Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de novembro de 2002 pola que se autoriza o inicio de actividades do centro de reeducación específico Concepción Arenal (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social,

segundo o disposto no artigo, 27.23º do seu Estatuto de autonomía en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española.

En virtude da mencionada atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma. Esta lei regula como servicios sociais de atención especializada, entre outros, os dirixidos á familia, infancia e xuventude, e recolle determinados programas e equipamentos entre os que figuran os centros de menores.

As competencias relativas á creación e xestión de centros de menores son atribuídas a Consellería de Familia, e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a través da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia.

En desenvolvemento desta última lei e co fin de garanti-la adecuada prestación de servicios, controla-la calidade de atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, o cal establece que os centros propios da Administración autonómica se crearán por decreto, precisando orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

Por outra banda o artigo 45 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, establece que a execución das medidas adoptadas polos xuíces de menorres nas súas sentencias firmes, son competencia das comunidades autónomas, e capacita a éstas para que, de acordo coas súas respectivas normas de organización, creen e leven a cabo os servicios e programas axeitados para o correcto desenvolvemento das medidas previstas na lei.

Unha vez creado o centro de reeducación específico Concepción Arenal mediante o Decreto 204/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xuño), e unha vez comprobado que cumpre cos requisitos establecidos no Decreto 243/1995 anteriormente mencionado, procede concede-lo permiso de inicio de actividades.

Así pois, en virtude do anteriormente exposto e en uso das facultades atribuídas polo Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica desta consellería,

DISPOÑO:

Artigo único.-Autorízase o inicio de actividades do centro de reeducación específico Concepción Arenal, sito no barrio de Palavea s/n, A Coruña, coas condicións que figuran no anexo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Localidade: A Coruña.

Domicilio: barrio de Palavea.

Tipoloxía: centro de menores, carácter residencial, reeducación, réxime de internamento.