Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.365

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de novembro de 2002 pola que se modifica a do 11 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 18 de marzo) pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Pola Orde do 11 de marzo de 2002 (DOG do 18 de marzo) establecéronse as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Dentro dos requisitos que se esixen ás organizacións de consumidores para poder seren beneficiarias do programa específico de axudas, dentro da orde referida, encóntrase o horario de atención ó público das oficinas coas que contan.

Tendo en conta as peticións das organizacións relacionadas con este asunto, e en atención ó seu carácter, ó tratarse de organizacións sen ánimo de lucro, así como o difícil cumprimento do horario establecido no seu día no marco da orde de axudas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-lo anexo XIV da citada orde, onde di:

«Dispoñer de oficinas abertas ó público que teñan como único fin a defensa do consumidor e usuario; oficinas que deberán estar abertas ó público durante un mínimo de 25 horas semanais, polo menos 4 horas diarias de luns a sábado, durante todo o ano. Disporán dun cartel horario, en lugar visible, á entrada do local».

Substituílo polo seguinte texto:

«Dispoñer de oficinas abertas ó publico que teñan como único fin a defensa do consumidor e usuario; oficinas que deberán estar abertas ó público durante un mínimo de 20 horas semanais, polo menos 4 horas diarias de luns a venres. Disporán dun cartel horario en lugar visible, á entrada do local».

Artigo 2º

Modifica-lo anexo XV da citada orde, onde di: «Dispoñer de oficinas abertas ó público que teñan como único fin a defensa do consumidor e usuario, oficinas que deberán estar abertas ó público durante un mínimo de 25 horas semanais, polo menos 4 horas diarias de luns a sábado, durante todo o ano. Disporán dun cartel horario, en lugar visible, á entrada do local».

Substituílo polo seguinte texto:

«Dispoñer de oficinas abertas ó público que teñan como único fin a defensa do consumidor e usuario, oficinas que deberán estar abertas ó público durante un mínimo de 20 horas semanais, polo menos 4 horas diarias de luns a venres. Disporán dun cartel horario en lugar visible, á entrada do local».

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio