Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.378

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre o procedemento de disciplina urbanística.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas xornadas sobre o procedemento de disciplina urbanística, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A través destas xornadas preténdese analiza-los problemas máis comúns, relevantes e actuais da disciplina urbanística na lexislación urbanística galega, facendo un especial fincapé nas novidades que achega o proxecto de Lei do solo de Galicia. Desde o réxime xurídico dos dereitos de propietarios e da protección da legalidade urbanística, as clases de solo, ata a tramitación dos expedientes sancionadores, pasando pola prescrición no eido urbanístico, estas xornadas repasarán con amplitude tódalas posibles actuacións tendentes a conseguir un correcto desenvolvemento urbanístico.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Réxime xurídico dos dereitos e deberes dos propietarios. Clases de solo. A súa vinculación á disciplina, na lexislación galega vindeira (I e II).

-Tramitación dos expedientes de disciplina urbanística: especialidades procedementais e análise dun suposto práctico.

-Tramitación dos expedientes sancionadores: especialidades procedementais e análise dun suposto práctico.

-Réxime xurídico da protección da legalidade urbanística na normativa galega: obras sen licencia en curso de execución, obras terminadas sen licencia e outros actos carentes de autorización.

-Réxime sancionador da normativa urbanística galega: tipificación das infraccións urbanísticas, persoas responsables, sancións e regras para determina-la contía das sancións.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (Ronda da Muralla, 70, da citada cidade), os días 16 e 17 de decembro de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 12 de decembro de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 13 de decembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA