Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 24 de outubro de 2002 Páx. 15.135

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 17 de outubro de 2002 pola que se inicia o procedemento de elaboración do plan de ordenación de recursos naturais do complexo Ons-O Grove.

A Lei 9/2001 de Galicia, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, teñen como un dos seus principios inspiradores a utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sustentado das especies e dos ecosistemas, a súa restauración e mellora.

Para conseguilo, as administracións públicas deberán planifica-la xestión dos recursos naturais. Os plans de ordenación dos recursos naturais constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva, que contemple os distintos graos de intensidade de actividades humanas axeitadas para cada zona do territorio, así como os graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e os seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre usos humanos e conservación dos procesos ecolóxicos.

O complexo Ons-O Grove é un espacio proposto como lugar de importancia comunitaria (pLIC), no marco da Directiva de Hábitats (92/43/CEE) e do Real decreto 1997/1995, que a transpón ó dereito español, polo que se deben establece-las medidas necesarias de conservación para evita-la deterioración dos seus hábitats naturais e as alteracións das especies, establecendo medidas preventivas para o efecto, para elimina-los riscos e ameazas de degradación.

O complexo Ons-O Grove inclúe a enseada do Grove, o istmo da Lanzada, ó sistema litoral da lagoa Bodeira e a diversos tramos costeiros e medios insulares ó sur da Lanzada, península do Grove e illa de Arousa, así como unha franxa mariña entre punta Faxilda e a illa de Ons. Nestes enclaves están presentes unha gran variedade de medios entre os que destacan as comunidades vexetais de dunas móbiles e fixas, os intermareais lodo-areosos cubertos por praderías de fanerógamas mariñas, as comunidades colonizadoras de cantís marítimos e as uceiras secas costeiras, as comunidades de algas e invertebrados bentónicos ligadas a areais e rochedos somerxidos, así como zonas sedimentarias cubertas por unha vexetación halófila típica. A enseada do Grove acolle durante o período invernal unhas 13.000 aves acuáticas trátase da zona húmida máis importante para as aves acuáticas en Galicia. Ademais presenta importancia internacional para a invernada do cullereiro (Platalea leucorodia) e importancia

nacional para a invernada de cerceta real (Anas crecca), gabita (Haematopus ostralegus), píllara real

(Charadrius hiaticula), píllara cincenta (Pluvialis squatarola), pilro curlibico (Calidris alpina) e mazarico rabipinto (Limosa lapponica), mazarico curlí (Numenius arquata) e bilurico común (Tringa totanus).

O pLIC complexo Ons-O Grove inclúe o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, que foi declarado ZEPA no ano 1990 e zona húmida de importancia internacional do Convenio Ramsar.

Por todo isto, na proposta galega de espacios para integrar na Rede Natura 2000, incluíase o complexo Ons-O Grove. Por medio da Orde do 28 de outubro de 1999 foi declarado provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral, prorrogándose esta figura de protección pola Orde de 7 de novembro de 2000. Por último, esta proposta foi revisada e ampliada por instancia da Comisión Europea e incluída cos novos límites e provisionalmente como espacio en réxime de protección xeral por medio da Orde do 11 de xuño de 2001, prorrogándose pola Orde do 13 de xuño de 2002.

Por todo o anterior, e en virtude do establecido nos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro, 1234/1983, do 20 de abril e 1535/1984, do 20 de xuño, que transfiren a Galicia as competencias en materia de conservación da natureza; no Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e polo Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, que establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, e polas atribucións conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 205/1990, que a desenvolve, e demais normativa concordante

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co disposto no artigo 4 da Lei 9/2001, de conservación da natureza, iníciase o procedemento de elaboración do plan de ordenación dos recursos naturais do complexo Ons-O Grove, agás a illa de Ons, que xa foi incluída no PORN das illas atlánticas aprobado polo Decreto 274/1999, do 21 de outubro. O ámbito do plano inclúe parte dos municipios de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo.

Artigo 2º

Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo I deste decreto.

Artigo 3º

A elaboración e tramitación do dito plan encomendarase á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, segundo o previsto no Decreto 14/2002, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 4º

Durante a tramitación deste plan de ordenación dos recursos naturais non se poderán realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do plan.

Ata a aprobación definitiva do plan de ordenación de recursos naturais, non se poderán conceder autorizacións, licencias ou concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, e pola Lei 6/2001, do 8 de maio, así como o Decreto 442/1990 de avaliación de

impacto ambiental para Galicia, e o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación dos efectos ambientais de Galicia.

Artigo 5º

Os actos que contraveñan o presente decreto serán sancionados conforme o disposto na Lei 9/2001, de conservación da natureza, así como no resto da normativa específica vixente en función da materia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA