Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 25 de outubro de 2002 Páx. 15.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 21 de outubro de 2002 pola que se amplía o prazo de xustificación dos investimentos realizados ó abeiro da Orde do 16 de abril de 2002 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para a mellora da infraestructura enerxética de Galicia na partida denominada Empresas privadas; mellora de infraestructuras enerxéticas.

A Consellería de Industria e Comercio dictou a Orde do 16 de abril de 2002 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para a mellora da infraestructura enerxética de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 24 de abril de 2002).

Na citada disposición establécese no seu articulado como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 31 de outubro de 2002.

Tendo en conta que o elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

En consecuencia, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO

Artigo único.-Amplia-lo prazo para a execución e xustificación dos investimentos ou actuacións subvencionables ó abeiro da orde da Consellería de Industria e Comercio do 16 de abril de 2002, no referido ós proxectos ós que lles sexa de aplicación a partida 08.02.631-B.770.0 de adecuación de instalacións eléctricas denominada Empresas privadas; mellora de infraestructuras enerxéticas, ata o 30 de novembro de 2002.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio