Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 05 de novembro de 2002 Páx. 15.511

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 298/2002, do 17 de outubro, polo que se acorda a cesión do uso, a título gratuíto, do Centro de Lousas de Galicia, inmoble situado no lugar de Candís, O Barco de Valdeorras (Ourense).

O artigo 30.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, sinala que os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulgue previsible a súa

afectación demanial ou aproveitamento pola propia administración, poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

A Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra, entidade sen ánimo de lucro, solicitou a cesión do uso do inmoble da Comunidade Autónoma de Galicia denominado Centro de Lousas de Galicia, para a súa dedicación ós fins que son propios desta fundación en apoio ó sector mineiro de Galicia, e en particular ó sector da lousa.

Mediante o Decreto 220/2002, do 6 de xuño (DOG nº 125, do 1 de xullo), desafectouse do dominio público o Centro de Lousas de Galicia; pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 3 de xullo de 2002 (DOG nº 141, do 23 de xullo) declarouse a alleabilidade do antedito inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor da Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra do dereito de uso do denominado, Centro de Lousas de Galicia, xunto coas súas pertenzas afectas ó servicio, inmoble inscrito no Rexistro da Propiedade do Barco de Valdeorras no tomo 457, libro 130, folio 189, predio nº 16.902, inscrición 2ª, descrito como segue:

Edificio de planta baixa e alta de 791,09 e 537,23 m, respectivamente, construídos sobre un soar de 2.556,3 m de superficie, no lugar de Candís, municipio do Barco de Valdeorras (Ourense). Estrema: norte, resto do predio matriz propiedade do Concello de Carballeda de Valdeorras; sur, camiño; leste, valo de cerramento do colexio de ensino e resto do predio matriz; e oeste, montes propiedade dos veciños de Millaroso.

Artigo 2º

A devandita cesión de uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do centro a dar apoio ó sector mineiro de Galicia, en particular ó louseiro, mediante a formación e investigación tecnolóxica que permitan mellora-lo rendemento e a competitividade das explotacións galegas, mantendo en todo caso entre as súas actividades unha escola de colocadores de lousas.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento ou se incumprise calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán por conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola propietaria Comunidade Autónoma de Galicia.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento de todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

A devandita cesión de uso formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os

trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda