Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 08 de novembro de 2002 Páx. 15.695

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 299/2002, do 24 de outubro, polo que se modifica o Decreto 312/2000, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda.

O Decreto 312/2000, do 28 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, recollendo no seu artigo 7º a Dirección Xeral de Orzamentos.

Á vista da substancial evolución da tramitación de expedientes en materia orzamentaria que corresponden á Subdirección Xeral de Orzamentos en relación cos compromisos plurianuais, execución e grao de realización dos programas de gasto e estudios sobre a súa racionalización, cómpre reforza-la estructura da dita unidade.

Por outra banda, o artigo 8º establece a estructura da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Nesta área a dimensión e complexidade das funcións de recepción, custodia e devolución dos depósitos e fianzas que se constitúen nos servicios centrais da Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma, así como o elevado volume e montante económico daquelas, aconsellan reorganiza-la estructura da Subdirección Xeral do Tesouro.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, tralos informes favorables das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádeselle un novo parágrafo 2.1.3 ó epígrafe 2.1 do artigo 7º do Decreto 312/2000, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, co seguinte contido:

«2.1.3. Servicio de Análise Orzamentaria e Avaliación do Gasto.

Exercerá as seguintes funcións:

a) Recepción e tramitación de informes relativos a compromisos plurianuais.

b) Elaboración de información específica relativa á execución e grao de realización dos distintos programas de gasto.

c) Elaboración de informes previos ás propostas de modificación orzamentaria.

d) Realización de estudios relacionados coa racionalización do gasto».

Artigo 2º

O artigo 8º do Decreto 312/2000, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, modifícase do seguinte xeito.

a) Suprímese o punto c) do parágrafo 2.2.1.

b) Engádeselle un novo parágrafo 2.2.3 que terá o seguinte contido:

«2.2.3. O Servicio da Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma, que terá ó seu cargo a constitución, custodia e devolución dos depósitos e fianzas constituídos nos servicios centrais da Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-As consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e Economía e Facenda realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Economía e Facenda, derivadas da estructura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda