Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 08 de novembro de 2002 Páx. 15.695

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de outubro de 2002 pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos singulares.

O Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, introduce no seu capítulo V unha novidade, ó incorporar unha nova categoría de parques eólicos, os denominados singulares, que intenta desenvolver unha nova concepción nestas instalacións de xeración que non é outra que a de achegar esta ó consumidor final. Por outra banda, a disposición derradeira segunda autoriza o conselleiro competente en materia de enerxía para dicta-las disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Así, e dun rápido exame do articulado do antedito título, podemos distinguir dous tipos de parques eólicos singulares: os destinados preferentemente ó autoconsumo e os dirixidos á mellora da calidade de subministración das Pemes distribuidoras.

Por outro lado, dentro do primeiro tipo podemos observar un subgrupo que é o dos parques de titularidade municipal.

Se ben os artigos 22 e 23 establecen os requisitos que deben reuni-las solicitudes así como a tramitación a que estas se someterán, unha mínima coherencia na actuación administrativa fai conveniente, ó igual que nos parques eólicos comúns, determinar anualmente unha cota máxima de potencia para os parques eólicos singulares, así como un procedemento previo para a selección daqueles parques que resulten admitidos a tramitación dentro da mencionada cota máxima. Desta forma, resulta posible determinar dentro das limitacións que impón a planificación e o desenvolvemento das infraestructuras de evacuación, cales das solicitudes son as que reúnen máis requisitos valorables para inicia-la tramitación propiamente dita.

Por último, considérase conveniente para efectos de economía procedemental incluír nesta orde a convocatoria anual para a presentación de solicitudes.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante a presente orde desenvólvese o capítulo V do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, relativo ós parques eólicos singulares.

Artigo 2º.-Potencia admitida a tramitación.

As solicitudes de parques eólicos singulares deberán someterse a un procedemento previo de admisión a tramitación, para o cal deberán solicita-la súa admisión á convocatoria anual que realizará a consellería competente en materia de enerxía e dentro do prazo que se habilite para iso.

En cada convocatoria anual establecerase unha cota máxima de potencia para a tramitación de parques eólicos singulares. A potencia total das instalacións admitidas a trámite non excederá esta cota de potencia.

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Cando a solicitude se refira a parques destinados preferentemente ó autoconsumo de enerxía, o consumo eléctrico que se acredite debe ser efectuado polo solicitante ou por unha sociedade na que a entidade consumidora de electricidade posúe, polo menos, unha participación do 51% no seu capital social, participación que terá que manterse ó longo da vixencia da autorización do parque eólico singular.

No caso de que o solicitante sexa un concello, este deberá presentar unha xustificación de ter realizado os trámites previstos no artigo 309 da Lei de Administración local de Galicia.

Artigo 4º.-Localización do parque.

No caso de parques destinados preferentemente ó autoconsumo, a instalación eólica proxectada deberá situarse no mesmo termo municipal no que se produce o dito autoconsumo eléctrico, salvo no suposto de parques que non teñan carácter municipal, sempre que o centro de consumo estea situado a unha distancia do parque inferior a 20 km.

Artigo 5º.-Acreditación do autoconsumo.

O consumo eléctrico deberá acreditarse mediante certificado da compañía distribuidora ou comercializadora, no que se faga consta-la enerxía eléctrica consumida polo solicitante no último ano natural completo.

Artigo 6º.-Documentación que se deberá presentar.

Conxuntamente coa solicitude, ademais, dese-lo caso, da acreditación a que se refire o punto anterior, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Municipio no que se pretende realiza-la instalación de aproveitamento eólico.

b) Memoria descritiva das obras e instalacións que se realizarán, con indicación da localización e da superficie afectada pola situación das instalacións eléctricas, expresada en coordenadas UTM, así como da potencia que se pretende instalar, incluíndo un programa ou previsión de desenvolvemento.

c) Orzamento da instalación.

d) Medidas eólicas: forma de obtención, resultados e análise. Xustificación documental da súa realización, que non será inferior a un período de 18 meses, obtidos mediante estación meteorolóxica situada na zona do parque. Para demostra-las medidas eólicas poderase substituí-lo requisito anterior por un certificado expedido por unha entidade de recoñecido prestixio nas mencionadas actuacións.

e) Determinación de potenciais eólicos.

f) Estimación da producción media anual.

g) Estudio técnico-económico de viabilidade.

h) Posible punto de evacuación da enerxía producida, coa súa xustificación.

i) En caso de existir, acordos e/ou convenios con entidades públicas e/ou administracións territoriais e/ou propietarios de terreos afectados no caso da súa existencia.

j) Xustificación de coordinación con plans de ordenación do territorio e/ou urbanísticos.

k) Previsión do adecuado cumprimento das condicións de protección do ambiente e a minimización dos impactos ambientais.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A resolución aplicará como criterios de valoración os seguintes:

-Eficiencia enerxética da instalación.

-Desenvolvementos vinculados a terreos e municipios afectados.

-Potencial eólico da instalación. A producción do parque eólico deberá supera-las 2.400 horas equivalentes, agás nos casos de proxectos de carácter demostrativo.

-Posibilidade de interconexión á rede eléctrica de distribución e influencia no seu desenvolvemento.

-Efectos ambientais.

-Influencia socioeconómica e carácter demostrativo asociados á implantación da instalación eólica solicitada.

-A existencia de acordos ou convenios con persoas ou entidades afectadas pola instalación.

-Viabilidade económica e financeira do proxecto.

Artigo 8º.-Resolución.

Transcorrido un mes a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, o conselleiro con competencia en materia de enerxía emitirá resolución na que se recollerá a relación de parques eólicos singulares admitidos a tramitación na convocatoria anual, establecéndose a tramitación ambiental necesaria para cada parque eólico singular, de acordo co disposto no artigo 23 do Decreto 302/2001, para o cal será oída a comisión de seguimento creada en virtude da disposición adicional segunda do Decreto 302/2001.

Posteriormente, nun prazo non superior a tres meses contados a partir da citada resolución, deberá presentarse a documentación recollida no artigo 22 do citado Decreto 302/2001, así como a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 121.3º do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Artigo 9º.-Garantía.

Co fin de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, o promotor ou o titular da autorización do parque deberá constituír, no prazo dun mes a partir da comunicación da resolución de autorización, unha fianza por importe do 2 por cento do orzamento da instalación.

A falta de constitución da fianza ou a súa constitución inadecuada dará lugar á revogación da autorización.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11 punto 3º do Decreto 1775/1967, do 22

de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha da instalación.

Disposición adicional

Mediante a presente orde, ábrese a convocatoria de solicitude de admisión a trámite de parques eólicos singulares, que estará vixente durante un mes a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Para os efectos do artigo 2º, a potencia que se outorgará na convocatoria correspondente ó ano 2002 é de 25 MW.

Disposición transitoria

As solicitudes de parques eólicos singulares presentadas con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, ó abeiro do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento de enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia quedan incluídas de forma automática na convocatoria de solicitude de admisión a trámite que se abre na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio