados quede asegurada.

Se o propietario da instalación, a xuízo da consellería competente en materia de enerxía, dispón dos medios e organización necesarios para efectua-lo seu propio mantemento, eximiráselle da obriga da presentación do dito contrato.

Artigo 5º.-Programa de operacións de mantemento.

O propietario das instalacións de distribución, segundo o Decreto 275/2001, do 4 de outubro, disporá dun programa de operacións de mantemento delas, que deberá presentar na consellería competente en materia de enerxía para a súa aprobación.

O obxecto do dito programa será detalla-las inspeccións e actuacións a realizar segundo o resultado das primeiras, así como as operacións de mantemento preventivo que lle correspondan a cada tipo de instalación. O obxecto das ditas inspeccións será determina-lo estado das instalacións e as necesidades de actuación, o cal equivale a un mantemento predictivo delas, a partir do cal se concretarán as actuacións dos programas anuais de mantemento.

Artigo 6º.-Inspeccións de mantemento.

As actuacións de inspección centraranse nas instalacións incluídas no ámbito de aplicación da presente orde, co fin de determina-lo estado de locais, accesos, edificacións, conductores, apoios (incluído crucetas, illadores e ferraxes), arboredo e mato que poida afecta-las instalacións, elementos de sinalización e seguridade, elementos de protección, postas a terra, mantemento de distancias de seguridade, estado de transformadores, aparellos e cargas en horas de máxima demanda.

Como resultado das ditas inspeccións, a información obtida recollerase en fichas de inspección definidas por tipo de instalación, que deben presentarse xunto co procedemento de mantemento ó cal fai referencia o artigo 7 do Decreto 275/2001, para a súa aprobación. As ditas fichas deben conter como mínimo os puntos establecidos no anexo por tipo de instalación e o tipo de zona na que se sitúa a instalación e tipo de defecto detectado, de acordo coa clasificación establecida no artigo 3º da presente orde, nome da instalación, código ou matrícula dela, lugar (provincia, concello), data de inspección e data de corrección do defecto.

Toda a información requirida nas fichas será proporcionada sempre que sexa posible en soporte informático, para poder ser incorporada na base de datos á que fai mención o artigo 11º da presente orde, para facilita-lo seu tratamento.

As instalacións de alta tensión serán inspeccionadas como mínimo cada 3 anos e as de baixa tensión cada 5 anos, verificándose o cumprimento da regulamentación vixente e o correcto estado de conservación e funcionamento.

De acordo coa definición de zonas establecidas no artigo 3º da presente orde, realizaranse inspeccións cunha periodicidade dun ano nas zonas de contaminación extraforte e forte.

En situacións especiais orixinadas por condicións climáticas especialmente adversas (furacán, ciclón, tormenta con importante aparello eléctrico, choivas torrenciais, etc.), incendios e en xeral calquera circunstancia imprevista que potencialmente poida ser causa de desperfectos importantes na rede de distribución dunha zona, o órgano competente poderá

solicitarlles ós propietarios destas instalacións un informe de inspección para avalia-los desperfectos orixinados na rede de distribución da zona sinistrada, cun prazo de presentación dun mes contados desde a data de solicitude.

Nas instalacións de 1ª e 2ª categoría a dita inspección será bienal e incluirá a realización de inspeccións termográficas.

Artigo 7º.-Programa anual de mantemento.

De acordo co Decreto 275/2001, os propietarios das instalacións incluídas no ámbito de aplicación desta orde, deberán presentar ó longo do mes de decembro, un programa de inspeccións e outro de actuacións que se proxectan realizar no seguinte ano, na consellería competente en materia de enerxía.

Nos ditos programas distinguirase entre as actuacións correspondentes as inspeccións, e actuacións de mantemento preventivo e correctivo, desagregadas por provincia, concello, tipo de instalación e nivel de tensión.

Respecto ás actuacións de mantemento que se vaian realizar, os criterios que hai que seguir para defini-las actuacións que se van incluír no programa anual de mantemento, xunto coa información recollida nas fichas de inspección e as recomendacións do fabricante serán: número de clientes afectados, índices de calidade zonal (TIEPI, NIEPI), seguridade das persoas e instalacións.

1. Mantemento preventivo: consideraranse instalacións e equipos para incluír dentro do mantemento preventivo, aquelas nos que os compoñentes teñan data de mantemento establecida polo fabricante no dito ano, ou o mantemento da instalación así o require para evitar posibles fallos ou o envellecemento prematuro da instalación.

2. Mantemento correctivo: considéranse instalacións para incluír dentro do mantemento correctivo, aquelas nas que na súa ficha de inspección se detectan defectos leves.

As actuacións dirixidas á reparación de avarías, dado o seu carácter imprevisto, non se incluirán dentro do mencionado programa.

Por cada instalación obxecto de mantemento deberase especificar: denominación da instalación e localización (provincia, concello). Enumeraranse as actuacións concretas para levar a cabo e a data en que se realizou a última actuación, data en que se levou a cabo a última inspección e a data prevista de realización dos traballos.

Toda a información requirida será proporcionada sempre que sexa posible en soporte informático, para poder ser incorporada na base de datos á que fai mención o artigo 11º da presente orde, para facilita-lo seu tratamento.

O programa anual poderá ser modificado por un programa de mantemento alternativo, sempre e cando este se presente antes da primeira quincena do mes de xuño, cumpra as esixencias establecidas na presente orde e a xuízo da consellería competente en materia de enerxía, se demostre a súa eficacia.

Artigo 8º.-Informe de cumprimento do programa.

Cada tres meses, antes do último día hábil do mes seguinte ós incluídos no informe, o propietario das instalacións deberá presentar na consellería com

petente en materia de enerxía, un informe de cumprimento do programa anual de mantemento, indicando as instalacións inspeccionadas e reparadas.

O modelo de informe será similar ó do citado programa anual, engadindo a seguinte información: actuación executada / non executada, observacións detallando a actuación de traballos complementarios e o nome da empresa que realizou os traballos de mantemento en caso de non se-la propietaria das instalacións, data de emenda dos defectos detectados e ficha de inspección.

Incluiranse as actuacións realizadas en materia de reparación de avarías, e estas detallaranse da mesma maneira cá información requirida para as instalacións inspeccionadas.

Toda a información requirida será proporcionada sempre que sexa posible en soporte informático, para poder ser incorporada na base de datos á que fai mención o artigo 11º da presente orde, para facilita-lo seu tratamento.

Artigo 9º.-Emenda de defectos.

Os defectos detectados nas inspeccións realizadas deberán ser corrixidos de acordo co seu grao de criticidade:

1. Os defectos cualificados como moi graves deberán ser emendados no prazo máis breve posible, e no caso de que se aprecie grave perigo de accidente, deberá procederse a unha corrección inmediata ou ó corte da subministración. Baixo ningunha circunstancia se admitirá que estes defectos sexan solucionados nun prazo superior a trinta días.

2. Os defectos graves deberanse solucionar nun prazo máximo de seis meses.

3. Os defectos leves serán incluídos no programa anual de mantemento do ano seguinte ó de inspección.

Artigo 10º.-Control periódico das inspeccións e actuacións realizadas.

A consellería competente en materia de enerxía, directamente ou a través do organismo no que delegue, efectuará o control mediante mostraxe estatística, de polo menos un 1% das inspeccións e actuacións levadas a cabo nas instalacións obxecto desta orde.

O dito control verificará o cumprimento das obrigas de mantemento establecidas na presente orde, en especial o referente á inspección periódica das instalacións e á emenda dos defectos encontrados dentro dos prazos establecidos.

Artigo 11º.-Base de datos.

Toda a información requirida na presente orde, xunto coa información esixida por normativa, será permanentemente actualizada para ser incorporada na base de datos que elaborará a consellería competente en materia de enerxía, de acordo co artigo 10 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro.

Artigo 12º.-Infraccións e sancións.

Son infraccións administrativas as tipificadas no título X infraccións e sancións da Lei 54/1997, de 27 de novembro, do sector eléctrico.

Nas infraccións administrativas cualificaranse e determinarase a contía das sancións, seguindo os criterios do título X infraccións e sancións da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As infraccións administrativas establecidas na dita lei entenderanse sen prexuízo das responsabilidades civís e penais ou doutra orde en que poidan incorre-las empresas titulares de actividades eléctricas ou os seus usuarios.

Consideraranse infraccións específicas de incumprimento desta orde as seguintes:

-A non presentación na consellería competente en materia de enerxía de toda a información necesaria para a elaboración da base de datos á que fai referencia o artigo 11º desta orde.

-A non elaboración das fichas de inspección, obtidas como resultado das inspeccións periódicas de recoñecemento.

-A omisión de defectos moi graves ou graves na ficha de inspección, detectados nas inspeccións realizadas pola Administración.

-A non elaboración, en prazo e forma do programa anual de mantemento.

-Non corrixir nos prazos correspondentes os defectos detectados nas inspeccións realizadas.

-A explotación de instalacións que non dispoñan do correspondente recoñecemento vixente, é dicir, aquelas nas que non se realizaran as inspeccións periódicas de recoñecemento dentro dos prazos establecidos na presente orde.

-Non poñer á disposición da correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de enerxía a documentación requirida.

As infraccións específicas de incumprimento desta orde, tamén serán sancionadas de acordo coa tipificación establecida no título X infraccións e sancións da Lei 54/1997, de 27 de novembro, do sector eléctrico.

Disposicións transitorias

Primeira.

Os propietarios das instalacións de distribución obxecto de aplicación da presente orde deberán presenta-la documentación requirida antes da finalización do ano 2002.

Segunda.

Os procedementos de mantemento que deben presenta-los propietarios das instalacións eléctricas de distribución poderán ser presentados en formato papel mentres non estea dispoñible a base de datos que elaborará a consellería competente en materia de enerxía, de acordo co artigo 10 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro.

Así mesmo, o informe de cumprimento do programa ó que fai referencia o artigo 8 da presente orde poderá presentarse cunha periodicidade anual, no mes de xaneiro mentres non se dispoña da citada base de datos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte a súa publicación.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio