Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 25 de outubro de 2002 Páx. 15.194

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de outubro de 2002 pola que se amplía o prazo de presentación dos xustificantes de gasto das axudas concedidas ó abeiro da Orde do 30 de abril de 2002 pola que se convocan axudas correspondentes ó Programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial, do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005 (Diario Oficial de Galicia número 93, do 15 de maio).

Por orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de abril de 2002 convocáronse as axudas correspondentes ó Programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial, do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005, de acordo coas bases aprobadas pola Orde do 29 de abril de 2002, da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

No artigo 5 da orde de convocatoria establécese que para o libramento das subvencións concedidas será preciso presenta-los documentos requiridos para a súa xustificación antes do 31 de outubro do exercicio ó que correspondan.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo longo proceso de avaliación, considérase preciso amplia-lo prazo de xustificación dos gastos realizados no ano 2002 nos proxectos subvencionados ó abeiro da Orde do 30 de abril de 2002.

En consecuencia, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Ampliar ata o día 18 de novembro de 2002 o prazo de presentación dos documentos necesarios para a xustificación dos gastos realizados no ano 2002 correspondentes ós proxectos subvencionados ó abeiro da Orde do 30 de abril de 2002 do Programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio