Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 26 de novembro de 2002 Páx. 16.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de novembro de 2002 pola que se modifica o artigo 2 da Orde do 31 de xullo de 2002 ampliando o importe existente para a concesión de bolsas de nova adxudicación para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

A Orde do 31 de xullo de 2002, pola que se convocan bolsas de nova adxudicación para a realización

de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 153, do 9 de agosto), establece no seu artigo 2 a contía que se destinará para a concesión das bolsas.

Nembargantes, a citada convocatoria establece que a contía se poderá incrementar de acordo coa dispoñibilidade de crédito da Dirección Xeral de Universidades e coas cantidades que, con cargo ó Fondo Social Europeo, se compromete a achega-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, en función do acordo asinado o 24 de xuño de 2002 entre o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase a contía que figura no artigo 2º da Orde do 31 de xullo de 2002 na cantidade de catrocentos oitenta e nove mil trescentos trinta e tres euros con vintecatro céntimos (489.333,24 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que se destinará para as bolsas de nova adxudicación para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, de acordo coa seguinte distribución: 131.261,04 euros no ano 2002 e 358.072,20 euros no ano 2003.

Segundo.-Esta modificación non afecta os prazos establecidos na referida orde de convocatoria.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria