Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de novembro de 2002 pola que se abre o prazo para presentación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos.

O Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 15.1º que a consellería competente en materia de enerxía convocará anualmente mediante orde a presentación de solicitudes para a instalación de parques eólicos, co obxecto de selecciona-los admitidos a tramitación, de acordo cos criterios establecidos no artigo 17 da mesma norma, que ademais de establecer entre eles a posibilidade, no seu parágrafo 2º, punto h) de aplicar outros factores que se van establecer de maneira particular en cada orde anual.

Tendo en conta que a planificación ten como figura angular, dentro da Comunidade Autónoma galega,

a existencia de plans eólicos estratéxicos ou empresariais, que nestes momentos se encontran en pleno desenvolvemento; parece conveniente, para os efectos de non desvirtuar, por unha banda, a anteriormente mencionada planificación, e por outra, as lexítimas expectativas dos promotores dos ditos plans, realizar unha distinción entre a potencia que se vai adxudicar ás solicitudes de instalacións derivadas de plans e a potencia que se asignará a parques dos que os promotores non sexan titulares de plans eólicos.

Con esta solución inténtase ser coherente cuns compromisos xa adquiridos, sen que iso supoña un impedimento insalvable para o asentamento de parques cunhas características e singularidades concretas, coincidentes cos criterios de valoración que nesta orde se expoñen, que fan que se considere moi estimable a súa implantación.

Así mesmo, o xa mencionado artigo 15.1ºfai unha última precisión, establecendo a necesidade de determinar na orde de convocatoria a potencia en megavatios que se van conceder no ano, así como a previsión de potencia que se vai adxudicar no bienio seguinte, cos efectos de garantir unha adecuada e suficiente planificación ós promotores eólicos intervenientes.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante a presente orde convócase a tódolos promotores interesados na instalación de parques eólicos na Comunidade Autónoma de Galicia para a presentación de solicitudes de autorización destes.

Artigo 2º.-Presentación de solicitudes.

a) Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación desta orde.

b) Requisitos.

As solicitudes deberán reuni-los requisitos recollidos no artigo 16.2º do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

No suposto de que un promotor solicite máis dunha autorización, deberá incluír todas elas nunha única relación, especificando de maior a menor a súa preferencia nos distintos proxectos. De non ser realizada esta enumeración entenderase que o promotor dá preferencia ó proxecto enumerado en primeiro lugar e así sucesivamente. Nesta relación tamén deberán incluírse os parques que se encontren en tramitación.

Artigo 3º.-Criterios de valoración.

1. Ademais dos criterios de valoración recollidos no artigo 17 do citado Decreto 302/2001, teranse en conta como criterios de adxudicación con respecto

a solicitudes de parques eólicos presentadas en execución de plans eólicos os seguintes:

a) Solicitudes sobre as que xa se iniciase un procedemento administrativo de autorización ó amparo do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, valorándose o nivel de tramitación superado.

b) Solicitudes de parques nos que a evacuación da enerxía producida estea considerada en actuacións comúns de infraestructuras de evacuación e transporte e nos que o punto de conexión estea concretamente identificado e sexa viable no momento no que se producise a autorización.

2. No que se refire ás solicitudes de parques eólicos que non deriven da execución de plans eólicos, consideraranse como criterios que hai que ter en conta:

a) Solicitudes sobre as que xa se iniciase un procedemento administrativo de autorización ó amparo do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, valorándose o nivel de tramitación superado.

b) Que a súa instalación non supoña incremento real da enerxía vertida á rede, ó fundamentarse a solicitude na substitución de potencia por cambio no sistema de xeración. As solicitudes que se inclúan na relación de admitidos ó amparo deste criterio non computarán a súa potencia dentro da global recollida no artigo 4º desta orde.

c) Que a instalación veña fomentar e apoiar iniciativas empresariais de grupos implantados en Galicia, levadas a cabo en zonas declaradas de urxente reindustrialización (ZUR) ou en zonas RECHAR, incluíndose na consideración destas zonas os municipios limítrofes a elas, debendo acredita-lo solicitante a creación dun nivel significativo de postos de traballo na comarca de implantación do parque.

3. Os criterios expostos, en orde a un adecuado cumprimento da planificación nestes momentos en vigor consideraranse prioritarios para efectos de valoración das solicitudes presentadas, xunto cos seguintes recollidos no punto 2º do citado artigo 17:

a) Desenvolvemento e execución efectiva dos plans tecnolóxicos e industriais asociados a plans eólicos estratéxicos e/ou actividades relacionadas coa ener-

xía eólica.

a) Influencia no desenvolvemento da rede eléctrica de distribución ou transporte.

a) Efectos ambientais.

Artigo 4º.-Potencia que se vai tramitar no ano 2003.

Na resolución que derive da presente convocatoria admitiranse a tramitación, tendo en conta as limitacións existentes na capacidade de evacuación na rede de transporte de enerxía eléctrica, solicitudes

que non excedan na potencia global solicitada de 565 megavatios, no que se refire a parques eólicos derivados de plans eólicos.

Para atende-las solicitudes de parques eólicos que non executen plans eólicos disporase dunha potencia global de 135 megavatios. Por motivos de planificación e capacidade da rede a potencia máxima que poderá outorgarse por parque será de 20 megavatios, polo que nas solicitudes admitidas que superen este límite o exceso non será considerado para efectos do cómputo.

No caso de que as solicitudes seleccionadas no segundo suposto non esgoten a cota de potencia ofertada, a potencia global que se vai outorgar a parques eólicos derivados de plans incrementarase co resto non adxudicado.

Artigo 5º.-Previsión de potencia para o bienio 2004-2005.

Establécese unha previsión de potencia a tramitar para o bienio 2004-2005 de 500 megavatios.

Disposición adicional

De acordo co establecido na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, os expedientes de parques eólicos en tramitación, que na data de publicación desta orde aínda non fosen resoltos, incluiranse de forma automática dentro do conxunto de solicitudes presentadas polo seu promotor.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio