Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 25 de outubro de 2002 Páx. 15.193

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de outubro de 2002 pola que se dictan normas que determinan os servicios mínimos do persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, durante a folga sectorial do ensino convocada para o día 29 de outubro de 2002.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.

As organizacións sindicais da Federación de Traballadores do Ensino da UGT en Galicia (FETE-UGT), a Confederación Intersindical do Ensino (CIG-Ensino), Federación do Ensino de Comisións Obreiras (CC.OO.) e o Sindicato de Traballadores do Ensino (STEG), comunicaron a convocatoria dunha folga sectorial no ensino de Galicia que afecta o persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que se desenvolverá entre as 0 e as 24 horas do próximo día 29 de outubro de 2002.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais, obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.

O servicio esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden ós centros docentes públicos. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial ós menores; dun xeito máis específico, o artigo 15 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio (publicado no BOE do 2 de xuño de 1995), polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, dispón no seu artigo 15 que tódolos alumnos teñen dereito a que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguridade. Polo tanto, a custodia dos menores de idade que se atopen nun centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible da Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servicio mínimo, para garantilos establécese a necesaria presencia

no centro docente público non universitario do director ou, de se-lo caso, doutro membro do equipo directivo, xa que o director ten a representación do centro e representa a Administración educativa no centro, como sinala o artigo 21 b) da Lei 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes (publicada no BOE do 21 de novembro de 1995), e por tanto está capacitado e facultado para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

Do mesmo xeito, este deber de protección esténdese ata as funcións orgánicas básicas dos menores de idade, como é o comer, e que determina que se establezan servicios mínimos para que se poida presta-lo servicio de comedor nas escolas-fogar, sendo este servicio parte indivisible e ineludible do servicio esencial de educación naqueles centros onde se preste, especialmente nas escolas-fogar que funcionan como internados e que non poden ser paralizados nas súas actividades básicas, como é alimenta-los menores. A determinación dos ditos servicios mínimos por porcentaxes considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros docentes existentes que hai na nosa comunidade; en calquera caso, nunca poderá baixar de dúas persoas por canto resulta o número de persoal imprescindible para a prestación do servicio de comedor coas mínimas garantías.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada, oído o comité de folga, e tendo en conta, ademais do exposto, os razoamentos recollidos na acta da reunión mantida entre esta Administración e o devandito comité de folga o día 21 de outubro de 2002,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de servicios mínimos para o persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os que se relacionan seguidamente:

-O/A director/a ou membro do equipo da dirección en cada centro docente non universitario.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas-fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

Artigo 2º

A designación nominal do persoal que deberá cubri-los distintos servicios relacionados no artigo anterior será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 4º

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria