Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 05 de novembro de 2002 Páx. 15.512

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Cee.

Visto o expediente do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Cee, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-7-2002, e complementado o 19-9-2002, subscrito en representación da parte económica polo Concello de Cee e da parte social polo delegado do persoal funcionario o día 14-3-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de setembro de 2002.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios ó servicio do Concello de Cee

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

As partes que concertan este acordo son o Concello de Cee e o seu persoal funcionario, representado pola organización sindical Unión Xeral de Traba

lladores, constituídos en Mesa Xeral de Negociación ó abeiro do establecido na Lei 9/1987, do 12 de xuño.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

As normas contidas no presente acordo serán de aplicación ó persoal funcionario de carreira e interino que presta servicios no Concello de Cee.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O propio da corporación municipal.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O propio da súa demarcación territorial e aquel ó que puidese estenderse en comisión de servicios.

Artigo 5º.-Ámbito temporal, denuncia e prórroga.

A vixencia das normas contidas no presente acordo estenderanse desde o 1 de xaneiro de 2002 (sen prexuízo da súa publicación no BOP ou no DOG) ata o 31 de decembro do mesmo ano, incrementándose anualmente as contías económicas que figuran nel segundo o IPC, axustada a súa aplicación ás disposicións legais vixentes.

As condicións contidas no texto do presente acordo prorrogaranse automaticamente por anos naturais en canto non se proceda á súa modificación total ou parcial, que deberá realizarse logo de formulación de denuncia de rescisión ou revisión por calquera das partes, cunha antelación mínima de dous meses respecto á data sinalada para o remate da súa vixencia.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

As melloras establecidas en calquera outra disposición de calquera rango e todas aquelas situacións colectivas que, comparadas analítica ou globalmente, sexan superiores ás do acordo, serán de aplicación consonte o principio da norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para os traballadores.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión paritaria, que terá por funcións as que seguen:

a) A interpretación da totalidade do articulado ou das cláusulas do acordo.

b) A vixilancia do cumprimento do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

A comisión estará composta por dous representantes do persoal e dous representantes do concello.

A comisión reunirase por pedimento de calquera das partes, que deberá indicar, en todo caso, os temas para tratar. O prazo máximo para realización da reunión desde que sexa solicitada será de 5 días hábiles.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ámbalas dúas partes, serán recollidos en acta, e daráselle-la debida publicidade no taboleiros de anun

cios do concello ou, se a súa transcendencia o aconsella, no BOP.

Artigo 8º.-Publicidade do acordo.

O presente acordo será remitido á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para o seu rexistro e posterior publicación no BOP ou no DOG, inmediatamente despois da súa aprobación polo Pleno da Corporación municipal en que adquira vixencia.

O concello procurará que todos e cada un dos funcionarios ó seu servicio estean en posesión dun exemplar deste acordo.

Artigo 9º.-Indivisibilidade do acordo.

O acordo ten un carácter mínimo, necesario e indivisible, para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas constitúen un todo orgánico e unitario e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade, polo que non poderán ser renegociadas, modificadas ou reconsideradas parcialmente illadas do seu contexto, non podéndose pretende-la aplicación de partes do seu articulado rexeitando o resto, senón que sempre terá que ser aplicado e observado na súa totalidade.

Capítulo II

Xornada e calendario laboral

Artigo 10º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o que os órganos competentes da administración central, autonómica ou local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecte ó municipio de Cee.

Establécese ademais como festa propia dos funcionarios do Concello de Cee, con carácter de non recuperable, o día 22 de maio, festividade de Santa Rita, patroa dos funcionarios públicos locais. No caso de que a devandita data coincida con festivo, trasladarase ó día hábil inmediatamente anterior ou posterior, a petición dos funcionarios.

2. Os servicios que pola súa peculiaridade teñan que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas ou non sexan compatibles co calendario laboral, axustaranse ós calendarios que estableza a concellería responsable logo de negociación co órgano de representación dos funcionarios afectados e comunicación ó departamento de persoal. No anexo a este acordo incluiranse, para coñecemento xeral, os servicios que estean ou poidan estar incluídos neste epígrafe.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo común obrigatoria será de 37,5 horas semanais en cómputo mensual, sen prexuízo de xornadas especiais para aqueles funcionarios que teñan especial dedicación segundo o catálogo de postos de traballo e nos termos que nel se sinalen.

Artigo 12º.-Horario de traballo.

1. Do 1 de outubro ó 31 de maio o horario laboral xeral das oficinas municipais será, de luns a venres, o que segue:

Mañás: 8 a 14.30 horas.

Tardes: 16.30 a 19.30 horas, mediante quendas rotatorias semanais con dous funcionarios municipais.

2. Os funcionarios ós que lles corresponda prestar servicio na quenda da tarde verán reducida a xornada da mañá en 1 hora e media, á entrada ou á saída, segundo prefiran.

3. Os horarios específicos que se poidan recoller segundo o indicado no artigo 10º e que figuran como anexo a este acordo serán revisados no mes de decembro de cada ano para o seu cumprimento a partir do mes de xaneiro do seguinte ano.

4. Tódolos funcionarios municipais estarán sometidos a un sistema de control fiable ó inicio e á terminación da xornada laboral.

5. O incumprimento da xornada de traballo establecida no presente acordo dará lugar ás correspondentes deduccións en nómina, sen prexuízo das responsabilidades a que poida dar lugar, ou ben, a recupera-las horas que falten para o cómputo mensual das 37,5 horas semanais nos días e nas horas que dispoña o xefe da unidade e demanda do servicio.

Artigo 13º

Durante o período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro o horario xeral único será, de luns a venres, de 8 a 14.30 horas.

Artigo 14º

Tódolos funcionarios disporán dun período de vinte minutos diarios de descanso, con carácter de non recuperable, dentro da xornada laboral, debéndose realizar entre o persoal de tal xeito que sigan atendidos os distintos servicios municipais. Non poderá estar ausente a un mesmo tempo máis do 50% do persoal adscrito a un mesmo servicio agás naqueles departamentos nos que preste servicio un único funcionario.

Capítulo III

Vacacións, licencias e permisos

A) Vacacións.

Artigo 15º

O período de vacacións anuais, non substituíbles por compensación económica, será dun mes ou de trinta días naturais ou, no seu caso, na proporción que corresponda de non prestar servicio o ano completo.

Artigo 16º

As vacacións desfrutaranse preferentemente no período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de

setembro, podendo dividirse en dous períodos de 15 días, como norma xeral.

Poderán ser fóra daquel período por iniciativa voluntaria do funcionario previa á súa solicitude e sempre que non cause trastorno ó seu servicio.

Artigo 17º

Antes do día 15 de maio de cada ano cada unidade administrativa ou servicio deberá remiti-lo seu plan de vacacións á unidade de persoal, para a súa posterior aprobación por resolución da alcaldía.

A aprobación dos plans de vacacións das distintas unidades administrativas por resolución da alcaldía realizarase antes do 31 de maio de cada ano.

O plan de vacacións poderase modificar con carácter individualizado, logo da solicitude do interesado, sempre que non exista oposición por parte do xefe da unidade administrativa do servicio correspondente, fundamentada en razóns obxectivas do servicio e que non afecte a intereses de terceiros no ámbito das quendas preestablecidas.

Artigo 18º

O período vacacional poderá quedar suspendido a solicitude do interesado cando este presente unha baixa médica, se lle sobreviñese unha enfermidade ou accidente durante o dito período.

Igualmente, e para o suposto de que a dita baixa sobreviñese con anterioridade ó inicio das vacacións e subsistise no día sinalado para o comezo das mesmas, estas non empezarán a correr para o interesado.

Tanto nun coma noutro caso, de producirse colisión de intereses entre o funcionario que modifica o seu cadro de vacacións como consecuencia da baixa médica e aqueles outros da mesma unidade administrativa ou servicio que xa as teñan programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel que, en todo caso, terá que se supeditar ás necesidades do servicio.

Artigo 19º.-Licencias e permisos.

Na materia de licencias e permisos aplicarase o regulado pola lexislación vixente aplicable en cada momento e ó que se dispón nos artigos que seguen.

B) Licencias retribuídas.

Artigo 20º.-Licencia por matrimonio.

Por matrimonio propio o funcionario terá dereito a unha licencia de quince días naturais ininterrompidos que se poderán desfrutar con anterioridade ou posterioridade á súa celebración, incluíndo a dita data, podendo acumulala ás vacacións.

Por matrimonio de parentes: pais, irmáns ou fillos do interesado, o día da celebración.

Artigo 21º.-Licencia por maternidade.

Aplicarase o disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida familiar e laboral dos traballadores.

Artigo 22º.-Licencia por estudios.

Poderase conceder licencia para asistir a cursos da materia directamente relacionada coa función pública previa a solicitude presentada no rexistro xeral e coa posterior xustificación da súa asistencia.

Esta licencia será concedida polo alcalde-presidente, debendo de contar co informe favorable da unidade administrativa correspondente e coñecemento da comisión paritaria deste acordo. No caso de concederse, o funcionario terá dereito a percibi-la súa remuneración e a indemnización prevista na lexislación aplicable.

Artigo 23º.-Licencia por enfermidade.

Con motivo de incapacidade temporal por enfermidade, accidente e maternidade, as baixas por indisposición de un día de duración e ata un máximo de tres días ó ano baixo o control dos servicios médicos, non dará lugar a deducción ningunha sen necesidade de xustificalas mediante parte médico. Non obstante, se o traballador segue indisposto deberá entrega-lo parte de baixa ó terceiro día.

Tódolos traballadores que estean de baixa por enfermidade ou accidente percibirán as percepcións que lles correspondan, segundo a lexislación vixente.

Artigo 24º.-Licencia sen retribución.

Concederase, conforme o previsto no artigo 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986 e artigo 68.3º da Lei de función pública de Galicia.

Esta licencia terá unha duración acumulada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos e desfrutarase sen retribución ningunha.

A concesión deste tipo de licencia subordinarase, en todo caso, ás necesidades do servicio.

C) Permisos.

Artigo 25º

Os funcionarios municipais, sen prexuízo do establecido na lexislación vixente en cada momento, poderán ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e períodos de tempo que a seguir se relacionan:

1. Dous días polo nacemento ou adopción de fillos, se o nacemento se produce na mesma localidade e catro días cando sexa en distinta localidade.

2. Tres días pola morte ou enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, concretándose a dita enfermidade grave no suposto de hospitalización ou intervención cirúrxica.

3. Tres días en caso de falecemento de familiares ata o terceiro grao de consanguinidade e un día en caso de parentes de terceiro grao de afinidade.

4. Un día en caso de cambio de domicilio habitual e dous se é fóra da localidade.

5. Para concorrencia a exames oficiais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais durante os días da súa celebración.

6. O funcionario cun fillo menor de nove meses ó seu cargo terá dereito a unha hora diaria de ausencia no traballo para atende-la súa alimentación. Este poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción da xornada laboral en media hora. Este dereito é optativo para o home e a muller.

7. Concederanse permisos polo tempo necesario para un deber inescusable de carácter público ou persoal.

8. Para acudir a consultas, tratamentos e exploracións de tipo médico (debidamente xustificados).

9. Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado algún menor de 6 anos ou un diminuído físico, psíquico ou sensorial terá dereito á diminución de medio tercio da súa xornada de traballo coa reducción proporcional das súas retribucións.

Considérase primeiro grao de consaguinidade os pais e fillos; segundo grao de consaguinidade avós, netos e irmáns e terceiro grao de consaguinidade: sobriños e tíos.

Artigo 26º

Os permisos recollidos no artigo anterior solicitaranse en impreso oficial e a súa concesión será efectuada pola alcaldía-presidencia, logo de informe da unidade de persoal. Deberán ser solicitados con antelación suficiente, se é posible, e ser resoltos, así mesmo, con antelación ós días solicitados. En caso de silencio consideraranse concedidos.

D) Permisos por asuntos propios.

Artigo 27º

Conforme o previsto no artigo 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986 e artigo 70.3º da función pública de Galicia, todo funcionario ten dereito a desfrutar de nove (9) días de permiso ó longo do ano para asuntos propios sen xustificación, respectando as necesidades do servicio.

O persoal poderá desfrutar destes días á súa conveniencia, logo de petición por escrito e autorización do alcalde, e tendo en conta que nunca deberá queda-lo servicio desatendido, salvo naqueles servicios administrativos os que só exista un funcionario. Estes días non poderán acumularse en ningún caso ás vacacións anuais.

Cando por razóns do servicio o funcionario non desfrute do mencionado permiso ó longo de todo o ano, poderá concederse este, única e exclusivamente, na primeira quincena do mes de xaneiro do ano seguinte.

Artigo 28º

Os días 24 e 31 de decembro o horario das oficinas municipais será de 9 a 13 horas.

Artigo 29º

Na materia á que se refire o presente capítulo e no non contido expresamente nel, aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 30º.-Retribucións básicas.

A contía das retribucións básicas mensuais será a que se fixe para cada un dos grupos A, B, C, D e E ó que se refire o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 agosto, e a dos orzamentos xerais do Estado para o ano correspondente.

Artigo 31º.-Pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias, que serán de dúas ó ano, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade do soldo e trienios con dereito a percibilas nos meses de xuño e decembro.

Retribucións complementarias

Artigo 32º.-Complemento de destino.

É o correspondente ó nivel do posto que desempeñe o funcionario. A asignación de niveis de postos de traballo vén establecida no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

A contía do complemento de destino determinarase pola Lei orzamentaria xeral do Estado.

Artigo 33º.-Complemento específico.

Son as condicións particulares de cada un dos postos de traballo as que determinan o complemento específico e a súa contía. Está establecido no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o Pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

Artigo 34º.-Relación de postos de traballo.

Como anexo ó presente acordo elaborarase un catálogo ou relación dos postos de traballo no que figurará a dotación de funcionarios de cada posto, o grupo ó que pertence, escala, subescala, retribucións básicas e retribucións complementarias.

Artigo 35º.-Gratificacións.

Terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servicios extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo.

O importe das gratificacións polos servicios extraordinarios determinarase por grupos, segundo o artigo 25 da Lei 30/1984 e nas contías que seguen:

GrupoH. extra normalExtra nocturna (22 a 6 horas)

sábado ou festivo

A23,48 A28,16 A

B20,11 A24,14 A

C12,30 A14,75 A

D11,17 A13,41 A

E 8,52 A10,23 A

Estes importes quedan suxeitos ás mesmas variacións que, como consecuencia do incrementos establecidos na Lei orzamentaria xeral do Estado, sexan de aplicación ós funcionarios do Estado.

Acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extras, isto é, as realizadas fóra da xornada de traballo, de acordo cos seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias normais, supresión total e absoluta.

b) Horas extraordinarias estructurais, excepcionais ou orixinadas por producirse imprevistos, ausencias, interrupcións do servicio, alteracións das quendas do persoal ou outras circunstancias de carácter puntual derivadas da actividade ou servicio de que se trate que non poidan ser atendidas polo persoal existente.

As horas extraordinarias serán compensadas en tempo libre segundo o seguinte baremo:

-1 hora extra: 1 hora 30 minutos libre.

-1 hora extra festiva/nocturna: 2 horas libre.

Por acordo do traballador ou grupo de traballadores e o xefe do servicio ou unidade, o desfrute das horas de compensación poderá acumularse ata chegar a completar unha xornada de traballo.

Se as horas non se poden desfrutar en tempo libre por causa do servicio serán aboadas segundo o importe sinalado para cada grupo. En todo caso, transcorridos dous meses desde a súa realización, de non poder desfrutalas en tempo libre por razón de servicio, serán aboadas na nómina do mes que lle corresponda.

Artigo 36º.-Gratificacións por servicios da policía local.

Como consecuencia das características específicas dos postos de traballo desempeñados pola policía local, estes funcionarios terán dereito a:

a) Compensarase cada día festivo traballado con dous días libres.

b) Incremento de 150,25 A mensuais no complemento específico como compensación por:

-Traballar un mínimo de 40 domingos ó ano.

-Nocturnidade e traballo en réxime de quendas.

-Perigosidade que comporta a actividade policial.

-Penosidade.

c) Dereito a 2 días libres debido á imposibilidade de desfruta-las vacacións nos meses de xullo e agosto.

d) Elaboración do calendario laboral da policía local no que se establezan os horarios e as quendas coas súas correspondentes rotacións.

Artigo 37º.-Indemnización por razón do servicio.

Os funcionarios percibirán as indemnizacións correspondentes ós servicios prestados no concello, segundo o disposto no artigo 23.4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e no Real decreto 236/1988, do 4 de maio, sobre indemnizacións por razón de servicio.

Os funcionarios que asistan a sesións ou reunións dos órganos colexiados do concello, xa sexan órganos necesarios ou complementarios, terán dereito a un incremento de 36,06 A mensuais nas súas retribucións.

O funcionario responsable da secretaría municipal percibirá as gratificacións que, de acordo co artigo 35, lles correspondan pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados cando estas se realicen fóra da xornada normal de traballo.

Articulo 38º.-Cláusula de revisión salarial.

Cando por unha disposición ou norma se establecese para os funcionarios da Administración do Estado unha retribución por diferencia entre a inflación real e os incrementos establecidos nos orzamentos xerais do Estado, tal revisión será aplicada automaticamente e cos mesmos efectos ós funcionarios deste concello.

Co fin de dar cumprimento ó anterior, nos orzamentos do concello crearase un fondo específico para o mantemento do poder adquisitivo, nos termos e condicións recollidas no capítulo III do acordo FEMP-SINDICATOS 1995-1997.

Capítulo V

Condicións sociais

Artigo 39º.-Servicios sociais.

Inclúense dentro do ámbito de aplicación deste concepto os gastos derivados de servicios sanitarios non concertados, que impliquen un beneficio directo ós funcionarios municipais e ós seus beneficiarios (cónxuxe e fillos).

A axuda económica por estes conceptos será a seguinte:

-Odontoloxía: ata un 100%, cun máximo de 180,30 A.

-Oftamoloxía, próteses ortopédicas, dispositivos especiais, etc., ata un máximo de 180,30 A por traballador, cónxuxe ou fillos. Nestes últimos casos sempre que non teñan ingresos propios.

En tódolos casos de accidentes laborais, a corporación farase cargo de tódolos gastos ocasionados polo accidente ós funcionarios municipais relativos a medicamentos que non sexan cubertos ou na porcertaxe que non sexa cuberta pola Seguridade Social.

As solicitudes poderán presentarse durante todo o ano, debendo achegar con ela xustificación do gasto mediante factura detallada e, se é o caso, a prescrición médica correspondente.

Artigo 40º.-Bolsas de estudios.

Establécense as seguintse axudas para cada membro da unidade familiar que realice os seguintes estudios:

-Educación infantil, primaria ou centro de educación permanente de adultos: 96,29 A, ano escolar.

-Educación secundaria (ESO, bacharelato e formación profesional ou asimilados): 150,25 A, ano escolar.

-Educación universitaria, escolas técnicas medias e superiores: 450,76 A, ano escolar.

Poden beneficiarse desta axuda os funcionarios, fillos, cónxuxe e orfos menores de idade dos funcionarios. As solicitudes deberán acompañarse da xustificación, debidamente documentada, da matrícula no centro de estudios correspondente.

O límite de idade dos fillos non poderá supera-los veinteseis anos.

A tramitación e concesión realizarase dentro do exercicio orzamentado.

Así mesmo, establecerase dentro do orzamento municipal unha partida de axuda económica destinada a bolsas de estudio para orfos menores de 21 anos. As contías destas bolsas estableceranse de acordo coa cantidade orzamentada e o número de solicitudes realizadas.

Artigo 41º.-Garderías.

Establécese unha axuda de 90,15 A/ano escolar. Os beneficiarios dela serán os fillos dos funcionarios achegando xustificación debidamente documentada.

Artigo 42º.-Gratuidade de servicios do Concello.

Os funcionarios, cónxuxes e fillos dos mesmos terán dereito a desfrutar de matrícula gratuíta nos servicios públicos educativos, culturais, sociais ou deportivos que sexan prestados polo Concello.

Artigo 43º.-Anticipos reintegrables.

1. A petición do interesado, o Concello concederá ós funcionarios anticipos de ata catro mensualidades das retribucións básicas e complementarias líquidas, cun tope máximo de 4.200 A. A devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina e sen xerar ningún tipo de xuro.

2. O período máximo de devolución dos anticipos establécese en relación co importe respectivo, segundo o seguinte baremo, podendo en calquera caso o funcionario solicitar un período de tempo menor para a amortización:

a) 12 meses para os anticipos de unha mensualidade.

b) 24 meses para os anticipos de dúas mensualidades.

c) 36 meses para os anticipos de tres mensualidades.

d) 42 meses para os anticipos de catro mensualidades.

3. No suposto de funcionarios interinos, terase en conta o tempo que falte para o seu previsible cese.

4. Se por calquera causa o funcionario cambiase a súa condición de servicio activo, deberá aboa-lo saldo pendente de pagamento antes do seu paso definitivo á situación que lle corresponda.

5. As solicitudes de anticipos terán que ser xustificados polos interesados e serán resoltas por decreto da alcaldía, logo de visto e prace por parte da comisión de seguimento deste acordo, responsable de determina-las preferencias.

6. Os anticipos anteriores entenderanse sen prexuízo de poder solicita-los establecidos no Real decreto do 16 de decembro de 1929, que poderán ser outorgados dunha forma inmediata por resolución da alcaldía con coñecemento posterior ós representantes do persoal.

Asistencia xurídica e pólizas de seguro.

Artigo 44º.-Asistencia xurídica.

O Concello obrígase a prestar asistencia xurídica ós funcionarios nos supostos de conflictos xurdidos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios.

Artigo 45º.-Responsabilidade civil.

Así mesmo, o Concello obrígase a cumprir posibles responsabilidades civís que puidesen derivar das actividades propias dos funcionarios, salvo en casos de manifesta neglixencia debidamente probada.

Para estes efectos o Concello subscribirá unha póliza de seguro que garanta unha adecuada cobertura de responsabilidade civil para tódolos funcionarios municipais.

Artigo 46º.-Seguro de accidentes.

O Concello concertará unha póliza de seguro colectivo de accidentes, sendo os asegurados tódolos funcionarios en situación de servicio activo.

As condicións da dita póliza serán as seguintes:

Cobertura: falecemento, invalidez absoluta ou permanente, invalidez parcial.

Capitais garantidos: falecemento: 39.065,79 A.

Invalidez absoluta ou permanente: 39.065,79 A.

Invalidez parcial: segundo baremo.

Capítulo VI

Condicións sindicais

Artigo 47º

Canto ó dereito de reunión, garantías e dereitos sindicais, observarase o expresamente regulado na lexislación vixente aplicable.

Artigo 48º

Tódolos funcionarios do Concello de Cee terán dereito a sindicarse libremente na defensa e promoción dos intereses profesionais, económicos e sociais que lles son propios como traballadores, e á non discriminación, prexuízo ou sanción por razóns de afiliación e exercicio dos dereitos sindicais de acordo coa Lei orgánica 11/1985 e Lei 9/1987.

Artigo 49º

De conformidade coa lexislación vixente, o Concello de Cee recoñece ó delegado de persoal ou, no seu caso, delegados de persoal, como órgano representativo dos funcionarios, que actúa con capacidade xurídica e de obrar en defensa dos intereses dos funcionarios e dos seus propios (artigo 4 da Lei 9/1987, do 12 xuño).

Sen prexuízo da capacidade de representación que asiste o delegado de persoal/delegados de persoal en defensa dos intereses do colectivo, recoñécese tamén a dita capacidade, de conformidade coa lexislación aplicable, ós sindicatos, seccións sindicais, e en xeral, organizacións legalmente creadas e establecidas para a defensa dos intereses dos funcionarios, estes poderán, a través dos seus órganos acreditativos ante o Concello, realizar todo tipo de actuacións sindicais das previstas nas normas correspondentes (Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical).

Artigo 50º.-Horas sindicais.

Fíxase en 15 horas mensuais de libre disposición sindical para os delegados de persoal, debéndose comunicar previamente ó alcalde as que teña previsto utilizar de antemán ou con posterioridade, de ter carácter imprevisto. Estas horas disporanse dentro da xornada de traballo e serán contabilizadas como traballo efectivo.

Non se considerarán computables como horas sindicais nin as de negociacións nin aquelas para reunións con órganos administrativos convocados a iniciativa destes.

Artigo 51º.-Dereito de reunión.

Están lexitimados para convocar unha reunión:

a) Delegado de persoal ou delegados de persoal, se é o caso.

b) As organizacións sindicais.

c) Funcionarios do Concello, sempre que o seu número non sexa inferior ó 40% do colectivo convocado.

Artigo 52º.-Dereito de folga.

O Concello recoñece o dereito de folga do persoal municipal nos termos establecidos na lexislación vixente.

A comisión de seguimento ou, en calquera caso, a alcaldía ou a concellería delegada de persoal, de acordo co órgano representativo dos funcionarios, elaborará unha proposta de servicios mínimos para o caso de folga; estes servicios mínimos terán que prestarse con carácter inescusable.

Artigo 53º

A normativa vixente sobre saúde, seguridade e condicións de traballo, será de aplicación a tódolos funcionarios do Concello de Cee.

No prazo de tres meses a partir da aprobación do presente acordo, constituirase o Comité de Seguridade e Hixiene, co obxectivo de velar pola adopción, mantemento e perfeccionamento de medidas correctas de seguridade e hixiene nos centros de traballo dependentes do Concello de Cee.

O Comité de Seguridade e Hixiene estará presidido polo alcalde ou concelleiro delegado de persoal e réxime interior, e a súa composición determinarase pola comisión de seguimento, respectándose que haxa un número igual de membros designados polo

Concello e polo órgano representativo dos funcionarios, sen que en ningún caso poida se-lo seu número de membros superior a oito.

En calquera momento o Comité de Seguridade e Hixiene estará asistido polos técnicos e especialistas que se precisen e que designe o propio Comité.

Artigo 54º.-Recoñemento médico.

Configúrase como dereito de tódolos funcionarios municipais a realización dun recoñecemento médico de tipo xeral cunha periodicidade anual e correndo con tódolos gastos derivados del o Concello ou a mutua correspondente. Do resultado da dita revisión darase conta persoalmente a cada funcionario, sen que o Concello reciba de modo individual o dito informe. Para os efectos estatísticos, o Concello poderá solicitar resultados globais da revisión médica, manténdose en todo momento o anonimato.

Artigo 56º.-Réxime de vestiario.

O Concello facilitará roupa de traballo e calzado homologado e de uso obrigatorio a todo o persoal ó seu servicio ou cando as condicións e natureza do traballo o esixan por razóns de seguridade e hixiene, uniformidade ou outro motivo xustificado.

Redactarase un regulamento de vestiario co obxectivo de regula-lo dereito do persoal municipal a desfrutar do vestiario necesario para o seu traballo.

O vestiario entregarase ós funcionarios antes do inicio das súas funcións, renovándose periodicamente nos prazos que se establecen para cada servicio do seguinte xeito:

A) Vestiario policía local.

-1 Pantalón de augas (anos alternos).

-1 Pantalón de verán (anual).

-1 Pantalón de inverno (anual).

-2 Xerseis (anual).

-2 Camisas de verán (anual).

-2 Camisas de inverno (anual).

-1 Par de zapatos de verán (anual).

-1 Par de zapatos de inverno (anual).

-1 Par de botas (anos alternos).

-1 Anorak ou impermeable (anos alternos).

-1 Gorra (anos alternos).

-1 Par de luvas de coiro (cada tres anos).

-3 Pares de calcetíns de verán (anual).

-3 Pares de calcetíns de inverno (anual).

-1 Gravata (anos alternos).

B) Vestiario alguacil-porteiro municipal.

-1 Par de zapatos de verán e 2 pares de calcetíns de verán (anual).

-1 Par de zapatos de inverno e 2 pares de calcentíns de inverno (anual).

-2 Camisas de verán (anos alternos).

-2 Camisas de inverno (anos alternos).

-2 Gravatas e 2 pantalóns (anos alternos).

Capítulo VII

Condicións profesionais

Artigo 57º.-Formación.

O Concello fomentará a formación profesional dos funcionarios ó seu servicio. Para isto, facilitarase a asistencia a cursos, seminarios, congresos, conferencias e calquera evento que contribúa á formación profesional dos funcionarios.

Os funcionarios que cursen estudios de formación e perfeccionamento profesional terán preferencia para elixiren quenda de traballo, se é o caso, e de vacacións anuais, así como adaptación da xornada ordinaria de traballo para asistencia ós ditos cursos, á marxe das concesións de licencias por estudios necesarios para isto, se fose preciso, de acordo co artigo 17 deste acordo.

O Concello farase cargo dos gastos de quilometraxe e manutención, se é o caso, dos funcionarios que acudan ós cursos, previamente autorizados pola alcaldía.

Artigo 58º.-Promoción interna.

O Concello facilitará a promoción interna consistente no ascenso desde corpos, escalas ou subescalas do grupo inferior a outros correspondentes ó grupo inmediato superior, sendo necesario reuni-los requisitos e supera-las probas que para cada caso se establecesen.

Para lograr unha maior promoción de persoal ó servicio do Concello de Cee arbitraranse para cada caso concreto, e ata o límite que estableza a lexislación vixente, medidas para suprimir ou reduci-los programas e/ou exercicios do procedemento selectivo do que se trate.

Artigo 59º.-Provisión de postos de traballo.

Os funcionarios do Concello de Cee teñen dereito ó cambio do seu posto de traballo unha vez que se teña producido vacante no posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo grupo e escala.

Artigo 60º

Os procedementos para a provisión de postos de traballo vacantes, desempeñados por funcionarios, rexeranse pola convocatoria respectiva, con base na lexislación aplicable.

Establécese como sistema xeral de provisión de vacantes o concurso-oposición.

Artigo 61º

O Concello de Cee fomentará a mobilidade interadministrativa á que se refire o artigo 17.2º da Lei 30/1984.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 62º

O cadro de faltas e sancións dos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación deste acordo, así como o procedemento e réxime disciplinario xeral, acomodaranse ó regulamento aprobado polo Real decreto 33/1986, do 10 de xaneiro, e demais normas específicas vixentes aplicables, xunto coas puntualizacións que neste capítulo se sinalen.

Artigo 63º

O Concello comprométese a esgota-la vía do diálogo e da información reservada, logo da iniciación do expediente disciplinario a calquera funcionario do Concello de Cee.

Artigo 64º

O Concello deberá de comunicar ó órgano representativo dos funcionarios a incoación de calquera expediente disciplinario dentro do prazo establecido para comunicarllo o interesado.

O órgano representativo dos funcionarios neste Concello será oído antes da resolución de calquera expediente disciplinario tanto polo instructor como pola autoridade ou órgano competente na materia sancionadora.

Artigo 65º

O acordo FEMP-SINDICATOS sobre condicións de traballo na función pública local para o período 1995-1997 é asumido na súa totalidade polas partes negociadoras deste acordo.

Disposicións adicionais

Primeira.-As modificacións parciais puntuais deste acordo poderán ser acordadas pola mesa de negociación e o Concello, sen necesidade de denuncia-lo dito acordo.

Segunda.-As situacións xurídicas determinadas polo establecido no presente acordo terán efectos a partir da súa vixencia, salvo nos casos en que expresamente se prescriba outra cousa.

ANEXO

Horarios específicos

a) Policía local.

O horario de traballo da policía local será, mediante turnos, o seguinte:

Turno da mañá: 8 a 15 horas (diario).

Turno da tarde: 15 a 22 horas (diario).

Turno da noite: venres e sábados, de 0 a 6 horas.

-Domingos: de 22 a 4 horas.

b) Alguacil-porteiro municipal.

Do 1 de outubro ó 31 de maio (de luns a venres):

Mañás: 8 a 14.30 horas.

Tardes: luns, de 16.30 a 19.30 horas.

Do 1 de xuño ó 30 de setembro (luns a venres): 8 a 14.30 horas.

c) Bibliotecario municipal.

De luns a venres:

Mañás: 9.30 a 13.30 horas.

Tardes: 16.30 a 19.30 horas.

Do 1 de xuño ata o 30 de setembro aplicarase o horario de verán:

De 8 a 14 horas (de luns a venres).

d) Conserxe colexio Eugenio López.

Do 1 de outubro ó 31 de maio:

Mañás: 9.30 a 13.30 horas.

Tardes: 15 a 18.30 horas

(de luns a venres).

Do 1 de xuño ó 30 de setembro:

De luns a venres: de 8 a 14 horas.

Vacacións durante o mes de agosto.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA