Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2002 Páx. 16.361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de novembro de 2002 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Terra de Soneira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Terra de Soneira, con domicilio en Santiago de Compostela, A Barcia, estrada de Santiago de Compostela-Noia Km 3.

Supostos de feito.

1. Andrés Precedo Ledo na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 12 de novembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vimianzo, o día 21 de outubro de 2002, ante a notaria Margarita Colunga Fidalgo, co número 742 do seu protocolo, por Jaime-Alberto Pita Varela, que intervén en representación da Xunta de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo, poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial , económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Terra de Soneira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime

das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de novembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Terra de Soneira e adscribila á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública