Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 19 de novembro de 2002 Páx. 16.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2002 pola que se convoca un curso de promoción, acollida e orientación de persoas voluntarias e de xestión de proxectos de acción voluntaria en entidades locais.

Dentro do Plan de actividades da EGAP para o 2002, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de promoción, acollida e orientación de persoas voluntarias e de xestión de proxectos de acción voluntaria en entidades locais que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Proporcionarlles ós responsables de programas de voluntariado das entidades locais un modelo teórico e práctico de dirección e administración dos proxectos de acción voluntaria acordes co Plan de voluntariado de Galicia 2002-2005.

Facilita-la incorporación de habilidades e técnicas que permitan mellora-la acción voluntaria.

Fomenta-lo coñecemento da realidade do sector de acción voluntaria galego para impulsar estratexias que faciliten o seu desenvolvemento dun xeito coordinado e aplicando a metodoloxía do traballo en redes.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal da Administración local que realice funcións relacionadas coa materia, especialmente responsables de programas de voluntariado das entidades locais integradas no Plan do Voluntariado de Galicia 2002-2005.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Duración: 30 horas.

3.2. Lugar: Deputación Provincial de Ourense.

3.3. Datas: 2, 3, 4, 5, 9, 10, 11, 12 de decembro de 2002.

3.4. Horario: de 17 a 20 horas.

3.5. Prazas: 20.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado, deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP e presentaranse no rexistro xeral da Deputación Pro

vincial de Ourense, rúa Progreso, 32, 32003, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º 1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 23 de novembro de 2002.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes ou outras causas imposililitasen a súa realización. As ditas circunstancias comunicaránselles, de se-lo caso, ós solicitantes.

Sétima.-Certificados de asistencia.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación de asistencia e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

Oitava.-Contido.

1. Dimensión conceptual da acción voluntaria: 1.1. Marco social: movementos sociais, solidaridade, participación, voluntariado: concepto, evolución, articulación. Dinámica social: enfoques socio-políticos, políticas sociais, tendencias sociolóxicas. Exclusión social e poboación de risco. Necesidades e recursos sociais. O papel da acción voluntaria nos procesos de inclusión social. Itinerarios personalizados. A función do acompañamento social. Áreas de interese xeral obxecto de intervención das persoas voluntarias. 1.2. Marco normativo: normativa internacional e nacional. A Lei 3/ 2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia e as normas de desenvolvemento. Dereitos e deberes das persoas voluntarias. O Código Ético do Voluntariado. O recoñecemento das entidades de voluntariado. Rexistro de entidades de voluntariado de Galicia. Deberes das entidades de voluntariado coas persoas voluntarias: o seguro de accidentes e responsabilidade civil. O acordo de colaboración. A acreditación

e certificación de servicios. 1.3. Marco organizativo: as administracións públicas. Funcións reguladora, promotora, intermediadora e xestora na acción voluntaria. Entes responsables, competencias, procedementos. A Administración local e a súa relación co terceiro sector: promoción de asociacionismo, propicia-la

coordinación e traballo en rede. A función de xestión e control como aposta pola calidade e transparencia na xestión. Intermediación metodoloxía. O Plan de voluntariado de Galicia 2002-2005: medidas e actuacións para operativiza-lo plan. 1.4. Terceiro sector ou sector non lucrativo: fundamentos: asociacionismo, características das ONL (organizacións non lucrativas), estructura do sector non lucrativo (clasificación sectorial, niveis, etc.). Datos básicos (dimensión, importancia económica, emprego, etc.). Funcións das ONLs promoción, mediación, garantía, grupo de presión e prestación de servicios. Entidades de acción voluntaria: características diferenciais, presencia no terceiro sector, tipoloxía, papel do persoal voluntario, etc. Organización nas ONLs: recursos (humanos, materiais, monetarios e metodolóxicos, resultados (servicios, productos, etc.), proceso de transformación, estructura organizativa, cultura organizativa, ciclo vital das ONLs, etc. Lei orgánica de asociación.

Proceso de constitución dunha asociación. Fiscalidade: Código de Identificación Fiscal, impostos. Control e transparencia económica. Busca de financiamento. Calidade nas ONLs. Cómo contribuír ó logro desde a función de inspección e control propia das entidades locais. 2. Dimensión

de xestión da acción voluntaria: 1. Planificación: busca e análise de necesidades obxecto de intervención das persoas voluntarias. Definición e deseño de proxectos operativos de acción voluntaria dentro das entidades locais. Incorporación das persoas voluntarias como coordinadoras de proxectos de acción voluntaria. 2. Acollida de persoas voluntarias. Acción: sensibilización e promoción do voluntariado. Proceso de incorporación, acordo de colaboración e acompañamento. Tarefas e responsabilidades, apoio no desempeño, seguimento. 3. Formación: cultura organizativa, ámbitos de actuación, habilidades e técnicas. 4. Acompañamento e avaliación do proceso: motivación, participación e recoñecemento, desempeño, organización, clima, participación. 2 talleres sobre: identificación de necesidades obxecto de intervención dun proxecto de voluntariado. Proxecto de voluntariado aplicado á entidade local específica onde traballa cada membro do curso.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA