Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 13 de novembro de 2002 Páx. 15.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 306/2002, do 31 de outubro, polo que se crea o Premio Galicia-Futura.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22º, 23º e 24º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, aplicándose entre outros ó ámbito da xuventude.

Polo Decreto 250/2002, do 18 de xullo, establécese a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e no seu artigo 8 dispón que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude, entre outras, a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e, especificamente, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de acadar unha participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, considera de máximo interese estimular e recompensa-lo esforzo e labor que calquera mozo ou moza realicen nalgún ámbito da vida ou entidades que destaquen pola súa actividade no eido da xuventude. Por todo iso, considérase conveniente instituí-lo Premio Galicia-Futura na súa vertente individual e colectiva, co obxecto de fomenta-la actividade e participación xuvenil así como o seu recoñecemento social.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Premio Galicia-Futura como recompensa, expresión do recoñecemento social e estímulo ó labor que realice calquera mozo, moza ou persoa xurídica, nalgunha das actividades da vida, xa sexa no ámbito social, profesional, cultural, académico, deportivo ou en calquera outro ou en labores de apoio ou colaboración de especial transcendencia en temas relacionados coa xuventude.

Artigo 2º.-Categorías e destinatarios.

O Premio Galicia-Futura outorgarase nas seguintes categorías e destinatarios:

a) Individual: poderá ser destinatario do premio calquera mozo ou moza galego de ata 30 anos de idade, que destaque nalgún ámbito dos referidos no artigo anterior.

b) Colectivo: poderá ser premiada calquera persoa xurídica polas actividades mencionadas no artigo primeiro, que desenvolva o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-O premio.

O premio, nas súas dúas categorías, dará dereito a un diploma acreditativo e levará consigo unha dotación económica que se fixará na orde de convocatoria.

Artigo 4º.-Convocatoria.

O premio será convocado por orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e terá unha periodicidade anual. A devandita orde establecerá os demais aspectos procedementais para a súa adxudicación.

Artigo 5º.-Candidaturas.

Cada membro do xurado proporá candidaturas ó premio por cada unha das categorías.

As candidaturas irán acompañadas dunha memoria explicativa sobre os méritos dos candidatos, que lles permita ós membros do xurado valorar cada proposta.

Artigo 6º.-O xurado

1. O exame das memorias e a proposta do premio, de se-lo caso, corresponderalle a un xurado seleccionador que estará formado polos seguintes membros:

a) Presidenta: a directora xeral de Xuventude.

b) Vocais: ata un número de cinco vocais por proposta do Pleno da Comisión Interdepartamental de Xuventude, entre persoas ligadas ó ámbito xuvenil.

c) Secretario: o subdirector xeral de programas da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. O xurado elixirá, se procede, entre tódalas candidaturas propostas, un premiado na categoría individual e outro na categoría colectiva.

3. O premio poderase declarar deserto a xuízo do xurado. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 7º.-Concesión e entrega do premio.

1. A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude outorgará o premio a/as persoa/as propostas polo xurado. O acordo de concesión do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Os premios, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará oportunamente. O nome dos gañadores será publicado e difundido nos medios de comunicación social que se determinen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para convocar anualmente mediante orde o Premio Galicia-Futura e dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude