Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.360

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de novembro de 2002 pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Milenio.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Milenio, con domicilio en Santiago de Compostela, edificio administrativo de San Caetano, s/n, CP 15781.

Supostos de feito.

1. Manuela López Besteiro, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 7 de novembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da sua inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 20 de setembro de 2002, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número 148 do seu protocolo por Manuela López Besteiro, Senén Barro Ameneiro e Domingo Docampo Amoedo, que interveñen en nome e representación das entidades ás que pertencen, respectivamente Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo. Tamén interveñen en nome e representación da Universidade da Coruña e Federación Galega de Municipios e Provincias.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos é obxecto da fundación a realización de calquera actividade, legalmente posibles, tendentes á articulación dun enfoque territorial na creación de

emprego e no mantemento dun crecemento económico sostido e da mellora das condicións de vida dos cidadáns e, en particular dos mozos, así como á coordinación dos diferentes axentes interadministrativos intervenientes na súa consecución, para o que poderá realizar, entre outras, as seguintes actuacións:

a) Desenvolver actividades en coordinación cos diferentes axentes dependentes das distintas institucións representadas na fundación e que participan na implantación das políticas activas de emprego e de mellora das condicións de vida e na información dos cidadáns e, en particular, dos mozos.

b) A realización de todo tipo de estudios, análises e prospectivas, así como a prestación de servicios relacionados e que redunden no cumprimento dos fins fundacionais e na aproximación dos servicios ós cidadáns.

c) Promover e realizar toda clase de actividades e servicios de formación, orientación e asesoramento en materia laboral e de emprego.

d) Calquera outra actividade que conduza ó cumprimento dos fins fundacionais que poida determina-lo padroado.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 8 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-social da Fundación Milenio, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de novembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei

11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese benéfico-social a Fundación Milenio e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública