Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 08 de novembro de 2002 Páx. 15.697

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

DECRETO 300/2002, do 24 de outubro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

A Constitución española, no seu artigo 49, establece que os poderes públicos ampararán especialmente as persoas con discapacidade para o gozo dos dereitos que o título primeiro outorga a tódolos españois.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de benestar social, de conformidade co establecido no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1.20 da Constitución española.

O artigo 4 do Estatuto de autonomía impón ós poderes públicos a obriga de promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, así como a de facilita-la participación de tódolos galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, intruduciu a nivel estatal unha primeira definición do amparo constitucional ás persoas con discapacidade ó establecer previsións en

relación coa súa participación democrática no desenvolvemento das accións que se pretendan acometer.

No ámbito autonómico, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, inclúe no seu artigo 3.8, entre os principios xerais que os haberá de inspirar, o de promove-la participación dos cidadáns á programación e prestación dos servicios sociais. O título IV, dedicado á participación social, prevé a creación do Consello Galego de Servicios Sociais, como órgano superior consultivo de participación da Comunidade Autónoma no eido dos servicios sociais, cunha composición, estructura e funcións que foi obxecto de desenvolvemento polo Decreto 336/1994, do 27 de outubro. Este órgano consultivo xeral sobre asuntos sociais non enerva en ningún caso a posibilidade e a conveniencia de constituír outros órganos sectoriais con igual carácter, cando a especificidade e a preeminencia do tema así o aconsellan. Así, o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, desenvolve o Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, e o Decreto 252/2000, do 5 de outubro, crea e

regula o Consello Galego das Persoas Maiores.

No marco descrito, é evidente que a problemática que atinxe ás persoas con discapacidade é merecedora igualmente dun tratamento particularizado e especializado desde os poderes públicos. Xorde así a necesidade de crear un foro cualificado de encontro e debate a través do cal as persoas con discapacidade, por medio dos seus representantes legalmente recoñecidos e coa colaboración das administracións autonómica, local e dos axentes sociais, poidan facer efectivo o seu dereito a teren unha participación activa na elaboración, programación e planificación das actuacións dirixidas ó recoñecemento social e á integración laboral deste colectivo.

Créase, así, o Consello Galego de Persoas con Discapacidade, como un órgano colexiado de carácter consultivo que en colaboración co Consello Galego de Servicios Sociais, haberá de servir de canalizador das propostas das persoas con discapacidade ante as administracións públicas galegas.

En virtude do exposto, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de outubro de dos mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Créase o Consello Galego de Persoas con Discapacidade co fin de institucionaliza-la colaboración e participación das persoas con discapacidade na definición, aplicación e seguimento das políticas de atención, inserción social e calidade de vida dirixidas a este sector da poboación, no campo das competencias atribuídas á Xunta de Galicia.

2. O Consello é un órgano colexiado, de carácter consultivo, adscrito á consellería competente en

materia de asuntos sociais, sen prexuízo da súa autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Organización e composición.

1. O Consello Galego de Persoas con Discapacidade funcionará en Pleno e Comisión Permanente, sen prexuízo das comisións de traballo que se poidan constituír para o mellor desenvolvemento dos seus fins.

2. O Pleno, órgano máximo do consello, estará integrado por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente.

c) Trinta vocais.

d) O secretario.

2.1. O presidente será o titular da consellería competente en asuntos sociais.

2.2. O vicepresidente será o titular da dirección xeral competente en materia de prestación de servicios ás persoas con discapacidade.

2.3. Vocais.

2.3.1. Dezaseis en representación das administracións públicas:

a) Pola Administración autonómica:

-O titular da dirección xeral competente en materia de xustiza.

-O titular da dirección xeral competente en materia de fomento do emprego.

-O titular da dirección xeral competente en materia de formación e colocación.

-O titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública.

-O titular da dirección xeral competente en materia de educación e formación profesional.

-O titular da dirección xeral competente en materia de inclusión social.

-Os catro titulares das delegacións provinciais da consellería competente en asuntos sociais.

-Catro directivos dos centros de atención ás persoas con discapacidade de titularidade da Xunta de Galicia designados polo titular da consellería competente en materia de asuntos sociais.

b) Polas corporacións locais:

Dous representantes das corporacións locais designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

2.3.2. O director da Fundación Galega de Tutela de Adultos.

2.3.3. Un vocal en representación das organizacións de empresarios de carácter intersectorial máis significativas no ámbito da Comunidade Autónoma designado pola Confederación Galega de Empresarios.

2.3.4. Tres vocais en representación das organizacións sindicais de carácter intersectorial máis significativas no ámbito da Comunidade Autónoma.

2.3.5. Nove vocais designados polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma, consonte a seguinte desagregación:

-Catro vocais polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade psíquica.

-Tres vocais polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade física.

-Dous vocais polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade sensorial.

2.4. Secretario: designado polo presidente de entre os funcionarios adscritos á dirección xeral competente en materia de prestación de servicios ás persoas con discapacidade.

3. A Comisión Permanente estará integrada por:

a) O presidente.

b) Doce vocais.

c) O secretario.

3.1. O presidente será o vicepresidente do consello.

3.2. Vocais:

-Cinco representantes da Xunta de Galicia.

-Un representante das organizacións empresariais.

-Un representante das organizacións sindicais.

-O director da Fundación Galega de Tutela de Adultos.

-Tres representantes das asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade.

-Un representante das corporacións locais.

3.3. O secretario será o titular da secretaría do consello.

Artigo 3º.-Nomeamento dos vocais.

1. A designación nominal dos membros do consello farase mediante orde do titular da consellería competente en asuntos sociais e incluirá a dos respectivos suplentes, os cales substituirán a aqueles en caso de ausencia, vacante, enfermidade, e, en xeral, cando concorra causa xustificada.

2. A duración do mandato destes vocais será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da súa substitución por proposta da entidade, asociación, unión, federación ou confederación á que representen. Non obstante, rematado o cargo, continuarán nas súas funcións en tanto non sexan designados os novos.

3. As vacantes de vocais que se puideran producir cubriranse polo mesmo procedemento seguido para a súa designación. A duración do mandato destes vocais será a do tempo que reste do mandato do vocal substituído.

Artigo 4º.-Outros asistentes.

Ás sesións dos órganos do consello poderán asistir, con voz pero sen voto, ata un total de tres expertos en temas de discapacidade de recoñecido prestixio. Serán designados polo presidente, por propia iniciativa ou por proposta motivada de, cando menos, seis vocais.

Artigo 5º.-Comisións de traballo.

O Pleno poderá acorda-la creación de comisións de traballo, como instrumentos de apoio e estudio, coa composición, funcionamento e duración que se fixe no Regulamento de funcionamento interno. En todo caso, haberá de respectarse o principio de proporcionalidade dos grupos integrantes do Pleno.

Artigo 6º.-Funcións do Pleno.

1. Para o cumprimento dos fins sinalados, correspóndelle ó Pleno do Consello Galego de Persoas con Discapacidade desenvolve-las funcións seguintes:

a) Asesora-las administracións públicas na planificación e programación das políticas de benestar social que atinxan ás persoas con discapacidade, emitindo informes ou dictames e formulando propostas de actuación.

b) Coñece-los proxectos normativos da Xunta de Galicia que poidan afectar a este colectivo.

c) Promove-la presentación de normativa estatal, autonómica ou municipal sobre a materia.

d) Promove-las accións de información e divulgación sobre a normativa, plans e programas referidos ás persoas con discapacidade.

e) Impulsa-la realización periódica de xornadas, seminarios, cursos e congresos relacionados co fin que lle é propio.

f) Impulsar estudios e investigacións sobre aspectos relacionados coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

g) Realiza-lo seguimento dos plans e programas xerais de actuación da Xunta de Galicia en materia de atención a persoas con discapacidade.

h) Emitir dictames e informes sobre todas aquelas cuestións relacionadas co obxecto do consello que se sometan á súa consideración.

i) Impulsa-lo cumprimento da normativa, plans e programas incluídos no seu ámbito de actuación.

j) Recadar e obter información relativa ós fins e funcións do consello.

k) Estimula-la participación das persoas con discapacidade ou dos seus representantes legais nos organismos públicos dedicados á súa atención.

l) Manter relacións cos órganos e consellos de carácter semellante que se constitúan no ámbito doutras administracións públicas.

m) Promover actuacións e medidas que favorezan o recoñecemento e aceptacion das diferencias, así como a igualdade de oportunidades.

n) Aproba- lo programa de actuación e a memoria anuais do consello.

o) Aproba-lo Regulamento de funcionamento interno.

2. Para o exercicio das funcións anteriormente descritas o consello recibirá a necesaria colaboración e información das administracións públicas con competencias sobre materias de interese xeral ou sectorial que afecten ás persoas con discapacidade.

3. Tódalas funcións enumeradas atribúense sen mingua das que poidan corresponder a outros órganos de participación legalmente constituídos.

Artigo 7º.-Funcións da Comisión Permanente.

Correspóndelle á Comisión Permanente:

a) Velar polo cumprimento dos acordos do Pleno.

b) Elabora-lo programa anual de actuacións do consello, así como a súa execución e desenvolvemento unha vez aprobado.

c) Elabora-la memoria anual do consello.

d) Impulsar e coordina-los labores das comisións de traballo que se poidan constituír.

e) Emitir informes e propostas ante os poderes públicos, sen prexuízo das facultades propias do Pleno.

f) Todas aquelas que lle sexan atribuídas polo Pleno ou polo Regulamento de funcionamento interno do consello.

Artigo 8º.-Funcións do presidente.

Son funcións do presidente:

a) Exerce-la representación do consello.

b) Acorda-la convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno.

c) Fixa-lo orde do día das sesións do Pleno, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

d) Presidi-las sesións, modera-lo desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

e) Dirimi-los empates que se produzan nas votacións co seu voto de calidade.

f) Visa-las actas e certificacións dos acordos do consello.

g) Ordena-la execución e facer cumpri-los acordos do Pleno.

h) Nomea-los asesores, se é o caso, consonte ó previsto no artigo 4º.

i) Velar polo cumprimento das normas de funcionamento interno do consello.

j) Cantas outras sexan inherentes á súa condición.

Artigo 9º.-Funcións do vicepresidente.

Correspóndelle ó vicepresidente:

a) Substituí-lo presidente, en casos de ausencia, vacante ou enfermidade e, en xeral, cando concorra xusta causa.

b) Desempeñar aquelas funcions que lle delegue o presidente e cantas outras sexan inherentes á súa condición.

Artigo 10º.-Dereitos dos vocais.

Os vocais terán os seguintes dereitos:

a) Participar nos debates, efectuar propostas e elevar recomendacións.

b) Participar na elaboración dos informes e dictames nos termos que, en cada caso, acorde o Pleno.

c) Exerce-lo seu dereito ó voto, formular un voto particular, así como explica-lo sentido del e os motivos que o xustifican.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obte-la información precisa para cumpri-las funcións asignadas.

Artigo 11º.-Réxime das sesións.

1. As convocatoria das sesións deberá ser recibida polos membros do consello, cunha antelación mínima de dous días hábiles. A convocatoria deberá comunica-lo día, hora e lugar da reunión, a orde do día, e incluír, en todo caso, a documentación adecuada para o seu estudio previo.

2. Os órganos do consello quedarán validamente constituídos coa presencia da maioría dos seus membros, en primeira ou segunda convocatoria. Entre ámbalas convocatorias haberá de transcorrer unha hora. O quórum antedito haberá de manterse durante toda a sesión.

En calquera caso, requirirase a presencia do presidente e do secretario, ou de quen os substitúa.

3. O Pleno do consello celebrará sesión ordinaria, cando menos, semestralmente, e extraordinaria, cando o decida o seu presidente, o acorde a Comisión Permanente ou o solicite o vinte por cento dos membros do consello.

4. A Comisión Permanente celebrará sesión ordinaria, cando menos, trimestralmente, e extraordinaria cando o decida o seu presidente ou o solicite o vinte por cento dos membros da comisión.

5. O voto é indelegable, sen prexuízo dos supostos de substitución. Os acordos dos órganos colexiados do consello adoptaranse por maioría dos votos, segundo establece o artigo 26.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Normas de dereito supletorio.

No non previsto neste decreto ou no Regulamento de funcionamento interno, seguirase o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os órganos colexiados previstos neste decreto haberán de constituírse no prazo máximo de seis meses desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-Dentro dos tres meses seguintes á súa constitución, o Consello Galego de Persoas con Discapacidade elaborará e aprobará o seu Regulamento de funcionamento interno e o remitirá á consellería competente en asuntos sociais para a súa ratificación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-A provisión dos medios personais e materiais necesarios para o correcto funcionamento do Consello Galego de Persoas con Discapacidade farase con cargo ás dotacións orzamentarias da consellería competente en asuntos sociais, sen que eso supoña ampliación do cadro de persoal ou do crédito orzamentario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o titular da consellería competente en asuntos sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a efectiva materialización e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais