Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.366

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Visto o expediente do convenio colectivo da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (código convenio 1503962), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-9-2002, e complementado o

17-10-2002, subscrito en representación da parte económica pola autoridade portuaria, e da parte social polo comité de empresa o día 25-2-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 21 de outubro de 2002.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Autoridade Portuaria

de Ferrol-San Cibrao

O I convenio marco de portos do Estado e autoridades portuarias aprobado pola Resolución do 22 de decembro de 2000 (BOE do 18 de xaneiro), regula as relacións laborais do persoal que presta os seus servicios en portos do Estado e nas autoridades portuarias da Coruña, Algeciras, Alicante, Almería-Motril, Avilés, Barcelona, Bahía de Cádiz, Baleares, Cartagena, Castellón, Ceuta, Ferrol, Gijón, Huelva, Málaga, Marín-Pontevedra, Melilla, Santander, Santa Cruz de Tenerife, Sevilla, Tarragona, Valencia, Vigo e Vilagarcía de Arousa, excepto os postos de traballo de niveis de xefe de unidade e superiores (niveis 1 ó 12, ambos inclusive).

As partes asumen o cumprimento de cada unha das cláusulas do I convenio marco con vinculación á totalidade del.

En desenvolvemento do referido convenio marco e de acordo cos criterios establecidos no seu artigo 4 (concorrencia), páctase o seguinte convenio colectivo.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal, funcional e territorial.

Este convenio colectivo é de aplicación ás relacións laborais do persoal que presta servicios na Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao excepto os postos de traballo de niveis de xefe de unidade e superiores (niveis 1 ó 12 ambos inclusive).

Artigo 2º.-Ámbito temporal e denuncia do convenio.

Este convenio será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro de 2003.

A denuncia do convenio será efectuada por calquera das partes de forma expresa, cun prazo de aviso previo superior a un mes respecto á data da súa finalización e ata que se logre acordo expreso, manterase en vigor todo o seu articulado.

En caso de non haber denuncia prorrogarase automaticamente este convenio.

No caso da sinatura dun novo acordo marco no ámbito de portos do Estado e autoridades portuarias, obrigará automaticamente á negociación dun novo convenio colectivo.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

As remuneracións económicas persoais dos traballadores que viñesen percibíndose o 31 de decembro de 1994 e sempre que excedan do pactado no acordo marco e neste convenio de ámbito inferior por igual concepto, en condicións homoxéneas de traballo, serán respectadas con carácter excepcional e a título persoal como complemento conxelado e non absorbible por futuros incrementos retributivos.

Artigo 4º.-Composición da mesa negociadora.

Entenderase como parte empresarial a autoridade portuaria e como parte social a representación dos traballadores asumida polos sindicatos que acrediten a representación esixida legalmente.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións económicas de toda índole pactadas no I convenio marco de relacións laborais de portos do Estado e autoridades portuarias e neste convenio colectivo forman un todo e substituirán, compensarán e absorberán en cómputo anual e global as que anteriormente viñesen rexendo, calquera que sexa a natureza, orixe ou denominación delas, en condicións homoxéneas de traballo.

Tendo en conta a natureza do convenio, as disposicións legais futuras, incluídas as relativas a salarios, que impliquen variacións económicas, en todos ou nalgúns dos conceptos retributivos pactados neste convenio, só terán eficacia se, globalmente consideradas en cómputo anual, superan o nivel total do mesmo. En caso contrario, consideraranse absorbidas.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

As partes asumen o cumprimento de cada unha das cláusulas deste convenio con vinculación á súa totalidade.

Artigo 7º.-Comisión de vixilancia e interpretación do convenio colectivo.

Durante a vixencia do presente convenio, constituirase unha comisión de vixilancia e interpretación, de carácter permanente, que deberá forma

lizarse no prazo dos trinta días seguintes á sinatura e aprobación deste convenio.

Esta comisión, que será paritaria, estará formada por seis membros. Deles, tres representarán a autoridade portuaria e tres os traballadores. Os representantes da parte social serán designados por cada unha das organizacións sindicais asinantes do convenio, con base na representación que teñan, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

Poderán asistir ás sesións da comisión de vixilancia e interpretación, con voz pero sen voto, os asesores que as partes estimen convenientes, cun máximo de tres por cada parte.

A condición de membro da comisión é persoal e intransferible. As variacións dos membros da comisión que se poidan producir comunicaranse obrigada e simultaneamente ó se efectua-lo revezamento, á secretaría da comisión para os efectos que procedan.

No crédito de horas mensuais retribuídas concedido ós representantes dos traballadores non se computará o tempo empregado nas reunións da comisión de vixilancia e interpretación.

A sede administrativa da comisión de vixilancia e interpretación, para efectos de notificacións e comunicacións, estará na sede da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao con domicilio no peirao de Curuxeiras s/n, 15401 Ferrol.

A secretaría da comisión de vixilancia e interpretación, que non terá voz nin voto, estará obrigada a transmitir a cada unha das partes, dentro do prazo de vintecatro horas desde a súa recepción, cantas notificacións, documentos, etc., sexan remitidos á sede da comisión de vixilancia e interpretación polo conducto mais rápido posible do cal quede constancia.

* Carácter das reunións e convocatorias:

A comisión deberase reunir para tratar dos asuntos que se sometan a ela, tantas veces como sexa necesario cando existan causas xustificadas para isto ou o solicite a representación da autoridade portuaria ou calquera das organizacións sindicais representadas na mesa de negociación.

As reunións da comisión de vixilancia e interpretación revestirán, con base nos asuntos que lle sexan sometidos, o carácter de ordinarias ou extraordinarias. Calquera das partes poderá outorgar fundamentalmente tal cualificación.

As convocatorias da comisión de vixilancia e interpretación na que se inclúan puntos da orde do día relativos a conflicto colectivo ou folga, terán o carácter de convocatorias extraordinarias, salvo que, expresamente, a parte convocante lle atribúa carácter ordinario.

Nas convocatorias ordinarias, a comisión de vixilancia e interpretación deberá resolve-los asuntos que se lle presenten no prazo de quince días e, nas extraordinarias, no termo de tres días desde a recepción da convocatoria.

Ámbalas partes están lexitimadas para proceder á convocatoria da comisión de vixilancia e interpretación, de maneira indistinta, sen máis requisito que a comunicación á secretaría, con tres días hábiles de antelación á data da reunión, facendo consta-la orde do día e o carácter da reunión, e remitindo, á vez, polo conducto mais rápido posible, os antecedentes do tema obxecto de debate. A secretaría comunicarallo simultaneamente á outra parte.

* Das actas das sesións:

Das reunións da comisión de vixilancia e interpretación levantarase unha acta sucinta na que se reflectirán puntualmente os acordos que se alcancen. Aquelas manifestacións das partes que non sexan contido de acordos poderán ser incluídas nas actas, sempre que a representación correspondente achegue escrito no que consten expresamente as manifestacións que desexen que se incorporen á acta.

As actas serán redactadas pola secretaría da comisión designada polos seus membros e que corresponderá á representación da autoridade portuaria.

Para a súa validez, as actas deberán ser aprobadas pola comisión. A aprobación efectuarase con carácter ordinario na mesma sesión, e con carácter extraordinario na reunión seguinte que celebre a comisión.

Unha vez aprobadas, as actas terán carácter vinculante.

* Do quórum e réxime de adopción de acordos:

Para a válida constitución da comisión de vixilancia e interpretación e adopción de acordos, con carácter vinculante, esixirase o réxime de maiorías establecido no artigo 89.3º do Estatuto dos traballadores.

Por acordo das partes, as diferencias existentes no seo da comisión poderanse resolver mediante o procedemento de mediación ou arbitraxe.

De manterse o desacordo no seo da comisión de vixilancia e interpretación, a autoridade portuaria decidirá sobre o procedemento de xestión ou organización que mellor se adapte ós seus intereses operativos.

A representación social, ante o desacordo, adoptará as medidas que considere oportunas.

* Compete á comisión de vixilancia e interpretación:

-Interpreta-la totalidade do articulado do presente convenio e vixia-lo cumprimento do pactado.

-Actuar nos conflictos colectivos xurídicos ou de interese do presente convenio colectivo e servir de vía negociadora en tempo de aviso previo de folga.

-Elevar, se así se acorda, os conflictos de interpretación ou aplicación deste convenio á comisión paritaria do convenio marco.

-Calquera outra competencia que expresamente lle veña atribuída no presente convenio colectivo.

* Procedemento de actuación en materia de conflicto colectivo e folga:

Convencidas as partes de que un descenso da litixiosidade redundará en beneficio dun mellor cli

ma laboral, e coa finalidade de lograr unhas cotas máis baixas de conflictividade, establécese que:

-Os conflictos colectivos que se puidesen suscitar durante a vixencia do presente convenio colectivo e derivados deste, serán sometidos obrigatoriamente á comisión de vixilancia e interpretación do convenio.

-Os avisos previos de convocatoria de folga deberán ser obrigatoriamente comunicados á comisión paritaria.

A comisión de vixilancia e interpretación actuará como órgano de conciliación, mediación e arbitraxe en tódolos conflictos colectivos, así como durante o período de aviso previo de folga, sen prexuízo das actuacións administrativas ou xudiciais, ou de aplicación do previsto no ASEC.

Como principio xeral establécese o de boa fe na negociación da solución dos conflictos.

Estarán lexitimados para iniciaren os citados procedementos aqueles suxeitos que, de conformidade coa lexislación vixente, se encontren facultados para promoveren conflictos colectivos.

As resolucións, acordos, dictames ou recomendacións da comisión adoptados por maioría de cada unha das partes serán vinculantes e resolutorios.

De non chegarse a acordo e iniciarse a conseguinte folga ou conflicto colectivo, as partes en calquera momento poderán pedir de novo a intervención en arbitraxe da comisión de vixilancia e interpretación, sendo esta a que dicte a resolución vinculante que corresponda., salvo que a cuestión sometida a arbitraxe teña repercusión sobre a normativa orzamentaria aplicable.

O traballador que estime lesionados os seus dereitos individuais poderá exerce-las accións legais que coide oportunas.

As partes manifestan a súa adhesión ó convenio sobre solución extraxudicial de conflictos laborais (ASEC).

Capítulo II

Organización e dirección do traballo

Artigo 8º.-Organización.

De acordo coas disposicións vixentes, a facultade e responsabilidade da organización do traballo corresponderá ós órganos de goberno e xestión da autoridade portuaria, que poderán exercela por si mesmos ou a través das delegacións oportunas.

A autoridade portuaria poderá pedir ós representantes legais e sindicais dos traballadores os informes e asesoramentos que coide oportunos.

Artigo 9º.-Dirección e control do traballo.

O traballador estará obrigado a realiza-la prestación laboral baixo a dirección das persoas responsables da autoridade portuaria. Esta poderá adopta-las medidas que coide máis oportunas para a vixilancia e control das obrigas e deberes laborais, gardando na súa adopción e aplicación a conside

ración debida á dignidade dos traballadores e tendo en conta a capacidade real dos traballadores diminuídos, se for o caso.

Cando a autoridade portuaria contemple a execución de obras de conservación que non sexan, ó seu criterio, de urxente execución e que non requiran a utilización de equipamentos, medios ou especialidade dos que careza a autoridade portuaria, esta consultará os representantes legais dos traballadores sobre a posibilidade de seren realizadas as obras polo persoal dela, sempre que o custo, incluídos tódolos gastos do persoal que interveña, o prazo e calidade sexan adecuados, e sen que isto supoña o abandono doutros traballos que teñan, a xuízo da autoridade portuaria, prioridade sobre os consultados. A representación legal dos traballadores deberá contestar nun prazo máximo de 7 días naturais.

Os responsables da autoridade portuaria manterán, como mínimo, unha reunión mensual cos representantes legais e sindicais dos traballadores, para efectos de informar do desenvolvemento do traballo e recibir suxestións sobre el.

Artigo 10º.-Certificacións.

A autoridade portuaria, dentro das súas respectivas competencias, está obrigada a entregar ó traballador, pola súa instancia, certificado acreditativo do tempo de servicios prestados, clase de traballo realizado, emolumentos percibidos, así como de calquera outra circunstancia relativa á súa situación laboral.

En tódolos supostos, as anteriores certificacións deberán ser visadas polo presidente correspondente ou persoa en quen delegue.

Capítulo III

Selección e contratación

Artigo 11º.-Ingresos. Proceso de selección.

A selección e contratación do persoal fixo axustarase á normativa orzamentaria e á oferta de emprego público vixentes en cada momento e realizarase de acordo coas necesidades definidas pola autoridade portuaria e con sistemas baseados en principios de mérito, capacidade, igualdade na selección e contratación e mediante convocatoria pública.

Na valoración, realización e cualificación dos méritos e probas, tanto do persoal fixo como temporal, participarán dous representantes do persoal que serán designados polo comité de empresa e, se é posible, serán de igual ou superior categoría á da praza que se vai cubrir, respectándose en todo caso a autonomía da representación dos traballadores para a designación dos representantes, debendo garda-lo sixilo profesional ó que fai referencia o artigo 65 do Estatuto dos traballadores.

Nos procesos de selección rexerá o principio de agrupación de prazas no que atinxe á economía de procedemento e orzamentario; concentrando a maior cantidade de postos en cada convocatoria con obxecto de reduci-lo número de tribunais.

O prazo de presentación de instancias para a contratación do persoal fixo será de dez días hábiles.

A puntuación obtida por cada aspirante farase pública ó finaliza-las probas.

Artigo 12º.-Dotacións de persoal.

As modificacións das dotacións de persoal serán aprobadas polo consello de administración da autoridade portuaria, sobre a base das necesidades de persoal formuladas pola dirección, axustándose á normativa orzamentaria e á oferta de emprego público vixentes en cada momento e co informe preceptivo dos representantes dos traballadores.

Artigo 13º.-Promoción profesional.

Tódalas vacantes existentes na autoridade portuaria que se deban cubrir, comprendidas no ámbito funcional deste convenio (niveis 1 a 12), convocaranse en primeiro lugar para o persoal da autoridade portuaria que pertenzan a unha categoría de igual ou inferior nivel ó do posto que se pretenda ocupar. Cando na convocatoria non resulte persoal apto para cubri-las prazas, esta incrementaranse á convocatoria pública de novo ingreso.

Ó persoal cunha antigüidade na autoridade portuaria anterior ó 1 de xaneiro de 1993, non se lle esixirá titulación ningunha para concursar a aquel posto de traballo que non precise titulación específica indispensable.

Con carácter xeral, a selección efectuarase mediante probas de aptitude 70% e concurso de méritos 30% da cualificación final, con excepción dos niveis 11 e 12; a selección poderase efectuar por concurso de méritos ou concurso-oposición.

No que respecta á valoración, realización e cualificación das probas e dos méritos observarase o disposto no artigo 11º do presente convenio.

As probas de selección poderán realizarse co auxilio de organismos competentes ou empresas especializadas, incorporando os resultados delas ó expediente que ha de xulga-lo tribunal.

Os postos adxudicaranse ós aspirantes que, tendo superado as probas, obtivesen maior puntuación.

O aboamento das indemnizacións ou compensacións por asistencia a tribunais de oposicións e concursos efectuarase segundo o regulado no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo, e disposicións complementarias sobre indemnizacións por razón do servicio no sector público.

Artigo 14º.-Clasificación segundo a súa permanencia.

O persoal da autoridade portuaria clasifícase en fixo e temporal. Enténdese por persoal fixo o que se contrata por tempo indefinido para que as súas prestacións se prolonguen no tempo sen límite na súa duración; e por persoal temporal o que se contrata por tempo determinado.

A autoridade portuaria comprométese a non contratar traballadores a través de empresas de traballo temporal, salvo en circunstancias excepcionais e co informe dos representantes dos traballadores. Estudiarase a creación, dentro do ámbito da autoridade portuaria, dunha bolsa de traballo.

Sobre o dereito de información ós representantes dos traballadores en materia de contratación observarase o disposto na Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes sobre a materia.

Sen prexuízo de respecta-lo establecido na normativa laboral vixente, a autoridade portuaria procurará manter unha estructura de persoal fixo adecuada ás súas necesidades laborais permanentes.

A contratación temporal de persoal axustarase á normativa orzamentaria e á oferta de emprego público vixentes en cada momento e rexerase polas normas xerais que regulen cada modalidade de contratación, segundo as necesidades observadas pola autoridade portuaria.

Contratos eventuais: son os celebrados consonte o disposto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores segundo o establecido pola Lei 12/2001. Poderanse celebrar cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas, exceso de pedidos ou razóns de temporada así o esixisen, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Fixado o concepto de eventualidade, a autoridade portuaria elixirá, entre as seguintes duracións, a que máis se axusten ás súas necesidades:

a) Contratos eventuais de ata seis meses, nun período de referencia de doce.

b) Contratos eventuais de ata doce meses e medio nun período de referencia de dezaoito meses.

Se se acorda unha duración inferior ás citadas, poderá alcanzarse o máximo cunha soa prórroga.

Contratos de obra ou servicio determinado: cando se contrate o traballador para a realización dunha obra ou servicio determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e a execución da obra ou servicio, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta.

Contratos de interinidade: observarase o disposto no artigo 15.1º c) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción que lle deu a Lei 63/1997, do 26 de decembro, e no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro.

Así mesmo, poderanse realiza-los seguintes contratos formativos:

-Contrato de traballo en prácticas: aqueles que, estando en posesión do título de licenciado ou calquera outro título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, son contratados nos termos fixados polo artigo 11 do Estatuto dos traballadores segundo a redacción que lle deu a Lei 63/1997.

A duración do contrato non poderá ser inferior a seis meses nin exceder dous anos.

-Contrato para a formación: son aqueles contratados conforme o artigo 11 do Estatuto dos traballadores na redacción que que lle deu a Lei 63/1997.

-A duración dos contratos en formación non será inferior a seis meses nin poderá exceder de dous

anos. A retribución nos dous primeiros anos de duración do contrato non poderá ser inferior ó salario mínimo interprofesional, en proporción ó tempo de traballo efectivo, polo que se o tempo dedicado á formación é do 15% da xornada, o salario será do 85% do salario mínimo.

O contrato extinguirase ó vencemento do termo convido.

Artigo 15º.-Clasificación segundo a función.

Os grupos e categorías profesionais, cos seus respectivos niveis, son as enumeradas e definidas no artigo 10 do I acordo marco de portos do Estado e autoridades portuarias.

As categorías profesionais recollidas neste convenio non supoñen a obriga de te-las cubertas se as necesidades do servicio e volume de tráfico non o requiren. Se xurdise algunha nova tarefa ou función non contemplada no I acordo marco, a súa definición específica é competencia da comisión paritaria do convenio marco.

Tódolos traballadores serán clasificados individualmente de acordo coas funcións e tarefas do posto de traballo que desempeñan e para as que foron contratados, co informe preceptivo dos representantes dos traballadores, que deberán emitilo nun prazo máximo de tres días.

As categorías asignadas ó persoal non poderán sufrir modificación ningunha fóra dos supostos contemplados neste convenio. En ningún caso se poderá producir promoción profesional polo único feito da antigüidade.

A autoridade portuaria elaborará un organigrama funcional, coa participación dos representantes dos traballadores, antes da súa aprobación polo consello de administración.

Capítulo IV

Xornada e horario de traballo

Artigo 16º.-Xornada e horario de traballo.

Respectando os criterios establecidos no I convenio marco, nesta autoridade portuaria fíxanse os seguintes tipos de horario:

1. Horario fixo: enténdese por horario fixo o que, unha vez establecido, non varia ó longo do ano, podéndose realizar en xornada continuada ou partida.

2. Horario por quendas: é aquel en que as horas de entrada e saída ó traballo van rotando ó longo do ano dentro do esquema previamente establecido pola autoridade portuaria.

A xornada anual máxima para o persoal afectado polo presente convenio non excederá as 1.687 horas de traballo efectivo.

A xornada semanal non excederá as 37,5 horas de traballo efectivo de media en cómputo cuadrimestral, podéndose establecer unha distribución desigual da xornada semanal.

Cando se traballe en réxime de xornada partida respectarase, con carácter xeral, un descanso entre os dous períodos de traballo non superior a dúas

horas; na xornada continuada, o descanso non será inferior a quince minutos. Nos réximes de quendas aplicarase o regulado no artigo 18º do presente convenio, podéndose establecer unha distribución desigual da xornada semanal, respectando o mesmo cómputo e cun mínimo de 16 e un máximo de 22 xornadas ó mes.

A autoridade portuaria elaborará no mes de xaneiro de cada ano o calendario laboral, de acordo cos representantes dos traballadores que, unha vez aprobado, se fará público no taboleiro de anuncios.

Así mesmo, exporase no taboleiro de anuncios para coñecemento do persoal afectado o cuadrante ou relación anual onde se recolla a asignación de quendas e funcións.

Artigo 17º.-Descanso dominical e en días festivos.

Cando, excepcionalmente e por razóns técnicas ou organizativas, se traballe en domingo ou festivo, percibirase con cargo ó complemento de festivos unha contía igual para tódalas categorías profesionais de 33,64 euros día.

Así mesmo, cando a xornada dominical sexa inferior a catro horas, terase dereito a media xornada de descanso. Se se superasen as catro horas e ata un máximo de oito horas o tempo de descanso será dunha xornada, dentro dun período de tempo razoable e nun día laborable. A autoridade portuaria procurará, como norma xeral, que este sexa o seguinte ó festivo.

O anteriormente establecido non será de aplicación ó persoal suxeito a quendas adscrito ás modalidades A e B, segundo o regulado no artigo 18º.

Artigo 18º.-Traballo por quendas, traballo nocturno.

Nos traballos que requiran necesariamente a prestación continuada de servicios, tales como os de vixilancia, mantemento ou outros, aínda sen chegar ás 24 horas e sempre que o esixan razóns organizativas, poderanse establecer quendas rotativas entre os traballadores encargados das correspondentes tarefas, incluídos domingos e festivos se for necesario. Considerarase traballo por quendas toda forma de organización en equipo segundo a cal os traballadores ocupan sucesivamente os mesmos postos de traballo, segundo un certo ritmo, continuo ou descontinuo, implicando para o traballador a necesidade de presta-los seus servicios en horas diferentes nun período determinado de semanas ou de meses.

No caso excepcional de que un traballador sometido a quendas tivese que prolonga-la súa xornada, sen que poida supera-las dúas horas, por ausencia imprevista do traballador que debía continua-la quenda, percibirá o complemento de cambio de quenda.

Naqueles postos de traballo, de servicio continuado, establecerase un período de tempo, que non excederá de 15 minutos, a fin de efectua-lo revezamento e recibi-las novidades que puidesen afectar á prestación do servicio por parte do traballador saliente, que serán compensados con tempo de descanso. Estes 15 minutos serán realizados antes do comezo da quenda.

Ningún traballador estará na quenda de noite máis de dúas semanas consecutivas, salvo adscrición voluntaria a esa quenda ou que fose contratado para traballar en período nocturno.

Considerarase traballo nocturno o efectuado entre as dez da noite e as seis da mañá, incrementándose a retribución nun 30% do salario base, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza.

Os traballadores nocturnos ós que se lles recoñezan problemas de saúde ligados ó feito do seu traballo nocturno terán dereito a ser destinados a un posto de traballo diúrno que exista na autoridade portuaria e para o que sexan profesionalmente aptos.

As mulleres embarazadas ou en período de lactación, non traballarán entre as 22 horas e as 6 horas e terán dereito a elixir quenda.

A percepción do complemento de traballo por quendas nas modalidades A e B é incompatible coa nocturnidade.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Só terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan da xornada ordinaria en cómputo cuadrimestral.

As horas extraordinarias que non teñan a consideración de forza maior compensaranse en tempo de descanso na proporción de 1,75 horas de descanso por hora traballada, mediante acordo entre o traballador afectado e a autoridade portuaria, procurando ámbalas partes que non coincidan tales descansos con períodos punta.

Capítulo V

Vacacións, permisos e licencias

Artigo 20º.-Vacacións.

O período de vacacións queda establecido entre os meses de xullo e setembro, ambos inclusive. A autoridade portuaria procurará, se as necesidades do servicio o permitisen, que o maior número posible de traballadores poidan desfrutar das vacacións os meses de xullo e agosto. Terán a duración do mes natural en que se desfruten ou de trinta días naturais se se toman nun período entre dous meses.

De mutuo acordo poderanse fracciona-las vacacións en dous períodos de quince días naturais, que deberán comeza-los días 1 ó 16 do mes de que se trate. En tal caso a suma total dos períodos de vacacións será de trinta días naturais.

Cando, excepcionalmente e se por necesidades do servicio se tivesen que desfruta-las vacacións fora do período de vacacións establecido no convenio marco, terase dereito a desfrutar dun período de descanso adicional dunha semana natural. A autoridade portuaria poderá optar por substituír este período de descanso pola súa compensación económica equivalente. En todo caso, antes de proceder á determinación dos traballadores afectados por esta circunstancia, solicitaranse voluntarios e, só no caso de non se cubriren, se acudirá á obrigatoriedade, aplicando criterios de rotación.

No suposto de ter que recorrer á obrigatoriedade, o traballador poderá optar entre o período de descanso adicional ou a súa compensación económica equivalente, quedando, en todo caso, a opción do descanso suxeita ás necesidades do servicio.

A retribución do período de vacacións estará integrada polos seguintes conceptos: salario base mensual, antigüidade, complemento de mobilidade funcional e, se é o caso, complemento de traballo por quendas, complemento de irregularidade horaria, complemento de xornada partida e complemento de especial responsabilidade e dedicación.

O persoal afectado por este convenio deberá concretar por escrito, durante o mes de xaneiro de cada ano, o período de vacacións que desexa para que, unha vez planificadas as necesidades dos servicios e oída a representación dos traballadores, se elabore e publique cada ano nos correspondentes taboleiros de anuncios o calendario de vacacións, respectando o criterio de rotación anual. Os traballadores coñecerán a planificación das vacacións no mes de marzo e, en todo caso, a data de desfrute quedará fixada tres meses antes, como mínimo, á do comezo das súas vacacións, salvo no suposto de excepcionalidade establecido no cuarto parágrafo deste artigo.

Artigo 21º.-Licencias sen retribución.

O persoal que cumprise polo menos un ano de servicio poderá solicitar licencia sen soldo por prazo non inferior a quince días nin superior a doce meses. Tales licencias seranlles concedidas sempre que o permitan as necesidades do servicio. A duración acumulada destas licencias non poderá exceder de doce meses cada dous anos.

Capítulo VI

Xubilacións

Artigo 22º.-Xubilación voluntaria.

No caso de algún traballador desexar acollerse á xubilación voluntaria ós 64 anos, en aplicación do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, deberá solicitalo á autoridade portuaria, con tres meses de antelación como mínimo á data de cumprimento da idade de 64 anos. O traballador que se contrate como consecuencia do cesamento do traballador que opta pola xubilación ocupará preferentemente un posto de nivel 1.

Os traballadores que accedan á xubilación voluntaria de acordo co anterior real decreto percibirán un premio de 3.005,06 euros. Este premio absorberá calquera outro da mesma natureza que estea establecido.

No caso de se producir algún dos supostos contemplados nos reais decretos 15/1998, do 27 de novembro, e 144/1999, do 16 de febreiro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo en relación co traballo a tempo parcial, e o fomento da súa estabilidade, a empresa e os representantes dos traballadores analizarán cada situación particular.

Capítulo VII

Seguranza e saúde laboral

Artigo 23º.-Medidas de protección individual.

A autoridade portuaria facilitará ós traballadores os medios e tipos de protección persoal adecuados

ós traballos que realicen. En todo caso facilitaranse, cando o tipo de traballo o requira, dous equipos de roupa de traballo ó ano e un anorak, e dúas toallas cada dous anos.

Os traballadores deberán necesariamente utilizar durante a xornada laboral a roupa de traballo e os medios de protección que se lles faciliten, conforme os acordos do comité de seguranza e saúde laboral que será competente para establecer tipos de roupa, períodos de entrega e de renovación.

Capítulo VIII

Acción social

Artigo 24º.-Incapacidade temporal.

O traballador que estea en situación de incapacidade temporal percibirá desde o primeiro día un complemento sobre a prestación de Seguridade Social correspondente, ata completa-lo 100% das súas percepcións, entendéndose por tales o salario base mensual, a antigüidade, o complemento de mobilidade funcional e, se é o caso, complemento de traballo por quendas, complemento de irregularidade horaria, complemento de xornada partida e complemento de especial responsabilidade e dedicación, ata un máximo de 12 meses, salvo que, con anterioridade ó transcurso dese prazo, se produza resolución expresa do INSS, na que se declare prorrogada a situación de IT, caso en que, o prazo máximo de duración será de 18 meses.

Co fin de reduci-lo posible absentismo, se este índice tivese sido no ano anterior do 5% ou máis, na segunda IT e sucesivas derivadas de enfermidade común ou accidente non laboral que se puidesen producir durante o ano, salvo que medie hospitalización, o traballador percibirá este complemento a partir do sexto día. Para os efectos de establece-lo absentismo global observarase o disposto no artigo 52.d do Estatuto dos traballadores.

O traballador será privado deste complemento, sen prexuízo doutras sancións a que haxa lugar, se se comprobase que a incapacidade temporal é finxida ou maliciosamente provocada.

No control do absentismo colaborarán os representantes dos traballadores.

Artigo 25º.-Fondo para fins sociais.

A autoridade portuaria ingresará neste fondo as cantidades que se viñan achegando en concepto de comedor e economato.

Artigo 26º.-Formación profesional.

Constituirase na Autoridade Portuaria de Ferrol unha comisión de seguimento, paritaria, formada por seis membros, coas funcións atribuídas no artigo 15 do Acordo Nacional de Formación Continua.

Cando se realice un curso de formación procurarase que este se realice en horario de traballo. Se os cursos se realizan fóra da xornada laboral compensaranse con horas de descanso.

Artigo 27º.-Préstamos reintegrables e para vivendas.

Para atender necesidades urxentes de índole persoal ou familiar que non admitan demora, e sempre

que exista para tal fin orzamento dispoñible da autoridade portuaria, respectándose en todo caso a orde de petición, establécese a favor dos traballadores rexidos polo presente convenio a posibilidade de obter préstamos en contía de ata 3.005,06 euros, reintegrables nun prazo máximo de 24 meses, a descontar, na proporción que resulte, da súa nómina de haberes mensuais.

Estes préstamos, que non producirán interese ningún, deberanse solicitar xuntando á petición a documentación acreditativa e demais medios de proba necesarios para a súa concesión.

En ningún caso se concederá ningún préstamo sen a previa amortización do anterior.

A autoridade portuaria poderá conceder ó persoal préstamos para a achega inicial adquisitiva de vivenda, se existise crédito correspondente no seu orzamento.

A devolución do préstamo axustarase ás normas que para estes efectos se dicten na autoridade portuaria.

Capítulo IX

Estructura salarial

Artigo 28º.-Complementos salariais.

A) Complementos de posto de traballo.

Enténdese por complementos de posto de traballo aqueles que percibe o traballador por razón das características do posto de traballo ou da forma de realiza-la súa actividade profesional que comporte conceptuación distinta do traballo corrente. Estes complementos son de índole funcional e a súa percepción depende exclusivamente do exercicio da actividade profesional no posto asignado, polo que non terán carácter consolidable.

1. Complemento de embarque ou axuda de comida.

Os traballadores que por necesidades do servicio e ordes dos seus superiores teñan que realiza-lo seu traballo a bordo de embarcacións ou noutras instalacións do servicio asimilables a aquelas, en circunstancias que lles impidan pernoitar na súa residencia ou realiza-las súas comidas principais no sitio en que normalmente as efectúan, sexa este a súa casa ou lugar habitual de traballo, percibirán unha axuda de comida para persoal embarcado (complemento de embarque) nas seguintes condicións:

a) Se pernoitan e realizan as dúas comidas principais nas condicións sinaladas no parágrafo anterior, o importe do complemento será o que se fixa no anexo I.

b) Se realizan as dúas comidas principais percibirán o 80% dese complemento.

c) Se realizan unha soa comida principal, percibirán o 50% dese complemento.

Para estes efectos, non corresponderá indemnización ningunha cando as comidas as facilite gra

tuitamente o ente público, salvo que pernoiten, caso en que percibirán o 20% do complemento de embarque.

2. Complemento de inmersión.

Todo o persoal con titulación adecuada para os traballos a realizar que os efectúe en inmersión recibirá un complemento coa contía fixada no anexo I, e compensará o tempo realmente traballado co 25% en tempo de descanso.

3. Complemento de traballo por quendas.

3.1. Modalidades.

A. Tres quendas.

A.1. Sete días á semana: cando os traballadores, pola natureza da actividade que desenvolven, teñan que traballar en quendas rotatorias durante as 24 horas do día, incluídos domingos e festivos, percibirán un complemento na contía establecida no anexo I, modalidade A, incrementada en 26,84 euros por cada domingo ou festivo efectivamente traballado.

Para poder percibir esta modalidade deberán traballarse máis de 8 festivos e 11 nocturnos en cómputo cuadrimestral ou 33 festivos e 43 nocturnos en cómputo anual.

A.2. Soamente días laborables: cando as quendas non inclúan domingos nin festivos percibirán exclusivamente a contía establecida no anexo I, modalidade A.

Para poder percibir esta modalidade deberán traballarse máis de 11 nocturnos en cómputo cuadrimestral e 43 nocturnos en cómputo anual.

B. Dúas quendas con nocturnos e festivos.

Cando os traballadores estean incluídos no sistema de quendas rotatorias de mañá e noite ou tarde e noite tódolos días da semana, incluídos domingos e festivos, percibirase a contía correspondente á modalidade B, incrementada en 26,84 euros por cada domingo ou festivo efectivamente traballado.

Para poder percibir esta modalidade deberán traballarse máis de 8 festivos e 11 nocturnos en cómputo cuadrimestral ou 33 festivos e 43 nocturnos en cómputo anual.

C. Dúas quendas só días laborais en xornada diúrna.

Cando os traballadores estean incluídos no sistema de quendas rotatorio de mañá e tarde tódolos días laborables, aboarase a modalidade C. Esta só se poderá autorizar con carácter temporal e excepcional.

3.2. Incompatibilidades: a percepción do complemento de traballo por quendas en calquera das súas modalidades será incompatible con:

-Complemento de irregularidade horaria.

-Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

-O complemento de traballo por quendas nas modalidades A e B é incompatible coa nocturnidade.

-Complemento de xornada partida.

B) Complementos por calidade ou cantidade de traballo, productividade.

O complemento de productividade retribuirá o especial rendemento, a actividade e dedicación extraordinaria, o interese ou iniciativa con que se desempeñen os postos de traballo, sempre que redunden en mellora-lo seu resultado.

A valoración da productividade realizarase en función das circunstancias relacionadas directamente co desempeño do posto de traballo e a consecución dos resultados ou obxectivos asignados a este.

O dereito ó devengo desta modalidade de complementos lígase á permanencia das circunstancias que tivesen determinado o seu recoñecemento inicial, decaendo en tal dereito o perceptor no momento en que se constate a desaparición de tales circunstancias, excepto o complemento de mobilidade funcional regulado no I convenio marco, que, por ter carácter estructural, é de asunción obrigatoria. En ningún caso, por tanto, as contías asignadas por complemento de productividade por un período de tempo, a excepción do mencionado complemento, orixinarán dereito individual ningún respecto das valoracións ou apreciacións correspondentes a períodos sucesivos.

Ademais do complemento de mobilidade funcional, recollido no artigo 23º do convenio marco, terá a consideración de complementos de productividade os que a seguir se detallan e coa cuantificación económica que se recolle no anexo I.

1. Complementos de xornada flexible:

A. Complemento de flexibilidade horaria.

O obxecto deste complemento é compensar aquel persoal que realice efectivamente traballos fóra do seu horario habitual.

A flexibilidade horaria enténdese como a asistencia ó posto de traballo fóra do horario establecido por circunstancias diversas (remate de buque, avaría, traballos urxentes, etc.). En ningún caso poderá realizar máis de dúas horas diarias o mesmo traballador.

Cando a flexibilidade supoña modificacións no horario regular sen supera-las 37,5 en cómputo cuadrimestral, percibirase o complemento na súa modalidade A.

Cando a flexibilidade implique variación no horario regular que supere as 37,5 en cómputo cuadrimestral, percibirase por cada hora en exceso o complemento de flexibilidade na súa modalidade B.

Este complemento é incompatible con:

-Nocturnidade.

-Festivos.

-Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

-Complemento de irregularidade horaria.

-Horas extraordinarias.

B. Complemento por cambio de quenda.

A compensación por cambio de quenda está dirixida a todo aquel persoal que desenvolva o seu traballo en réxime de quendas de conformidade co artigo 18º, co obxecto de compensar economicamente o efectivo cambio de quenda por necesidades do servicio.

A permanencia na quenda á que se cambie non xerará dereito ó devengo deste complemento. Será de pagamento único cada vez que se cambie da quenda habitual, non considerándose cambio a volta ó seu cuadrante. Os cambios de quenda non superarán os 12 ó ano por traballador nin os 7 días consecutivos en cada cambio. En ningún caso os cambios de quenda suporán traballar máis de 44 festivos nin 66 nocturnos en cómputo anual.

A contía económica será de dúas veces o valor unitario correspondente a unha hora da modalidade B do complemento de flexibilidade horaria para cada nivel.

C. Complemento de irregularidade horaria.

Este complemento asignaráselle ós técnicos mecánicos de sinais marítimos.

O presidente da autoridade portuaria poderá asignar este complemento aqueles traballadores que, estando adscritos ós postos de traballo que a seguir se relacionan, requiran someterse a total dispoñibilidade, sen suxeición ó horario regular, por circunstancias inherentes ó desempeño deles:

-Conserxes.

-Conductores (de presidencia e dirección).

Este complemento será incompatible cos seguintes complementos:

-Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

-Complemento de traballo por quendas.

-Complemento de flexibilidade horaria.

-Complemento de xornada partida.

Salvo para o colectivo de técnicos mecánicos de sinais marítimos, que percibirán en concepto de productividade este complemento, o de mobilidade funcional, o de especial responsabilidade e dedicación e o de especial rendemento no traballo.

2. Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

O obxectivo deste complemento será compensar aqueles traballadores dos que os postos de traballo, tendo o carácter de xestión, mando, confianza e/ou xefatura e sempre que non deban realizarse en réxime de quendas, leven implícito nas súas funcións un elevado grao de responsabilidade e de toma de decisión, así como unha dispoñibilidade absoluta ás necesidades do servicio, sendo fixadas estas circunstancias pola presidencia do ente público.

Este complemento asignarase en todo caso a:

-Os postos de niveis 11 e 12.

-As/os secretarias/os e presidentes.

-Os técnicos mecánicos de sinais marítimos.

Así mesmo, o presidente da autoridade portuaria poderá asignar este complemento, sempre que concorran as circunstancias esixidas para o seu recoñecemento, ós postos que se detallan a seguir:

-Os postos de niveis 9 e 10.

Este complemento será incompatible cos seguintes:

-Complemento de xornada partida.

-Complemento de traballo por quendas.

-Complementos de xornada flexible.

3. Complemento de xornada partida.

Percibirán o complemento de xornada partida aqueles traballadores adscritos esencialmente a tarefas técnico-administrativas que habitual e efectivamente realicen este horario.

O complemento de xornada partida é incompatible con:

-Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

-Complemento de traballo por quendas.

-Complemento de irregularidade horaria.

4. Complemento de especial rendemento no traballo.

O obxectivo deste complemento será compensar todas aquelas actuacións que favorezan o incremento da productividade, como son:

-Consecución dos obxectivos fixados polos responsables de cada departamento ós traballadores adscritos a eles.

-Especial desempeño e rendemento nas tarefas realizadas polos traballadores.

-Participación dos traballadores na mellora da calidade e eficiencia dos servicios.

-Participación dos traballadores na política de formación da autoridade portuaria.

A presidencia da autoridade portuaria determinará anualmente a contía máxima que un traballador pode percibir con cargo a este concepto retributivo, fixándose esta cantidade para o ano 2001 en 721,21 euros.

A distribución deste complemento realizarase con base na ponderación dos seguintes criterios:

Cumprimento de obxectivos: do 55% ó 70%.

Rendemento e calidade do traballo: do 20% ó 25%.

Formación: do 5% ó 10%.

Outros: do 5% ó 10%.

Disposición adicional

Polo carácter público desta autoridade portuaria, o presente convenio colectivo está sometido ó establecido na normativa laboral e orzamentaria (artigos 28 e 40 da Lei 62/1997, do 26 de decembro, que modifica a Lei 27/1992, do 24 de novembro,

de portos do Estado e da mariña mercante), requiríndose para a súa validez a autorización previa da CECIR (artigo 35 da Lei 49/1998, do 30 de decembro de orzamentos xerais do Estado para 1999).

Disposición transitoria

Os conceptos productivos correspondentes ó ano 1999 serán os regulados na disposición transitoria segunda do I convenio marco de portos do Estado e autoridades portuarias, de conformidade coas contías establecidas nos complementos de postos de traballo números 1 a 7.

A mesa negociadora do presente convenio colectivo acorda e asina a revisión salarial dos conceptos productivos regulados nel para os anos 2000 e 2001, de conformidade coas táboas que se achegan.

Así mesmo, a mesa negociadora encomenda á comisión de vixilancia e interpretación deste convenio colectivo as revisións salariais para os anos 2002 e 2003. Os trámites desta revisión iniciaranse por instancia de calquera das partes.

Disposición derradeira

Normativa aplicable:

En todo o non previsto neste convenio será de aplicación o I acordo marco de relacións laborais de portos do Estado e autoridades portuarias.

Para todo o non previsto no I convenio marco de relacións laborais de portos do Estado e autoridades portuarias e no presente convenio colectivo, será de aplicación o Estatuto dos traballadores e demais leis e disposicións regulamentarias en vigor.

Disposición derrogatoria

A partir da entrada en vigor do presente convenio colectivo, queda derrogado e substituído o I convenio colectivo de portos do Estado e autoridades portuarias.

ANEXO I

Complementos salariais ano 2000

A) Complementos de posto de traballo.

1. Complemento de embarque ou axuda de comida: 19,53 A/día.

2. Complemento de inmersión: 3,89 A/hora.

3. Complemento de traballo por quendas.

NivelQuendas / modalidades

ABC

9139,86124,2063,82

8125,18110,8757,38

7117,15103,6953,55

6108,4596,2849,75

5104,6192,9948,18

4103,6691,6247,29

3101,8290,4546,78

2100,6689,2646,25

198,8887,5745,21

Modalidade A-3 quendas:

A.1. 7 días á semana.

As contías correspondentes incrementaranse en 27,37 A por cada domingo ou festivo efectivamente traballado.

A.2. Só días laborais.

Modalidade B-2 quendas con nocturnos os 7 días da semana.

As contías correspondentes incrementaranse en 27,37 A por cada domingo ou festivo efectivamente traballado.

Modalidade C-2 quendas os días laborais en xornada diúrna.

B) Complementos por calidade ou cantidade de traballo: productividade.

1. Complementos de xornada flexible.

a) Complemento de flexibilidade horaria.

Valor hora complemento flexibilidade horaria:

NivelModalidade AModalidade B

106,4715,24

96,1914,38

85,4912,78

75,0911,95

64,8711,43

54,6010,67

44,5710,58

34,4810,39

24,4510,30

14,3510,12

b) Complemento de irregularidade horaria.

NivelA/mes

8201,13

TT.MM/SS.MM 8 e 9201,13

6176,28

2. Complemento de xornada partida.

NivelA/mes

10143,33

9133,12

8122,85

7112,64

6104,74

599,65

496,43

394,53

293,52

192,48

3. Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

NivelA/mes

12263,79

11250,61

10237,40

9217,63

TT.MM / SS.MM 8158,25

ANEXO II

Complementos salariais ano 2001

C) Complementos de posto de traballo.

1. Complemento de embarque ou axuda de comida: 19,92 A/día.

2. Complemento de inmersión: 3,97 A/hora.

3. Complemento de traballo por quendas.

NivelQuendas / modalidades

ABC

9142,66124,2065,09

8127,69110,8758,53

7119,49103,6954,62

6110,6296,2850,74

5106,7092,9949,14

4105,7491,6248,24

3103,8690,4547,71

2102,6789,2647,18

1100,8687,5746,12

Modalidade A-3 quendas:

A.1. 7 días á semana.

As contías correspondentes incrementaranse en 27,92 A por cada domingo ou festivo efectivamente traballado.

A.2. Só días laborais.

Modalidade B-2 quendas con nocturnos os 7 días da semana.

As contías correspondentes incrementaranse en 27,92 A por cada domingo ou festivo efectivamente traballado.

Modalidade C-2 quendas os días laborais en xornada diúrna.

D) Complementos por calidade ou cantidade de traballo: productividade.

1. Complementos de xornada flexible.

a) Complementos de flexibilidade horaria.

Valor hora complemento flexibilidade horaria:

NivelModalidade AModalidade B

106,6015,54

96,3214,66

85,6013,04

75,1912,19

64,9711,66

54,6910,88

44,6610,79

34,5710,60

24,5410,51

14,4410,32

b) Complemento de irregularidade horaria.

NivelA/mes

8205,16

TT.MM/SS.MM 8 e 9205,16

6179,80

2. Complemento de xornada partida.

NivelA/mes

10146,20

9135,78

8125,31

7114,90

6106,83

5101,64

498,36

396,42

295,39

194,33

3. Complemento de especial responsabilidade e dedicación.

NivelA/mes

12269,07

11255,62

10242,15

9221,98

TT.MM / SS.MM 8161,42

4. Complemento de especial rendemento no traballo.

A contía deste complemento distribuirase na proporción seguinte:

-Niveis 12 ó 8: 25%.

-Niveis 7 ó 1: 75%.

Fíxase a contía deste complemento para o ano 2001 en 15.978,47 A.

* Pola empresa:

José Ignacio Villar García.

Manuel Vázquez Faraldo.

Nicolás Veiga Freire.

Antonio López Coira.

* Polo comité de empresa:

Ignacio Fernández Fernández (UGT).

Antonio Pérez Castro (CC.OO.).

Francisco Fontela Tojeiro (CC.OO.).

* Polas seccións sindicais:

Diego Cartelle Leira (CC.OO.).

Juan López Veiga (UGT).

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE