Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 13 de novembro de 2002 Páx. 15.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2002 pola que se convocan dúas bolsas de estudio en materia de vivenda.

O 6 de marzo de 2000, o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Universidade de Santiago de Compostela subscribiron un acordo de colaboración para a realización de prácticas complementarias ós estudios universitarios. Os resultados da dita colaboración presentaron uns resultados altamente satisfactorios para ámbalas dúas entidades. Coa finalidade de abondar na tarefa de formación de alumnos e amplia-lo ámbito subxectivo a alumnos que teñan finalizado recentemente os seus estudios universitarios e de cara a facilita-lo acceso ó mercado de traballo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha convocatoria de bolsas que, como experiencia piloto, ten como contido o estudio dos sistemas de financiamento público de vivendas e a súa metodoloxía no ámbito das administracións públicas, ou o estudio e realización de traballos noutras materias relacionadas con vivenda. En virtude do anterior, convócanse dúas bolsas de colaboración de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca dúas bolsas para estudios e colaboración en materia de vivenda.

Segunda.-Duración e dotación.

As tarefas iniciaranse desde a incorporación dos bolseiros e rematarán o día 31 de decembro do 2002. Poderán ser prorrogadas en función do aproveitamento do adxudicatario, logo de informe da secretaría xeral, sempre e cando exista crédito orzamentario suficiente e adecuado para o ano 2003.

A dotación económica mensual de cada bolsa será de 901 A brutos coa retención fiscal que lle corresponda. Respecto ó pagamento, observarase o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o artigo 40.3º da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, acordando o pagamento parcial á conta da liquidación definitiva a medida que se xustifiquen os libramentos anteriores, sen a limitación da porcentaxe do 80% da subvención concedida. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado.

Os pagamentos serán efectuados polo instituto con cargo á aplicación orzamentaria 06.60.331A.480 dos orzamentos xerais do organismo autónomo para 2002.

Antes de proceder ó último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ó responsable conforme non desfrutaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude desta convocatoria.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro será incompatible co desfrute doutras bolsas. Non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin suporá a inclusión na Seguridade Social. A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo instituto.

Cuarta.-Requisitos dos candidatos.

Poderán optar á bolsa aquelas persoas que reúnan os requisitos seguintes:

a) Ter obtido o título de licenciado en administración e dirección de empresas, economía ou dereito nos últimos dous anos.

b) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes deberán entregarse no Rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no prazo de 10 días naturais a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria. Deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección.

b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

c) Currículum vitae.

d) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecementos en lingua galega.

e) Documentos que acrediten ter realizado prácticas no ámbito das administracións públicas.

f) Memoria descritiva, cunha extensión mínima de tres folios e máxima de cinco, das tarefas que se realizarán en materia de vivenda.

g) Declaración xurada comprometéndose a renunciar a calquera outra bolsa de colaboración.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no taboleiro de anuncios da sede do IGVS resolución provisional de admitidos e excluídos. Os solicitantes disporán dun prazo de 5 días naturais para realizar reclamacións, transcorrido o cal se elevará a definitiva a lista de admitidos con resolución de cantas reclamacións fosen presentadas.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: José Antonio Redondo López.

Vocal: Beatriz Cuíña Barja.

Secretario: Jesús Oitavén Barcala.

Sétima.-Criterios de valoración para a elección dos bolseiros.

a) Expediente académico: ata 100 puntos.

-Nota media inferior a 1: 15 puntos.

-Nota media entre 1-1.5: 30 puntos.

-Nota media entre 1.5-2: 45 puntos.

-Nota media entre 2-2.5: 60 puntos.

-Nota media entre 2.5-3: 75 puntos.

-Nota media superior a 3: 100 puntos.

b) Currículum vitae: ata 20 puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata 10 puntos.

d) Prácticas realizadas no ámbito das administracións públicas: ata 30 puntos do seguinte xeito:

-Por un período comprendido entre 250 e 500 horas en cada organismo: 10 puntos.

-Por un período igual ou superior a 500 horas en cada organismo: 15 puntos.

-Non se valorarán os períodos anteriores concorrencialmente se se realizan nun mesmo organismo.

e) Memoria descritiva e entrevista persoal: ata 30 puntos.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes. A entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións da secretaría xeral, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres, no Instituto Galego de Vivenda e Solo. Os traballos realizados quedarán en propiedade do instituto.

Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o instituto considere convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados polo instituto, logo de que a secretaría xeral certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e mantenza non poderán supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ó desfrute da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, o instituto poderá, por proposta da secretaría xeral, e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa seralles notificada ós interesados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

As resolucións expresas ou presuntas que se dicten esgotarán a vía administrativa e poderá interpoñerse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición perante o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa, ou no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto, se non o fose. Tamén se poderá optar por interpor directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se o acto fose expreso, e se non o fose, o prazo para interpoñelo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2002.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda

e Solo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA